•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Xosé A. Sánchez Bugallo,
candidato á Alcaldía polo PSdeG-PSOE

«Compostela Aberta conformouse coa situación que atopou»

Xosé A. Sánchez Bugallo

150 150 CORALIA

Quen fora alcalde de Santiago de 1998 a 2011 polo PSdeG-PSOE volve encabezar a lista do seu partido, disposto a dar a batalla para arrebatarlle Raxoi a Compostela Aberta. Exultante trala vitoria de Sánchez nas eleccións Xerais, Bugallo (Teixeiro, 1954) afronta esta campaña con ambición e coa vista posta en volver gobernar Santiago os próximos catro anos.

«O que quero é ser alcalde de Santiago, non porque teña unha ambición persoal de selo, senón porque esta cidade leva oito anos perdidos. Non me gusta a situación na que está, e entendo que hai que sacar a cidade de aí. Santiago ten que recuperar o tempo perdido, gañar futuro e para iso precisa un proxecto claro, identificado coa cidade e ao servizo dela»

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografía de ALFREDO IGLESIAS

Volve candidatarse despois de 8 anos, cando perdeu as eleccións fronte a Conda Roa, agora cun escenario político totalmente distinto. Pensa que a vitoria de Sánchez se pode trasladar ao PSOE de Santiago?
É evidente que isto nos xera unha grande ilusión e nos dá un grande impulso. Non se pode trasladar mecanicamente o resultado dunhas eleccións a outras, pero indubidablemente dálle moita credibilidade ao noso proxecto. Todo o mundo sabe agora que un goberno municipal presidido por min en Santiago de Compostela é un goberno municipal que terá interlocutores afíns en Madrid. Iso é realmente importante cando temos diante un Ano Santo, como o de 2021, cando temos un Consorcio nunha situación moribunda que temos que revitalizar, recuperar o Real Padroado… Necesitamos por en marcha toda unha serie de iniciativas vinculadas á Administración central. Desde ese punto de vista, xúlgoo como positivo. Pero o fundamental é o compromiso e a confianza da cidadanía de Compostela.

Esta é a primeira vez que o PSOE gaña nunhas xerais en Santiago, tamén a primeira en 40 anos que perde o PP tanto a nivel municipal como autonómico. Como o valora?
Certamente é histórico. En 1982, naquela gran vitoria de Felipe González en España, en Santiago arrasou o PP. Foi un resultado inverso. Polo tanto, para nós é histórico e énchenos de satisfacción, como non podía ser doutra maneira.

Ademais cunhas municipais tan próximas.
É evidente, todos quererían ter un triunfo coma ese.

Dicía na presentación da candidatura que vostede non ten máis ambición que a de Santiago.
E é certo. O que quero é ser alcalde de Santiago, non porque teña unha ambición persoal de selo, senón porque esta cidade leva oito anos perdidos. Non me gusta a situación na que está, e entendo que hai que sacar a cidade de aí. Santiago ten que recuperar o tempo perdido, gañar futuro e para iso precisa un proxecto claro, identificado coa cidade e ao servizo dela.

Ese é o motivo polo que decide dar un paso adiante.
Ese é o motivo, si. Fun invitado a facelo e pareceume que non me podía negar a asumir esa responsabilidade e ese compromiso. Por suposto, daquela non sabía que ía haber a vitoria de Pedro Sánchez uns meses despois, porque esta decisión se tomou no mes de novembro.

Quen copiou o lema a quen? Ciudadanos ao PSOE de Santiago ou viceversa?
Non o sei, pero nós non fomos porque este lema xa o presentamos no mes de xaneiro. Levabamos dous meses con el e, de repente, Ciudadanos aparece co mesmo no mes de abril.

Da candidatura que presenta o PSOE ao Concello, e que integra distintas sensibilidades, que destacaría?
É unha candidatura de xente comprometida coa cidade, iso é o que salientaría, e a partir de aí é unha candidatura que combina moitos elementos diferentes, de diferentes sensibilidades si, pero non foi ese o criterio. O criterio esencial foi buscar xente con experiencia e xente nova. Imos catro persoas que forman parte da corporación actual ou o fixemos no pasado, polo tanto con experiencia municipal, e unha maioría que non a teñen. Persoas máis maiores canda máis novas, homes e mulleres de distintas especialidades profesionais. Polo tanto, o que se trata é de presentar unha candidatura moi ampla, na que o conxunto dos cidadáns se poidan sentir representados. Basicamente o que hai son persoas normais, comprometidas con Santiago.

«Imos catro persoas que forman parte da corporación actual ou o fixemos no pasado, polo tanto con experiencia municipal, e unha maioría que non a teñen. Persoas máis maiores canda máis novas, homes e mulleres de distintas especialidades profesionais. Polo tanto, o que se trata é de presentar unha candidatura moi ampla, na que o conxunto dos cidadáns se poidan sentir representados»

«Santiago ten que afrontar os retos que ten, 2021 e 2027, ten que definir un proxecto de cidade, que é o Santiago 20-30. Ningunha cidade nin empresa nin colectivo vai nunha dirección correcta se non se marca un norte e un obxectivo. Estes últimos oito anos foron sen rumbo, é verdade que tampouco se foi moi lonxe, pero sen rumbo ningún»

E cales son os elementos centrais do seu programa? Cales resaltaría?
Santiago ten que afrontar os retos que ten, 2021 e 2027, ten que definir un proxecto de cidade, que é o Santiago 20-30. Ningunha cidade nin empresa nin colectivo vai nunha dirección correcta se non se marca un norte e un obxectivo. Estes últimos oito anos foron sen rumbo, é verdade que tampouco se foi moi lonxe, pero sen rumbo ningún. Hai que afrontar asuntos que levan anos demorados: os contratos do transporte urbano que cae a cachos, unha limpeza e recollida de lixo completamente obsoleta cun contrato caducado hai catro anos… Non estamos preparados para afrontar o 2021 cuns servizos municipais nestas condicións. Unha policía desorganizada e en mínimos, un servizo de bombeiros igual. Non é só que Santiago perdera estes oito anos, é que en moitos servizos estamos hoxe nunha posición semellante á que estabamos hai 30 anos. Temos que recuperar o tempo perdido, definir o futuro e traballar para a cidade.

Non lle recoñece ningún acerto a Compostela Aberta nestes catro anos?
Eu creo que CA se conformou coa situación que atopou. Tivemos catro anos de desastre por parte do PP, e CA chega a un Concello roto e a unha cidade profundamente ferida e confórmase con quedar aí. Non foi capaz de ir máis aló. Tivo algún acerto? Home, si, eu creo que hai dúas cousas que fixo que me gustan, recuperar o Banquete de Conxo e poñer en marcha a campaña «Compostela en negro». Desde logo, eu tentarei conservalas, pero non me parecen suficientes. Por exemplo, a campaña de «Compostela en negro» como campaña de sensibilización é extraordinaria, pero cales son as medidas de apoio para as mulleres maltratadas? Nada. A prédica ben, pero o trigo non aparece. Esa é unha carencia importante. Despois, desde o punto de vista de execución orzamentaria, é un escándalo. A cidade ten menos recursos que noutras etapas como consecuencia da crise, pero o que non é normal é que o 75% do orzamento para investimentos quede sen gastar. As actuacións que se executaron en catro anos son as que se tiñan que ter executado cada ano. O ano pasado, de 25 millóns de euros que había para investir quedaron 19 sen facelo. Iso paréceme un déficit de xestión absolutamente brutal e inadmisible. Pero non é só investimento. Hai capítulos moi sensibles, de axudas sociais, de creación de emprego, de protección a persoas en risco de exclusión social ou de axuda á vivenda que quedaron porcentaxes do 50 e do 60% sen utilizar. Que os recursos son escasos xa o sabemos, e máis nesta época, pero que encima non se utilicen é que me parece unha deficiencia extraordinaria. Eu niso considero que é un goberno que non cumpriu as expectativas para a cidade.

E no que respecta ás remunicipalizacións, que opinión lle merecen? Está de acordo?
Eu co que estou de acordo é con que se presten os servizos do xeito máis adecuado para o conxunto da cidadanía. Iso require que, en cada caso, debe analizarse cal é a forma máis eficaz e máis razoable e máis barata de prestar un servizo que se financia cos recursos e impostos dos cidadáns. Os que se dedican a cubrir déficits de servizos non se poden destinar nin para axudas sociais, nin bolsas, nin educación, nin para arranxar os barrios. O único servizo municipalizado, non remunicipalizado porque nunca o foi, que é o da grúa e o da hora, nin creo que respondera ás preocupacións e expectativas dos cidadáns e era un servizo que non custaba un euro ás arcas municipais e que agora xera un déficit que debe ser cuberto. O Concello tivo que aprobar un bloqueo de 1,9 millóns de euros para cubrir os gastos dese servizo. Non me parece que sexa un servizo eficiente e que beneficie o conxunto da cidadanía, independentemente que comprendo que os traballadores do servizo estean encantados. Pero, no servizo que debe prevalecer? Os comprensibles intereses e aspiracións dos seus traballadores ou o servizo que lle prestan á cidadanía? Nós temos claro que o segundo, sen prexuízo que hai que protexer e blindar e garantir os dereitos dos traballadores.

CA está a centrar bastante en vostede a súa campaña electoral…
Bastante? Toda.

«A cidade ten menos recursos que noutras etapas como consecuencia da crise, pero o que non é normal é que o 75% do orzamento para investimentos quede sen gastar. As actuacións que se executaron en catro anos son as que se tiñan que ter executado cada ano. O ano pasado, de 25 millóns de euros que había para investir quedaron 19 sen facelo. Iso paréceme un déficit de xestión absolutamente brutal e inadmisible»

E denuncia que hai intereses electorais na paralización de asuntos como a recuperación do edificio Peleteiro, a Finca do Espiño ou o Plan Especial. O grupo municipal do PSOE tamén votou en contra dos orzamentos.
O grupo socialista apoiou a CA e facilitou aprobar os orzamentos nos anos 16, 17 e 18, en base a unha serie de acordos e actuacións que se ían realizar. Os investimentos de 2017 están sen facer. Das obras comprometidas no barrio de Vite por un importe de 1,2 millóns de euros non se fixo nada. Polo tanto, logo de subscribir un acordo para aprobar os orzamentos, cando chega o ano seguinte o que hai é que render contas de se cumprimos ou non. Está incumprido nun 80 ou 90%, polo tanto iso non serve de aval. Os cartos están sen gastar no banco. Parece lóxico que antes de pedir o aval para este ano se mobilicen e se cumpran os compromisos anteriores.

E nos outros casos?
O Plan Especial é unha mentira, non hai ningún Plan Especial que aprobar. CA leva 47 meses sen cumprir e agora trata de trasladar a imaxe de forma precipitada de que fixo algo. Non se someteu a aprobación plenaria ningún Plan Especial porque non o hai. Simplemente se pedía que o Concello facilitara a CA pedir un informe medioambiental. Iso pídese cun oficio do alcalde, non é necesario que vaia a ningún pleno. Para que se leva? Para transmitir a imaxe falsa e enganosa de que o hai. Nós nese treatriño non participamos. Unha das especialidades de CA é que é incapaz de resolver problemas e trata de buscar culpables que asuman a responsabilidade. A Finca do Espiño é un escándalo. Non é que non o votara o PSOE, ninguén apoiou iso. Hai un convenio entre un concello e unha empresa privada pola que esta compra unha finca, cédelle ao concello o 70% da superficie desa finca e entrégalle 3 millóns de euros para que rehabilite o palacete e para que acondicione a finca. A día de hoxe, que pasou? Nada. O palacete está sen rehabilitar, a finca sen acondicionar e supoño que os 2,8 millóns de euros que entregou a empresa están no banco. Non se fixo nada do que se tiña que facer e agora propoñemos unha modificación do plan para rebaixar a rendibilidade que tiña a empresa en base ao convenio e expropiarlle unha parte. E iso fágoo unilateralmente. A única interesada niso é á empresa, que levaría o Concello ao xulgado para reclamar a indemnización correspondente. E iso lévase sen ningún informe económico nin xurídico que apoie a actuación.

Faltou vontade de diálogo?
Pensan que os demais son tontos. Fomos incapaces de facer o que tiñamos que facer e agora buscamos responsables. E na operación Peleteiro, é un tema que se trae precipitadamente a un mes das eleccións.

«O Plan Especial é unha mentira, non hai ningún Plan Especial que aprobar. CA leva 47 meses sen cumprir e agora trata de trasladar a imaxe de forma precipitada de que fixo algo. Non se someteu a aprobación plenaria ningún Plan Especial porque non o hai. Simplemente se pedía que o Concello facilitara a CA pedir un informe medioambiental. Iso pídese cun oficio do alcalde, non é necesario que vaia a ningún pleno. Para que se leva? Para transmitir a imaxe falsa e enganosa de que o hai»

Neste caso si que hai acordo da veciñanza para levar a cabo o proxecto.
Eu non sei que pensan os 20.000 veciños do Ensanche. Só coñezo o que presenta o presidente da AA.VV. que non sei se pode arrogarse a representación de todos. O que si sabemos é que Peleteiro é o único espazo de oportunidade para reformar o Ensanche. A proposta que se nos presenta é para facer 155 pisos. No Ensanche hai 9.700 pisos dos que aproximadamente 2.500 figuran como baleiros. O problema do Ensanche non é facer 155 pisos máis. O problema dos pisos de protección oficial non é que vaian facer 31 pisos no Peleteiro cando o Concello, propietario de parcelas para facer vivenda protexida, non fixo ningún, nin no Castiñeiriño, nin en Volta do Castro nin en San Lázaro. Esas parcelas están baleiras. Algunhas criando herba e outras de aparcadoiro. Se as ten, estes 31 non van resolver o problema e as 124 vivendas libres que se van a facer a prezos de 400.000 euros tampouco o van facer nin a resolver o problema do Ensanche. Nós cremos que se necesita unha reflexión previa. Que é o mellor que se pode facer nese espazo de oportunidade que axude a revitalizar o Ensanche? Se chegamos á conclusión de que o único que se pode facer é esas vivendas conseguiremos mellorar a imaxe do entorno, algunhas dotacións, pero renunciamos a que exista un elemento dinamizador.

En que proxecto estaría pensando?
O compromiso que temos coa AA.VV. e coas asociacións de comerciantes, é constituír unha comisión mixta sobre este tema e en tres meses encargar un estudo de alternativas. Se chegamos á conclusión de que a única alternativa ou a menos mala é esa, pois apoiareina. Se chegamos á conclusión de que hai outras alternativas mellores estudarémolas. Pero a de CA é, por certo, a mellor para a SAREV porque iso non lle entraña ningún risco e fai caixa coa venda de pisos. É o único espazo de oportunidade que lle queda ao Ensanche, e antes de gastar o as queremos saber se non temos outra mellor opción. E este tema presentóusenos unha semana antes. Outros din que levan un ano e medio falándoo, con nós unha semana antes e no meu caso particular o xoves da semana anterior ao pleno.

Que resultado espera obter, que sería unha vitoria para os socialistas?
Para o PSOE unha vitoria é gañar as eleccións. Nós é ao que aspiramos. Facemos unha crítica de CA pola súa falta de xestión, porque Santiago xa non é unha referencia en nada. Érao en rehabilitación, en cultura, en vivenda protexida, en urbanismo… en multitude de materias era referencia internacional e hoxe xa non o é. As nosas propostas están orientadas a que a cidade, en poucos anos, volva ocupar unha posición de referencia en todos eses ámbitos.

No caso de non obter os apoios suficientes para gobernar en solitario, que pactos estarían dispostos a estudar no PSOE?
Nós temos un programa electoral e buscaremos todos os acordos posibles para sacar adiante eses proxectos. Non descartamos a priori ningún acordo sempre que vaia nesa dirección.

Ningunha liña vermella?
Falaremos con todo o mundo. As liñas vermellas vainas poñer cada un. Tradicionalmente non é o PSOE un partido de liñas vermellas.

Porque VOX non é factible que saque representación en Santiago, non?
Esa non é a información que temos. Algunhas enquisas sitúanos moi cerca de conseguir un representante. Agardamos que non o acaden. Nestas eleccións obtiveron un 4,8% dos votos. Está nun escenario que é posible. Non é un partido polo que sintamos a máis mínima simpatía, pero dende logo se entraran na corporación serían eles os que se definirían. Nós chegamos cun proxecto económico e de emprego, e buscaremos todos os apoios necesarios para sacar adiante Santiago. Non estamos contra ninguén, nin sequera contra Martiño Noriega. O que si creo é que non se cumpriron as expectativas que se depositaron nel, e el tamén o sabe.

«Os investimentos de 2017 están sen facer. Das obras comprometidas no barrio de Vite por un importe de 1,2 millóns de euros non se fixo nada. Polo tanto, logo de subscribir un acordo para aprobar os orzamentos, cando chega o ano seguinte o que hai é que render contas de se cumprimos ou non. Está incumprido nun 80 ou 90%, polo tanto iso non serve de aval»

«Nós chegamos cun proxecto económico e de emprego, e buscaremos todos os apoios necesarios para sacar adiante Santiago. Non estamos contra ninguén, nin sequera contra Martiño Noriega. O que si creo é que non se cumpriron as expectativas que se depositaron nel, e el tamén o sabe»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido