•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Arte en Carballo

150 150 CORALIA

Arte en Carballo

Redebuxando a paisaxe 

Redacción ROBER AMADO

Chamábase Cynthia Custuss. Gustáballe moito, tanto que ía polas paredes de toda a veciñanza escribindo «Cornbread ama a Cynthia». A el gustoulle o de Cornbread ‘pan de millo’ que lle puxera o cociñeiro do reformatorio ao que fora ata que o soltaron en setembro de 1967. Tiña catorce anos e era do norte de Filadelfia, e ata entón, cada vez que entraba no comedor preguntaba polo pan de millo que tantas lembranzas lle traía da súa avoa. Que fas aquí, Cornbread?, choutáballe o cociñeiro en canto podía. Pero a Darryl McCray gustoulle tanto que pensou que a mellor maneira de demostrarlle o seu amor a aquela moza era que todo o mundo o soubese. Moitos anos despois converteríase nunha corrente artística en todo o mundo grazas á mellora das técnicas, como a pintura por aerosol, e Cornbread chegaría, segundo conta a lenda, a pintar o avión no que ían os Jackson 5. Pero o graffiti comezou así. Por rebeldía. Por amor.

 

Helen | Elisa Capdevila
Fotografía | Turismo Carballo

Cando en Carballo dúas grandes mulleres pensaron en facer rebeldía nas paredes grises da vila pensaron que a mellor maneira era mostrando amor pola natureza. Foi en 2013 cun mural enorme feito de follas de carballo na Rúa do Sol. Paula Fraile e Roberta Venanzi creron que mellor era facelo no exterior do casco urbano. Se ía ser un comezo pequeno, que fora humilde e xeneroso. Co paso do tempo sería unha revolución que todos os anos xunta artistas de todo o globo para lle provocar un ‘stendhalazo’ a todo aquel que vaia visitar Carballo. A primavera énchese de cores e de actividades culturais que impregnan toda a vila. E todo comezou cun só debuxo feito mural a escasos metros do río que cruza a localidade.

Ao ano seguinte xa puido verse traballar artistas dos concellos veciños e de catro países do resto do mundo. E Paula incorporou na súa obra Psicodelia os vellos murais publicitarios así como as humidades dunha vella fachada da zona de Catro Portas (Rúa Baixa) coma se fora o seu sangue. E Roberta fixo da fachada traseira da estación de buses harmonía onde non a había, con figuras fluídas que percorren os poros da parede coma un viaxe a ningures (núm. 7 da rúa Pontevedra). Cores que van camiño da paranoia dentro dun cervo como as da artista xaponesa Elin Kawa que nese mesmo segundo ano fixo nunha das escolas históricas de Carballo, a de Pacita (na rúa Alfredo Brañas, 39). Ou o Amañecer de Laura Tova (rúa Vázquez de Parga, 116-126), feito nunha parede rugosa e sen branquear, poñendo no medio un oso branco e xogando coa simetría para falar do amor a cada día que empeza. Ou o canto da carballesa Alita á épica da creación bíblica do mundo en sete días, nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal (rúa Vila de Corcubión s/n). Ou a viaxe onírica que a artista india Samia Singh quixo dedicarlle á vila a través dos recordos dos veciños e as anécdotas que a ela lle contaban mentres pintaba o mural da Rúa Coruña.

Que as actividades artísticas que engloba a corrente Derrubando Muros, que inclúe o certame Rexenera Fest, teñen a intención de atraer a atención do respectable público é algo que non nos escapa. Pero Carballo é un deses lugares que, ás veces, é o centro do mundo, algo do que non somos capaces de caer na conta. En 1843 afundiuse nesta costa o RMS Solway. A perda foi tan grande que iniciou o proceso de xeración de sinais marítimas na costa galega e deu a coñecer ao mundo a perigosidade do noso mar. O mar, sempre o mar, que dá cheiro ata as pedras e silencia as mentes máis intensas, bríndanos o agasallo de praias perfectas para practicar o surf ou para gozar paseniño, mentres a area se nos mete entre as dedas. Por riba da praia de Razo situase o monte Neme, lugar perigoso convertido nunha paisaxe lunar cando na segunda guerra mundial foi o punto máis importante da extracción do volframio, que levou a provocar unha guerra diplomática entre os aliados e os nazis chegando a encher de espías a vila. 

A orixe | Mou
Fotografía | Turismo Carballo

Fina de Carballo | Yoseba MP
Fotografía | Turismo Carballo

Espello | Animalitoland
Fotografía | Turismo Carballo

Malia que Carballo tivo un plan urbanístico que foi un modelo que había que seguir nos anos 20, o afán construtivo desmedido dos anos 70 botou a perder moito do encanto que tiña esta poboación. Por iso botáronse a loitar contra o feísmo enchendo os espazos grises de cor. Agora, toda a vila é un museo ao aire libre. Tanto que as rutas fanse polas rúas ateigadas de tendas e restaurantes mentres un deixa pousar a vista nalgún mural, como podemos apreciar entrando na web do concello que recompila todas as obras e artistas que as compoñen. A primeira ruta podería saír do punto de información de Carballo, situado na unión das rúas Martín Herrera e Sol, para logo subir pola Rúa Jacinto Amigo Lera e ver dúas das obras do segundo ano -a feita por Samia Singh e a de Llorente e Fernández sobre Carapuchiña feroz-, antes de xirar pola Gran Vía e ver a incrible A Feira de Isabel Fernández, que se fixo con cerámica moldeada a man. Despois poderiamos percorrer a Rúa Gravador Manuel Facal, onde están as obras de Santi Picos e ATaracido, antes de xirarmos pola Rúa Vila de Negreira para quedar prendidos do bico de Natalia Rak (I missed you), do mural de O’ Mighelo sobre o circo da vida, e marabillarnos coa impresionante Fina de Carballo de Yoseba MP, antes de rematar nas follas de carballo do primeiro ano. Esta ruta comeza nun punto quente do que é difícil saír. No núm. 20 da rúa Martín Herrera está unha desas tabernas de toda a vida, a taberna O Mexillón, na que podemos dar boa conta duns berberechos cun viño branco fresquiño apoiados nun bocoi. Ou quedar atrapados nos pratos da viñoteca A de Pako (rúa Coruña, 12), cunhas racións de polbo á feira e navallas, ou sentarnos á mesa para degustar os peixes que só a Costa da Morte pode ofrecer. No núm. 12 da rúa Hórreo, preto da obra da artista Samia Singh, temos a tasca A Pedra onde as racións son moi boas e variadas, e cómpre prestarlles atención aos pratos que só se fan por encargo, coma a pescada rechea de gambas ou o bacallau con boroa e bacon, perfectos para os que visitamos con tempo a terra. As cousas boas, coma o caldo, levan horas.

A ruta do Chorís comeza na obra Sen título de Lidia Cao, que fala da infancia roubada nun mural inmenso cheo de intensidade, na Rúa Vila de Negreira. Despois deberemos xirar á esquerda pola Rúa da Vila de Ordes, e seguir a avenida de Bergantiños ata a Rúa Vila de Laxe. Artistas como Emi de las Heras ou Laura Tova firman obras nesta zona (onde abre as súas portas a recoñecida brasería Carballo). Logo de coller a Vila de Corcubión, continuaremos pola Rúa Muíño ata a avenida Bergantiños, onde aos pés dos depósitos de auga o ‘graffiteiro’ Spock fixo un dos seus obradoiros. Se antes de chegar o apetito pode con nós, na rúa Reus está unha das paradas gastronómicas obrigatorias da vila, o restaurante Pementa Rosa, na que paga a pena saborear a súa pescada do pincho con caldiño de nécora, ou probar o arroz negro con luriñas e alioli. Se ben todo o que vén do mar está bo, os mexillóns en escabeche con algas só poden cualificarse de manxar.

Carapuchiña feroz | Carlos Concheiro & Susana Llorente
Fotografía | Xulio Gil

Os Saltimbanquis de Emi de las Heras, feitos no segundo ano, recíbennos na ruta Rego da Balsa, xunto á Psicodelia da que falamos, de Paula Fraile, as dúas na Rúa Baixa. Preto da vella estación de buses, na Rúa Pontevedra temos unha concentración moi alta de obras de arte feitas nos diferentes anos, desde obradoiros e clases maxistrais ata obras escultóricas como a de Isaac Cordal. No núm. 8 da rúa Fábrica abre as súas portas o Mesón de Carmiña onde poderemos saborear unha excelente peza de carne. E, se seguimos pola Rúa Chile atoparémonos co impresionante mural de Isaac Mahow, que mestura as súas influencias dos contos infantís e o humor absurdo, da escultura e a animación, nesta imaxe do silencio no medio da treboada, e ao xirarmos cara á rúa Buenos Aires, atoparemos a Mon Lendoiro e o seu persoal camiño, e a Sabek e o seu mural inmenso cheo de cores, nunha clara alusión á intensidade do natural. E sempre poderemos tornar ao comezo da ruta e parar na Esmorga (Ponte da Pedra, núm. 18) e mesturar sabores únicos, probando os tacos mexicanos, os callos da avoa Chucha e o wok oriental de tenreira e shiitake nun local que leva dous anos facendo arte coas potas.

A ruta do Pazo da Cultura ten a maioría das obras concentradas no cadrado que forman as rúas Pan, Luís Calvo, Ponte e a avenida Cristina. Na Luís Calvo, ademais, sería boa idea facer unha parada técnica para probar un bo viño na viñoteca Anfora. Aquí agardan a obra inspirada polos cantís, baixíos e faros da Costa da Morte que fixo Millo, a figura humana do grupo italiano Jorit, a Petra Mater como representación das virtudes milagreiras desta terra chea de lendas feita polo arxentino Bosoletti, a forza animal da obra do artista chinés SATR, ou a deconstrución da arte clásica no mural máis grande feito ata o momento polas mans do dúo artístico valenciano Pichiavo; unha ruta que tamén se detén no pazo da cultura diante da Morriña, do arxentino Hyuro. Seguindo o camiño do río Anllóns, na rúa San Pedro temos a obra de Lula Goce, e máis cara ao sur, na rúa Alexandre Bóveda, as obras dos artistas Sekone e Curiot.

E a ruta A Milagrosa concentra case todas as súas obras preto do Fórum, onde pousan a súa arte nomes recoñecidos como o alemán Case Mclaim, os cataláns Saturno e Aryz, o portugués Bordalo II, o valenciano Dulk, a arxentina Milu Correch ou a galega Cristina Castro. Aquí tamén atoparemos a ‘catedral’ das costeletas, o restaurante Río Sil (Río Sil, núm. 43), que nos fai salivar con só pensar nos seus asados.
É Carballo un concello que posúe a beleza e a forza dos cabalos salvaxes, como se aprecia ao asomármonos ás súas furnas, uns túneles que teñen algo de suspiros melancólicos, ou ao sentir baixo os nosos pés a forza dun volcán en forma de augas termais —visitar o balneario de Carballo é sempre unha idea excelente— ou de férvedas, que teñen a súa propia ruta —entre as de Ramil-Rus e San Paio-Entrecruces. En Carballo os nosos sentidos van gozar dunha festa continua, dunha experiencia irrepetible, que só imos poder gozar aquí, nunha das capitais mundiais da arte mural e na capital galega da modernidade.

Sen título | PichiAvo
Fotografía | Turismo Carballo

Sen título | SATR
Fotografía | Turismo Carballo

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido