•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

TAMAR NOVAS
«É bo axitar conciencias»

Tamar Novas

150 150 CORALIA

Semella que foi onte, pero en 2019 cumpriranse vinte anos xa da estrea de Novas (Santiago, 1986) na gran pantalla, con A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda. Neste tempo, aquel rapaz de ollar curioso medrou até converterse nun dos actores máis versátiles e solicitados da súa xeración. Así o certifican directores como Alejandro Amenábar, Gerardo Herrero ou Pedro Almodóvar que atoparon en Tamar ese actor completo capaz de dar vida aos personaxes máis diversos.

A autenticidade e a profesionalidade fixeron deste compostelán un rostro imprescindíbel do teatro, do cinema e da televisión actuais. Por iso, á longa listaxe de éxitos de Novas -na que figuran producións como Mar adentro, Los abrazos rotos, A praia dos afogados ou Un otoño sin Berlín deberemos sumar agora dous novos títulos: La zona e Fariña.

Este inverno Tamar Novas volve a atoparse con Compostela, «o escenario perfecto para a chuvia».

CULTURA

Que queda en ti da Compostela da túa nenez?
Compostela está máis viva que nunca en min porque canto máis tempo pasa máis a miúdo me toca volver. De feito, agora estou traballando de novo aquí nun proxecto para unha canle estatal (Fariña, de Atresmedia). En cada nova estadía teño a sensación de estar indo máis atrás, de estar a recuperar lembranzas de vello, por iso estou feliz volvendo a Melide e a Figueiroa -as terras dos meus avós maternos e paternos-, e a Santiago, onde están os meus primeiros amigos e os meus primeiros recordos, que son dos que primeiro tiro á hora de crear, á hora de ter un momento creativo. Compostela é a fonte de moitos dos meus traballos.

A pesar dun debut moi aplaudido, non foi até tempo despois que consideraches a interpretación como a túa gran paixón. Cando se revelou como tal?
Tiven a sorte e o azar de empezar a traballar sendo moi novo, con 11 anos. A esa idade, a maioría dos nenos non saben a que se van dedicar na vida, e eu tomeino como unha experiencia marabillosa, pero como unha experiencia excepcional ao fin e ao cabo, e tan excepcional como extraordinaria. E foi de novo o azar o que me levou a participar nunha película de Amenábar (Mar adentro). E, inda que me atraía o audiovisual e tiña moito interese en facer cinema, non foi até rematar esa película e pasar esa montaña rusa, esa brutal exposición nos medios, cando comecei a considerar en serio afondar nesta profesión. O que si sabía, despois de interpretar a Javi, era que só tomándoo en serio podería seguir adiante coa interpretación, polo que principiei a miña aprendizaxe en Audiovisual e Interpretación, que acabaría por levarme de Santiago a Madrid. Dediquei tres anos a formarme, sen deixar de actuar, o que me proporcionou experiencias moi boas e me permitiu poder seguir vivindo alí. Para sentir «isto é para toda a túa vida», para sentir que esta era a miña profesión, fixeron falla tres anos de formación con Juan Carlos Corazza. Cando o souben?: mentres facía teatro fóra de España.

O primeiro actor profesional co que traballaches foi Fernando Fernán Gómez. Como lembras a aquel xigante da interpretación?
Así, coma un xigante! Para min, Fernán Gómez é unha icona para toda a vida. Lémbroo sentado nunha cadeira de tesoira ao sol, con bastón e sombreiro, agardando nas beiras do Tambre a que chegara o momento de rodar, tranquilo e en paz. E lémbroo como un tipo cun sentido do humor excepcional e tamén como o primeiro actor profesional do que teño memoria.

«Para sentir «isto é para toda a túa vida», para sentir que esta era a miña profesión, fixeron falla tres anos de formación con Juan Carlos Corazza. Cando o souben?: mentres facía teatro fóra de España».

«Eu considero que nesta profesión os premios teñen unha consideración excesiva e que non recibir premios non é síntoma de nada».

Para Mabel Rivera, á que entrevistamos no número de outono, os verdadeiros premios son os que traen traballo constante e novos retos. Ser actor revelación con 19 anos, que significou para ti?
Para min foi moi importante descubrir que había profesionais que valoraban o traballo que eu fixera, pero contar coa súa aceptación tamén me supoñía unha responsabilidade, a de formarme se quería seguir traballando como actor. O Goya foi unha anécdota marabillosa que me puxo no mapa para moita xente e supuxo, como di Mabel, poder estar visíbel e que contaran comigo. Foi ela, precisamente, quen recolleu no meu nome o premio da Unión de Actores, xa que eu, que non valoraba as galas, estaba daquela en Santiago. Os recoñecementos foron unha palmada nas costas, mais tamén un «chaval, si quieres seguir con esto, te lo tienes que currar». Eu considero que nesta profesión os premios teñen unha consideración excesiva e que non recibir premios non é síntoma de nada. Fan ilusión, claro, como cando me nomearon aos premios da Unión de Actores (por La mentira más hermosa), porque non o agardaba e porque non tiña un apoio tan grande dos medios como o que poden ter outras producións.

Madrid era unha etapa necesaria para formarte e traballar ao máximo nivel? Que lle falta ao audiovisual galego para acadar esa posición?
Eu sempre quixen vivir fóra, sempre quixen ir a Madrid e é na cidade na que vivo, na que teño máis oportunidades de traballo, na que creei unha familia e fixen o meu grupo de amigos, pero isto non significa que Galicia non teña ese mesmo nivel. Eu agora estou a traballar aquí e case todos os meus compañeiros son galegos, así que, se o problema das producións galegas non é o equipo, o problema debe estar no apoio que reciben e no propio funcionamento da industria. Penso que é preciso promover un modelo de sociedade que vaia máis alá da rendibilidade económica, que fomente a educación e a cultura.

Para formarte tiveches como mestre a un grande, a Juan Carlos Corazza. O seu método que che achegou?
Realmente o primeiro mestre de interpretación que tiven foi Carlos Neira (de espazoaberto), aquí en Santiago, que me inculcou a importancia da disciplina e do traballo físico. Logo, en Madrid estiven con Corazza -seguindo a recomendación de Javier Bardem-, que me animou non só a actuar senón tamén a participar noutras disciplinas coma a dirección e a composición. Agora estou a traballar con Fernando Piernas.

Cal é ese traballo ou a experiencia profesional que, até o de agora, máis che enriqueceu como actor?
Os primeiros traballos no teatro con Juan Carlos (Corazza) foron moi importantes porque me deron a oportunidade de implicarme no traballo, indo máis alá da miña propia interpretación, para estar pendente da dramaturxia, da música, da posta en escena, etc. Fíxome apreciar a riqueza dun traballo en equipo, no que eu me podo nutrir dos meus compañeiros e eles se poden nutrir de min. Eses traballos de investigación teatral foron importantes.

A que sabe Compostela?
A auga que nutre, que fai medrar.
Cal é para ti a panorámica máis fermosa da cidade?
A das terrazas da rúa de San Pedro e a entrada á zona vella desde a Alameda.
Como sandas a morriña?
Chamando a miña avoa e escoitándoa.
Un soño a curto prazo?
Viaxar moito... Traballar fóra...
Receita infalíbel para achar o equilibrio?
Escoitar á xente da que te fuches rodeando.

«Esa oposición, esa reflexión sobre que é mentira e que é verdade achéganos a un dos supostos máis interesantes do teatro. Como dicía Briest, do que se trata é de tentar dicir a verdade sempre. E a da verdade é para min unha das cuestións teatrais máis complexas».

«Para vivir, todos construímos un relato de nós mesmos e da sociedade, así que a actuación supón unha ferramenta para a supervivencia».

No teatro todo é mentira ou sen verdade non se pode conectar co público?
Curiosamente, antes de traballar en Todo es mentira fixen con Juan Carlos (Corazza) La mentira más hermosa, sobre unha obra de Federico García Lorca. Esa oposición, esa reflexión sobre que é mentira e que é verdade achéganos a un dos supostos máis interesantes do teatro. Como dicía Briest, do que se trata é de tentar dicir a verdade sempre. E a da verdade é para min unha das cuestións teatrais máis complexas.

E na vida diaria, onde hai máis verdade e máis mentira?
Para vivir, todos construímos un relato de nós mesmos e da sociedade, así que a actuación supón unha ferramenta para a supervivencia. E, inda que as ideas que levan a alguén a moverse sexa unha materia interesante, para min o que pesa son os feitos, o que fai a persoa. O que calla son as accións e esa é a verdade do que ti es.

No teatro tomaches parte dun aplaudido matrimonio entre Shakespeare e Lorca, o matrimonio teatro e televisión é para ti igual de proveitoso?
Pode soar un pouco frívolo, pero dá a sensación -e non digo que sexa o desexábel- de que no matrimonio teatro-televisión, a tele é a que trae o diñeiro á casa e o teatro e co que un goza. Pero isto non sempre é así, como non o é que no teatro todo teña que ser máis sufrido. Eu, que tiven a sorte de traballar co Centro Dramático Nacional con condicións magníficas e en producións comerciais con moi boas condicións, son da opinión de que o que aos actores nos pesa son as historias ben construídas e poder traballar en condicións dignas, xa se trate de teatro ou de televisión.

Cando baixas do escenario ou saes do set de rodaxe, o personaxe que estás a interpretar vai contigo? Almorza contigo? Discute contigo?
Diría que si, pero tamén que é algo que ten que ver co carácter. Se é vocacional, vai acompañarte. Se che gusta o que fas é normal que así sexa.

Cales dirías que son os papeis cos que mellor conecta o público?
Cando hai algo máis xenuíno, canto máis te deixas ver como actor, cando te comprometes co traballo e sacas o mellor de ti, máis goza a xente e mellor conectas co público. Penso que a empatía está máis relacionada coas historias que se contan que cun personaxe concreto.

E Tamar, con que personaxes atopa máis afinidade?
Para min foi moi importante El viaje a ninguna parte (2014), a primeira obra que fixen co Centro Dramático Nacional. Cando fun facer a proba, lembrei que na casa tiña o libro de Fernando Fernán Gómez -con quen debutara no cinema en A lingua das bolboretas-. O libro en cuestión fóra un agasallo de Mabel [Rivera]na rodaxe de Mar a dentro ao cumprir eu 17 anos. «Neniño, que teñas unha magnífica viaxe», rezaba a súa dedicatoria. Coa historia de Carlitos, ese rapaz galego enviado pola súa nai a Madrid para que vaia na procura do seu pai, un actor de teatro ambulante, fixen o meu debut no teatro Valle-Inclán. Todo o que rodeou a Carlitos é especial e máxico para min.

Témosche oído dicir que a interpretación é iso, unha viaxe. A viaxe á Galicia dos 80 de Fariña, que está a representar para ti?
Esta serie baséase nunha obra moi boa de Nacho Carretero, un ensaio moi comprometido coa historia que nos conta e, para min, esa volta aos 80 permítenos comprender de onde vimos e, quizais, aproveitar ese coñecemento para ir cara un sitio máis desexábel. Saber que pasou naquel tempo en Galicia, coa conivencia de moitos sectores, pode axudar a entender á nosa sociedade e a comprometernos co futuro. É bo axitar conciencias.

Como é Roque?
É un tipo que, camiño dos trinta, ten dúas prioridades: subsistir e levar unha vida emocionante. Roque e Sito son unlla e carne, son dous amigos que comparten a súa ambición. É, precisamente, esa ambición a que os leva a dedicarse a negocios complexos, sen saber o perigosas que poden ser as súas consecuencias. En Fariña, Roque ensínanos as dúas vidas ou os dous camiños que se poden tomar en relación ao contrabando ilegal, e as consecuencias varias que iso pode implicar.

La zona é outro dos teus traballos máis recentes. Que é La zona e cal é o teu papel?
La zona representa para min un soño cumprido xa que había tempo que quería traballar cos irmáns Cabezudo. É unha serie que desde o principio tiña o seu final escrito, unha serie concibida como unha gran película de moitas horas sobre a xestión dun postdesastre nuclear, unha historia que tamén podemos ver como a metáfora da crise que levamos anos vivindo. La zona conta de xeito panorámico todos os comportamentos que xera unha crise deste estilo, e na mesma interpreto a un médico cooperante que procura que a xente que abandonou a zona por mor do desastre, volva as súas casas. O meu papel é o do compañeiro da protagonista, Alexandra Jiménez, cuxo personaxe se verá envolto en circunstancias penosas e nas que tentarei serlle de axuda.

A de actor é a túa faciana máis recoñecíbel, pero hai outro Tamar que, por exemplo, compón e toca o piano. É un divertimento ou é algo máis?
É un divertimento, por suposto, porque me gusta a música e me gusta tocar outros paus. Porén, encantaríame que fose algo máis. Expresarme coa música é de momento unha necesidade, pero se a casualidade ou a oportunidade profesional mo permiten, será estupendo darlle camiño.

E, por último, Compostela é o escenario perfecto para…?
Para a chuvia. É onde mellor chove e o escenario ideal para reencontrarme coas miñas orixes.

«Cando hai algo máis xenuíno, canto máis te deixas ver como actor, cando te comprometes co traballo e sacas o mellor de ti, máis goza a xente e mellor conectas co público. Penso que a empatía está máis relacionada coas historias que se contan que cun personaxe concreto».

Entrevista extraída do número 8.

Alalá
The Wrong Shop
Who Killed Bamby
Vestimenta

Álex Regueiro
Estilismo

Alfredo iglesias
Fotografía

Lucía Cabrera
Aux. de produción

Rois Llongueras
Maquillaxe e peiteado

Dado Dadá Jazz Club

Inverno de 2017

Data de publicación:

Localizacións:

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido