•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Xoán Bascuas,
candidato á Alcaldía por Compromiso por Galicia

«Temos que traballar para que as persoas
poidan construír o seu proxecto vital en Santiago»

Xoán Bascuas

150 150 CORALIA

Licenciado en Ciencias Políticas, profesor na Escola Universitaria de Traballo Social da USC e veciño do Ensanche, Xoán Bascuas (Hesse, Alemaña, 1970), exsecretario xeral de Compromiso por Galicia e excandidato desta formación á Xunta afronta «notabelmente máis optimista» que en 2015 as municipais do próximo 26 de maio encabezando a candidatura deste partido ao Concello. Quen fora delegado de Vivenda na provincia da Coruña durante o bipartito comeza avaliando os resultados dos comicios do pasado 28 de abril.

Xoán Bascuas, candidato de CxG

«Penso que a solución non pasa pola unidade orgánica pero si por unha alianza de emerxencia nacional de cara ás eleccións ao Congreso dos Deputados e, se non, polo menos ao Senado para que Galicia poida ter algún tipo de proxección nas cámaras de representación do Estado»

«Quen precise do apoio de Compromiso para acceder ao goberno municipal deberá asumir o pacto polo rural antes de dialogar con nós»

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografía de ALFREDO IGLESIAS

Amais da derrota histórica do PP en Galicia, as eleccións xerais volveron poñer de manifesto o fracaso do nacionalismo galego para acadar representación en Madrid. Que valoración fas deste resultado?
Antes destas eleccións, CxG fixera un chamamento a BNG e En Marea para facer unha candidatura conxunta con pouco éxito. Os antecedentes eran pouco atractivos e, probabelmente, as direccións dos partidos nacionalistas e galeguistas terán que asumir que melilleses, canarios ou cántabros, por non falar dos cataláns ou vascos e valencianos, van ter unha voz propia co centro de decisións no seu territorio e Galicia non.

A única nacionalidade histórica sen representación no Congreso. Ti pensas que hai marxe para reconstruír a unidade deste espazo?
Estou convencido de que hai marxe para enfocar esa posibilidade. Penso que a solución non pasa pola unidade orgánica pero si por unha alianza de emerxencia nacional de cara ás eleccións ao Congreso dos Deputados e, se non, polo menos ao Senado para que Galicia poida ter algún tipo de proxección nas cámaras de representación do Estado. Sería interesante contemplar cando menos isto e facelo sen apriorismos, con moita xenerosidade e moita cabeza. Insisto, non ten por que abocar a ninguén a pensar en opcións de unidade orgánica, nin moito menos. Non é necesaria. É unha cuestión de país que ten que ser entendida con criterio de estadista, facendo sacrificios para que os partidos galeguistas e nacionalistas poidan ter representación nas Cortes.

Pensas que hai máis elementos en común que diverxencias e que son eses os que deberan primar?
Seguramente no elemento discursivo, no criterio programático e na forma de facer non haxa diferenzas no que respecta ao Congreso e ao Senado, porque ao fin e ao cabo o que temos que facer é unha forza reivindicativa conxunta fronte ao Reino de España e aí si que creo que podemos ter moito en común.

Que é o que aporta CxG distinto ao panorama de partidos municipais e que destacarías da candidatura que presentades?
Primeiro, que non é o mesmo de sempre, que é o máis novidoso. Ás veces, até actuamos como un partido independente na cidade, xa que non seguimos directrices de ninguén de fóra. A realidade das cousas é que aportamos un proxecto novo, cun discurso moito máis local que as outras forzas políticas, centrámonos na proposta para as persoas que fan Santiago de Compostela día a día. Un dos nosos sinais de identidade é que defendemos a cohesión e igualdade nas prestacións, nos servizos e nas infraestruturas dos diferentes territorios do Concello. Neste senso, vemos importantes diferenzas. E dun xeito moito máis significativo, vemos como o rural compostelán é o principal agraviado. E como esta ferida é tan fonda, nós facemos dela a única liña vermella que formulamos: quen precise do apoio de Compromiso para acceder ao goberno municipal deberá asumir o pacto polo rural antes de dialogar con nós.

Xa no terreo municipal, en 2015 CxG acadou 41 concellerías en Galicia, ningunha en Santiago onde obtivo apenas un 2,45% dos votos. Como afrontades esta nova cita?
Somos notabelmente máis optimistas. Levamos facendo un traballo de máis longo percorrido que hai catro anos cando tampouco era moi coñecida a acción de CxG e iso dános unha posición de maior recoñecemento que poida traducirse en apoio electoral. Estamos moito máis satisfeitos do traballo feito e contamos cunha base organizativa máis ampla tamén e con xente distribuída territorialmente por todo o Concello e iso tamén ten que axudar. O pasado un de decembro presentamos a miña candidatura e estiven ben arroupado, o que tamén me dá unha perspectiva diferente ao que aconteceu hai catro anos.

«Eu son de Santiago de toda a vida e aquí coñecémonos todos. A aldea global ou a aldea máis grande de Galicia, que dicía Otero Pedrayo, e que eu considero que é unha verdade como un mundo»

«Levamos facendo un traballo de máis longo percorrido que hai catro anos cando tampouco era moi coñecida a acción de CxG e iso dános unha posición de maior recoñecemento que poida traducirse en apoio electoral»

«Estes días comezaremos a escoitar o mantra do proxecto de cidade. Isto pasa habitualmente por botarlle cemento á cidade, reurbanizar, e eu non digo que isto non estea ben, son propostas e é o que teñen que facer os partidos pero... E que tal un proxecto que se basee na idea de que a xente poida desenvolver o seu proxecto vital no concello? Porque non facer unha proposta así?»

Nese sentido, poñéndonos na hipótese de que CxG fose chave para a conformación do Goberno municipal, con que outras formacións estariades dispostos a pactar?
Primeira condición sine qua non, como xa dixen, é que se non se acepta o pacto polo rural antes da investidura connosco que non conten. Parécenos unha cuestión de xustiza, despois disto, hai que contrastar programas e ver cales se aveñen a unha idea progresista e de avance social para o Concello.

Volvendo á candidatura, que liñas mestras levades no voso programa?
Probabelmente estes días comezaremos a escoitar o mantra do proxecto de cidade. Isto pasa habitualmente por botarlle cemento á cidade, reurbanizar, e eu non digo que isto non estea ben, son propostas e é o que teñen que facer os partidos pero… E que tal un proxecto que se basee na idea de que a xente poida desenvolver o seu proxecto vital no concello? Porque non facer unha proposta así? Temos que traballar para que as persoas poidan construír o seu proxecto vital en Santiago. No rural hai 14.000 persoas e un volume elevado, de en torno ao 80%, ten problemas ou ben de abastecemento de auga ou de saneamento ou de ambas por non falar doutros problemas como a recollida do lixo, a frecuencia de transporte urbano ou de acceso a Internet. Estamos a falar da capital de Galicia e hai segmentos territoriais do Concello con estes problemas o que é moi preocupante. Nós o que queremos trasladar ao debate político municipal é a importancia que ten o rural. Esa é a única liña vermella que poñemos para chegar a un acordo de gobernabilidade, asinar antes de nada ese pacto polo rural.

E iso como se fai propoñendo como facedes unha reforma fiscal que inclúe redución de impostos municipais?
A rebaixa será para algúns impostos. O ICIO, o imposto de construción e obra, é algo que propoñemos reducir. Alguén pode dicir que lles rebaixamos os impostos ás construtoras pero o ritmo en Santiago viuse reducido nos últimos anos e iso tamén pode reactivar non só que a xente poida construír, senón que a oferta de vivenda sexa maior e procesos como a xentrificación coa expulsión de xente de Santiago a outros lugares se vexa limitado. Cando se fan políticas públicas non é man de santo pero pode resolver estes problemas.

Tamén propoñedes baixar o IBI.
Pódese baixar un pouco pero, sobre todo, aplicar bonificacións con criterios reais. O caso de acceso á primeira vivenda, cooperativa ou autopromoción, por exemplo, e logo tamén por que non? Hai xente que está no rural pagando un IBI urbano que non debería porque non ten saneamento. Son cousas que hai que reverter e que son sensatas e é complicado que o resto de forzas políticas non se aveñan a facer con CxG ese tipo de cousas.

No que respecta ao turismo, un dos principais desafíos aos que se enfronta Compostela, cales son as propostas de CxG para ordenalo e fixar poboación no casco vello?
Estamos a falar con distintas entidades que presentaron alegacións ao Plan de Xestión do casco vello e penso que é necesario deseñar un plan no que se recolla o que queremos facer con esta zona, agora ben debe formularse até onde chega a zona vella de Santiago, que tipo de actuacións efectuar e pensar no perfil da xente que vive nela. Xente maior, de recursos máis baixos que non pode afrontar o acceso a algún tipo de servizos ou afrontar algunhas actuacións en materia de rehabilitación. Ves como se desenvolven exercicios rehabilitadores en Santiago que son dispares no nivel de esixencia ou rigorosidade. Temos o caso do Museo das Peregrinacións ou a rehabilitación de Correos, que se fixeron a ollos de todo o mundo sen esixir o que aos particulares. Tamén cremos que é importante a recuperación dunha concellaría de Casco Histórico, que sexa transversal. É importante o rexistro de solares, que debe contemplar tamén os baixos comerciais porque un dos problemas que ten a zona vella é que está incorrendo nunha sorte de negocio enfocado cara o turista.

«Ves como se desenvolven exercicios rehabilitadores en Santiago que son dispares no nivel de esixencia ou rigorosidade. Temos o caso do Museo das Peregrinacións ou a rehabilitación de Correos, que se fixeron a ollos de todo o mundo sen esixir o que aos particulares. Tamén cremos que é importante a recuperación dunha concellaría de Casco Histórico, que sexa transversal. É importante o rexistro de solares, que debe contemplar tamén os baixos comerciais porque un dos problemas que ten a zona vella é que está incorrendo nunha sorte de negocio enfocado cara o turista»

Tamén estades a favor da taxa turística.
Si, pero é unha competencia autonómica. Deberían delegala aos concellos e penso que sería unha boa solución. Entendo que o presidente da Xunta non aplique unha taxa autonómica en función do volume turístico de Santiago de Compostela, pero pode delegalo a cada un dos concellos e que eles a apliquen ou non. Aquí penso que habería o consenso necesario para establecela. No caso de que non se poida, teremos que ir ao canon que se ten que pagar por cada unha das persoas que vén. Aplicarllo aos autobuses que chegan á dársena de Xoán XXIII. Dalgún lugar hai que sacalo para cubrir o impacto que xeran os turistas en Santiago.

«Coa modificación da Lei hipotecaria, coa que Aznar se cargou o pagamento do IBI por parte de lugares de culto, hai unha cousa que me chama poderosamente a atención. A lei fala de lugares de culto especificamente, un albergue non o é. Unha actividade comercial da Igrexa non o é. Isto merece unha reflexión. Non teño vontade de anatemizar a Igrexa nin moito menos, pero o que é xusto é xusto»

Da Igrexa? Está CxG a favor de rematar cos privilexios que ten en Santiago?
Coa modificación da Lei hipotecaria, coa que Aznar se cargou o pagamento do IBI por parte de lugares de culto, hai unha cousa que me chama poderosamente a atención. A lei fala de lugares de culto especificamente, un albergue non o é. Unha actividade comercial da Igrexa non o é. Isto merece unha reflexión. Non teño vontade de anatemizar a Igrexa nin moito menos, pero o que é xusto é xusto. Mesmo o Papa Francisco se ten pronunciado de xeito contrario a que os albergues se convertan en hoteis e ese é un fenómeno que se está dando en Santiago.

Como é a vosa relación co resto de grupos municipais?
É boa. Eu son de Santiago de toda a vida e aquí coñecémonos todos. A aldea global ou a aldea máis grande de Galicia, que dicía Otero Pedrayo, e que eu considero que é unha verdade como un mundo.

Por último, que balance fas da xestión municipal nestes últimos catro anos?
Eu son dos que creo que sempre hai luces e sombras. O máis destacado dos catro anos de CA paréceme a campaña «Compostela en negro», que transcendeu o concello. Pero máis alá diso, non aprecio grandes logros nin unha xestión que teña deixado resultados brillantes. En canto aos erros, foron importantes os cometidos cos comedores escolares, a escola de música ou a situación da banda municipal.

«O máis destacado dos catro anos de CA paréceme a campaña «Compostela en negro», que transcendeu o concello. Pero máis alá diso, non aprecio grandes logros»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido