•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Xosé Manuel Durán,
presidente da asociación de veciños
Raigame

«Temos a sensación de que todo o que está fóra da Améndoa pode esperar»

Xosé Manuel Durán

150 150 CORALIA

Recuperar as raíces e crear conciencia de barrio. O propósito da AA.VV. Raigame, do Ensanche compostelán, ten o rostro do seu presidente, un apicultor e comerciante que leva máis de dúas décadas vivindo e traballando nesta zona de Santiago. Durante a conversa, no Centro Sociocultural do Ensanche, Xosé Manuel Durán non para de saudar xente que pasa por diante do cristal. Nótase que Durán coñece ben o Ensanche e que está convencido dos beneficios que supón crear un espírito de barrio.

Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños Raigame, do Ensanche

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Está a piques de rematar 2018, ano no que accediches á presidencia da AA.VV. Raigame. Que destacarías destes doce meses?
Este primeiro ano foi para poñernos os deberes de, polo menos, cinco anos.

Ese é o tempo que dura o teu mandato?
Non, non. Aquí non imos por mandatos. Eu estarei até que haxa alguén que me releve, que esperemos que así sexa [ri]. Temos un programa que non depende das persoas. É o que consideramos que debería ser o camiño cara onde a asociación debería ir, os nosos obxectivos, independentemente de quen os leve adiante.

E que deberes son eses? Elaborastes unhas enquisas para saber cal era o sentir da veciñanza. Cal foi o resultado?
Si, despois do Nadal sentaremos a avaliala en profundidade. Queriamos saber cal era o sentir da xente, sen esquecer que a maioría silenciosa existe. Temos hábito de protestar por todo, pero á hora de plasmalo xa se reduce a participación. Pero tamén hai outra maneira de recoller información que é falar coa veciñanza. Non todo o mundo se pon a escribir, nin ten a habilidade nin sabe facelo online, sobre todo a xente maior. A conclusión á que chegamos é que o barrio necesita espertar o sentimento, valla a redundancia, de barrio. Máis aló do que son as eivas a nivel de tráfico, habitabilidade, urbanización… Necesitamos cultivar esa parte inmaterial que une a sociedade. Darlle vida ao barrio. Así nace o noso xornal Vivindo o Ensanche.

Iso é un obxectivo, digamos, global: crear sentimento de barrio. Que pasa, que non o hai?
Eu creo que non. Non sei se o houbo nalgún momento. Quizais barrios máis pequenos como as Casas de Ramírez si que o tiveron. Tiñan, por exemplo, o seu equipo de fútbol de rapaces, ou cando se creou a igrexa de San Fernando tamén houbo algún movemento que quixo facer algo a nivel parroquial pero nunca callou porque era unha sociedade peculiar.

En que sentido?
Pois agora se está vendo, por exemplo, cando hai que arranxar os edificios. Os propietarios non viven aquí, téñenos alugados, e cando queres rehabilitar unha fachada é complicado.

E como se pode espertar ese sentimento entón?
Pois hai que preguntarse: que hai no barrio que nos fai estar orgullosos de pertencer a el?

Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños Raigame, do Ensanche

«Non sei se consciente ou inconscientemente, pero é como unha castración da sociedade. É non valorar o noso patrimonio profano. Parece que só hai interese en conservar o sacro. Hai algo posterior ao nacemento de Rosalía tamén, que é que en Cornes estivo a primeira estación de ferrocarril de Galicia. E non hai nada, nin sequera «A Sariña» -a primeira locomotora- está aquí».

Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños Raigame, do Ensanche

«Pedimos o cambio de nome da praza, de Vigo pola de Rosalía de Castro. De calquera xeito, do que si está necesitado o Ensanche -sobre todo o pequeno comercio, que está en declive entre as salas comerciais, Amazon e todo o demais- é de reformularse».

De aí o nome da asociación, Raigame, que é xa unha declaración de intencións, non?
Efectivamente. Hai que ir ás raíces. Unha delas é o nacemento das Casas de Ramírez [o cruceiro que foi trasladado a San Fiz], pero hai outra moito máis importante e que ten moita máis transcendencia, que é o lugar de nacemento de Rosalía de Castro. Tamén é importante a vinculación con Conxo. E as vías de comunicación que se trazaron, como é Romero Donallo, ou o Paxonal en Pontepedriña, que representan unha separación drástica, semellante a un foso de crocodilos, neste caso de coches, que rompe o barrio.

No caso do lugar de nacemento de Rosalía, cal é a vosa proposta?
Querémolo poñer en valor. Non se coñece moito. Estaba na praza de Vigo. Como escribimos no artigo que se publica na revista, os británicos conservaron o lugar de nacemento de Shakespeare, os españois a duras penas conservan o solar da casa de Cervantes en Alcalá de Henares, cuxa casa houbo que reconstruír. E o noso é lugar de culto de coches, fixemos un aparcadoiro. Pasou tamén co edificio Castromil…

Ese documental tan bonito de Guerín que amosaba como era nos sesenta a praza de Galicia…
Non sei se consciente ou inconscientemente, pero é como unha castración da sociedade. É non valorar o noso patrimonio profano. Parece que só hai interese en conservar o sacro. Hai algo posterior ao nacemento de Rosalía tamén, que é que en Cornes estivo a primeira estación de ferrocarril de Galicia. E non hai nada, nin sequera «A Sariña» -a primeira locomotora- está aquí. Que foi desa parte industrial e como está relacionada co motor económico que supuxo o Camiño Novo e todo o que había nel, que coincide tamén co lugar de nacemento de Rosalía de Castro.

Que vos gustaría facer alí?
Imos falar co Real Padroado e o Consorcio para a realización dun monumento interactivo. Non imos sacar o parque infantil, pero podería ser algo infantil que permitira interactuar cun monumento dedicado a Rosalía, que conmemore iso. Pedimos o cambio de nome da praza, de Vigo pola de Rosalía de Castro. De calquera xeito, do que si está necesitado o Ensanche -sobre todo o pequeno comercio, que está en declive entre as salas comerciais, Amazon e todo o demais- é de reformularse.

Apréciase certo desánimo no comercio. Vense moitos baixos baleiros no Ensanche.
Nós cremos que o que hai detrás realmente é a falta de sentimento de barrio. Vivimos nun Estado onde non se vai nunca ás causas, non imos aos síntomas. E estamos convencidos diso que che dicía, que se consegues espertar ese sentimento de pertenza, todo o demais viría dado.

Como unha bóla de neve?
Si. A xente ten que ser consciente da importancia que ten ese pequeno comercio, do que sería unha cidade sen el. Podes responsabilizar o cliente, e non pasaría nada por dar un toque de atención. Pero eu penso que sería moito máis construtivo outro tipo de estratexias que pasarían por dinamizar culturalmente o barrio.

Aí enmárcanse as festas de «Vivindo o Ensanche» que celebrades en setembro ou o mercado Eco & Art.
Tamén nos gustaría facer un mercado relacionado coa ecoloxía e darlle un espazo aos labregos da comarca, para que participasen nel. Pero as cousas necesitan perseverar. Necesitas crear un hábito que non hai. Non podes facer unha actividade un día e outro día outra que non ten nada que ver, sen crear un fío condutor. Non se pode facer por facer ou encher un espazo baleiro. Hai que actuar con continuidade e que a xente se sinta partícipe, crear voluntariado, xente que estea disposta a facer cousas. É unha máxima que tamén se cumpre na natureza. As abellas entendérono moi ben. Creo que sen deixar de lado o individualismo, esa parte individual que todo ser humano ten, debemos ser conscientes do papel que xogamos na sociedade.

Como cal?
Hoxe paseas por Alfredo Brañas que ía ser destinado a un bulevar e ves seis baixos pechados con alugueiros prohibitivos onde queda en cuestión a idea comercial de rendibilidade que os propietarios teñen. Non hai ningunha lei económica que xustifique un comportamento así. Non hai nada que che diga que vas a gañar cartos se tes pechado o baixo. Podes baixarlle o prezo, adaptarte un pouquiño e ser flexíbel coas condicións. E mira as consecuencias. Agora non porque está iluminado polo Nadal, pero calquera día normal mira o efecto que ten para o comercio da rúa e para os propios veciños que haxa seis baixos escuros, pechados e sucios, co que supón de perda de valor para as propiedades.

«Hoxe paseas por Alfredo Brañas que ía ser destinado a un bulevar e ves seis baixos pechados con alugueiros prohibitivos onde queda en cuestión a idea comercial de rendibilidade que os propietarios teñen».

«Cando se perde a dimensión humana, tamén perdes ese apego ou sentimento de pertenza ao barrio».

«Non se pode facer por facer ou encher un espazo baleiro. Hai que actuar con continuidade e que a xente se sinta partícipe, crear voluntariado, xente que estea disposta a facer cousas. É unha máxima que tamén se cumpre na natureza. As abellas entendérono moi ben. Creo que sen deixar de lado o individualismo, esa parte individual que todo ser humano ten, debemos ser conscientes do papel que xogamos na sociedade».

Como se pode favorecer que se aluguen? É difícil, non?
Nós podemos propoñer cousas. Unha delas é que, polo menos, estean limpos. A nivel autonómico aprobáronse normas para animar a alugar pisos, pois habería que aprobar algunha que animara a alugar. Buscar algún tipo de incentivo económico. Non falo de penalización, non ten que vir pola vía impositiva.

Tamén presentastes dúas iniciativas ao «Con B de Barrio», que vos aceptaron. Xa están en desenvolvemento?
O programa acabou a mediados deste mes. Nesta zona do barrio: as Casas de Ramírez, Ramón Cabanillas, Fernando III… onde xa hai un dinamismo propio, este ano creáronse relacións entre comercio e hostalería para facernos visíbeis á cidadanía. Por exemplo, organizáronse pequenas charlas dos comercios nos barrios. É unha boa idea utilizalos como centro social onde a xente está disposta a ir. Todo iso, consegue dinamizar, crear actividades. Como cando hai algunha festa puntual como o Entroido ou San Xoán. Ves Conxo, O Castiñeiriño… barrios que tiveron conciencia de barrio no seu momento. Cando se perde a dimensión humana, tamén perdes ese apego ou sentimento de pertenza ao barrio, iso é o que temos que recuperar.

É que o Ensanche é a parte máis urbana de Santiago e semella algo desconectada das demais, é así?
Exactamente, é unha illa de cemento. Que se pode cultivar entre o cemento e o formigón? Pois as relacións humanas. Esa é a cuestión, que a xente se coñeza, que haxa zonas de convivencia onde se reúna. Hai dous eventos que queremos facer agora, un no lugar onde naceu Rosalía. O 24 de febreiro pensamos en crear un grande acto visual, en colaboración coa fundación Rosalía, Anxo Angueira, e co compromiso da concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, cos que nos reunimos. Queremos que todos os colexios da zona: Quiroga Palacios, Cluny… se involucren dalgunha maneira e que haxa unha lectura pública. Tamén convidar a todos os gaiteiros de Santiago a tocar a «Alborada» xuntos, igual que fai a Fundación Rosalía e que despois comparte nas redes. E outro evento, de cara á Ascensión, que queremos que se institucionalice, é o Compos Jazz Festival. Levar esas actuacións a varios puntos concretos do Ensanche. Hai outras zonas que quedan, como Conxo e Transparlamento, coas que tamén habería que buscar un nexo de conexión. E outra cousa que propuxemos foi crear unha pista de chave na Praza Roxa e unha liga entre todos os equipos da cidade.

Xa se fai, non?
Si, pero a través dos bares. Van xogar no Muíño do Lermo en Vista Alegre, no Casimiro en Vidán, no bar A Ponte na Rocha… Habería que facela pública, potenciala. Tamén iImos facer actividades todos os sábados na zona do Cruceiro, en relación co parque de Ramírez. A Asociación do Xogo Popular e Tradicional de Galicia xa comprometeu a súa participación para ensinar á xente.

A partir do ano que vén?
A partir de xaneiro, si. Xa o segundo sábado, se o tempo o permite, temos dúas carpas cedidas polo Concello e convidamos a todas as asociacións a facerse visíbeis aí. Unha das actividades sería xogar á chave. Crear esa liga interbarrios.

Pero sería un emprazamento de quita e pon, porque non hai onde facelo. Está aí o solar de Peleteiro. Algún avance nisto?
Temos o compromiso, para materializarse quizais antes de 2021.Queremos manter ese espazo aberto cara a República Arxentina e que se puidera cubrir dunha forma económica, non como a praza Roxa que se queres facer algo tes que alugar unha carpa. Queremos poder organizar actividades ao aire libre e non mollarnos, chegado o caso, cunha solución económica. E aí si que temos o compromiso de todo o tecido asociativo, e a propietaria do solar accedeu, para crear un grande espazo diáfano dentro onde se poidan organizar un outlet, unha exposición… Unha sala multiusos. Tamén un lugar para que ensaie o grupo de baile do Ensanche, que tampouco ten sitio. O grupo que creamos en colaboración con Loli Fojón de LoDanzas xa leva un mes de ensaios.

A pesar de humanizarse as rúas, o tráfico non dá tregua…
Eu espero a limitación a 30 km/h, que é algo que parece que xa ten rango de decreto a nivel estatal. Cando o tránsito de coches pasa dun número crítico determinado bota xente fóra. Perden os locais, pérdese o comercio… Iso si que habería que ordenalo dalgunha maneira. Nótase moito na carga de tráfico que ten Santiago de Chile. Son dúas eivas importantes. Eu creo que na axenda do próximo goberno municipal debería estar humanizar Santiago de Chile e o Hórreo e integrar todo ese grande espazo diante do Parlamento, no canto de illalo con aquelas concertinas que parece que ten. Hai un gran parque que se podería utilizar.

Isto xa está falado co Concello? Cal é o nivel de receptividade do actual Goberno municipal?
Isto todo forma parte dese recoller información para crear unha folla de ruta. Eu non tiven contacto con outras corporacións para comparar, pero por parte desta nunca houbo un non. O problema son os tempos. Pero a xente ten que tomar consciencia. A xente non lle di aos que gobernan o que queren que fagan. Por exemplo, o ano pasado vímolo, e xa viña de lonxe, cos cartos que se dedicaban ao alumeado do Ensanche e á zona Monumental. Aquí viven entre 30.000 e 40.000 persoas. Pedímoslle que, polo menos, investisen o mesmo e así o fixeron. Ou cando se humanizou a avenida de Vilagarcía, pedimos sacar da gaiola o monólito que conmemora o lugar de nacemento de Rosalía e non houbo inconveniente ou cando se pediu retirar os contedores dos pasos de cebra tampouco houbo problema. Iso si, tardouse tempo en actuar, igual que coas baldosas. Fixemos un censo das que estaban frouxas ou rotas, tardaron pero acabouse facendo, aínda que tivo que caer algunha persoa entre tanto. Pero cando falamos de dinamizar, cando pedimos permisos ou carpa para realizar determinadas actividades temos o apoio e compromiso.

Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños Raigame, do Ensanche

«Eu creo que na axenda do próximo goberno municipal debería estar humanizar Santiago de Chile e o Hórreo e integrar todo ese grande espazo diante do Parlamento, no canto de illalo con aquelas concertinas que parece que ten. Hai un gran parque que se podería utilizar».

«Temos a sensación de que todo o que está fóra da Améndoa pode esperar».

Entón, hai demora á hora de facer as cousas?
Temos a sensación de que todo o que está fóra da Améndoa pode esperar. Tamén percibo que por parte da cidadanía, asociación incluída, salvo casos concretos nunca houbo unha demanda do que nós queriamos que fora isto. Nós queremos servir de canle do que a xente quere facer, transmitirllo aos técnicos e as conclusións á administración. Non cruzarnos de brazos e esperar que sexa ela a que veña e solucione todo. O Ensanche sempre foi un pouco deixado, ninguén se molestou nunca. É a miña sensación.

Pódese dicir que o Ensanche é un barrio sen memoria…
E desidia dos gobernantes. Se paseas por Galicia é todo así, todo o patrimonio civil sempre foi deixado. Ti vas por calquera aldea e hai cruceiros, igrexas… pero e a primeira traída de augas, por exemplo? Vas ás Neves e non hai nada que recorde esas canalizacións, non aparece en ningures.

E neste contexto, neste barrio, como vive un apicultor?
Teño unha tenda de produtos ecolóxicos [A Cesta da Saúde]. Vouche dicir o que me dixo a miña muller nun momento dado. Ela é picheleira e creceu no Ensanche. A min, que me criei na aldea, fíxoseme costa arriba vivir aquí nun piso, pero aínda que fose só por sermos prácticos a muller díxome: «ti verás, aquí tes todo a man». Na aldea para calquera cousa tes que baixar á vila. Eu crieime en Pontevedra, pero no rural, e a miña xeración cando tivo fillos eran como taxistas. Isto ten unha parte de ecoloxía, non gastas en coche, tes todo a man, o colexio dos fillos, onde mercar… Podo estar laiándome toda a vida ou buscarlle o lado positivo. E si que o ten. Se poñemos na balanza, isto creceu como creceu. Como dixo Pablo Costa que deseñou este centro, creceu a cordel. E que poden dar o cemento e o formigón? As persoas. Ese é o noso tesouro e iso é o que temos que cultivar, as relacións entre todos nós, que é o que fai que sexa máis agradábel vivir aquí.

Tamén é actualidade en Coralia:

Sara Santos,
presidenta da Asociación Hostelería Compostela

«Os pisos turísticos estannos a facer moito dano»

Con arredor de seiscentos asociados a asociación Hostelería Compostela pelexa por saír adiante despois da época convulsa que a deixou endebedada e que obrigou a repensar a súa orientación. Hoxe, coa integración da restauración e a hostalaría, busca…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido