Artista polifacético de longa e prolífica traxectoria, Costa é un dos máis respectados creadores galegos, representando a súa obra compostelá un valiosísimo tesouro para a capital galega.
A súa singular visión do mundo, do ser humano e da existencia tradúcese nunha obra admirada en todo o mundo, que a Deputación da Coruña recolleu na oitava biografía da colección Grandes Pintores.
Na súa vida e na súa obra hai un diálogo permanente entre a luz e as cores do Mediterráneo, e a melancolía e nebulosidades do Atlántico. Unha viaxe vital e creativa que deu forma a un mundo novo no que cohabitan en harmonía pintura, debuxo, gravado, murais e deseño. Este é o fermoso mundo de Alfonso Costa.

«Cando estou no estudo preparando unha exposición percibo que hai cadros que se queixan de que non os levei aínda a Venecia, a París ou a algures. Para unha retrospectiva ou para unha antolóxica como a que organizou a Universidade de Santiago sempre escolles pezas que te definen como artista. E hai pezas que quedan no estudo esperando meses ou anos o seu momento de ver mundo»
CULTURA
A paixón pola arte levoute a Barcelona cando só tiñas dezaseis anos. Que importancia tivo aquel feito a curto e longo prazo?
Era a primeira vez que saía de Noia. Estivera na Coruña e en Santiago, pero nunca antes abandonara Galicia. Foi unha viaxe chea de ilusión, pero tamén penosa. O Xangai, o tren que me levou a Barcelona, tardou corenta horas en chegar, e eu nin sabía onde podía meter a maleta, unha maleta á que miña nai lle fixera unha funda de cartón coas miñas iniciais. Ía con medo, porque non coñecía a ninguén alí. Foron uns comezos moi difíciles, traballando arreo para outros pintores, de aprendiz, facendo recados e agardando a miña oportunidade. Había días que non comía, xa que gañaba oitocentas pesetas, das que pagaba seiscentas de pensión. Moitas noites a tristura empurrábame a deixalo todo e regresar a Noia, pero quedei para loitar polo que máis desexaba: ser artista. Permanecer alí foi unha decisión complicada. Pasei moitos anos de dificultades ata que no setenta empecei a traballar cun italiano, un romántico da arte, facendo debuxos e letras. Daquela a Fundación March concédeme unha bolsa para ir a Florencia e, arriscándoo todo pola pintura, marchei a Italia. Foi á volta, cando a galería Trece de Barcelona me invitou a participar nunha exposición colectiva con outros pintores xa moi coñecidos. Da súa man, empecei a expoñer por todo o mundo: Basilea, París, Nova York… E ese foi o momento da miña entrada no mundo da arte, que contou afortunadamente co aprecio da crítica.
A túa obra é protagonista da oitava biografía da colección Grandes Pintores, que significa para ti ese recoñecemento?
Fíxome unha ilusión tremenda que a Deputación da Coruña me incluíra nesta selección de grandes artistas, xunto a Díaz Pardo, Seoane e outros creadores moi bos. Ánxeles Penas e Eva Veiga son dúas grandes escritoras que me coñecen moi ben e fixérono un libro magnífico. Esta biografía pon en valor toda a miña obra desde o principio dos tempos, facendo fincapé nas miñas épocas como cartelista, gravador, debuxante, escultor e pintor. Para min foi unha verdadeira honra.
Como inflúe o discorrer do tempo na relación entre autor e obra?
O paso do tempo fai que un cadro sexa bo ou malo. De feito, cando estou no estudo preparando unha exposición percibo que hai cadros que se queixan de que non os levei aínda a Venecia, a París ou a algures. Para unha retrospectiva ou para unha antolóxica como a que organizou a Universidade de Santiago sempre escolles pezas que te definen como artista. E hai pezas que quedan no estudo esperando meses ou anos o seu momento de ver mundo.
Vives en distintas cidades, como inflúen as cores, olores, costumes de cada lugar na túa obra?
Inflúen moito. É algo que a crítica sempre resaltou. Aínda residindo en Cataluña, dentro da miña pintura percibíase un aire galego, as nosas brétemas. Todas as nostalxias e os recordos de Galicia estaban presentes na miña obra como o están as claridades e as cores do Mediterráneo. Barcelona é unha cidade aberta e esa presenza da luz é moi importante á hora de expresarse nun lenzo.
En Compostela hai obra de Alfonso Costa en diferentes organismos oficiais pero, que representa Compostela para ti?
Desde Barcelona, Compostela semellaba ser unha cidade mítica! Téñolle dedicado máis de cincuenta gravados; tamén motivou unha exposición de pintura na Galería Torques. Andados os anos, o alcalde Xerardo Estévez encargounos a Salvador García-Bodaño e a min crear o agasallo oficial do Concello de Santiago: os cadernos Tempo de Compostela e Compostela, cuxo número cero se entregou ao rei ou ao papa.
Son o Mediterráneo e mailo Atlántico complementarios?
Si, son dous mundos que se poden unir. A cor e as brumas xunto coa nostalxia están moi vivas na miña pintura. A min gústame insinuar a súa presenza, porque a obra termínaa a persoa que está diante, admirándoa, e proxectando o seu mundo dentro dese lenzo ou dese debuxo.
Onde viven as musas de Alfonso Costa?
As musas son variadas e chegan cando menos as esperas, pero como dicía Picasso, hai que estar no estudo agardando que te visiten. Hai días que te levantas ou vas ao estudo e te atopas baleiro. Outros días estás soñando e empezas a ver cousas que trasladas ao lenzo. De feito, antigamente eu soñaba en branco e negro, e agora soño en cor. Tamén me inspiran as musas dos museos e a obra dos grandes artistas que me fornecen ideas para seguir traballando e alcanzar novos éxitos.
A poesía e a música acompáñante permanentemente. Como inflúen na túa vida e no teu traballo?
A música e máis eu temos unha relación moi íntima. Paco de Lucía, a quen coñecín cando deu o seu primeiro concerto en Barcelona, encheu moitas horas de soidade no estudo, que é cando a túa cabeza empeza a dar voltas e te enfrontas ao lenzo. E coa poesía e os poetas manteño unha relación excelente. Ler poesía é como abrir unha porta para que te ilumine unha luz potente. Sempre me influíu e inspirou. Aínda colaboro co grupo Ouriol, proxectando imaxes e pintando en directo por todo o mundo, e teño feito moitas carpetas de gravados dedicadas a poetas como Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro.
O perigo da arte é quedarse nas cousas bonitas?
A arte é un enigma. As cousas bonitas acábanse pronto, evapóranse e dilúense; por iso, ás veces prefiro que o cadro impresione, que che dea un golpe no peito e che diga aquí estou. A pintura ten que nacer dentro dun mesmo e ser plasmada sen medo. O que non podes facer é pintar o que quere a xente, porque terías que pintar en millóns de estilos distintos. O estilo que un vai conformar ao longo da súa vida é un camiño, un camiño que as veces se pecha. Agardar a que o camiño se desbloquee é difícil cando o que queres é ver terminado o cadro.

«A pintura ten que nacer dentro dun mesmo e ser plasmada sen medo. O que non podes facer é pintar o que quere a xente, porque terías que pintar en millóns de estilos distintos. O estilo que un vai conformar ao longo da súa vida é un camiño, un camiño que as veces se pecha. Agardar a que o camiño se desbloquee é difícil cando o que queres é ver terminado o cadro»
E en que está a traballar Alfonso Costa neste momento?
Estou entrando nova etapa de abstracción case aérea, cuxas primeiras obras xa presentamos na Feira de Arte Contemporáneo. Tamén vou intervir o Museo Zabaleta de Xaén con pintura en directo, por mor do centenario do crítico de arte Cesáreo Rodríguez-Aguilera, un dos meus descubridores. É unha aventura nova que teño moitas gañas de facer realidade. Eu gozo moito diante dunha tea e cores, xa que só vexo o que desexo descubrir.
Budiño
O mestre do vento
Sara Navarro
SCQ-MAD con Nieves Rodríguez
Olga Prieto
A fermosura imperfecta
Agatha Ruiz de la Prada
SCQ-NYC