•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

XIX Premios Manuel Beiras
Cando o galego é o idioma oficial na empresa

XIX Premios Manuel Beiras

150 150 CORALIA

Leite Noso e Construcións Alvite González foron este ano as empresas distinguidas co galardón polo seu uso da lingua galega e a súa contribución á normalización lingüística dentro deste eido. O avogado compostelán Evaristo Rodríguez Carracedo foi o merecedor da mención especial polo seu papel na instauración destes premios desde a Cámara de Comercio.

Crónica de VALERIA PEREIRAS I Fotografías de ROCÍO CIBES

O salón nobre do Concello de Santiago quedou pequeno o luns 17 para darlles cabida ás numerosas autoridades, amizades, veciñanza e familiares das persoas responsábeis das empresas premiadas na última edición dos Premios Manuel Beiras. Asistiu o seu fillo, Xosé Manuel Beiras, que non quixo perder a cita para darlles o parabén en persoa ás merecedoras do galardón. Xunto a el, o alcalde do Concello de Santiago, a institución -a través do Departamento de Lingua- que coa Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago outorga estes galardóns. Por parte desta, acudiron ao acto de entrega o seu presidente, José Sierra, e parte da directiva, renovada recentemente. Tamén a seu carón sentou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez.

Martiño Noriega (1), Xosé Manuel Beiras (2), José Sierra (3) e Valentín García Gómez (4)

Ocuparon a primeira fila as persoas representantes das empresas premiadas: o avogado e xerente de Leite Noso (a empresa que comercializa Deleite) Pedro González Boquete; Sabela Asorey e Alonso Alvite, de Construcións Alvite González; e o tamén avogado e ex-vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo.

Pedro González Boquete
Leite Noso

Alonso Alvite e Sabela Asorey
Construcións Alvite González

Evaristo Rodríguez Carracedo
ex-vicepresidente da Cámara de Santiago

Cun toque humorístico-teatral, os actores condutores do evento, Gloria Rico e Roberto Leal, conseguiron captar a atención das persoas presentes no público, entre elas os concelleiros Jorge Duarte e María Rozas ou o portavoz do PSdeG Francisco Reyes, e a do BNG Goretti Sanmartín, amais de representantes veciñais como Xosé Manuel Durán, do Ensanche, ou ex-membros do Goberno municipal como Mercedes Rosón, subdirectora de cultura da USC.

Jorge Duarte (1), Goretti Sanmartín (2), Paco Reyes (3) e Mercedes Rosón (4)

«Eu ben sei», comezou a súa intervención Gloria Rico -o pseudónimo co que Manuel Beiras asinaba os seus artigos no xornal-, empregándoo como retrouso para destacar a importancia da lingua no mundo empresarial: «Eu ben sei que é prestixioso facer da lingua un dos eixes da política de venda; Eu ben sei que na publicidade a lingua é unha marca de diferenciación…». A homenaxe ao intelectual galeguista continuou con xogos de palabras identificando «Beiras» coa beira galega da Arxentina, a Quinta -de onde é orixinario Leal, que apareceu cun chuvasqueiro amarelo de mariñeiro-, ou a expresión «facer as beiras», neste caso conquistar a clientela a través do uso da lingua na empresa.

Roberto Leal e Gloria Rico, condutores da gala

Tralas intervencións institucionais de José Sierra e Valentín García, respectivamente, foi a quenda de Xema Varela, de Nanube; Elías Rozas, de Pedra Salgada; José Bermúdez, de Conxelados José Bermúdez; José Ramón Pichel, de Imaxin; Carmen Eixo, de Dado Dadá Jazz Club e Emilio del Río, da clínica Dermalar, que actuaron en representación das empresas premiadas en anteriores edicións. A solicitude de Rico para que explicaran nun minuto a súa experiencia e o significado deste galardón resultou ser un dos momentos máis atractivos da velada, chegando a provocar o sorriso pola espontaneidade, como no caso de José Bermúdez quen afirmou que el tiña claro que o galego era o idioma que debía empregar ao seren os seus produtos da terra: «touciño, grelos, chourizo… Como lles ía chamar se non?».

No trato diario, tanto entre o persoal como coa clientela, á hora de enviar un correo electrónico, unha factura ou un orzamento. O galego é un idioma non só válido senón que supón un plus para as empresas neste mundo global, segundo explicou Xema Varela; unha posibilidade para facer negocios cunha ampla comunidade de falantes, resaltou Pichel, e unha cuestión de compromiso persoal que debera recibir máis atención e menos «boato», puntualizou Elías Rozas.

Xema Varela (1), Elías Rozas (2), José Bermúdez (3), José Ramón Pichel (4), Carmen Eixo (5) e Emilio del Río (6)

Tras eles chegou o momento máis agardado da noite, a entrega das esculturas creadas polo artista Acisclo Manzano, tres en total, unha por categoría. «Por ser a primeira etiquetada integramente en galego. Porque coloca o noso idioma na mesa de milleiros de fogares, e demostra que o galego é idóneo para presentar o principal produto do noso sector agrogandeiro», o Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao galego foi para Leite Noso, coa súa marca comercial Deleite. «É sorprendente que sendo Galicia a primeira comunidade autónoma produtora de leite non se etiquetase en galego até agora», dixo González Boquete.

María Pais entrega o Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao galego, en nome da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago

«Por apostar por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua» anunciou Rico, «coa súa achega constrúese en galego, mais tamén se constrúe o galego» leu Leal, o galardón ao uso continuado do galego recaeu en Construcións Alvite González. «O galego é a lingua de comunicación habitual na construcións pero na escrita, non tanto», recalcou Sabela Asorey. «Animamos a todos os compañeiros a que non se avergoñen das variantes dialectais. O galego represéntanos mellor e inspira confianza no cliente», afirmou pola súa banda Alonso Alvite.

Valentín García Gómez entrega o Premio Manuel Beiras ao uso continuado do galego, en nome da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia

Por último, a distinción especial desta edición levouna quen foi un dos promotores dos premios durante o seu cargo como vicepresidente da Cámara de Comercio, «a voz da conciencia lingüística que cada ano lembrou a importancia do compromiso empresarial coa lingua e a necesidade de converter en feitos as palabras de apoio». Emocionado, Evaristo Rodríguez dixo humildemente que non sabía por que resultara merecedor do premio, compartiu recoñecemento «con toda esa xente que no seu anonimato fala e sente o galego» e agradeceu aos seus pais que lle desen «a lingua que eu falo».

O alcalde, Martiño Noriega, entrega o Premio Manuel Beiras en nome do Concello de Santiago

O alcalde, Martiño Noriega, pechou o acto agradecendo, á súa vez, o compromiso das empresas galardoadas co uso do noso idioma. Ademais del, tamén estiveron na entrega outras persoas que formaron parte do xurado, como Beatriz Corral pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia e Xavier Freire, da Cámara de Comercio. A xornalista Belén Regueira, en nome do Colexio de Xornalistas xunto coas empresas premiadas na pasada edición pechan a listaxe das persoas encargadas de valorar os méritos.

O evento prolongouse entre felicitacións e conversas nas salas anexas onde se convidou a asistencia a degustar os excelentes petiscos elaborados por Airas Nunes Catering, con produtos do país distinguidos coa marca Galicia Calidade.

Tamén é actualidade en Coralia:
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido