•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

As Mil e unha Noites

150 150 CORALIA

As Mil e unha Noites

de PABLO MÉNDEZ PERFORMANCES

Texto de Pancho Tristán
Ilustración Luz Beloso

Setembro de 2017. Arabia Saudita. Unha lexión de máis de 40 artistas e técnicos acaba de chegar desde Pontevedra para inzar de fantasía as celebracións populares do Día Nacional Saudita. A compañía chámase Pablo Méndez Performances. Fan espectáculos de gran formato nos que mesturan as linguaxes do circo, do teatro, da música, da danza ou dos monicreques. No mapamundi das súas xiras reúnen nomes de cidades de catro continentes.

Na súa casa, en Pontevedra, é onde comeza todo, pois alí debullan as fantasías para crearen os mundos que contarán nos seus espectáculos. Logo traballan con ferreiros de Vigo, con enxeñeiras galegas, con electricistas de Bielorrusia… E constrúen pértegas imposibles nas que verás bailarinas abaneando no ceo. É o mundo de Pablo Méndez Performances e esta é a súa historia.

O catálogo completo de Pablo Méndez Performances é unha suma de creacións, de números artísticos, de espectáculos diferentes que a compañía adapta para cada actuación. Traballan con eles coma quen move as pezas dun crebacabezas. Fan unha presentación a medida para cada cliente en función do espazo, do orzamento, do que queira contar, do que busque.

«Facemos unha proposta para cada espectáculo, pero o noso obxectivo sempre é o mesmo: abraiar o público», afirma Pablo Méndez nunha mañá de luns desde a nave das aforas de Pontevedra, onde sempre comeza cada un dos seus proxectos. Nesa nave da compañía en Montecelo, na saída da cidade cara a Ourense, agóchase todo o traballo da compañía: o equipo administra a empresa, deseña cada actuación, reúnese e ensaia, estuda cun rigor extremo as condicións de seguridade de cada número… Con todo, non son os primeiros veciños en teren un oficio peculiar. Preto de alí, non moi lonxe do lugar de Lérez, tamén en Pontevedra, o mítico Barrigaverde (1886-1970) chegara a principios do século XX para facer algo moi parecido: inzar de ilusión as festas populares de Galicia.

Pablo Méndez Performances traballa para o mundo. En 2017 desprazouse ata Arabia Saudita para un espectáculo que se prolongou durante case seis meses, ata xaneiro de 2018, e que requiriu un grande esforzo para representar todos os números do seu catálogo. No Aeroporto Internacional Rei Fahd de Al Kobhar, á beira do golfo Pérsico, un avión da coroa saudita renunciou aos seus asentos para poder transportar un mundo de paxaros inertes e enormes, estruturas de madeira en forma de ave que a compañía pontevedresa emprega nalgúns dos seus espectáculos.
A maxia das súas escenas encanta todo o seu público, independentemente da súa localización.

En 2019, Pablo Méndez Performances chegou a facer 420 bolos cos seus espectáculos. Agora estamos en 2021 e vivimos tempos complicados, tempos de xestionar o trebón e preparar o futuro. A empresa está analizando a posibilidade de abrir unha oficina en Madrid para explorar novos mercados. Pero ten claro que o seu sitio está en Galicia: «Eu sempre quixen ir comer á casa dos meus pais os domingos», sostén Méndez.

Nesa nave de Montecelo, rodeados de disfraces, descendentes do loro Ravachol, atrezzo variado e novos proxectos, mantemos a nosa conversa con Pablo Méndez. De cando en cando, deixa esvarar as anécdotas da compañía. Coma cando nos seus comezos «volvía tolo» o encargado da ferraxería de Sanjurjo Badía, en Vigo, buscando materiais para os seus primeiros espectáculos. Ou coma a de México DF, durante o espectáculo da xira latinoamericana do moi celebrado produtor musical e DJ hispano-dominicano Juan Magán. Actuaron durante meses en estadios cheos.
E aquela noite, no DF, ao final do concerto, alguén petou na porta do camerino de Pablo Méndez. E entón entrou: «Hola, soy Enrique». Méndez cóntao e esboza un sorriso: «Era Enrique Iglesias».

Pero todo comeza moito antes diso, en Rubiós, unha aldea das Neves (Pontevedra) na que naceu Pablo Méndez en 1979. E alí está a Banda de Música de Rubiós, onde aprendeu a tocar o saxofón sendo neno. E a partir de aí foi entrando no mundo do espectáculo, e xa nunca o deixou. Comezou a bailar en discotecas e en programas de televisión coma Luar. E entón tivo a idea de comezar a construír atrezzos para facer eventos naquelas discotecas dos anos noventa de Galicia, que sempre estaban cheas de xente. Ese foi o xermolo da súa empresa, o gromo do que medraría todo.

Cóntanos que a cousa era tal que así: «Os da discoteca non-sei-que chamábanme porque tiña unhas ás de dragón, un rabo de lagarto… Iamos facendo traxes novos cada vez, facíaos eu mesmo, sempre fixen todo». Méndez conta que se decatou de que canta máis variedade de traxes, máis espectáculos diferentes, máis versatilidade e máis contratos. Investigaba en tecidos e materiais para as súas obras. Creaba números novos. Cada vez máis complexos. Cada vez máis demandados.

Pablo Méndez Performances é espectáculo e lírica visual. É esa paixón por abraiar o público, por mantelo pegado á cadeira, por facelo somerxerse no mundo fantástico creado para cada espectáculo, sobre a que volve unha e outra vez durante a conversa. E, sobre todo, é innovación. Moita innovación.

Méndez emprega unha e outra vez, ao falar dos seus espectáculos, a palabra «produtos». Todos eles converxen nun catálogo de máis de 80 páxinas que nunca deixa de medrar. O mesmo que os seus clientes sauditas quixeron coñecer por completo.

«Chamámoslles así, produtos, porque temos esa mentalidade de empresa. E se ti me encargas, por exemplo, un espectáculo para a festa dun acendido de luces de Nadal, mesturo diferentes produtos para facerche un totalmente personalizado para ti, á carta. Ti podes chegar e dicirme: teño estes cartos e quero transmitir esta mensaxe. E nós facémosche ese espectáculo só para ti».

«Ese espectáculo», ou ese produto, que se goza durante un tempo que sempre parece breve é, en realidade, froito dun traballo e un esforzo que non podemos ver directamente.
É o resultado de moitas horas de deseño, de soñar movementos, sensacións e coreografías, de facer probas de materiais, traballar con especialistas para facer cada disfrace, ou deseñar cun rigor extremo cada unha das estruturas que empregan para facer un número de equilibrismo ou de baile…, cada un dos trebellos que constrúen para abraiar. Invístense moitas horas neste traballo previo, entre bastidores, de preparación de estruturas e materiais que moitas veces continúan a perfeccionarse ao mesmo tempo que se inician os ensaios. Todo isto para que o público, os espectadores, se somerxan nun mundo irreal, no que non ten cabida o menor erro nin esforzo.

A compañía sempre lle foi fiel a esa máxima de facer medrar permanentemente o seu repertorio. «Na concepción dos produtos participamos moitas persoas. Imaxinámolo. Comezamos a bosquexar como van ser…, por exemplo, as estruturas de ferro». Pero non quedan só naquilo que o público vai ver, pois tamén se dedica moito tempo a como levar eses produtos desde o papel ou o maxín á realidade. E de como facer que non só sexan visualmente atractivos, senón tamén seguros. Un enxeñeiro fai os cálculos de cargas e resistencias para cada número. E volve facelo para cada función. «Non nos colgamos de calquera cousa», sentencia Pablo Méndez.

Porque a prevención é unha das patas do funcionamento da súa empresa. Non deixan espazo para o erro en materia de seguridade. Un exemplo: no número con que Pablo Méndez Performances abraiou en 2020 o xurado do programa televisivo Got Talent, as bailarinas estaban subidas sobre pértegas de seis metros de altura. En cada unha das pértegas hai unha escaleira para que, se a artista que a manexa se desmaia, alguén poida subir e desmontala. Primeiro, prevención, teima Méndez. «No mundo do circo, a ousadía é un problema». Un técnico en prevención certifica a seguridade de cada número cada vez que vai realizarse.

E neses espectáculos, sobre as pértegas, ou dentro de figuras que parecen sacadas do mundo da fantasía, hai case sempre un artista de Galicia. «Tratamos de que sexan de aquí e que formemos parte dun mesmo núcleo. É moi raro que traballemos con freelancers porque os nosos espectáculos requiren un tipo de especialización que facemos aquí». En gran parte é especialización técnica, ao traballar con medios que non manexa ningunha outra compañía. Pero tamén hai un aquel de integración entre os membros do equipo, que, pouco a pouco, chegan a compartir expectativas e ideas respecto ao seu futuro.

A cohesión, o equipo, é, pois, outro dos sinais de identidade da proposta empresarial e de innovación de Pablo Méndez. Os seus artistas non van e veñen, senón que son parte da compañía e alí perfeccionan ou adaptan o seu traballo ás condicións dos diferentes números. Fan sorprendentes espectáculos a medida que diversa clientela goza por medio mundo. «Facemos circo…, mesturámolo co teatro, coa performance…, como te catalogas? Non sei…, unha especie de teatro visual no que o espectador está realmente vendo o espectáculo e impactándose…», reflexiona o creador.

Hai moito traballo ás súas costas: xiras en Arabia Saudita, cerimonias dos Grammy Latinos… Todo isto interrompido por un imprevisto impensable que paralizou todo. Hai unha compañía fundada por un emprendedor de Rubiós, As Neves, que constrúe soños para as xentes de aquí e de acolá desde unha nave industrial de Pontevedra. Hai innovación e teatro visual. E hai un obxectivo: «Buscamos que o espectador se pegue á cadeira e quede abraiado». Tal cal fixera Barrigaverde.

Fin

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido