A raíña de corazóns
Agatha Ruiz de la Prada
Cóntao para Coralia, nunha exclusiva conversa con Carla Royo-Villanova
Editora de moda Lucía Yanina Antonella Cabrera
«Sempre pensei que o meu papel no mundo da moda é a investigación, por iso fago traxes con rodas, traxes que dan a hora e traxes con paxaros voando arredor da cintura». Así falaba en 1998 Agatha Ruiz de la Prada ao presentar a súa colección El paraíso de las flores, e así continúa a entender esta polifacética deseñadora a súa arte. A raíña de corazóns da moda española move os marcos da industria e crea innovadoras texturas, formas e aromas no seu catálogo.
Na súa axenda, Galicia é cita ineludible como tempo e espazo de desafíos para a intuición e a paixón de Agatha: o xoieiro AGATHA e a vaixela AMOR de Sargadelos, as edicións limitadas da adega Mar de Frades, a participación na Ourense ICCWeek, o diálogo creativo con Adolfo Domínguez ou o desfile na ponte internacional de Tui para o VII IKFEM. Nada escapa ao xenio e á marca da artista, que transita nun seguro equilibrio as fronteiras da moda e a tecnoloxía, da cor e o futuro.
Galicia é un dos lugares máis civilizados de España, no que hai unha abundancia de intelixencia e iso sempre vén ben para calquera cousa
Tiven a sorte de coñecerte a comezos dos anos 90, cando cada xoves convidabas as túas amizades e a túa clientela a tomar unha copa na túa tenda da rúa Marqués de Riscal. Eu soñaba con que chegase esa reunión e que a miña nai me deixase acompañala. Como lembras aquela época na que pouca xente cría no teu talento?
O meu refrán favorito sempre foi «ande yo caliente, ríase la gente». Paseino tan ben naquela época, traballei tantísimo, que me lembro moi pouco dos que me criticaban.
Que che resultou o máis duro de superar?
Foi unha batalla constante abrir camiño naquelas épocas, pero xusto foi parte da marabilla do asunto, pelexar por algo no que crías.
Desde hai xa varios anos a túa empresa conta co maior número de licenzas de toda España e seguramente do mundo. Gardas un agarimo ou recordo especial a algunha delas?
Cada unha delas representa unha aventura e un pequeno romance para min. Sigo coa ilusión de deseñar novos obxectos e novas licenzas. Grazas a elas puiden retarme e redefinirme constantemente.
Agatha Ruiz de la Prada é sinónimo de alegría, de luz e de cor. Como eras de pequena?
Tiven unha infancia privilexiada na que respirei moita arte e moito amor polo estético. Grazas a iso puiden continuar por aquel carreiro sublimador e atopar a beleza en sitios infinitos.
Lembras onde estabas e os anos que tiñas cando debuxaches o teu primeiro deseño? Consérvalo?
Non o lembro.
Outra das calidades que te definen, e coñézote ben, é a tenacidade e a xenerosidade. Axudas coa túa presenza a todo o que podes, pero tampouco paras de traballar. Que che gusta facer cando tes tempo para descansar?
Ler e ordenar. Axúdanme a poñer orde en moitas outras cousas.
A Cósima e a Tristán recórdoos en Marqués de Riscal cuns traxes que lles deseñaches para a orquestra onde eles tocaban o violín. Xa desde nenos despuntaban como pequenos xenios. Agora formades un grande equipo profesional. Que é o que máis admiras deles?
Principalmente que son intelixentísimos, moito máis intelixentes ca min, e por riba tiven a sorte de que me saíron bos.
A conexión de Agatha Ruiz de la Prada con Galicia deu lugar a colaboracións espectaculares, como o xoieiro Agatha ou a vaixela Amor de Sargadelos. Que che suxire Galicia?
Galicia é un dos lugares máis civilizados de España, no que hai unha abundancia de intelixencia e iso sempre vén ben para calquera cousa.
Eu creo que o cambio que se produciu no mundo da moda a nivel tecnolóxico é imposible de reverter porque non cambiou a moda, senón que cambiou todo. Para min o que máis tarde chegou á tecnoloxía foi a moda, pero é imparable
A edición limitada de Mar de Frades by Agatha Ruiz de la Prada e Cósima Ramírez é outro exemplo das túas infinitas capacidades creativas. Que tipo de propostas che resultan máis atractivas a día de hoxe?
Todas as propostas nos divirten, canto máis inesperadas mellor.
Como xurdiu a idea de converterte en imaxe da campaña #YonosoyAdolfoDomínguez para Adolfo Domínguez en 2018?
Xurdiu grazas á brillantez de Adriana Domínguez, que soubo reinterpretar o espírito creativo do seu pai e darlle unha volta.
En Ourense, a terra de Domínguez, a moda é unha cuestión capital. Hai un tempo acudiches á chamada da capital galega da moda para falar de talento, industria e creatividade no Ourense ICC Week. Cal cres que é a clave do éxito da moda galega?
A clave do éxito dos galegos, como a de todos, está na súa capacidade de traballo e forza de vontade.
No verán de 2019 os teus deseños pasearon pola Ponte Internacional Tui – Valença do Minho dentro do IKFEM’19. Repetirías?
Eu estaría feliz de volver todas as veces que me conviden.
En máis dunha ocasión comentaches a túa conexión coa natureza e a gastronomía galega. É o Camiño de Santiago un proxecto pendente?
Xa é algo ao que me lanzara e recoméndoo a todo aquel interesado, non hai nada mellor para a cabeza que andar.
Entenderías o mundo da moda sen a innovación e a tecnoloxía?
Eu creo que o cambio que se produciu no mundo da moda a nivel tecnolóxico é imposible de reverter porque non cambiou a moda, senón que cambiou todo. Para min o que máis tarde chegou á tecnoloxía foi a moda, pero é imparable. A partir de agora, moi rapidamente, verase un salto xigantesco no que a tecnoloxía se vai implantar «ao tope» no mundo da moda, tanto en vender, como en producir, como en publicitarse, e non vai haber ninguén que o cambie. Ademais, isto é moi divertido!
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»