•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Vudú

«Vudú é soulk»

Vudú

150 150 CORALIA

Cando Belem Tajes (voz e teclas) e Maritxinha (baixo) decidiron converter Voodoo, agora Vudú, nun dúo deron co seu formato. En pleno lanzamento de Eu son Vudú vol. III, o seu terceiro traballo, conversamos con Belem deste proxecto nado hai dous anos, que aspira consolidarse no panorama musical galego. Música tradicional mesturada con ritmos de música negra son a base de Vudú, o dúo no que Belem (Bos Aires, 1985) canta e toca o teclado. Quen foi unha das voces de Luar na Lubre até hai uns meses cóntanos como chegou onde está, desde a súa infancia como gaiteira e as súas raíces camariñás.

Vudu

«Vudú é o resumo de todas esas influencias que fun recollendo no camiño. Tanto da música tradicional, como da negra, como do que escoitaba na casa. Sempre fun ademais moi rockeira e sempre tiven esa ansia de rock and roll dentro. Vudú non é un proxecto de rock and roll pero nel hai tamén unhas pingas diso»

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de LUIS OTERO

Vudú non é o teu primeiro proxecto, antes xa fuches vocalista doutras formacións como Sisters in the house. Que pasa? Non acougas en ningures ou é que che presta afrontar novos proxectos?
Este proxecto sempre foi o que eu andaba buscando. Os outros estaban máis enfocados a facer versións. Este é o primeiro que inicio de corazón.

Ademais de cantar, tamén compós a música. Das dúas cousas que é o que máis che gusta facer?
É todo un reto facer realidade o proxecto de buscar músicas, atopar as letras e facelas encaixar. Ter todo ese tempo para a introspectiva, e despois sacalo para fóra, é un proceso emocional que en verdade custa moito, pero é unha sensación fantástica e Vudú é a forma de sacar todo ese traballo emocional para fóra.

Vudú está conformado por ti mais Maritxinha. Definídelo como un dúo de música soulk. Isto que vén sendo?
As nosas letras son como de corte tradicional. Moitas cantábamas a miña avoa cando era pequena. Eu crieime na Arxentina, na emigración, e toda esa información gardeina moi ben. Sempre tiña esas músicas recorrentes, e tanto a Maritxinha como a min nos gusta moito a música soul, a música negra. Esa foi a forma de casar todo nun só estilo. Por iso lle dicimos soulk, porque Vudú é soulk, folk e soul.

O voso anterior traballo é o disco Eu son Voodoo vol. II, que ten esas letras do cancioneiro tradicional galego que harmonizades con sons da música negra. Ese gusto de onde o sacas? Escoitábalo na túa casa de pequena?
Non, a verdade é que de pequena era máis dos Beatles e da música tradicional que escoitaba na casa. Moita música arxentina. Pero cando empecei a dar clases de canto, con Ángeles Dor e con Carmen Rei, si que foi unha música que me cativou por completo, e que me encantaba. Sabía que dalgunha maneira todas estas influencias ían acabar converxendo. Vudú é o resumo de todas esas influencias que fun recollendo no camiño. Tanto da música tradicional, como da negra, como do que escoitaba na casa. Sempre fun ademais moi ‘rockeira’ e sempre tiven esa ansia de rock and roll dentro. Vudú non é un proxecto de rock and roll pero nel hai tamén unhas pingas diso.

Falabas antes da túa avoa… O teu avó era gaiteiro. A ti tamén se che dá?
Si, eu fun gaiteira moitos anos. Tanto o meu irmán coma min fomos uns gaiteiros moi noviños. É un orgullo. A súa faceta de gaiteira coñecémola despois de que morrera, pero é algo que sempre gardamos, e miña avoa vive na Arxentina e canta moitísimo.

E con Maritxinha, xa actuaras no pasado ou como vos coñecestes?
En realidade, Vudú empezou sendo un cuarteto, e Maritxinha estaba nesa primeira formación. Despois, por cousas da vida, o que era o guitarra empezou a tocar con Ses e por temas de axenda non podía compatibilizalo con Voodoo [como se escribía daquela]. Foi unha decisión difícil de tomar, pero decidimos seguir adiante como dúo… a ver que pasaba, non? E inda que parecía un dúo bastante pouco habitual, un teclado e un baixo, pois dixemos por que non? E foi como comezamos hai cousa de dous anos.

O ano pasado, apenas un ano despois, ganastes o Premio Martín Códax da Música na categoría de Funk, Soul, Blues. Engloban todo aí. Non está mal, non?
Non, non. Foi unha sorpresa. Non contabamos para nada con el e impulsáronnos para que nos presentaramos á candidatura, e foi practicamente sen querer. A verdade é que nos axudou moitísimo porque, se ben non obtivemos resultados inmediatos, despois de presentar o vol. II, grazas ao premio este verán foi unha auténtica pasada de datas. Estivemos na maioría de festivais do verán galego e recorremos moitas salas. Tamén ao ser dúas é moi fácil de mover o equipo e non é o mesmo que mover unha banda de máis integrantes. Tivemos esa versatilidade para poder ir de aquí para alá engarzando unha data coa outra. Agradecidísimas co premio!

Faltou o Noroeste Pop Rock da Coruña. Foi unha mágoa non poder ter tocado alí por mor da chuvia…
Ese día choveu moitísimo e estivemos até última hora intentando facelo pero non chegamos a tocar. Queda pendente. Tiñamos moitas ganas por ser ao carón da casa e por ser un festival ao que lle queremos tanto pero non puido ser.

Da xira polos festivais galegos, con cal vos quedades?
Tivemos ocasión de tocar no SonRías Baixas. Foi unha actuación de día e coincidiu que despois ca nosoutras tocaba Muchachito Bombo Infierno que é un personaxe da nosa adolescencia, dos nosos vinte anos. A el gustoulle moito o que facemos e foi unha experiencia brutal, así que esperemos volver a coincidir con el, pero esta vez tocando xuntos. A ver que sae.

Portada disco Vudu

«A música é unha profesión da que é moi difícil vivir, co que se converte nun campo de batalla que fai aflorar os egos. É un gremio no que por nada che sacan as unllas»

«Á hora de gravar algún disco importa menos o que teña que aportar a voz, e os arranxos que ti fagas para un disco, que o que poida facer un instrumentista»

Ademais de Vudú e Sisters in the House fuches vocalista da mítica banda Luar na Lubre. Como foi aquela experiencia?
Estiven até hai uns meses e foi unha etapa… Estoulles moi agradecida por esa xira que fixemos xuntos e onde eu me situei a un nivel profesional moi alto. Para min foi unha aprendizaxe tremenda. Está ben ter aprendido con eles.

Escribiches no Sermos unha columna titulada «Crónica da miña morte anunciada». Nela dicías que «a muller ao longo da vida ten que soportar moita inxustiza. Se ademais es muller e cantante a cousa complícase». Que dificultades son esas que atopaches na túa carreira polo feito de ser muller?
O feito de ser cantante e non tocar ningún instrumento, foi para min… Como dicilo? Fun discriminada, porque se es cantante non sabes tocar un instrumento; dáse por feito que vales menos. Soamente es a rapaza que fai bonito na banda de chicos. Por non cargar cun instrumento xa es así ou asá. Pasáronme esas e outras como que ao mellor custe menos eliminar a parte vocal. É dicir, que á hora de gravar algún disco importa menos o que teña que aportar a voz, e os arranxos que ti fagas para un disco, que o que poida facer un instrumentista. E ese tipo de discriminacións si que as vivín. Ou porque es guapa estás aí arriba, que se non… Atopei moitas, ou incluso doutra muller. Esa é a peor discriminación, a de quen aproveita esa situación para dicir que o fai mellor. Esa competitividade é quizais máis dolorosa entre as mulleres. Non debería de existir e eu atopei moita desa discriminación.

Hai moitos egos na profesión?
A música é unha profesión da que é moi difícil vivir, co que se converte nun campo de batalla que fai aflorar os egos. É un gremio no que por nada che sacan as unllas. A min encántame o que fago e ás veces resúltame moi difícil continuar a facelo sen cuestionarme o que pensarán os demais, ou se está ben ou mal. É moi difícil manter a dirección que che fai sentir ben co que ti fas porque tamén é un gremio moi da rexouba, da crítica. É difícil, pero o traballo é tan fermoso…

Que compensa, non?
Si, moitísimas veces. Moitísimas, non, case sempre.

Noutra orde de cousas, dicíasme que naciches en Bos Aires, pero a túa familia é de Camariñas e agora vives en Oleiros, en Perillo. De onde te sentes? Tes un pouco de cada sitio?
Pois non. Nin de aquí nin de alá. Eu, mesmo na Arxentina, cambiei moito de enderezo e de colexio polo traballo de meus pais. Custoume atopar un sitio no que eu me sentira na casa. Si que creo que un é de onde estivo na súa infancia. Eu tiven unha fermosísima en Arou, en Camariñas, que é unha aldea moi pequena de cincocentos ou seiscentos habitantes. Ter a posibilidade de medrar na aldea para min foi un privilexio e é das cousas que mellor me sentan, volver alí cando podo.

En todo caso, sempre preto do mar. Estás moi vinculada a el, non si?
Si, meu pai está alí agora mesmo, dedícase a iso [traballa nun barco oceanográfico], e a miña familia paterna dedicouse toda a vida ao mar. Aínda que eu me mareo moito nos barcos [risos], lévoo no sangue.

En 2015 denunciaches publicamente que nun centro de ensino no que traballabas che impedían facelo en galego. Teste manifestado moitas veces a prol do uso da lingua. Como ves a situación do galego hoxe?
A verdade é que son un pouco pesimista. Creo que cada vez hai menos apoios e, sobre todo nas cidades grandes como Vigo e A Coruña, cada vez se escoita menos. Ese pesimismo non o podo manter permanentemente, porque entón non estaría cantando en galego. Son das que pensan que temos que ver o galego con alegría e que esa alegría é unha revolución en si mesma. Ese pequeno xesto de empregalo de xeito consciente, acabará sendo importante. Tento pensar así e manter a positividade.

«A min encántame o que fago e ás veces resúltame moi difícil continuar a facer o que fago sen cuestionarme o que pensarán os demais, ou se está ben ou mal»

Vosoutras sodes a proba de que calquera estilo musical se pode facer en galego…
Antes ca nós xa o fixeron. Xa estaban Ugia Pedreira, Carmen Rei… Para nosoutras referenciais. Nós só intentamos continuar esta liña por sentir e expresarse na lingua propia. En Vudú, Voodoo ao principio, empregabamos outras linguas: francés, inglés, e galego tamén, pero para min foi definitivo atoparme aquel día con aquel traballo e aquela imposición de non empregar o galego. Foi un motivo para querer utilizalo máis, e non só no meu día a día, senón na miña carreira musical.

O novo disco xa está na rúa?
O disco estreouse na Coruña o pasado 16 de decembro, no Garufa Club, e sacaremos algún single antes do disco físico. Precisamente, vimos de estar tamén no Culturgal para facer unha pequena mostra.

Cal é o seu título?
Non nos complicamos, é o vol. III. Tivemos a sorte de que en parte estea patrocinado por Deleite; é unha aposta que fixeron por nosoutras. Faremos un evento con eles, que tamén van distribuír unha pequena mostra, así que lles estamos superagradecidas e á espera de sabermos cal é a recepción deste novo traballo.

Contido extraído do número 11

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido