•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

24!

150 150 CORALIA

24!

«Defende o teu dereito a pensar, porque mesmo pensar de xeito erróneo é mellor que non pensar»
Hipatia de AleXandría

Olalla Diéguez Boó

Exeria
Deixádeme que vos fale dunha muller adiantada ao seu tempo en mente e espírito, unha muller valente que tivo
a coraxe de facer realidade o seu soño, a pesar
da dureza da súa aventura.
Fálovos de Exeria, a primeira muller galega que en pleno século IV realizou unha viaxe a Terra Santa que plasmou
con todo mimo de detalles a través duns relatos que deixaron constancia para a historia da súa peregrinaxe, a beleza
das paisaxes naturais que atravesou e as edificacións nas que se detivo. Sen sabelo, converteuse na primeira en escribir un libro de viaxes. Convídovos a que vos deixedes levar pola curiosidade, a mesma que a empuxou a ela (peregrina, viaxeira e escritora) a ser unha pioneira, e profundedes
na súa apaixonante historia. A nosa historia tamén.
Diana Nogueira

 

Aida Alonso

Isabel Barreto
Naceu en Pontevedra, mais trasladouse de nena ao Perú.
En 1595 embarcou nunha das naves que partiron cara
ás Illas Salomón baixo o mando do seu home,
ao cal substituíu como máxima autoridade á súa morte,
e converteuse así na primeira muller almirante
da historia da navegación.
O cronista Pedro Quirós acusouna de todo tipo
de crueldades, mais outros testemuños dan conta de que
o que acontecía é que tiña calidades consideradas impropias dunha muller: era estrita, forte e de voz grave. Despois desa expedición, emprendeu outras polos mesmos mares.
Todos os perfís biográficos de Barreto adoitan comezar contando de quen foi filla, de quen foi neta ou con quen casou. O certo é que descubriu illas e cruzou océanos perigosos: os de auga e tamén os intanxibles.
Berta Dávila

 

Ana Fernández

Isabel Zendal
Procedente do rural galego, ese teu apelido, variable a través do tempo, ten hoxe un z estraño, como estraña foi a túa aventura de vivir a entrega e o silenciamento da túa filantropía. Hoxe tamén existe un estraño hospital co teu nome e urxe recuperarte como entregada á causa da saúde para que ninguén que te atope fóra del pense que te chamas como algo construído máis por megalomanía que para auxilio real en tempos de pandemia. Nai e profesional da enfermería, valente, xenerosa e coidadora dos máis desafortunados, dedicaches á causa da prevención da varíola, abríndoa ata alén mar, gran parte dunha vida que debe ser coñecida, recoñecida e celebrada por toda a sociedade.
Helena Villar Janeiro

 

Luz Beloso

María, liberdade
A infancia da actriz María Casares, reflectida
nas súas memorias, viaxa de cheo a Galicia
da man do seu pai, Casares Quiroga, ministro Republicano.
Veu no ano 1922 ao mundo

coa consigna «prohibido prohibir».
Exiliada en Francia, levou as orixes con orgullo. En 1937, reencóntrase con elas fronte ao océano en Camaret, a Fisterra bretoa, compartíndoas
con Albert Camus. Podería ser o comezo
dunha novela romántica, pero é o punto de partida dunha historia real, contada con minuciosos detalles na correspondencia dos protagonistas. A dama da comédie française e do Teatro Popular Nacional non foi a única «destinataria»
das cartas de amor do Nobel. A súa vida foi
«puro teatro»: 101 montaxes teatrais, 19 filmes
e grandes premios. Brilla no ceo desde 1996.
A neta de Antonio

Natalia Lemos

Luz Pozo
A Luz da Mariña

Dolores Elvira Pozo Garza, Luz, naceu en 1922 en Ribadeo. En 1929 marchou a Viveiro. A Guerra Civil pasouna
en Lugo e Marrocos. Dúas mulleres foron decisivas
na súa formación: a tía paterna, que a introduciu
no coñecemento do galego, e súa nai, que alimentou
o AMOR pola poesía. A súa primeira publicación, Ánfora, veu «a luz» en 1949 e ao ano seguinte foi correspondente
da Real Academia Galega. En 1996 foi académica de número.
O legado, 14 libros de poesía en galego, 5 en castelán,
6 ensaios, 25 antoloxías e un himno arranxado por
Hernán Naval. Despois de publicar Ribadeo, Ribadeo e
Rosa tántrica, en 2019 chega o último traballo: Pazo de Tor.
Con 97 anos, a luz fíxose eterna.
Estíbaliz Veiga

 

Sol Paradise

A pensadora das ciencias exactas
De ascendencia alsaciana e valenciana,
María J. Wonenburger Planells naceu en Oleiros en 1927. Tras licenciarse en Madrid, foi a primeira matemática en obter en España unha bolsa Fulbright e doutorarse en Yale. Como investigadora e docente, desenvolveu unha carreira brillante nos EUA e Canadá, que a converteu nunha referente da álxebra.
En 1983 deixouno todo para vir á Coruña
e coidar da nai. Aquí era unha descoñecida, ata que uns estudantes a identificaron como a célebre matemática e chovéronlle as homenaxes. En 2007 creouse un premio co seu nome que distingue o traballo de científicas galegas relevantes, nomeárona socia de honra da
Real Sociedade Matemática Española e doutora honoris causa pola Universidade da Coruña.
Valeria Pereiras

Pirusca

Carmela Rodríguez López
Como todas as nenas, Carmela Rodríguez López tivo un soño. Pola súa cabeza pasaban
as mil e unha maneiras de ser feliz.
Nena de ollos grandes e sorriso infinito.
Cabelo encaracolado peiteado polos dedos
das pequenas fadas do veciño Courel.
A nena que se fixo muller quixo ser maga, maga da vida. A vida pola que pelexa día tras día.
Carmela é oncóloga e loitou por quen
lle dá vida a Coralia, loitou por nós, loitou
con nós, loitou por Alfredo. Así é ela,
a maga da investigación, o mellor agasallo
que un puido ter o día de Reis.
Dedicado a todas as investigadoras de Galicia, portadoras da LUZ, portadoras da VIDA.
Con moito amor.
Violeta López Iglesias

 

Lucía Cobo

Tecelá de ollos ao Universo
Begoña Vila Costas. Astrofísica
Se o cosmos é todo canto foi, é e será, ti, Begoña, abres as pálpebras
dos nosos ollos ao espazo-tempo. Os nosos novos ollos ao cosmos. Eses ollos son espellos hexagonais de 6,5 m e, como unha abella, ti cóidalos co frío que precisarán alá no espazo. Como unha araña os teces. Eses ollos son o telescopio espacial James Webb, o máis grande e complexo que se porá en órbita.
As sapiens nacemos curiosas, cos pés na horta e a cabeza nas estrelas.
Desde o teu Vigo natal, nunca o verbo mirar cobrou tantos matices. Mirarémonos desde o espazo porque estamos feitos das primeiras estrelas
que se abrazaron tras o Big Bang. De planetas que lles fan as beiras
a outros soles. Astros e vidas baixo sospeita.
Mirar a mirabilia. Somos as perplexas baixo a Vía Láctea. «E miraremos
as ondas», di a cantiga. Lévame contigo e co telescopio Webb,
e miraremos o que seremos, somos, fomos!

Estíbaliz Espinosa Río

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido