•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

SOR ESTHER SEOANE
«Compostela é moi xenerosa»

Sor Esther Seoane

150 150 CORALIA

Encantaríalle tocar o piano, poder ir a miúdo ao cinema ou acudir a máis concertos, pero o que realmente fai feliz a sor Esther Seoane é darlle de comer a quen carece de familia, traballo ou benestar mental. É o que fai a súa orde en Compostela desde hai máis de 125 anos, dándolle alento a quen o poida precisar, cunha dedicación que converteu a Cociña Económica da rúa Travesa nunha das institucións mellor valoradas e máis queridas pola cidadanía.

A compostelá sor Esther Seoane, traballadora social e Filla da Caridade, é a directora do comedor desde hai sete anos e a impulsora, xunto coas irmás que a acompañan cada día, dos importantes cambios e reformas que mudaron enteiramente as instalacións e os servizos prestados pola Cociña Económica, o único comedor social do que dispón a capital galega.

Tentando dar respostas ao que as persoas precisan en cada momento concreto é como sor Esther Seoane entende a solidariedade e, a pesar de que a Cociña Económica goza a día de hoxe dunha saúde excelente, a falla de vocacións poñerá pronto en perigo a súa continuidade.

«A Cociña Económica levaba xa moitos anos precisando dunha reforma. O feito de teren contrato só dúas das seis irmás que nos ocupamos da Cociña posibilitou un aforro importante que puidemos empregar nas obras. Ademais, hai moitas persoas xenerosas que fan achegas continuadas, e que fixeron achegas extraordinarias que nos permitiron acometer a reforma».

SOCIEDADE

O 24 de xullo de 1891, co gallo da inauguración da Cociña Económica, o alcalde e o bispo saborearon o primeiro prato que saíu da Cociña, un bacallau con patacas. Desde que vostede dirixe a institución, os políticos e poderosos que nos gobernan acostuman compartir mesa e mantel cos comensais da Cociña Económica?
Iso xa é historia. Hoxe, os que nos gobernan están moi ocupados e non interpretan ese xesto como algo positivo. Eu creo que están facendo algo moi importante apoiando esta institución, pero entendo que non é preciso que veñan comer aquí, porque ademais os usuarios do comedor non o verían como algo positivo e dirían «estes veñen comer aquí un día…». Cada un ten que facer aquilo para o que o elixiron e o alcalde está aí para ocuparse de moitísimas outras cousas; non para vir comer á Cociña Económica.

Sendo a Cociña Económica o único comedor social da cidade, foi a propia institución a que asumiu o custo total das obras de renovación e ampliación botando man dos aforros. Pódenos contar o motivo?
A Cociña Económica levaba xa moitos anos precisando dunha reforma. O feito de teren contrato só dúas das seis irmás que nos ocupamos da Cociña posibilitou un aforro importante que puidemos empregar nas obras. Ademais, hai moitas persoas xenerosas que fan achegas continuadas, e que fixeron achegas extraordinarias que nos permitiron acometer a reforma. Por iso non precisamos que as institucións públicas apoiasen a obra, algo que de feito non se lles solicitou, pero si están a apoiar o mantemento da casa, facendo achegas importantes para o mobiliario.

A remodelación da sede da rúa Travesa permitiu crear novas áreas para abordar novas problemáticas. Quen son os usuarios que nos deixou a crise e cal son as súas necesidades?
As persoas que se achegan á Cociña Económica por mor da crise non son parados, non son persoas que leven unha vida normalizada no eido laboral ou familiar; en xeral son persoas que xa sufrían esa falla de traballo e por motivos moi diferentes, principalmente por desapego familiar: son persoas con enfermidades psíquicas e persoas con dependencias. Estas persoas acostuman ter pequenos traballos, traballos esporádicos que a crise botou a perder, pero non son persoas que tiveran unha actividade laboral continuada. O ano 2015 trouxo un acrecentamento do número de usuarios, veu moitísima xente ao comedor e disparáronse as cifras de usuarios, pero entón e agora o perfil dos usuarios é o mesmo. Certo é que nalgúns sitios como Madrid, onde tamén temos comedor social, fallou o colchón familiar e moitas familias, cando se viron sen traballo, acudiron aos comedores sociais, pero en Santiago, e en xeral en Galicia, non aconteceu así, porque aquí o apoio familiar é moi forte.

Desde a súa apertura, a Cociña Económica está ligada a súa orde, pero que significa hoxe ser Filla da Caridade?
As Fillas da Caridade naceron no ano 1633 en París co obxectivo de axudar a paliar a pobreza tan grande que había en Francia e en toda Europa. San Vicente, que é o noso fundador, dicía: «Ningunha pobreza é allea ás Fillas da Caridade». E, a piques de entrarmos no cuarto século de existencia da orde, seguimos atendendo anciáns, nenos, nenos sen familias; atendendo transeúntes, pobres mendicantes, enfermos. Hoxe os recursos económicos son abundantes e, aínda que falla a distribución, hai comida en todo o mundo para que ninguén pase fame, pero existen moitas pobrezas por desarraigamentos, por conflitos familiares, por dependencias. Hoxe os comedores sociais son espazos onde conflúen persoas de distintas razas e países, con esa necesidade primaria sen cubrir e tocadas pola soidade. As persoas sen apoio familiar e as persoas con enfermidades mentais e con dependencias son hoxe a fonte de pobreza máis grande.

En que aspectos variou o servizo prestado pola Cociña Económica desde a súa chegada á dirección e cara a onde irá no curto e medio prazo?
Cando cheguei, hai sete anos, atopei esta casa un pouco desfasada, tanto en instalacións coma no xeito de ofrecer o servizo. Coñecía como funcionaban os comedores de León, de Xixón ou Oviedo, e parecíame que a esta casa había que darlle un novo pulo, non só no aspecto físico senón tamén no xeito. Ademais, as irmás que chegaron comigo nese intre viñan coas mesmas ansias de anovamento, con gañas de corrixir os erros. Nun principio, enfeitouse un pouquiño a casa, porque non se puido acometer a obra; pero, o que si puidemos facer foi mellorar os menús e o servizo, no tocante a súa calidade e á calor co que se presta. Tamén consideramos importante achegarlles profesionalidade ás tarefas desenvolvidas, que houbese unha traballadora social, buscar un animador sociocultural ou abrir o centro de día.

A quen vai dirixido o centro de día?
O centro día é un espazo aberto aos usuarios do comedor entre as 9.30 e as 19.30. É unha área de acollemento, unha área de formación e un espazo lúdico no que hai xogos de mesa, xornais do día e revistas, onde os usuarios se atopan cunha traballadora social que coñece a súa situación e que pode derivalos ao servizo que competa para tratar a súa problemática ou convidalos, por exemplo, a participar no club de emprego. É un centro que en cada momento programa diferentes actividades dependendo das características dos usuarios.

Cal é a hora máis feliz do día?
Cando vou para a cama! Sempre digo: que marabilla! Ao pouco de poñerme a ler, cáeme a revista ou o libro que teña entre as mans, e quedo durmida.
A que frase acode para ter o corazón contento?
«Ai, mamá!» É curta, pero moi fonda! Lembro que a miña nai sempre me dicía: «Dálles moitos bicos as túas compañeiras e dálles de comer ben aos pobres, que bastante teñen con andar todos os días pola rúa».
Quen é imprescindíbel?
Aínda que ninguén o é, cada día, cando me miro ao espello, o que vexo son os ollos do meu pai. Eles xa non están, pero seguen formando parte de min, coma os meus mestres, que seguen vivos en min.
Hai algunha reflexión que deberiamos facer todos os días?
Non hai que perder a ilusión, porque as cousas van a mellor sempre.

Vostede cualifica a miúdo a Compostela como unha cidade solidaria. Pero entre a cidadanía, cales son os grupos máis sensíbeis coas persoas en risco de exclusión?
Poderiamos dicir que, ao igual ca os usuarios, as persoas que simpatizan con nós e que colaboran coa Cociña Económica son dispares, desde os praceiros e praceiras que cando remata a xornada de traballo nos achegan o que non venderon, a persoas da cidade con boa capacidade económica que deixan mil euros cada tres meses, pasando por persoas que nos achegan a cesta de Nadal que lles agasallan na empresa, persoas que fan unha compra nun supermercado e nola envían, empresas de todo tipo, o bispo e incluso lembro unha fundación do estranxeiro que chegou a facernos unha doazón moi cuantiosa. Certamente, o perfil de persoas que colaboran con nós é moi variado.

Aceite, azucre e café sempre son ben recibidos ou a listaxe de produtos básicos varía co paso do ano?
É o que sempre precisamos, xa que outro tipo de produtos como as pastas ou os legumes facilítanolos o Banco de alimentos. Gastamos moitísimo aceite, azucre e café. E o vinagre e o sal son produtos que sempre están na mesa e que se empregan moitísimo. De feito, temos un convoi destes produtos en cada mesa, xa que as persoas que veñen aos comedores, por mor das súas dependencias, teñen as papilas gustativas durmidas e non perciben o sabor dos alimentos, polo que adobían moito a comida.

Se Compostela é unha cidade solidaria, podemos afirmar que é tolerante en idéntica medida?
Eu estiven noutros lugares e non vin a xenerosidade que vexo aquí. Cando abrimos a boeta e vemos o que hai, sáltannos as bágoas. Compostela é moi xenerosa, do máis xeneroso que eu coñezo, pero penso que Santiago tamén é moi tolerante. Ás veces pode haber unha pelexa ou algún usuario alterado na rúa e, con todo, os comerciantes da Travesa non nos din nada e poderían facelo! Hai que pensar que estas persoas non caeron do ceo, que son dos nosos, que a súa situación está provocada pola nosa sociedade, e que hai veciños, coñecidos, que teñen os seus familiares nesta situación, xente que pertence a familias que poden ser a túa, ou a miña. Eu creo que a cidade integra ben, e aínda que ás veces sexa moi difícil lograr un comportamento adecuado e digno para eles mesmos e para os demais, é bo que os vexamos para que nos demos conta de que esta situación existe e que é consecuencia da educación que lle estamos a dar aos nosos fillos. Se lles damos todo o que nos piden, acontecen este tipo de cousas, cousas que hai que previr porque despois é moi difícil recuperar as persoas.

Cantas horas ten un día normal para sor Esther, se é que na Cociña Económica chega a haber días normais?
A Cociña Económica é un lugar onde se traballa moito, pero onde tamén vivimos e temos os nosos momentos de lecer. Aquí ás 8.00 xa está a chamar á porta o panadeiro e os de mantemento; despois, ás 9.00 comezamos co almorzo, mentres vai chegando o persoal mais os provedores e así, sen pararmos, ata as 21.30, cando as irmás subimos para cear. Certo é que hai moitas noites que nos chama xente que quere traernos os excedentes dunha cea, e agardamos por eles aínda que sexan as 12! Con todo, hai persoas que pensan que os pobres comen de todo, porque os ven remexer nos contedores, pero aquí non se serven sobras de pratos ou comidas caducadas, é máis, temos inspeccións de sanidade decote, que se mirasen algún restaurante como nos miran a nós, xa estaría clausurado!

E de onde sae a forza para reconfortar as persoas que acoden todos os días á rúa Travesa?
A forza é a vocación. Cando vexo os deportistas, os artistas entregados totalmente ao seu traballo, á arte, ao que sexa, eu penso en min como nunha artista da entrega aos demais, unha persoa de vocación que se mira na sensibilidade por atender os demais que viu nas súas avoas e na xenerosidade que viu nos seus pais. Eu eduqueime coas Fillas da Caridade, sentín a chamada e vivín a fe, e sinto que todo na miña vida me encamiñou cara a isto. Os meus irmáns teñen unha vida diferente á miña, teñen cousas que eu non teño, teñen as súas vacacións, as súas viaxes, pero eu teño outras cousas. Teño unha vida interior que me alenta e teño o apoio da miña comunidade. Eu son feliz vivindo a miña vocación.

Ofertar tres comidas diarias, supervisadas por nutricionistas, por 1,50 é maxia?
É maxia, si! Realmente é o milagre da caridade! Se non tivésemos ingresos sería imposíbel facer iso porque con eses cartos non podes dar de comer. Ese diñeiro ten un obxectivo moi importante, que non é o de recadar senón o de facer os usuarios responsábeis, responsábeis dese diñeiro que reciben e da comida que se lles dá aquí. Hai xente que di que non ten os 20 céntimos que custa o almorzo, e proporciónaselle unha tarefa que facer, xa sexa sacar o papel ao contedor ou limpar as cadeiras, porque non podemos vivir dos demais. Isto ten unha finalidade pedagóxica, xa que é preferíbel pasar un día sen comer antes que perder a dignidade. Pode parecer duro, pero non se pode vivir de gorra.

As doazóns particulares supoñen a meirande parte do orzamento do centro. As institucións son realmente solidarias?
O 30% do orzamento procede das institucións públicas e o resto é produto das doazóns particulares. E, entre os que doan, abundan as persoas maiores, porque a xente nova non ten diñeiro para facelo e porque a solidariedade da xente nova diríxese cara ao voluntariado. Certo é que moita xente colabora coa súa axuda por mor da presenza da orde á fronte da Cociña, pero hai que sinalar que en pouco tempo será outra institución ou un organismo oficial a que leve este servizo, porque quedamos poucas irmás e faltan vocacións.

Para rematar, o éxito na dirección da Cociña Económica, podería trasladarse a outros ámbitos sociais e administrativos? Onde radica o segredo da boa xestión?
Eu creo que é a dedicación no día a día, o bo uso dos recursos, o coidado das cousas… Aquí multiplicamos os cartos! Somos seis persoas dedicadas todo o día, sete días á semana, das que só dúas teñen contrato laboral. Iso é un efecto multiplicador. Os voluntarios formámolos, supervisándoos para que todo estea ben feito, e cando vexo que non está ben, dígoo, tanto no que se refire á comida como no que se refire á limpeza. Aquí todos miramos pola casa, e se eu suxiro que se poña algo para comer, son as cociñeiras as que me din que non, se convén máis darlle saída a outro produto. Quen realmente o tiveron máis complicado foron as primeiras irmás, xa que ata que se produciu o desenvolvemento económico a finais dos anos sesenta había moita pobreza e non había cartos, pero estes son bos tempos.

««É preferíbel pasar un día sen comer antes que perder a dignidade. Pode parecer duro, pero non se pode vivir de gorra».

Entrevista extraída do número 5.

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Primavera de 2017
Data de publicación

Cociña Económica
Localizacións

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Verán de 2017
Data de publicación

Cociña Económica
Localizacións

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido