•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

SUSI GESTO
Xoias con memoria

Susi Gesto

150 150 CORALIA

Os sapos, colares, pendentes, brazaletes e arracadas de Susi Gesto teñen a orixe nas máis fermosas historias e en sentimentos puros que atopan corpo no acibeche, na prata ou no seixo. Son xoias con memoria que reflicten un momento, un desexo ou un recordo e que conectan pasado, presente e futuro.

Desde o seu obradoiro da praza da Algalia de Abaixo, Susi está a revitalizar a ourivaría, un oficio ligado de vello a Compostela e do que a súa familia coñece todos os segredos hai xa varias xeracións.

Sen deixar de mirar atrás e poñendo o mellor de si en cada nova xoia, Susi Gesto estalle dando á ourivaría compostelá unha nova vida.

CULTURA

A memoria da ourivaría en Compostela está vinculada ao apelido Gesto desde hai moitos anos. No teu caso, a arte da ourivaría vai no ADN ou é produto do amor polo oficio que aprendiches dos teus maiores?
Supoño que ambas as dúas cousas. Desde logo, está no meu ADN porque o meu avó, o meu pai e o meu tío eran ourives. Tal era a paixón que o meu pai sentía pola ourivaría como ferramenta de expresión artística que acabou contaxiándonos aos meus irmáns e a min o seu entusiasmo pola arte, pola creatividade e pola vida!

Que distingue a ourivaría compostelá doutras ourivarías galegas?
A súa singularidade. A ourivaría de Compostela ten personalidade propia. Só tes que poñela ao carón doutra peza de ourivaría galega para poder distinguila perfectamente.

Que representa o acibeche para Compostela e para Susi Gesto?
Para Compostela é un símbolo de identidade, xa que a ourivaría compostelá se distingue polo uso da filigrana sobre chapa e do acibeche, unha madeira fosilizada de millóns de anos que, sen ser autóctona desta comarca, identifica a nosa ourivaría. Pero para min, o acibeche significa moito máis, porque no meu labor utilizo unha partida de acibeche asturiano -de cando aínda había acibeche en Asturias- que mercou o meu pai cando eu tiña quince anos. O acibeche que hoxe tanto escasea mercábase daquela por palés e aínda podo lembrar canto nos rimos del cando empezaron a chegar aqueles sacos ao obradoiro! Curiosamente é con ese acibeche co que, pasados os anos, eu estou a traballar.

Noutros tempos os colares e a ourivaría transmitíanse de xeración en xeración, como o que eran, un tesouro. As pezas de nova creación manteñen esa mesma consideración e significado sentimental ou adquiriron novos valores?
Unha xoia é unha xoia cando ten unha historia, senón é só un anaco de metal. Eu estou obsesionada co sapo, que é unha peza que pasa de xeración en xeración, de muller a muller, pero é certo que hai que visualizar as novas tendencias e hai que actualizarse e evolucionar. As pezas hai que traelas á actualidade conservando ese valor simbólico, xeracional, de mensaxe. Un pode encargar unha peza por simples cuestións estéticas ou pode facelo por razóns emocionais pero, para que un aderezo se converta en xoia e sume valores, ten que levar implícita unha carga emocional intransferíbel.

Que significa o sapo para a ourivaría galega e cantas tipoloxías de sapos pode chegar a haber no teu catálogo?
Representa outro símbolo de identidade. Papá facía moitos sapos e eu crieime nun ambiente de sapos (ri con ganas). Eu naquel intre descoñecía o seu significado e víaa como unha xoia máis. A curiosidade por saber a orixe do seu nome xurdiu cando fun eu quen empezou a facelos. Investigando, cheguei á explicación antropolóxica de Rafael Quintía, quen refire que antigamente as mulleres levaban sapos pendurados do pescozo contra o mal de ollo. Esa relación do sapo coa muller e a feminidade fascíname, ata o punto de considerar que o sapo é a xoia raíña da ourivaría galega, da xoiaría civil. Eu teño neste momento arredor de 115 modelos diferentes, seleccionados pola súa historia, o seu fondo, o seu relato, pola combinación dos materiais ou porque quen o encargou deixou o obradoiro impregnado coa maxia dos seus recordos.

Detrás das túas pezas, hai unha historia de amor que derivará en novas historias co paso do tempo. Cales son esas encargas que che tocan o corazón e que entran a formar parte da túa memoria?
Para min o verdadeiro desafío é achegarlle a cada peza a súa carga emocional singular. Cando alguén entra pola porta e che di: «quero regalar unha pulseira e teño unha historia que contarche», estache a situar diante do belo reto de revelar os anhelos de persoas que moitas veces nin coñeces. Vénme agora á cabeza a historia dun emigrante que cando retornou a Galicia trouxo con el tres moedas de diferente tamaños. Pasado o tempo, a súa filla quixo facer algo con elas e acordamos crear un sapo. E, dado que non tardaría en haber tres xeracións de mulleres na familia, por estar a filla do emigrante en cinta dunha nena, optouse por un sapo desmontábel para poder repartir entre as tres as tres pezas do sapo, que só volverían formar unha única peza cando faltaran a nai e a avoa. O valor máis marabilloso dunha peza é o que conta.

Cal é o recordo máis antigo que gardas na memoria?
O son do martelo no obradoiro de papá.
Un soño?
Un? Paso o día enteiro soñando.
Un traballo memorábel?
O sapo dos bolívares.
Unha frase que te retrate.
Se algo pode saír ben, sairá ben.

O teu obradoiro ten moita personalidade, é quizais unha extensión do vello espazo artesán do teu pai?
Quen vén ao meu obradoiro sabe onde vén. Aquí todo conta unha historia, desde os martelos aos bosquexos, pasando polos libros de poesía. Hai un cubo, o cubo das historias, no que gardo miles de cousas, e hai outro cubo dedicado ao meu pai, que sempre está presente. El tiña o corazón divido entre a zona vella e Vista Alegre, pero a súa implicación co barrio deixou en propósito pendente vir para a «cidade máxica». Eu, con seis anos, en vez de estar xogando cos nenos da miña idade, estaba sentada á mesa do obradoiro facendo boliñas e anelas, aprendendo o oficio. A mesa, que naquel obradoiro tiña tres partes, ten aquí dúas. O máis curioso é que o meu pai morreu pensando que o oficio se perdía con el, porque naquel momento nin os meus irmáns nin eu queriamos saber nada do oficio; deveciamos por vivir outras cousas! Foi cando morreu papá cando volvín achegarme ao mundo da ourivaría. Daquela tiñamos unha xoiaría en Sigüeiro e cando me din conta o local estaba invadido polos seus útiles. Comprendín entón que xa non quería atender a xoiaría e poñerlles pasadores aos reloxos, que xa non me gustaba parar para lle ir vender a un cliente unha cadea prefabricada, que xa non cría niso! De repente quería outra cousa e, cando me dei conta, volvía estar no camiño da ourivaría.

A ourivaría é territorio de mulleres ou os homes tamén son amigos das xoias?
Cada vez hai homes máis coquetos e mulleres menos coquetas. Nos meus obradoiros dos sábados teño cada vez máis homes que queren darlle unha volta ao sapo e a outras xoias empregadas por mulleres, como ocorre con Manuel de la Rosa.

Que é o buril? É o teu pincel ou é a chave que te transporta a un mundo máxico?
É a ferramenta responsábel de darlles vida a determinadas pezas. O burilado é fundamental á hora de proporcionarlle a súa personalidade á ourivaría compostelá, que é filigrana sobre chapa, pero que precisa do repuxado antes de proceder ao recorte coa serra. O buril dálle a súa personalidade á peza final.

Ouro, cobre, prata, coral, madeiras, acibeche. Con que material te identificas máis e cales son os que están máis en tendencia?
Identifícome máis co cobre e co acibeche. Para min o cobre e o acibeche teñen a mesma enerxía, enganchan. O acibeche é quente, é orgánico, é máxico! E sempre me marabilla o paso do acibeche en bruto ao acabado brillante. Ao igual que sucede co acibeche, traballando co cobre non te aburres en ningún momento. Cando o estás a traballar no lume, o cobre pasa por todas as cores; é como un arco da vella, que a medida que vai arrefriando vai cambiando de aspecto. É todo un espectáculo!

Cando compartes os teus coñecementos recibimos unha lección de historia, de amor e de respecto polo oficio. A quen van destinados os teus obradoiros?
Os meus obradoiros están orientados á xente que ten todos estes valores dos que veño falando, e que precisa reforzalos. A xente que participa nos obradoiros da fin de semana é xente que non se dedica á ourivaría; son avogados, médicos, etc.; son persoas con moita carga de traballo pola semana, ás que a actividade manual e a creatividade relaxa e fai rir.

E, para rematar, cal é a saúde da ourivaría en Compostela? Como é o seu presente e que intúes do seu futuro?
O meu pai viviu a época dourada, unha época moi bonita na que a xente cría firmemente no valor da creación e o oficio artesán, pero tamén lle tocou vivir o tempo da mecanización e a irrupción da microfusión, que se traduciu na perda dos procesos e na perda do valor do deseño orixinal e da creatividade. No último ano que estiven con el chegou a contarme milleiros de cousas; cousas coas que sempre voaba, e de cuxo significado non me dei conta ata que sentei nesta mesa (momento no que Susi peta na mesa con ganas). Só entón me dei conta de todo o que el dicía e da necesidade de loitar por manter vivo o oficio, por evitar que desapareza, para poñer en valor eses valores inmateriais que desapareceron de súpeto. Cando me sae algo ben, sempre miro para a súa fotografía e lle dou as grazas. Eu, para crear preciso soñar e voar, pero o certo é que levo soa o obradoiro e a miña casa, e é unha gran responsabilidade, porque tendo dúas nenas hai que poñer os pés no chan, pero unha vez que os pos e estás moito tempo así, antes ou despois tes que volver voar.

«Aquí todo conta unha historia, desde os martelos aos bosquexos, pasando polos libros de poesía. Hai un cubo, o cubo das historias, no que gardo miles de cousas, e hai outro cubo dedicado ao meu pai, que sempre está presente».

«Eu, para crear preciso soñar e voar, pero o certo é que levo soa o obradoiro e a miña casa, e é unha gran responsabilidade, porque tendo dúas nenas hai que poñer os pés no chan, pero unha vez que os pos e estás moito tempo así, antes ou despois tes que volver voar».

Entrevista extraída do número 6.

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Verán de 2017
Data de publicación

Praza da Algalia de Abaixo
Localizacións

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Verán de 2017
Data de publicación

Praza da Algalia de Abaixo
Localizacións

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido