•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

A luz da artesanía

150 150 CORALIA

A luz da artesanía

Reportaxe Laura Ramos Cuba
Fotografías Martín Lagoa
Dirección artística Álex Regueiro
Editora de moda Lucía Yanina Antonella Cabrera

Ao contrario que a Penélope de Díaz Castro, Inés Rodríguez si fai ondear ao vento a tea dos nosos soños. E, dela, emana luz.

Chegada a noite cruzan a porta da casa e, xuntas, diríxense ao río. Entran na auga nácara do luar e, con coidado, apañan os feixes de liño que alí descansan. Como unha liturxia antiga, estenden na herba as fibras para as clarear á luz da lúa. Nove veces, con cadansúa noite e día, repetirán este rito as tecedeiras. Antigas alquimistas do tecido, esa segunda pel que nos abraza, transmiten este acervo de xeración en xeración. Así chegou o segredo ás mans de Inés Rodríguez, herdeira das meigas das teas de Allariz e hábil prestidixitadora. Entre os seus dedos recréase unha complexa historia de cores e fíos, unha que conversa coa maxia telúrica da tradición e evoluciona cara a novas formas e fitos.

Hoxe, no seu tear, Rodríguez espreme o potencial dos materiais de sempre e soña novas vidas para eles. Confía no potencial transformador da creación téxtil e, así, tece unha rede de luz, un novo material para vestir a arquitectura, un tecido co que alumear a noite.

Rir&Co é un obradoiro da marca Artesanía de Galicia, vinculado desde o seu inicio aos tecidos e aos procesos innovadores. O traballo de investigación de Inés Rodríguez levouna xa a colaborar con deseñadores de moda, con prestixiosos cociñeiros e a contar cun dos seus tecidos artesanais na Materioteca de Galicia.
As fibras son fundamentais nun tecido e tamén unha forma de diferenciarse nun sector tan tradicional coma este. Cando comecei buscaba a miña propia identidade, un xeito propio de facer tecidos, e o punto de partida foi un curso de Fundesarte sobre novos materiais aplicados á artesanía. Descubrín as novas posibilidades de xogar, investigar e fusionar esa tradición téxtil con novos materiais e formas para posicionar o meu traballo nun eido máis innovador, e despois busquei incorporar materiais máis sostibles.

Neste camiño chegou a crear o seu propio material, como no caso do tecido Vagalume e das mantas D-Leite.
Vagalume nace para resolver un medo nocturno da miña filla e fusionar os materiais innovadores cunha artesanía máis tradicional para crear novos usos. O resultado foi asombroso e o tecido funcionaba en campos como a iluminación, a escenografía ou a arquitectura.
As mantas D-leite están elaboradas con fibra de proteína láctea, que se empregaba en países coma o Xapón ou os Estados Unidos. A manta de bebé como produto respondía ás súas calidades de hipoalerxenia, coidado e suavidade, e o seu cheiro levoume á miña etapa de lactación materna. Foi unha decisión neuronal. Encantaríame que esta fibra se fabricase en Galicia e poder colaborar achegando o meu traballo de investigación.

No ano 2020 acadou o segundo Premio de Excelencia á Innovación para as Mulleres Rurais, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na área de Diversificación Empresarial. Nel destacábase o seu proxecto como outro modelo de innovación máis social.
No meu modelo de negocio a sostibilidade asociada aos valores propios da artesanía (traballo lento e ben feito, materiais nobres, pezas únicas) constitúe un piar fundamental. O respecto polos procesos tradicionais que mantemos nos tecidos fai que se manteñan vivos e non se perdan. A innovación vén da man do deseño e da forma de traballar. A innovación social está aí: poñer no centro as persoas –as que fixeron antes, principalmente mulleres que atesouraron a tradición– e deseñar pensando nas que consomen o noso produto, traballando desde unha economía creativa ligada ao territorio e á artesanía, dun xeito responsable co medio ambiente e co contorno no que nos atopamos, con ecodeseño e responsabilidade polo futuro. Este traballo xera valor cultural, social e turismo responsable.



 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido