Alejandro Blanco
«Sempre puxen sobre a mesa a miña paixón polo deporte»
Entrevista de Noelia Lage
Naceu en Ourense pero o seu camiño levouno primeiro a Santiago, logo a Valladolid e máis tarde a Madrid. Na súa viaxe vital sempre carrexou consigo unha forte paixón polo deporte, paixón que está presente tanto na súa vida persoal como na súa profesión. Licenciado en Ciencias Físicas, dedicouse de cheo ao judo desde moi novo, chegando a converterse primeiro en presidente da Federación de Castela e León e da Española despois. Desde 2005, e tras varias reeleccións, está á fronte do Comité Olímpico Español. Hoxe, con motivo do recoñecemento que lle brinda a súa cidade natal, Ourense, achegámonos un chisco máis a Alejandro Blanco.
Acabas de recibir o premio Ourensanía 2021. Que significa para ti un recoñecemento así vindo do teu lugar de orixe?
É un grande honor para min, pois é un recoñecemento que vén da cidade na que nacín, na que naceron os meus pais e mais o meu irmán. É ademais unha cidade na que vivín moito tempo e que está nun lugar do máis destacado dentro do meu corazón. Recibir este premio é un grande orgullo e por iso quero darlle as grazas ao Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e ao xurado.
Teño entendido que virás a Ourense para recoller o premio. Que é o primeiro que farás cando chegues á cidade?
Primeiro irei á miña casa, chamarei aos meus amigos e á miña familia para desfrutar dunha boa conversa e dun encontro antes de recibir o premio, xa que se trata dun recoñecemento a toda unha traxectoria na cal a miña familia foi unha parte moi importante.
Levas moito tempo fóra; como se consegue mitigar a morriña? Que é o que máis botas de menos de Ourense?
Saín de Ourense no ano 1967 para estudar en Santiago e despois en Valladolid e máis tarde en Madrid. É verdade que levo moito tempo fóra de Ourense, pero non é menos certo que vou todas as veces que podo e non esquecín o contacto coa cidade e coa xente con quen compartía excepcionais momentos na miña xuventude. Polo tanto esa morriña téñoa moi mitigada porque nunca deixei de ir a Ourense.
A túa carreira sempre estivo moi vencellada ao judo. Como foron os teus inicios neste deporte?
Empecei judo en Valladolid cando tiña 21 anos porque vira nos xogos olímpicos este deporte e gustábame. Non tiven a oportunidade de inicialo en Ourense porque naquel entón non o había, pero desde a primeira vez que o practiquei atraeume e forma parte non só da miña educación senón tamén da miña profesión, porque montei un ximnasio en Valladolid e estiven moitos anos ligado ao judo. En certo modo continúo ligado a el, non dunha forma tan activa pero si seguindo este deporte e mantendo o contacto tanto cos seus dirixentes nacionais como cos deportistas que forman a selección española.
Ademais do judo, practicabas algún outro deporte cando eras mozo? E agora na actualidade?
Practiquei fútbol durante moito tempo, en Ourense era ao que xogaba todas as fins de semana. Tamén o practiquei en Santiago e o primeiro ano en Valladolid no equipo da facultade de Ciencias. Despois, por cuestións da vida, cambiei o fútbol polo judo pero recordo con moito cariño a miña etapa como xogador dese deporte.
Como presidente do COE desde 2005, es un referente da xestión deportiva en toda España. Cal é o segredo para acadar ese éxito profesional?
Ao longo da miña traxectoria sempre puxen sobre a mesa a miña paixón polo deporte e sobre todo a miña verdadeira preocupación que é atender os deportistas e intentar axudarlles para que, ao lado do desenvolvemento deportivo, teñan unha formación académica que lles permita afrontar a gran competición que é a vida. Tiven a gran sorte de ser elixido en vinte e tres eleccións diferentes e creo que se debe máis ao cariño da xente e ao seu apoio.
Así mesmo o presidente do COI, Thomas Bach, recoñeceu o teu traballo á cabeza do COE. Como viviches ese momento?
Co Presidente do Comité Olímpico Internacional teño unha relación extraordinaria de antes de que el estivese no cargo, e non o definiría como unha relación de amizade senón como unha irmandade. Agradezo moitísimo os comentarios que continuamente fai da miña persoa e da miña xestión, pero para min o máis importante é estar ao seu lado e apoialo a través do Comité Olímpico Español no excepcional traballo que está facendo o COI.
«Polo tanto esa morriña téñoa moi mitigada porque nunca deixei de ir a Ourense»
A finalidade do COE é implantar a filosofía do Olimpismo. Como definirías tal filosofía?
Necesitariamos moito tempo para poder definir a filosofía do Olimpismo, pero o máis importante é o respecto, a non discriminación e buscar o beneficio a través do traballo en equipo, construíndo unha sociedade onde primen os valores.
Podemos aplicar esta filosofía á nosa vida diaria?
Claro, os valores do deportista para poder conseguir o éxito son os mesmos que ten calquera persoa cun obxectivo que quere alcanzar. Nada se consegue sen sacrificio, sen respecto cara aos demais e sen dedicar as 24 horas do día.
Estes últimos xogos olímpicos foron sen dúbida un reto debido á pandemia. Como se afrontan unhas condicións tan excepcionais?
Foron un gran reto que se superou cunha nota altísima tanto na organización perfecta por parte do Xapón como nos resultados do deporte español, que mantivo o mesmo número de medallas que nos dous ciclos de Londres e Río. Manter ese nivel nunhas condicións tan excepcionais cando España foi un dos países máis afectados pola pandemia ten un valor engadido.
Botando un ollo ao pasado, como analizas agora a eliminación da candidatura Madrid 2020? Volveremos ver unha candidatura de Madrid nun futuro próximo?
Non teño ningunha dúbida de que Madrid debe ser sede duns xogos olímpicos e que ese soño non se debe perder. A candidatura do 2020, a que gañou Tokyo, perdémola defendendo un modelo de xogo diferente a todo o que se facía, un modelo que despois estableceu o COI na axenda 2020. Non nos deron os votos pero si a razón e nesa forma de entender o deporte Madrid é a mellor cidade do mundo.
Que consello lle darías a un rapaz ou rapaza que queira dedicarse profesionalmente ao deporte en España?
O consello que lle daría é moi sinxelo. Primeiro que estea moi seguro de que se quere dedicar ao deporte, moi seguro. Segundo, que se marque un obxectivo e, cando o marque, que dedique as 24 horas do día a alcanzalo pero sen esquecer a súa formación máis alá do deporte. En España temos os mellores deportistas do mundo pero tamén hai que axudalos a que se formen noutras profesións para que ao deixar o deporte a vida sexa moito máis fácil. Niso somos un exemplo, pois estamos axudando a máis de 500 deportistas na súa formación.
Que comida galega botas máis de menos?
Sen dúbida a tenreira de Galicia.
Un recuncho de Ourense perfecto para desconectar?
Un paseo á beira do Miño.
Un libro que te marcou de forma positiva?
Foi a primeira vez que tiven nas miñas mans un tratado de física cuántica. Para min era como falar doutra vida.
Unha viaxe que teñas pendente?
A viaxe pendente, e que xa anulei dúas veces, é á India.
Prefires deportes de equipo ou individuais?
Gústanme os dous e creo que tanto uns como os outros se afrontan como un equipo.
Que deporte recomendarías a alguén que busque deixar a vida sedentaria?
Aqueles deportes en contacto coa natureza como camiñar, correr, bicicleta, sendeirismo…
Un hábito ou manía que non falta na túa rutina diaria?
Non falta practicar deporte. As horas que lle dedico van en función do traballo,
pero o deporte é algo diario.
Algún hobby fóra do deporte?
En canto teño tempo libre gústame ler, sobre todo temas relacionados co deporte.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»