•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Rosario Sarmiento
Comisaria da exposición Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975

«Ser muller profesional artista no franquismo era unha entelequia»

Rosario Sarmiento

150 150 CORALIA

Montaxe de Territorios de intimidade. Cesión do Auditorio de Galicia.

«Síntome incapaz de abordar en pintura o descoñecido. O descoñecido carece de significado para min». Con esta cita, de María Victoria de la Fuente (Vigo, 1927-Madrid, 2009) arranca a exposición Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975. Porque diso trata esta mostra, de amosar o descoñecido para que deixe de selo. Neste caso, para rescatar do esquecemento ou mesmo do anonimato, as creacións máis persoais e menos difundidas de trece artistas mulleres, de la Fuente entre elas, a través de 70 das súas obras que aquí se recollen, entre pintura, debuxo e escultura, realizadas durante os anos negros da ditadura; un período que sacou a muller da esfera pública para relegala á condición prioritaria de esposa e nai. «Neste escenario asfixiante», afirma a comisaria da mostra Rosario Sarmiento, «se era complicado ser muller profesional, ser muller profesional artista nin che conto. Iso era realmente unha entelequia».

Rosario Sarmiento no acto de inauguración da exposición. Fotografía de Xurxo Lobato.

  • ACTUALIDADE

Reportaxe de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de XURXO LOBATO e AUDITORIO DE GALICIA

Producida polo Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, a mostra artéllase en cinco capítulos temáticos: «A esfera privada: a familia, o fogar», «A fabulación. O mundo onírico», «A realidade transformada. A arte como compromiso», «A muller e o traballo» e «Territorios de intimidade», este último sobre o que se asenta a exposición. «Nel inclúense tres artistas, que son Elena Fernández Gago (A Coruña, 1940-2011), Carmen Corredoyra (A Coruña, 1893-1970) e María Victoria de la Fuente, que traballan moi pechadas, neses espazos de intimidade. No caso de Corredoyra de carácter relixioso, no de de la Fuente e Gago nas súas casas, pintan o seu día a día», explica Sarmiento.

Con esta mostra, a súa comisaria afonda nun dos seus eidos de investigación recorrentes, o da elaboración do mapa histórico das artistas do século XX, no que leva traballando desde 1995 e que xa abordara en mostras como A arte inexistente ou Mulleres do silencio, amais de no documental Arte+muller+Galicia, que pode visionarse na mostra e que resultou galardoado pola Deputación da Coruña, dentro dos premios de Cultura e Igualdade Luísa Villalta. «Sempre me pareceu interesante traballar nestes anos do franquismo, porque eu vía que aí se estaba fraguando unha situación das artistas moi complexa. Dunha banda está o caso das que se exiliaron, como Maruja Mallo, e polo outro as que quedaron a vivir en Galicia, que inician aquí os seus traballos e algunhas rematan por marchar fóra a estudar, a formarse ou a vivir porque neste ambiente provinciano resultaba moi complicado».

«A mostra artéllase en cinco capítulos temáticos: «A esfera privada: a familia, o fogar», «A fabulación. O mundo onírico», «A realidade transformada. A arte como compromiso», «A muller e o traballo» e «Territorios de intimidade», este último sobre o que se asenta a exposición».

Inauguración da exposición. Fotografía de Xurxo Lobato.

«Dunha banda está o caso das que se exiliaron, como Maruja Mallo, e polo outro as que quedaron a vivir en Galicia, que inician aquí os seus traballos e algunhas rematan por marchar fóra a estudar, a formarse ou a vivir porque neste ambiente provinciano resultaba moi complicado».

Detalle da obra de Julia Minguillón. Cesión do Auditorio de Galicia.

«A muller na súa condición de esposa e nai pintada por Julia Minguillón (Lugo, 1906-Madrid, 1965) é o icono desta exposición que pode visitarse ata o próximo 3 de febreiro no Auditorio de Galicia».

Detalle da obra de Julia Minguillón. Cesión do Auditorio de Galicia.

Entre as que quedaron figuran as menos coñecidas. Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963), irmá de Camilo Díaz Baliño e tía de Isaac Díaz Pardo; Rosina Llamas Fole (A Coruña, 1941-1977) ou Gloria de Llano (A Coruña, 1915-1999) que, como explica Sarmiento, «quedaron máis metidas ou cerradas neste ambiente e dedícanse á formación doutras artistas -era a saída profesional que tiñan-, ou pregarse un pouco ás demandas dos gustos dunha sociedade, sobre todo nas primeiras décadas, realmente timorata». Sacar adiante esta exposición implicou documentarse a través de artigos de xornais da época e os poucos catálogos existentes nos que se recollen biografías estereotipadas ou entrevistas que lles fan nos anos 60 e 70 e que tamén de encontran na mostra. Moitas destas mulleres non formaron parte de ningunha exposición, nin individual nin colectiva, as obras non estaban nos catálogos e as que si, moitas non se sabía onde. Boa parte das obras expostas, como explica Sarmiento, estaban custodiadas en coleccións privadas e é a primeira vez que se poden ver. Outras proceden de institucións, galerías ou museos como o provincial de Pontevedra ou o municipal Quiñones de León de Vigo, da Academia Galega de Belas Artes, da Fundación Barrié, das coleccións do Concello da Coruña, do Parlamento de Galicia ou da colección de arte Francisco Fernández del Riego, de galerías como Arboreda… «A maioría de obras que se expoñen pertencen a un coleccionista particular que as tiña gardadas, como puido telas tirado ao lixo. Por circunstancias da vida, deron con xente con certa sensibilidade e cariño cara as cousas antigas e non se tiraron, pero outros poderían telo feito. Despois, coma no caso de Gloria de Llano a familia ten a obra, pero hai moitísimas cousas que están esparexidas, e tampouco moi valoradas. Foi complicado dar con elas», afirma Sarmiento.

Inauguración da exposición. Fotografía de Xurxo Lobato.

«As porcentaxes de formación da escola de Belas de Pontevedra son dun 70% mulleres e un 30% de homes todos os cursos. Esas cifras invértense no momento en que falamos de mercados, de exposicións, de coleccións, etc. Por que segue pasando? Porque hai poucas artistas que teñan a posibilidade de chegar a onde se 'corta o bacallau».

Inauguración da exposición. Fotografía de Xurxo Lobato.

Reescribir a historia destas mulleres e investigala a fondo é unha tarefa que segue pendente. «Estamos aínda nos inicios», recoñece Sarmiento, «queda moitísimo por facer. Decateime de que 20 anos despois desas dúas exposicións (A arte inexistente e Mulleres do silencio), a situación é exactamente igual. Artistas fantásticas que ninguén se preocupou de incluílas desde entón nunha exposición. Iso levoume a buscar datos e están aí. As porcentaxes de formación da escola de Belas de Pontevedra son dun 70% mulleres e un 30% de homes todos os cursos. Esas cifras invértense no momento en que falamos de mercados, de exposicións, de coleccións, etc. Por que segue pasando? Porque hai poucas artistas que teñan a posibilidade de chegar a onde se ‘corta o bacallau’: ás programacións das galerías, museos, exposicións individuais ou colectivas e ás coleccións. Que porcentaxe de mulleres artistas hai nas coleccións? Un 15-20%. Proxectos coma este, canto máis nos retrotraiamos na historia, menos se atopa nos catálogos».

A muller na súa condición de esposa e nai pintada por Julia Minguillón (Lugo, 1906-Madrid, 1965) é o icono desta exposición que pode visitarse ata o próximo 3 de febreiro no Auditorio de Galicia. Os interiores pechados e asfixiantes de Carmen Corredoyra, o mundo da muller rural de Galicia que pinta María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988), as visións oníricas de Lolita Díaz Baliño, a abstracción nos casos de Beatriz Rey (A Coruña, 1940) ou Fina Mantiñán (A Coruña, 1932) ou a escultura de Elena Colmeiro (Silleda, 1932) son outras das pinceladas dunha mostra necesaria, que axusta contas coa historia da arte recente e oficial de Galicia situando as súas protagonistas no lugar que merecen.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido