•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Sara Santos,
presidenta da Asociación
Hostelería Compostela

«Os pisos turísticos estannos a facer moito dano»

Sara Santos

150 150 CORALIA

Con arredor de seiscentos asociados a asociación Hostelería Compostela pelexa por saír adiante despois da época convulsa que a deixou endebedada e que obrigou a repensar a súa orientación. Hoxe, coa integración da restauración e a hostalaría, busca a maneira de defender as empresas deste sector, de vital importancia para a cidade, ameazado pola proliferación dos pisos turísticos ilegais que a súa presidenta considera o principal problema da hostalaría compostelá.

Sara Santos, presidenta de Asociación Hostelería Compostela

«O labor de promocionar Santiago
estano a facer as recepcións dos hoteis».

É TENDENCIA

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Acaba de cumprirse un ano da túa reelección como presidenta da asociación. Como valoras estes meses?
Si, eu empecei en 2015. Daquela, había dúas ramas: hostalaría e restauración. Eu estaba en Hostalaría e en Restauración era José Antonio Riveiro, do Casino. Despois os estatutos simplificáronse, porque a xunta de socios era excesivamente numerosa, con moitísimos membros e moitas dificultades para nos reunir. Agora hai presidenta e vicepresidenta e agrupamos as dúas ramas.

Ou sexa que desde 2017 hostalaría e restauración comparten asociación?
Si e a presidencia é para unha e a vicepresidencia para a outra, rotatoria, dous anos cada unha. Fixemos unha xunta directiva de seis membros por cada rama e é moito máis manexable.

E que balance fas do teu cargo?
A xente pensa que os hostaleiros sempre nos estamos queixando, pero teño que dicilo. Vese moita xente pola rúa, pero moito excursionista e visitante, e iso é o que hai que ter en conta. A nós non nos gusta que nos falen de números, que digan que entraron tantos miles, porque si, entraron, pero onde pararon? Onde durmiron? Onde comeron? A ocupación segue a ser moi baixa. Iso é algo que queremos, aumentar o número de noites que a xente queda a durmir en Santiago, porque moita xente vén, colle a Compostela, dá dúas voltas pola praza do Obradoiro e marcha.

E moita xente remata en Fisterra e queda alí, non si?
Está moi de moda o de Fisterra. Está moi ben. É un sitio preparado para recibir turistas e o camiño cara a Fisterra pasa por moitos sitios moi coidados, que continuamente fan festas e chaman moito á xente. O que pretendemos é que Santiago sexa o centro e desde aquí se despracen a outros sitios de Galicia, pero que queden aquí a facer noite. E iso, agora mesmo, non o estamos a conseguir. Hai moitos factores que inflúen negativamente.

«A nós non nos gusta que nos falen de números, que digan que entraron tantos miles, porque si, entraron, pero onde pararon? Onde durmiron? Onde comeron? A ocupación segue a ser moi baixa».

Sara Santos, presidenta de Asociación Hostelería Compostela

«Pretendemos que Santiago sexa o centro e desde aquí se despracen a outros sitios de Galicia, pero que queden aquí a facer noite. E iso, agora mesmo, non o estamos a conseguir».

Hai moita oscilación estacional?
Si, é tremenda. Temos seis meses moi bos, a tempada alta, salvo xullo este ano que foi especialmente malo, pero o que fas nese medio ano gástalo despois. Para cubrir eses meses de máis demanda hai que contratar máis persoal, gastas máis en salarios… Cando chega a época baixa telo que dar de baixa, coas consabidas indemnizacións, e despois chegan novembro, decembro… Novembro non foi malo este ano porque temos a sorte de que se hai congresos tráennos xente á cidade. Está sendo un mes bastante bo comparado cos dous anteriores. Pero chega decembro e xa nada ate que arrinca a Semana Santa. Neses meses de comezos de ano, a hostalaría ten as súas taxas anuais, como son a limpeza de aires acondicionados, calefaccións, cascudas, legionella, extintores, AGEDI [Asociación de Xestión de dereitos intelectuais], SGAE [Sociedade Xeral de autores e editores]… E iso hai que pagalo si ou si e o que tes aforrado moitas veces váiseche porque non se fai caixa para facerlle fronte aos gastos que xera un establecemento deste tipo.

Polo que contas o turismo que vén a Santiago éo en número pero de calidade non tanto?
Ese é o problema. Non hai moitos voos directos. Santiago é un destino atractivo, pero á xente tes que facilitarlle vir. Ademais, este ano que non foi especialmente bo, abriron outros destinos turísticos que estaban pechados como Exipto, Turquía, Marrocos, etc. A onde había voo directo desde Porto e, en moitos casos, dous por un. Iso fai po a calquera.

É iso o que falla? Non ter boas conexións?
Si pero tamén hai que ter en conta os problemas propios da cidade onde estamos. Ten un potencial tremendo, non é só a Catedral, hai montóns de cousas para ver: museos, parques, o cemiterio de Bonaval, o Museo do Pobo Galego que é impresionante, o Gaiás, a igrexa de Sar que a xente que mandas alí queda encantada… En fin, moitísimas rutas pero están sen promocionar, a maioría da xente non o sabe. Esa labor estana facendo os recepcionistas dos hoteis. Somos nós quen orientamos as persoas turistas sobre onde ir. Compostela tamén é gastronómica, é cultural, é Patrimonio da Humanidade… Onde está iso explicado?

No número 63 desta mesma rúa está a oficina de Turismo de Santiago e en Mazarelos temos a oficina de Turismo de Galicia. Non cumpren co seu labor?
En canto a información, mapas e todo iso si, pero falla moito a publicidade, dar a coñecer a cidade, dicir todo o que temos. Se non o dis, claro, por riba vai mal tempo, a xente non se anima a vir e menos a quedar.

Centrándonos no sector, que fortalezas e debilidades lle aprecias á hostalaría de Compostela?
Somos un sector moi importante na cidade. Neste momento non estamos contentos porque se nos está a facer moito dano cos pisos turísticos, fundamentalmente. Nós cremos que hai sitio para todos. Se están legais moi ben pero se están ilegais? E baratísimos? A quen prexudican? A nós. A competencia ilegal é tan alta que agora mesmo é o problema que máis nos está afectando e preocúpanos moito.

«Unha ponte coma a desta fin de semana non chegamos ao 53% de ocupación e hai xente na rúa, onde queda?».

Non pensas que o número de prazas hoteleiras é quizais excesivo? Cantas hai neste momento?
Ao redor de trece mil e algo. Cando empecei na asociación, eran unhas dez mil. Desde 2015 aumentaron ate superar as trece mil. Pero tendo en conta os estudos que se fixeron dos pisos turísticos e sabendo que tres de cada catro son ilegais… Que imos facer fronte a isto? Facenda tamén deu o seu informe, de nove millóns de euros de perda. Son moitas cousas. Nun hotel tes que levar un control de todo: auga, pragas, pagar polas teles que temos na habitación á SGAE… E, claro, nun piso turístico ilegal non hai nada disto. O que lle pedimos ao Concello e a Turismo é que o combatan. Pode facerse porque moitos deles se anuncian. O que fai falla é control, inspección… Que o fagan.

Non se está a facer? Si ten habido algunha campaña de sensibilización…
Si, queda aí. Pero que eu saiba non se fai nada. Ou se se fai non está tendo ningunha repercusión. E ese é o principal prexuízo nestes momentos.

Outros dous cabalos de batalla que tedes son a nova ordenanza municipal de terrazas e a Lei de Espectáculos, en que punto estades?
A normativa que pretendían aplicar ás terrazas parecíanos tremenda e estamos pelexando para que non sexa así. Dicir que as terrazas molestan á cidadanía de Santiago… Eu non o creo. É verdade que se ten que cumprir unha normativa. Non pode ser que vaia cun carriño de bebé e non poida pasar porque a terraza está ocupando a beirarrúa toda. Non, iso si que non. Estamos totalmente de acordo, pero que limiten as terrazas á fachada do establecemento tampouco. Eu creo que ben colocadas fan vida, fan cidade e gustan. Ti vas a calquera país europeo e se atopas unha terraza non te metes dentro, iso é así. E eu creo que á xente de Santiago cumprindo unhas normas non ten por que molestarlle.

E que pasa co ruído e a música en directo?
En canto á lei de espectáculos, están os meus compañeiros pelexando polo aforo que xa se conseguiu aumentar para igualalo á normativa de Madrid. En canto aos ruídos, é moi importante que o local estea insonorizado e cumpra as normas. Se as cumpre, non debería haber problema. A zona exterior é competencia dun e a interior de outro, unha da Xunta e outro do Concello, entón está todo algo embarullado. Coa normativa antitabaco a xente sae fóra a fumar e leva a copa e fala e fai ruído… De aí o slogan tan bonito que lanzaron os compañeiros de Santiago Noite «Fala baixiño», que a min me encanta. Creo que podemos convivir todos xuntos sempre e cando se acaten unhas normas, pero que sexan lóxicas.

Compostela Monumental non pensa o mesmo…
Aí hai alguén que nos quere facer dano e que nin vive en Santiago, pero nós non insultamos a ninguén. Todos temos dereito a traballar e a defender o noso negocio acatando as normas. Pedimos un pouco de lóxica e orde á hora de ditar as normas.

E a taxa turística… En que quedou finalmente?
Que se explique a onde vai ir ese diñeiro. A finalidade que nola digan. Se agora mesmo sen taxas estamos nun un e medio de ocupación, se lles cobramos cantos van vir? Dentro da nosa directiva hai quen é partidario e quen non. Eu, persoalmente, non o son porque creo que non hai tanta demanda como para que ter que cobrar. Que pase en Palma podo entendelo. Aquí non. Son tres momentos puntuais e tres rúas.

O que é certo é que a fisionomía da zona vello tense modificado substancialmente nos últimos anos ate falar de «turistificación», ese problema que afecta cidades como Porto ou Lisboa…
Si, gustaríame saber que se pretende facer coa zona antiga. As casas bonitas e as que están rehabilitadas son hoteis. Hai unha moratoria, vale, entón que facemos? O comercio tradicional marcha, a xente non vén vivir porque non hai garaxes, non chega o coche á porta, non hai ascensores, e o máis penoso e máis importante para todos hoxe por hoxe é que non hai wi-fi. Un cliente hospédase aquí e dálle igual que lle poñas unha almofada de plumas, como non teñas wi-fi, nada. É que é cidade patrimonio, din, non se poden poñer cables. Pero se te asomas fóra están os cables bailando entre os arcos dos soportais… Algo se poderá facer. Esta é unha queixa que temos de sempre. Moita xente non vén á zona vella porque non hai wi-fi e necesítaa.

Un dos obxectivos que te propuxeras ao acceder ao cargo era mellorar as relacións coas institucións? Fuches quen de conseguilo?
Nós herdamos unha asociación nunha situación lamentable. O antigo xerente levaba trinta e sete anos á fronte do cargo e cando entramos o primeiro que ordenamos foi facer unha auditoría para ver como estaban as contas. A sorpresa que nos levamos foi maiúscula. Pedíranse subvencións, algunha delas moi importante en cantidade, e eran fraudulentas. Entón, estamos sancionados pola Deputación e hai moitas empresas involucradas.

Sancionan a asociación. E os responsables?
Si, retíranche a subvención e non podes pedir outra. Os responsables están todos investigados por fraude e está todo en mans da xustiza, pero temos moitos atrancos e debemos moitos cartos. Estamos facendo todo o posible por levantala e porque cremos nela e pensamos que debe existir pero, claro, a situación que temos é moi difícil. Estamos traballando para conseguir elevar o número de socios.

«A normativa que pretendían aplicar ás terrazas parecíanos tremenda e estamos pelexando para que non sexa así. Dicir que as terrazas molestan á cidadanía de Santiago… Eu non o creo».

«O máis penoso da zona vella hoxe por hoxe é que non haxa wi-fi».

Sara Santos, presidenta de Asociación Hostelería Compostela

«Se agora mesmo sen taxas estamos nun un e medio de ocupación, se lles cobramos cantos van vir?».

«Nós herdamos unha asociación nunha situación lamentable. O antigo xerente levaba trinta e sete anos á fronte do cargo e cando entramos o primeiro que ordenamos foi facer unha auditoría para ver como estaban as contas. A sorpresa que nos levamos foi maiúscula».

Supoño que iso danaría a reputación da asociación. Como se conseguen agora novos socios?
Na asociación, á parte das instalacións que ten que son impresionantes para cursos de formación, unhas das mellores de Galicia, o máis importante que temos é a unión entre todos. Uníronse a nós os da noite, e outra serie de asociacións e o que intentamos é levantar e intentar mellorar o sector. Dentro da asociación aos socios axúdaselles en todo. Ti vas e dis que queres montar un hotel ou restaurante. Alí danche de todo, alta en Facenda, a seguridade social, lévanche a contabilidade… É dicir, todo. Pos o teu negocio en mans da asociación e alí tes todo, desde servizos xurídicos, contables, xestoría… É unha forma de saír adiante todos xuntos con moitas facilidades. Desde o minuto cero se queres montar un negocio alí ímosche axudar con todos os trámites e requirimentos que precises.

Tamén levades a cabo accións como Santiago(é)tapas que vén de finalizar a súa última edición. Como foi este ano?
Este ano houbo algo menos de tapas pero moi ben. Participaron sesenta e oito locais. Vas facendo cousas coma esa que á xente gústanlle pero precisamos máis apoio. O Concello escóitanos, pedímoslle a Marta Lois ou a Martiño Noriega que nos atendan e imos e escóitannos. Sempre nos abren as portas, tanto eles como os dirixentes dos outros partidos, como Goretti ou Agustín Hernández. Non temos ningún problema. Tamén nós sempre que nos chaman imos a todas as súas campañas. O que pasa é que tiña que haber máis dilixencia, vontade de facer máis cousas, de promocionar máis Santiago, atraer máis á xente, axudarnos a que a xente se quede máis tempo, que este sexa o centro desde onde desprazarse.

Que perspectivas tes para o ano que che queda no cargo?
Penso que 2019 vai ser un ano moi bo. Vai haber congresos e traen xente de fóra, normalmente cun poder adquisitivo alto e penso que nos vai vir ben a todos: hoteis, o sector da noite, restauración e tamén o comercio. Este é outro tema que habería que mellorar… O do comercio.

Coa Cámara de Comercio tamén tedes boa relación. Algunha acción en conxunto?
Fomos alí cando cambiou o presidente para presentarnos. Estivemos con Juan Sierra, e moi ben. Antes tiñamos un convenio que reunía a Concello, Hostalaría, a Cámara de Comercio para o Botafumeiro. Pagabamos catro mil euros ao ano cada entidade para que saíra os venres. Unha barbaridade. Pero a Igrexa quixo subilo a seis mil e dixemos que non. A Cámara foi a primeira en dicir que ate aquí chegamos. Pero estamos pensando noutras posibilidades para dinamizar a cidade. Queremos, primeiro levantar a asociación, e axudar en todo o posible para que veña máis xente e que todos poidamos gozar de Compostela. Que sexa atractiva e dinámica.

«Tiñamos un convenio que reunía a Concello, Hostalaría, a Cámara de Comercio para o Botafumeiro. Pagabamos catro mil euros ao ano cada entidade para que saíra os venres. Unha barbaridade. Pero a Igrexa quixo subilo a seis mil e dixemos que non».

Tamén é actualidade en Coralia:

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido