•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Posts By :

CORALIA MAGAZINE

CORALIA MAGAZINE

Coralia é o punto de encontro das tendencias, as ideas e as persoas que fan posible este noso país das marabillas. A nosa versión impresa ten unha periodicidade trimestral e chegou á rúa por vez primeira en xaneiro de 2016.

Verino,

150 150 CORALIA

Verino,

que me poño?

Texto de María Mera

Cando hai unhas semanas Roberto Verino me convidou a un envento para coñecelos, obviamente non o dubidei, pero o que non podía imaxinar é a experiencia de descubrir o home que está detrás do mito e moito menos coñecer persoas como Álex Regueiro, quen me deu a oportunidade de poder escribir estas palabras sobre a miña experiencia neste evento. Así que empecemos polo principio.

 

É obvio que Verino non necesita presentación, pódese dicir sen temor a equivocarse que é historia viva da moda e un dos construtores da Galicia que hoxe coñecemos. Así que cando che ofrecen coñecelo en persoa primeiro éncheste de ilusión e despois… despois chegan os nervios. O único que sabía do evento é que irían un grupo de persoas que a organización seleccionara para coñecer a súa nova colección Caminae, nun lugar idílico como son as adegas Gargalo en Verín!

O día do evento, despois de deixar ben organizada a loxística familiar que toda nai necesita para poder ter tempo con dúas nenas pequenas aínda de vacacións, comezaron as dúbidas. Que roupa pos para coñecer unha icona da moda? Despois de varios intentos e de rebuscar no armario, decidín ir con algo cómodo e práctico, fiel comigo mesma. Prometía ser un día longo e soleado, así que deixei que un bonito pantalón de Roberto Verino, unha camiseta negra de tirantes da miña nai e unhas bonitas alpargatas artesáns da marca Viguera fosen a elección para o día que tiña por diante. Mais aínda con dúbidas… elixiría ben a miña roupa?

Antes de partir cara a Verín, a organización pediume se podería recoller a Álex Regueiro, director desta revista, a quen non coñecía. Cando cheguei ao lugar de recollida e o vin, co seu sombreiro, a súa chaqueta verde e a súa gravata de lazo, era coma se Henri Matisse colorease un fotograma de Casabranca. A viaxe prometía ser entretida e en efecto así foi. Ao chegar a Verín sabía que fixera un novo amigo.

Chegamos ás adegas Gargalo, situadas nun entorno de soño, onde Roberto Verino, dá forma a outra das súas paixóns, o viño. Aos poucos fomos chegando todas as persoas que seleccionara a organización e alí puidemos coñecer a Dora Casal, CEO de Roberto Verino, e a Cristina Mariño, directora da marca e filla do modisto, quen nos fixo unha presentación das adegas e un percorrido polos viñedos. Mentres nos explicaba todo o proceso de elaboración deste viño artesanal, coma se ela mesma colocase cada pedra daquel lugar, eu non podía deixar de pensar na responsabilidade que aquela muller tiña ás súas costas, continuar o legado de Verino. Pero asegúrolles que despois de coñecela non teño ningunha dúbida de que non existe unha mellor persoa para facelo. Cristina non é só unha muller profesional e valente, senón que posúe a intelixencia e a paixón para facer aínda máis grande se cabe o legado de seu pai, iso si, co seu propio selo.

 

A visita continuou coa presentación da colección Caminae, inspirada no camiño de Santiago e cun significado claro: cada peza quere acompañarte para deixar que sexas a protagonista do teu propio camiño. Cómoda, sinxela e útil, todo un acerto cos tempos estraños que vivimos, onde todos buscamos o camiño que nos leve a un mundo máis sostible.

A visita comezaba a súa recta final e achegábase o momento que todos esperabamos. A adega sorprendeunos cunha cata dos seus mellores caldos, pero pouco podo dicir deles xa que non son unha grande experta en viño, mais escoitando a Tito Levoso, un dos maiores expertos en viños da zona, asegúrovos que vos apetece calquera viño do que el fale. Foi nese momento, na cata, cando Roberto Verino fixo a súa aparición para darnos a benvida ante a ilusionada mirada de todos os presentes.


 

E despois da cata a comida; as creacións dos restaurantes Brasil e O Retiro do Conde de Ourense puxeron a guinda de ouro a unha xornada onde a cultura, a moda e a gastronomía formaban parte dunha mesma idea en que todo encaixaba como o delicado traballo das palilleiras de Camariñas.

 

E entre viño e comida tiven a oportunidade de escoitalo atentamente, e de falar con el, con Roberto. Pese ao nerviosismo inicial non tardas en darte conta dos grandes valores que ten; a súa filosofía de vida e a súa sinxeleza eclipsan calquera idea preconcibida que un poida ter sobre unha icona da moda do noso país. Comprendes que todo o que nos rodeaba, toda esta experiencia, incluída a súa roupa, era coherente coa súa forma de entender o mundo. O luxo da sinxeleza, o respecto á contorna e o convencemento de que a moda debe servirnos para ser nós mesmos, que como eliximos vestirnos cada día debe facernos sentir cómodos con quen realmente somos no camiño que todos facemos no noso día a día para escribir o noso futuro. Por iso, despois de falar con el, téñoo claro: elixín ben como vestir aquel día? A resposta é, SI.

Grazas a Guillermo Carracedo, Alexandra, Marina Bello, o pontevedrés Alberto Ribas, Laura Méndez, Laura de Santiago de Viveiro, Mónica Villar, Diana Millos, a lucense Ingrid Hughes, Marian Larez, Dennys Martín e o Diario do Támega por un día inesquecible.
Xornalistas, líderes de opinión e influencers fomos chamados para ser testemuña -como diría Freddie Mercury, “The Show Must Go On”- e que volo contásemos, e este foi o equipo que a marca seleccionou para tal causa, un grupo de amantes da moda, das tendencias e estilo de vida que ten no seu haber un alcance anual de

E ESTE É O EQUIPO QUE PODE CONSEGUILO

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

Premio Ourensanía 2021

150 150 CORALIA

Premio Ourensanía 2021

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, Premio Ourensanía 2021

Manuel Baltar, que comunicou telefonicamente ao gañador a decisión do xurado, destacou o traballo realizado polo presidente do comité «para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokyo, uns dos máis difíciles da historia polas circunstancias de todos coñecidas, e que foron todo un éxito para o noso país pois o 55,5 % dos deportistas que representaron a España están entre os oito mellores do mundo, sexan medallistas ou obtiveran diploma olímpico»

 

O xurado do Premio Ourensanía 2021, reunido en San Pedro de Rocas baixo a presidencia de Manuel Baltar, acordou por unanimidade conceder este galardón ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, «por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional».

Tralo remate da reunión, Manuel Baltar comunicou telefonicamente a Alejandro Blanco a decisión do xurado, que segundo expresou o gañador do Premio Ourensanía 2021 «representa un inmenso orgullo». O presidente provincial quixo destacar o traballo realizado polo presidente do comité «para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokyo, uns dos máis difíciles da historia polas circunstancias de todos coñecidas, e que foron todo un éxito para o noso país pois o 55,5 % dos deportistas que representaron a España están entre os oito mellores do mundo, sexan medallistas ou obtiveran diploma olímpico, ademais de ser o terceiro país máis representado no deporte por equipos, tan só por detrás de Estados Unidos e Australia, o que supón tamén un éxito engadido». Con esta distinción, engadiu Baltar, «tamén estamos reivindicando o esforzo que desde a Deputación de Ourense vimos de facer para situar ao deporte como unha das nosas fortalezas, conseguindo que Ourense sexa sede de destacados eventos nacionais e internacionais”.

Alejandro Blanco Bravo (Ourense, 1950), licenciado en Ciencias Físicas, está vinculado no mundo deportivo ao Judo, no que é cinto negro 7 Dan, adestrador e árbitro. Ocupou varios cargos directivos nesta disciplina, chegando en 1993 á presidencia da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados, ademais de ser un dos destacados impulsores da constitución, en 2003, da Confederación de Federacións Deportivas Españolas. O 30 de setembro de 2005 foi nomeado presidente do Comité Olímpico Español, sendo reelixido en 2009, 2013 y 2017, ademais de presidir tamén a candidatura de Madrid para os Xogos Olímpicos de 2020.

Blanco Bravo foi designado polo Comité Olímpico Internacional en diversas ocasións como mediador para Sudamérica na resolución de conflitos entre os comités nacionais e os seus respectivos gobernos. Eloxiado polo propio COI polo seu traballo, Blanco destaca tamén pola firme defensa da independencia do movemento olímpico e do deporte e o papel que xogan as federacións deportivas.

«Xustiza poética» para Pura e Dora Vázquez

Na mesma reunión, o xurado composto por Luis González Tosar, Jesús de Juana, Miguel Anxo Fernández, Juan Luis Saco, Patricia Torres e Aurelio Gómez Villar, con Manuel Baltar como presidente, acordou conceder o Premio Ourensanía de Honra de 2022 ás irmás Pura e Dora Vázquez.

González Tosar cualificou esta distinción como un acto de «xustiza poética no que desde Ourense e para toda Galicia reivindicamos a figura das dúas escritoras, que coa súa obra e o seu maxisterio encarnan a súa condición de pioneiras da literatura infantil e xuvenil». Unha actividade, lembrou, que desenvolveron na difícil época de posguerra e que a Deputación de Ourense honra todos os ano, e xa van 18 edicións, cos premios de narración e ilustración que levan o seu nome.

O Premio Ourensanía 2021, que a Deputación concede como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais, será entregado o 11 de novembro, día de San Martiño, no xa tradicional acto que se celebra no Teatro Principal de Ourense.

 

Bob Dylan chega a Galicia da man de Arcadio Falcón

150 150 CORALIA

Bob Dylan chega a Galicia da man de Arcadio Falcón

Redacción CORALIA

 

O compositor e cantante madrileño Arcadio Falcón aterra en Galicia para a presentación do seu novo EP Mr. Dylan no que, a través de catro versións de temas do músico estadounidense, busca explorar un lado menos coñecido do mesmo. Durante a segunda quincena de agosto, Arcadio compartirá escenario co cantautor Roman Mosteiro en diferentes emprazamentos ao longo de toda Galicia para ofrecernos tanto versións de cancións ben coñecidas como algunha interpretación dos seus dous traballos: Millenials, tiranos… and other stories, que saíu o ano pasado, e o novo EP, Mr. Dylan. Na súa páxina web pódense atopar as datas e lugares de cada concerto.

Se ben Arcadio é orixinario de Madrid, garda unha grande conexión con Galicia por ser a terra da súa familia, tanto materna como paterna. Debido a isto coñece ben o país xa que desde pequeno pasou longas tempadas nesta comunidade, especialmente na provincia de Lugo de onde é a súa nai. Galicia está así presente tanto na súa vida como na súa música. Así mesmo, destaca a importancia que para el ten a conexión co mundo rural galego, do cal non sería consciente se non o vise de primeira man a través dos seus veciños de A Pastoriza.

Se tiveras que quedarte cun único lugar de Galicia, cal sería?
Quedaríame coa parte de A Pastoriza. É un mundo moi diferente ao que estou acostumado a ver e sempre que veño sérveme un pouco para rexenerar a alma, para conectar con un mesmo.

Que lugar de Galicia che falta por coñecer que teñas moitas ganas de facelo?
A Coruña. Só estiven unha vez cando era moi pequeno e non recordo case nada.

Teu pai é de Vigo e túa nai é de Lugo. Cal dos dous sitios che gusta máis?
Vigo. Son moi diferentes, gústame a actividade e a vida que ten Vigo. Ademais eu son moi afeccionado ao fútbol.

Entón entre Celta e Dépor está clara a resposta.
Sen dúbida, Celta.

Que época do ano che gusta máis para vir a Galicia?
Eu diría que a primavera, por marzo ou abril xa que sintes unha grande cercanía coa natureza. Gústame xa que é cando todo está florecendo.

Cal sería a recomendación que lle farías a alguén que quere visitar Galicia?
Diríalle que non se pode perder a zona de praias de Barreiros. A máis famosa é a Praia das Catedrais pero hai moitas marabillas por aí escondidas.

Aproveitando que sabes falar galego, cal é a túa palabra favorita do idioma?
Madia leva! É unha expresión que me encanta.

E en canto á cociña tradicional galega, cal é para ti un prato típico imprescindible.
A empanada, non hai nada parecido fóra de Galicia

E se tes que elixir unha canción galega, con cal te quedarías?
Quedaríame coa música folclórica de gaita, en xeral.

E volvendo á túa xira, tes algún as na manga para facerte co público galego?
Intercambiar cancións, é dicir, facer algunha en inglés, en español e máis en galego. Teño algunha preparada do meu anterior disco, por exemplo, a que gravei con Guadi Galego, Vida.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

I EDICIÓN PREMIOS CORALIA

150 150 CORALIA

I EDICIÓN PREMIOS CORALIA

Redacción CORALIA

O xurado composto pola decana de Matemáticas Elena Cendón, a actriz e presentadora Isabel Blanco, a artista e poeta Eva Veiga, a xornalista e presentadora da Radio Galega María Xosé Rodríguez, a topmodel e empresaria Dolores Couceiro, a profesora, ilustradora e Premio Nacional Luz Beloso e a parlamentaria e exconselleira de Educación, Carmen Pomar, acordan nomear os seguintes finalistas:

Premio Coralia na música

Tanxugueiras

Guadi Galego

Budiño

Premio Coralia nas artes plásticas e fotografía

Din Matamoro

Lula Goce

Carballido

Premio Coralia na escrita

Yolanda Castaño

Marilar Aleixandre

Helena Villar Janeiro

Premio Coralia na moda

Jorge Vázquez

Pablo Méndez Performance

D-DUE

Premio Coralia na gastronomía

Maruja Limón

Yayo Daporta

 Casa Marcelo

Premio Coralia na ciencia

Begoña Vila

Alfredo Bermúdez de Castro

Jorge Mira

Premio Coralia na política

Camilo Nogueira

Miguel Ángel Santalices Vieira

Alberto Núñez Feijóo

 

Premio Alfredo Iglesias á traxectoria dunha vida

Tino Martínez

Helena Villar Janeiro

Real Academia Galega

 

Actúa como secretario, sen voz e voto, Álex Regueiro editor da revista Coralia.

Queres ollar outros contidos relevantes?

VÍA ROMANA

150 150 CORALIA

VÍA ROMANA

CORALIA VIAXES

Redacción CORALIA

O noso Alfredo cría no cosmos. Cría nas estrelas como o facía Carl Sagan. Carl Sagan e Isaac Asimov eran bos amigos. Asimov díxolle por carta que o único que lle molestaba do seu ídolo era que “é obvio que vostede é máis brillante ca eu, e iso o detesto”. O sobriño de Asimov, Eric Asimov, dicía en 2017 que a xente da Ribeira Sacra estaba cultivando un viño que eles mesmos comezaban a descubrir.  Outros, como o ex presidente Obama, xa o descubriran tres anos antes. Non todo está feito para probar. O Súper Kamiokande é un cilindro de 40 metros por 40, no que pode caber a estatua da liberdade, e está deseñado para descubrir neutrinos, e as persoas so poden entrar nel para facer reparacións. É un mega observatorio enterrado nunha montaña xaponesa. Takekazu Asaka é un filólogo que quedou prendado da nosa lingua. Foi capaz de traducir palabras coma unto ou caldo ao xaponés. O noso Alfredo cría no cosmos. E tiña razón. Todo ten cabida aquí. Todo pode comezar aquí. A Ribeira Sacra ben pode ser o centro de calquera cousa.

 

Dicía Kierkegaard que vivimos cara adiante, pero comprendemos para atrás. Ía camiño do Belesar desde Rodeiro. Non pasei por Lalín porque teño bos recordos doutras etapas e quixen facer valer aquilo de non volvas a onde fuches feliz. Álex díxome que era a presentación da nova guía de viaxes libertina de Coralia e alá fun. Libertina, por facer a broma, porque Álex foi o primeiro xefe que me dixo que fixera o que me petase cando escribira. O truco sempre está nas formas mentres o fondo sexa honesto. Cousas do principiño, que contaba que as cousas sinxelas son invisibles aos ollos. Por iso, cando cheguei a unha adega posta nunha curva que parecía unha balconada do monte deixando pasar o río Miño, o que menos esperaba era atoparme unha festa chea de amigos.

As primeiros en saudar son as andoriñas dáuricas e os mosquiteiros comúns. Falan entre eles coma pequenos nun parque de atraccións. Pousaban nas ramiñas verdes e cantaban. O sol pega forte e a xente achégase ao carón de dúas mesas que acabaron por colocar debaixo dunha árbore. Queixos Airas Moniz con galletiñas Daveiga, empanada e chourizo do restaurante Os Pendellos. Roberto miraba para o córner porque a que fora a súa mestra de pequeno díxolle que era un lacazán pero no fondo un bo rapaz. Coas copas nas mans, falamos e rimos e abrimos os brazos e enchemos os peitos coma os paxaros. Hai viño e verbas. E viaxes por contar. E cando parecía que todo ía acabar cunha despedida curta, Álex bateu coas palmas e dixo veña, veña, imos todos xuntarnos nun corro, coma no colexio!

E alá fomos. Rabuñando no padal os matices do viño da adega Vía Romana, coma aquel vello do doutor Zhivago que dicía que rascando en cada ruso se atoparía alguén do agro, nós rascamos na terra para atopar algo do que fomos. Alí estaba Manuel Lorenzo Varela, non alcalde de Chantada senón como alguén máis que desfrutaba da compaña e do bo viño como calquer outro. Raquel Arias, José Armada, Rubén Lorenzo e Elena Candia axustaban a mascarilla cando rían -cousas dos tempos de agora- e Carmen Pomar ficaba nas verbas de Álex que, agora xa como mestre de cerimonias, anotaba e marcaba os tempos como fan os músicos, e dicíalle a Isidro Pernas que o deixara en un bo lugar, que os de Teo tiñan que mostrar forza de seu. Pero Isidro dixo con moita modestia e pouco volume que o seu negocio só quería facer as cousas ben. Eu, sen embargo, deixei anotadas máis de cen mil referencias de consumo nun ultramarinos que ten xa 150 anos.

Non é polo feito de demostrar nada, pero as veces tiramos do carro no sentido contrario. Damos conta dos nosos éxitos so cando vén alguén de fóra e móstranos, cos ollos ben abertos, a súa incredulidade. Que si, que Olivia Newton-John pasou por Ferreira fai dous anos e todo o mundo torna a mirada a esta terra. Pero os que estabamos alí non precisábamos diso para saber do potencial que temos e, aínda si, houbo que repetilo. Díxoo Juan Luis Méndez-Rojo, ou Xesús Mazaira ou Ana Vázquez. Álex tivo ben en insistirlles aos responsables dos queixos Airas Moniz e dos viños da adega Vía Romana que levantasen a mirada polo produto que teñen, pero Xesús, Ana e Juan Luis son persoas de mundo e fixeron o que todos estamos acostumados a facer. Dicir que non é para tanto, con esa sorrisiño que che queda ao acabar o traballo ben feito, en medio do taller, en silencio. Que o importante é ter imaxe de conxunto, crernos como galegos que teñen algo que valorar.

Ás veces é coma unha catarse. Non é cousa miña, son palabras de Carmen. Ás veces hai que soltalo todo, gastar o último cartucho e abrir os brazos e deixarse levar. Esta guía de viaxes a ningures para viaxar preto cun mapa cheo de non lugares nos que acollerse só podería facerse coma se non fora a existir un mañá. Alfredo así o cría. E Álex, e Grace Castro, e Manuel Otero, e Jimena, e Mercedes, e Kris, e Roberto e Alba e Mar. Grace dicía que o importante era converter as ideas en realidade. Fomos ao restaurante Os Pendellos e o equipo de Roberto Iglesias sacou a artillería. Unha catarse: bacallau con patacas, carne ao caldeiro, polbo, croquetas de piquillos recheos, croquetas de choco na súa tintura e viño a esgalla da Vía Romana. Nun momento no que as verbas cruzáronse e puxéronse a cantar Andrea Pousa e Quique Queiman, eu escapeime cos de infantería -os da prensa- e Mercedes e Kris ficamos para o grupo coma os últimos galos escondidos do imperio romano que, lonxe de entregar as súas vidas nun derradeiro xesto de valentía, alzaron as súas copas como celebración da vida no corazón de Galicia. Polos que están, polos que nos acompañan, estean onde estean. Tiña razón Alfredo. O cosmos está aquí.

Queres ollar outros contidos relevantes?

CINCO LEGUAS

150 150 CORALIA

CINCO LEGUAS

PEQUENAS GRANDES RUTAS

Textos LAURA RAMOS CUBA & SARA SEARA
Fotografías ALFREDO IGLESIAS

Discrepaba Vicente Risco de quen afirmaba que Galicia era pequena. «Es ti, que xamais poderás concibir nada grande», argumentaba o xenial intelectual ourensán. A nós abóndannos 25 quilómetros para confirmar canta razón gardan as súas palabras. Paisaxe, gastronomía e historia converten apenas 5 leguas nun mundo difícil de abarcar. Pero nós imos tentalo. Estas son as nosas propostas estrela para 2021:

RUTA 540

Nunha palestra, o profesor Manuel Gago mostráballe ao público unha dolabra, arma empregada polos lexionarios romanos na invasión no noso territorio, no século I. «Tan só oitenta xeracións nos separan daquela xente», explica. Oitenta xeracións despois, as pegadas dos romanos seguen visibles no noso país para quen as queira ler. A ruta 540, entre Bande e Entrimo, percorre apenas 30 quilómetros nos que un marco natural incomparable garda séculos de historia.

A nosa viaxe comeza en Bande, no complexo arqueolóxico de Aquis Querquennis. Este campamento militar, que conta cunha mansión-viaria e unhas termas próximas, foi construído polos romanos co obxectivo de protexer a Vía Nova. A calzada unía noutro tempo Braga con Astorga e hoxe aínda vertebra o territorio a través dos numerosos miliarios que seguen marcando o seu trazado. Un deles pode ser visitado na igrexa de Santa María de Bande, mostra emblemática da arte visigoda galega, que garda este monólito reconvertido en pía bautismal.

A continuación avanzaremos con valentía para atravesar o río Limia, coñecido polos romanos como ‘o río do esquecemento’, para entrarmos en Muíños. Alí faremos unha parada para saborear as sopas de burro canso (pan con viño e azucre) e as especialidades de galo pica no chan e o becerro do Xurés. Unha vez recobrados os folgos poderemos embarcarnos nunha exploración ao propio Parque Natural da Baixa Limia, onde encontraremos diferentes necrópoles megalíticas, ou practicar diferentes actividades acuáticas no encoro das Conchas.

Por último, fecharemos a viaxe nun miradoiro privilexiado sobre Portugal. Entrimo, municipio raiano, ábrenos as súas portas para perdernos na mitoloxía que aínda vibra entre as súas paisaxes. A Cova da Moura ou o Penedo das Serpes son algúns dos enclaves prehistóricos que espertarán a imaxinación dos visitantes. Como broche final a esta incursión no Xurés, a oferta gastronómica convida a probar a empanada de forquellas ou a cachena da serra do Quinxo.

RUTA 0610

Conducir a carón do mar mariñao é todo un privilexio. Son apenas 25 quilómetros de estrada os que separan Foz de Ribadeo, que nos van obsequiar coa gama de verdes e azuis máis fermosos do Oriente galego. Pero esta costa única chea de espazos naturais de postal, tamén é xenerosa en arte e gastronomía.

O paseo Marítimo de Foz será o noso punto de partida. Paga a pena gozar da espectacular vista panorámica que nos ofrece da ría, que nos seus 15 quilómetros de areais (entre os que figuran os da Rapadoira, Llas ou Arealonga), serve de refuxio a aves e surfistas de todo o mundo. O antigo porto baleeiro de Foz atesoura un rico patrimonio histórico, con xoias como o castro de Fazouro ou a basílica de San Martiño de Mondoñedo (a máis antiga das conservadas no Estado), e unha gastronomía deliciosa, da que forman parte berberechos, callos e sardiñas.

Ao outro lado da ría, Barreiros é a nosa seguinte parada. Tomaremos, tan pronto como poidamos, a provincial 0610 xa que ofrece incribles vistas panorámicas do Cantábrico galego. É recomendable parar a cada pouco para comprobar a beleza dos seus areais (Altar, Coto, Lóngara, Arealonga etc.) e tamén para atopar os ‘bíteres’ que nos garantan fortuna ao longo do ano seguinte. O alto do Comado ou o de Cornería ofrécennos vistas impresionantes da costa e da comarca, máis tamén fermosas lendas por descubrir. Castaña, bígaro e tortilla teñen aquí a súa festa.

Abandonamos Barreiros para entrarmos en Ribadeo, que nos dá a benvida convidándonos a visitar a monumental praia das Catedrais. Para camiñala precisaremos permiso, pero sempre pagará a pena deterse para apreciar a súa maxestosidade e para sentir a enerxía do mar e o vento mariñán acariñándonos a pel. Apenas a 6 quilómetros sitúase Rinlo, encantadora localidade mariñeira recoñecida pola calidade das súas centolas, lumbrigantes e lagostas, e onde cada verán ten lugar a festa do percebe. Hai desde aquí 8 quilómetros á capital do concello, cuxo escudo lembra que foi nas augas da súa ría onde se atopou a chave de ouro que abre a porta de Galicia. O Ribadeo indiano, a casa do Patín, o pazo do Marqués de Sargadelos (que na actualidade é a Casa Consistorial) ou a Rúa da Muralla son algúns dos tesouros desta vila namorada do mar, da que nos despedimos tomando algunha instantánea no paseo Marítimo que conecta o porto de Mirasol coa illa Pancha.

RUTA 6902

Desde o nivel do mar ata as alturas naturais dos montes. Propomos un paseo de tan só 20 quilómetros que nos levará de Pontedeume ata o Parque Natural das Fragas do Eume. No camiño encontraremos unha paisaxe incomparable na que non faltarán gastronomía, natureza e historia.

Botaremos a andar no centro histórico de Pontedeume, onde poderemos apreciar unha arquitectura propia que mestura estilos medievais, modernistas e tradicionais. Soportais, balconadas de madeiras e galerías acristaladas saudarannos no noso paseo, que explorará a Torre e o Castelo dos Andrade, así como a propia Ponte de Pedra que lle dá nome á localidade.

Antes de continuarmos coa viaxe reporemos forzas cun típico menú eumés no que a sardiña é a raíña da mesa. Bistés da marola e parrochas de fume precederán unha carta de sobremesas con melindres, costrada –receita italiana importada polos monxes agostiños hai 300 anos–, torta de Pontedeume e prolla e manguito eumés.

Xa co estómago cheo internarémonos na selva atlántica do Eume polo portal de Caaveiro, remontando o río. A fraga costeira mellor conservada de Europa recíbenos cunha festa para os sentidos. Carballos, bidueiros e ameneiros agochan unha infinidade de aromas e os sons que marcarán o noso paso. A maior alfaia deste tesouro botánico son os fentos: 28 especies persisten na contorna desde hai 1,6 millóns de anos. Entre esta flora privilexiada pasea tranquila unha fauna dominada por lobos, aves de rapina e salamántigas.

Após atravesar os bosques de ribeira cruzaremos o río que baña o val para nos encontrar co mosteiro de Caaveiro, construído no século X. Este lugar máxico, outrora abandonado, abre agora as súas portas como museo e convídanos a nos perder polas súas amplas estancias. Fronte ao edificio encontraremos un bar-hostal onde sentar co resto de sendeiristas que, coma nós, saborean o seu merecido licor caseiro mentres admiran as impresionantes vistas do Eume.

RUTA 552

Galicia atesoura a maior lonxitude de costa de todo o Estado español. Chega a triplicar a de Andalucía, en segunda posición. Mar e monte son, pois, emblemas fundamentais da paisaxe galega. Entre Nigrán e Tui apenas distan 30 quilómetros, mais son un exemplo perfecto desta combinación natural de verdes e azuis nos que tamén encontramos espazo para o patrimonio e para a gastronomía.

Comezamos a nosa ruta en Nigrán, un paraíso costeiro que garda a entrada á ría de Vigo. Desde Monteferro ata a praia de Patos, onde surfistas e familias reciben o abrazo atlántico das ondas, podemos apreciar a maxestosa vista das illas Estelas e das Cíes. Xa na baía encontraremos areais máis calmos, como o ecosistema dunar de praia América e Panxón, onde pararemos a degustar os produtos que chegan da pesca de baixura. Robalizas, linguados e douradas colmarán a nosa mesa.

Continuamos a viaxe a través do patrimonio nigranés, impregnado de pazos, arte visigótica e románica. Un exemplo é a ponte da Ramallosa sobre o río Miñor, que nos abre a porta á seguinte etapa. Diante, Baiona espéranos luminosa e diáfana. O seu paseo marítimo permítenos unha panorámica inigualable deste porto que recibiu a carabela Pinta ao seu regreso de América e agora acolle a miúdo regatas de vela. A igrexa románica de Santa María ou os antigos cines son pequenos segredos que agocha o casco antigo, que compite con case catro quilómetros de praia e a fortaleza de Monterreal en atraer a atención do visitante. Xoubas e melindres completan esta experiencia para os sentidos.

Despedimos Baiona para dirixirnos a Tui, seguindo a liña da costa. O Monte Aloia, primeiro Parque Natural de Galicia, custodia a entrada a unha vila cun pasado medieval que aínda se pode ler nas antigas rúas empedradas da súa zona histórica. Despois de visitarmos a catedral de Santa María, datada no século XII, e vagarmos polo paseo fluvial do río Miño, unhas racións de polbo e vieiras acompañarán este feche de ruta.

RUTA 550

A AC-550 será a nosa vía preferente neste itinerario de 27 quilómetros pola costa dos xigantes, que conecta Muros e O Ézaro, en Dumbría.

Situada no extremo máis setentrional das rías Baixas, a Vila de Muros conserva intacta a súa personalidade mariñeira e a esencia do seu casco antigo, declarado en 1970 conxunto histórico-artístico. A casa consistorial, o mercado de abastos e o arco de don Diego reflicten a rica historia deste concello cheo de estacións rupestres e asentamentos castrexos. É esta unha vila coa que o Atlántico sempre foi xeneroso, e a que hoxe proporciona xurelo, polbo, xarda, maragota e gran variedade de peixes e mariscos que lle dan á súa gastronomía fama merecida. Area Maior, Ancoradoiro ou Abelleira son tres exemplos dos seus fermosísimos areais.

A natureza de Muros e a súa ría é fecunda, como volvemos comprobar ao asomarnos ao miradoiro do Monte Naraio, última parada antes de entrar en Carnota, onde nos agardan excelentes exemplos de megalitismo e da cultura castrexa, así como un magnífico catálogo de hórreos monumentais –entre os que sobresaen os de Lariño, Lira e Carnota. O municipio carnotán posúe unha gran riqueza ambiental, como confirmaremos ao percorrer o que está considerado como un dos mellores areais do mundo, o de Carnota, que forma coas marismas de Caldebarcos un espazo natural de gran beleza. Constitúe unha visita obrigada, como o é ascender o Monte Pindo, onde segundo conta a tradición descansan a raíña Lupa e o seu tesouro lendario. Esta mole granítica de máis de 600 metros de altura, considerada como o Olimpo da Galicia celta, é a gran vixía da ría de Corcubión.

É aos pés do Pindo, na pequena franxa costeira do concello de Dumbría, onde gozaremos dun dos maiores espectáculos naturais desta viaxe: a fervenza do Ézaro (ou Xallas), único caso de desembocadura fluvial no mar de toda Europa. Dumbría é, ademais, terra de lendas, o territorio do vákner, un misterioso monstro medieval que habita entre os hórreos de Albeiroa e coñece ata o último segredo da máxica carballeira de Berdeogas. En verdade, o concello dumbriés atesoura un rico pasado patrimonial, que inclúe bens de interese cultural como o dolmen Pedra da Arca e castros como o de Berdeogas e O Logoso, onde a lenda sitúa a morada dun xigante que adoitaba practicar sacrificios na Pedra de Brazal, un dos lugares máis fotografados de toda a comarca.

RUTA 212

Beade e Avión están separados por menos de 20 quilómetros. Nesa distancia, trenzada polas serras de Faro e do Suído, agóchase un dos núcleos do Ribeiro. Os altos montes altérnanse cos ríos para atesourar mosteiros, viñas e pequenas aldeas onde aínda se pode respirar un tempo antigo e tranquilo.

De entre toda a comarca do Ribeiro, o escritor Otero Pedrayo consideraba Beade un dos conxuntos arquitectónicos máis belos da contorna. Aínda nos nosos días podemos descubrir a riqueza que este territorio fértil lles brindou aos seus habitantes na Idade Media. Sede desde o século XV da Orde de San Xoán de Xerusalén, Beade fai gala do seu Palacio Prioral, construído para socorrer os peregrinos que circulaban polo Camiño dos Arrieiros. Porén, o prato principal da localidade é a igrexa de Santa María de Beade, construída no século XVI e que aínda hoxe conserva a súa maxestosidade.

Despois dun suculento xantar composto por costeleta e pementos, avanzaremos pola estrada ata divisar o perfil inconfundible de Pena Corneira, un monólito que se alza dez metros en vertical sobre o horizonte. Este marco separa Beade, Avión, Carballeda de Avia e Leiro. Cruzaremos estes dous últimos sen apuro, parando para gozar das instantáneas que nos permita a paisaxe, asolagada de árbores e viñas. En Carballeda de Avia poderemos visitar o roteiro circular dos Muíños e degustar os seus licores, mentres que Leiro ábrenos as portas do mosteiro de San Clodio, nun refuxio de paz lonxe do ruído urbano.

Por último, chegaremos a Avión a tempo para descansar na súa praia fluvial, bañada polo río Abo. Unha vez repostos, esta recóndita localidade sorprenderanos cos Chozos do Suído –construcións en pedra nas que facían noite os pastores– e a súa oferta gastronómica, que inclúe na súa axenda unha Festa Mexicana importada desde a diáspora. Tacos, fajitas e burritos conviven na nosa mesa con chourizos e viño do Ribeiro.

RUTA 548

Sen apuro e sen pausa, o río Ulla estírase ao longo de 130 quilómetros antes de dar en morrer na ría de Arousa. Preto de aí, unha brisa lixeira coma un día de festa érguese no val e percorre todos os recunchos da costa. En menos de 25 quilómetros, imos ribeira abaixo para deleitar a vista cun baño de mar e natureza na que non falta memoria, arqueoloxía e un festín de produtos propios.

A nosa traxectoria iníciase no límite entre A Coruña e Pontevedra, na ponte que lle dá nome a Pontecesures. Cruzaremos o viaduto, que pasou por numerosas modificacións desde o século I, a carón de centos de peregrinos que viaxan polo Camiño Portugués. Ante nós a vila ofrece un selecto catálogo de edificios históricos, como o alfolín de Carlos IV, e un nutrido abano de locais onde degustar a especialidade local: a lamprea.

Con Pontecesures ás nosas costas, encontramos Catoira custodiando a desembocadura do Ulla á ría de Arousa. Nela, a parroquia de Santa Baia de Oeste garda varios tesouros para os visitantes curiosos. O Monte das Mámoas levaranos ata o Neolítico e as impoñentes Torres do Oeste farannos viaxar ata o século X. Asediados polas invasións normandas, a arquidiocese de Compostela ergueu esta antiga fortificación que hoxe en día pode visitarse a través do paseo fluvial entre as marismas. Desde aí, o mar chega á mesa na forma de nécoras, centolas e polbo á feira.

Xa mergullados e enchoupados de ría, Vilagarcía abre o seu porto para nós. O peirao, punto estratéxico para o tráfico marítimo e comercial desde hai séculos, dá paso tamén a extensos areais de bandeira azul. Se o ánimo chama máis ao movemento que a deixar o corpo a remollo, a nosa última parada ofrécenos un longo paseo marítimo desde onde embarcar para un roteiro pola illa de Cortegada, parque natural. Ou, senón, fechar a travesía saboreando unhas ameixas de Carril ao son dunha copa de albariño.

RUTA 801

Os vales do Ribeiro esténdense desde Castrelo de Miño ata Cortegada nun escenario natural vasto e fértil que se descobre en cada curva. Ante a vista dos viaxeiros, os ríos Miño, Avia e Arnoia marcan as diferentes zonas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Un acervo tanxible e intanxible ábrese aos nosos sentidos nesta ruta de apenas 25 quilómetros.

O noso traxecto principia en Castrelo de Miño. O seu encoro, construído nos anos 70, é punto de encontro de visitantes e locais. Nos meses cálidos, o tempo convida a bañarse nos peiraos do parque náutico ou a saborear unha empanada de anguías nalgunha terraza. Durante todo o ano, familias, parellas e grupos de amizades gozan coa paisaxe e os servizos que ofrece o parque. Táboas de windsurf e embarcacións de remo e vela adornan o espello do río Miño no descanso do encoro.

Deixamos Castrelo ás nosas costas e mergullámonos no agradábel labirinto arbóreo que arrodea Ribadavia. A ribeira do Avia sorprende a nosa vista co castelo dos condes de Ribadavia, que domina o horizonte. A zona antiga da localidade agocha entre as súas rúas empedradas diferentes plans para o visitante como unha foliada no furancho tradicional do Papuxa, un café na Praza Maior ou unha visita guiada polo Barrio Xudeu. Para acompañar o noso paseo, a Tafona de Herminia abasteceranos de doces elaborados pola propia dona, que segue as normas da comida kosher.

Saímos de Ribadavia camiño a Cortegada cunha parada obrigatoria nas termas de Prexigueiro, cuxas pozas naturais brotan á beira do río para descanso e goce do visitante. Máis adiante, a propia localidade de Cortegada ofrécenos tamén as propiedades terapéuticas das súas augas. Alén das dúas fontes termais, poderemos usar as instalacións do propio balneario ou, simplemente, deleitarnos cun viño do ribeiro no edificio modernista da antiga casa de baños, mentres observamos a auga do Miño pasar.

RUTA 305

Visitar A Curota, as dunas de Corrubedo ou Sálvora son tres dos magníficos plans que nos ofrece o Barbanza, comarca integrada polos concellos costeiros de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Nesta xornada, a nosa vía prioritaria será a 305, unha comarcal que, entre curva e curva, nos agasallará con vistas panorámicas fantásticas do norte de Arousa.

Iniciamos este escapada de 28 quilómetros en Rianxo, fotografando o esteiro do Ulla, percorrendo os miradoiros do Castro Barbudo, Monte Pena e Pico Murallano, e visitando as casas natais de Castelao e Dieste. Situada no extremo máis oriental da comarca, a mariñeira vila de Rianxo ten un patrimonio amplísimo, que inclúe máis de 50 estacións rupestres e 188 hórreos. Pagará a pena visitar os restos do Castelo da Lúa e descubrir a súa fermosa lenda, ao igual que facer a ruta do mexillón.

En Boiro, é difícil renunciar a unha batuxada nas mansas augas da Retorta, Barraña-Saltiño, Carragueiros, Ladeira do Chazo, Mañóns ou Piñeirón, impresionantes areais que nos proporcionan unha perspectiva única da ría de Arousa, como logo confirmarán as instantáneas captadas desde os miradoiros da Magdalena e o do Couto da Filloa. Uns moluscos da ría, acompañados dos viños da Terra do Barbanza e Iria, e unha torta de San Ramón serán unha elección deliciosa antes de seguir bordeando a costa en dirección á Pobra do Caramiñal, considerada como unha das vilas mariñeiras máis bonitas de Galicia. As praias de Santo Antonio, a Lombiña-Cabío, ou a Barca figuran entre os grandes atractivos naturais da localidade, ao igual que as piscinas naturais do río Pedras. Tamén ten esta consideración o miradoiro da Curotiña, situado a 512 m sobre o nivel do mar, desde o que poderemos asistir aos solpores incribles dunha ría rica en peixes, moluscos e mariscos.

A estrada 305 levaranos finalmente ata Ribeira, que nos seus 25 quilómetros de costa garda verdadeiros tesouros como o parque natural do Complexo Dunar de Corrubedo e a lagoa de Carregal e Vixán. Quen ademais visita Sálvora, ten a posibilidade de atoparse coa serea da illa ou incluso coa Santa Compaña. O dolmen de Axeitos, o petróglifo da Pedra das Cabras ou o castro do Monte da Cidá son parte do importantísimo patrimonio ribeirán, como o son as historias de naufraxios e as lendas, que cobran todo o seu valor cando chega o solpor a carón do antigo faro de Corrubedo.

Queres ollar outros contidos relevantes?

PADRÓN

150 150 CORALIA

PADRÓN

COS CINCO SENTIDOS

Reportaxe ALBERTO REY CASTRO & SUSANA OTERO VÁZQUEZ
Fotografías ALBERTO REY CASTRO & VICENTE DOMÍNGUEZ VARELA

Localidade ligada intimamente ao Camiño de Santiago, Padrón presume de ser a orixe do Xacobeo, dunha gastronomía singular, dun incrible patrimonio, dunha literatura universal, natureza senlleira, e múltiples actividades ao aire libre para toda a familia. Padrón é camiño e destino. É parada de varias rutas dos Camiños de Santiago, e tamén é destino: fin dunha das rutas máis ancestrais como é o Camiño da Pedronía que desde antigo fan os peregrinos para descubrir o lugar ao que chegou a barca que trouxo os restos mortais do apóstolo Santiago.

Padrón conta cun amplo patrimonio histórico no seu territorio. Do seu amplísimo catálogo monumental, a nosa primeira parada só pode ser a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, templo reedificado no século XIX que custodia baixo o seu altar maior o Pedrón, unha ara romana dedicada ao deus Neptuno, onde a tradición conta que foi amarrada a barca que trouxo o corpo do apóstolo Santiago ata o porto de Iria Flavia, porto importante da romana Gallaecia, situado moi preto de onde se edificou a primitiva igrexa de Santiago.

«Inda vexo onde xogaba, cas meniñas qu’eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba, i a fontiña onde bebía», versos da autora Rosalía de Castro lembrando a súa infancia polas rúas de Padrón que nos leva a un pasado de xogos e risas, rúas empapadas de literatura, historia e gastronomía.

Na contorna da igrexa atopamos outros elementos que nos levan a outras épocas pasadas que seguen vivas e conviven coa veciñanza na súa vida cotiá e cos centos de peregrinos que se achegan á vila. Un destes espazos é o Paseo do Espolón, lugar onde se celebra, baixo os impoñentes e centenarios plataneiros de sombra, o mercado de Padrón, un dos máis populares e concorridos de Galicia. A súa sona atrae cada domingo milleiros de visitantes de todas as idades procedentes tamén doutras comunidades, algúns na compaña da familia ou amigos, e outros en grupos de excursións. A orixe deste mercado popular remóntase a tempos inmemoriais. Xa na Idade Media estaba considerado un dos máis importantes de Galicia, e centrábase principalmente na venda de gando e outras mercadorías. A variedade de produtos que se poden adquirir no mercado de Padrón é un dos seus principais sinais de identidade. Unha amálgama de cores vivas e olores que anuncian a presenza de artigos téxtiles, calzado e complementos, e de gran diversidade de produtos de alimentación (como froitas e verduras de tempada, queixos, embutidos ou licores), xunto a apeiros de labranza, mobles e outros artigos curiosos. Claro que o gran protagonista do mercado de Padrón é o polbo á feira. Os fogóns das polbeiras e o seu tentador aroma marcan a hora do petisco: polbo, churrasco, vermú, viño e café son aquí os protagonistas.

Se levantamos a vista podemos ver, ao outro lado do río Sar, o convento do Carme. Desde o seu magnífico adro é doado admirar as vistas do casco vello da localidade rosaliana e o propio curso do río ata a súa desembocadura. Moi preto deste lugar nacen as 132 escaleiras que conducen ata un espazo máxico, envolto en lendas antigas e o embruxo das romarías familiares cada 25 de xullo, o Santiaguiño do Monte. Un lugar de esparexemento vinculado á figura do apóstolo Santiago, que a tradición oral sinala como o punto onde lles predicou en vida aos xentís da zona. A sensación de pasar as mans polas 10 rochas deste promontorio cheas de historias e lendas, e o atrevemento de tentar atravesar os 3 ocos que alí se atopan, que representan o ceo, o purgatorio e o inferno, faranos protagonistas dunha experiencia única.

Para recuperar folgos despois deste percorrido nada mellor que un aperitivo na zona vella de Padrón, deténdonos a gozar das súas terrazas e degustar os seus afamados pementos de Herbón, que, como di o dito, uns pican e outros non! A particularidade deste produto singular, bandeira desta localidade e apreciado no mundo enteiro, fai que só sexa posible degustalo na súa tempada, a que vai do mes de maio a outubro.

Aínda así é certo que cada vez existen máis produtos gastronómicos vinculados ao pemento elaborados coa súa materia prima como a marmelada, confeitura, queixos, bombóns, licores etc. que se saborean todo o ano.
De visita obrigada é tamén o Xardín Botánico Artístico de Padrón, considerado un dos máis antigos de Galicia. Nun espazo dunha hectárea concentra preto de 300 especies distintas, entre as que figuran varias incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. É este un lugar perfecto para deixar voar a imaxinación polos labirintos na procura do recuncho máis fermoso ou a especie máis singular, que para moitos é a Coroa de Cristo, árbore centenaria que imita a coroa que Xesús levou na cruz. Outro evocador recanto do Xardín Botánico Artístico é o Banco dos Namorados, onde un pode sentar, pechar os ollos e escoitar o cantar dos paxaros e o rumor da auga das súas fontes de pedra, sentir a cálida brisa, e deixarse empapar da súa latente inspiración, como facía Rosalía de Castro baixo a sequoia vermella que leva o seu nome.

Camiñar, sentir e aprender tamén é posible en Padrón. A tan só 3 quilómetros do centro, na parroquia de Herbón agárdanos unha ruta moi especial, a Ruta do Pemento. Esta ruta circunda o convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, un edificio con máis de 600 anos de historia, onde chegaron, procedentes de América, as primeiras plantas de pementos. Percorrendo esta ruta, e grazas aos códigos QR que iremos atopando, poderemos descubrir a historia do convento, a orixe do pemento, o seu cultivo, cociña, características ou curiosidades. Incluso poderemos descubrir por que pican.

Moi preto de aquí, situase a monumental igrexa de Santa María de Herbón, un magnífico exemplo de románico compostelán, así como as espectaculares pesqueiras, construcións que, segundo indican algúns historiadores, poden ter orixe romana, destinadas á pesca da lamprea, peixe prehistórico que non deixa indiferente a ninguén polo seu intenso sabor. A súa tempada vai desde o mes de xaneiro ata abril. E, habitualmente, no mes de marzo, o concello de Padrón organiza unhas xornadas gastronómicas que, ademais de obradoiros de cociña e actividades para toda a familia, permite saborear os ‘menús lampreeiros’ nos restaurantes da localidade, que inclúen entrantes, prato principal, sobremesa e bebida por só 30 euros.

Así mesmo, nas augas que bañan as terras de Padrón tamén é posible realizar actividades deportivas como o descenso en kaiak ou rafting, ademais de actividades de tiro ou rappel, experiencias perfectas para quen busca vivir emocións intensas.
Claro que non poderiamos falar de Padrón sen falar da literatura. Padrón é unha vila que conta cunha longa e histórica tradición literaria, e é berce de autores do porte de Macías o Namorado, trobador medieval (s. XIII–XIV), Juan Rodríguez de la Cámara ou de Padrón (1390-1450), a universal poetisa Rosalía de Castro (1837–1885), Nicasio Pajares Ogeros (1881-1956), Manuel Vázquez Castro, coñecido por ‘Manuel Barros’ (1844–1888) ou o premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela (1916–2002).

En Padrón é unha parada obrigatoria a Casa-Museo de Rosalía de Castro, o lugar onde pasou os seus derradeiros días, que nos permitirá coñecer como era a casa nesa época e onde tamén poderemos pasear polo seu xardín, ulir as camelias, o loureiro ou a figueira que se cre podería ser datada na súa época, ou sentarnos a ler á sombra da viña que ten en fronte da súa casa, tal e como facía a propia autora.

Non moi lonxe de alí, en Iria Flavia, centro romano hai 2000 anos, atopamos a Fundación P.G. Camilo José Cela, un espazo que nos envolve na súa escrita e no cal poderemos aprender moito da figura do premio Nobel, gozando dunha visión menos coñecida deste persoeiro tan importante. Ademais, o seu Museo ten unhas vistas envexables da igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, considerada o primeiro templo dedicado á virxe María e con centos de anos de historia nos seus grosos muros, moi ligada á tradición do apóstolo Santiago e á historia compostelá.

Ao longo de todos os meses do ano, Padrón é sinónimo de calidez e hospitalidade.

De carácter acolledor, a súa veciñanza recibe o visitante cos brazos abertos, feliz de poder compartir a súa riqueza patrimonial material e inmaterial. Padrón é, en todas as ocasións, camiño e destino.

Queres ollar outros contidos relevantes?

A ESTRADA

150 150 CORALIA

A ESTRADA

CADA MOMENTO CONTA

Reportaxe CONSELLERÍA DE SANIDADE, TURISMO E RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Fotografías NACHO DEL RÍO | AROA CASTRO | VÍCTOR ESPIÑO | ACTUALIZADOS COMUNICACIÓN | MAYSIL | JUAN RODRÍGUEZ

A 25 quilómetros de Santiago de Compostela, preto do límite entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, atopa o viaxeiro ou peregrino unha perla cultivada no corazón de Galicia, incrustada na súa cultura ancestral, alimentada polos seus froitos e regada polos seus ríos, embelecida por unha natureza poderosamente verde, salvaxe e domesticada: A Estrada. Un cruzamento de camiños que se converteu no centro neurálxico dunha comarca, bañada polo río Ulla, que espera a súa visita todo o ano. E é que A Estrada pode gozarse en calquera das catro estacións.

No outono, cando a paisaxe viste de marrón e amarelo, os camiños convértense nas alfombras perfectas para realizar calquera das rutas de sendeirismo e BTT homologadas (que se poden descargar en www.bikeestrada.com, onde tamén se pode consultar o programa de rutas de sendeirismo para o outono e a primavera). Ademais, as casas de turismo rural dispoñen de rutas autoguiadas mediante GPS. Acompañaranos no camiño o arrecendo a mazá madura e a castañas, manxar honrado nos moitos magostos que se celebran en todas as parroquias do concello.

Chegado o inverno, os artesáns da comarca elaboran as súas creacións, manualmente, nun exercicio de talento, beleza e innovación. A Estrada conta con profesionais artesáns que, sempre á man, encadernan, elaboran instrumentos, traballan o vidro, o coiro, a pedra e a madeira, tecidos, encaixes ou mesmo crean moscas para pescar. Son aquí moi afamados os torneiros de Berres que, desde hai máis dun século, elaboran obxectos de uso doméstico, como pratos de polbo ou morteiros. Non é de estrañar que nas últimas décadas moitos destes talleres profesionais foran recoñecidos pola Fundación Artesanía de Galicia, e que hoxe, as súas creacións constitúan eleccións perfectas para agasallar en calquera ocasión.

Pasado o frío invernal, a primavera chama á porta para tinguir de cor a paisaxe. Aquí a raíña das flores é a camelia, unha especie característica da zona que ten o seu trono nos xardíns do pazo de Oca, onde é posible admirar a súa floración de xaneiro e abril. O pazo de Oca é un dos conxuntos monumentais máis representativos de Galicia. Pertence á Fundación Casa Ducal de Medinaceli e forma parte da Ruta da Camelia. Unha visita aos seus xardíns permitiranos apreciar un fermosísimo trazado ideado na segunda década do século XVIII, seguindo a tradición paisaxística francesa.

 

Nestas datas é tradición tamén o carnaval, aquí chamado entroido, que nesta comarca adquire un carácter singular grazas aos Xenerais da Ulla que, de a cabalo, percorren as parroquias pregoando os seus correos, acompañados dun exército de abandeirados, coros e comparsas. O percorrido termina co alto ou ‘atranque’, enfrontamento dialéctico por parellas no que non falta a sátira, a burla e a crítica social. Estes personaxes distínguense así mesmo pola súa rechamante e colorida vestimenta, que os fai absolutamente únicos.

Coas primeiras calores da primavera, o salmón remonta o río Ulla. De feito, cando chega maio, os pescadores achéganse ás súas beiras en busca da mellor peza. De feito, na terceira fin de semana de maio, A Estrada celebra a Festa do Salmón, exaltación gastronómica na que participan multitude de establecementos hostaleiros da zona e á que acoden milleiros de persoas de toda Galicia para degustar as tapas e menús confeccionados para a ocasión.

En xuño toca acougar a sede co saboroso elixir que nos dá a mazá, autóctona e de cultivo ecolóxico, que impregna co seu aroma toda a localidade na Feira da Sidra, un encontro de produtores e adegueiros, que serve para colocar A Estrada no mapa mundial da sidra.

Pasadas as festas de San Paio, patrón da localidade que celebra o seu día o 26 de xuño, toca baixar a Sabucedo na primeira fin de semana de xullo para rememorar a tradición ancestral da Rapa das Bestas. A veciñanza de Sabucedo e comarca agrupa os cabalos na montaña e condúceos ao curro, un recinto circular no que corta a crina dos animais en auténtica lide, tal como fixeron os veciños da zona durante séculos. É esta unha festa declarada de Interese Turístico Internacional que convoca miles de persoas cada ano, atraídas pola súa beleza e autenticidade.

Xa no verán, as augas do río vannos dar un respiro, permitíndonos sufocar os rigores da calor. Daquela as praias fluviais da Estrada constitúen un remanso de frescor que nos convidan a descansar e, á vez, a practicar todo tipo de deportes de río, xa se trate de pesca tranquila ou practicando rafting ou hidrospeed.

Para facer máis grata a visita, o municipio da Estrada conta cunha ampla oferta de aloxamentos e casas rurais. Son espazos nos que se atopan tradición e modernidade, descanso e comodidade; son lugares únicos e con encanto que converten en inesquecible unha estadía na comarca. Ademais, moitos deles inclúen na súa oferta actividades e rutas polo seu inigualable contorno (na web www.turismo.aestrada.gal pode atopar máis información ao respecto).

Non errará quen pense que en calquera momento do ano paga a pena coñecer e gozar as paisaxes, as xentes, a cultura e a gastronomía deste territorio incomparable. De feito, na Estrada xa estamos a agardar por vostede.

Queres ollar outros contidos relevantes?

OFRENDAS

150 150 CORALIA

OFRENDAS

DE LUZ

Reportaxe LAURA RAMOS CUBA
Fotografías TINO MARTÍNEZ

Todos os anos en Galicia miles de persoas enchen autocares, vehículos particulares e camiños para vivir a gratitude e a emoción que nacen en sitios como Santo André de Teixido, Amil, Xende ou Ribarteme. Viaxamos a través do país das mil romarías, no que cada parroquia prende un facho de devoción sincera para as persoas que queiran achegar o corpo… e o espírito.

Romaría. A historia apréndenos que a orixe da palabra procede de Roma e designaba a peregrinación das persoas católicas á cidade dos papas. Co tempo, o termo acabou por abarcar as viaxes a calquera santuario da cristiandade. Hoxe en día, ir de romaría non só implica o camiño –a pé ou en transporte motorizado–, senón tamén a viaxe íntima e colectiva cara ao Santo. «Vaise visitar un Santo como se vai visitar un amigo: canto máis longo sexa o camiño, canto maiores sexan as dificultades, máis se lle demostra o afecto», analiza o antropólogo Marcial Gondar.

A romaxe, xa que logo, non enraíza o seu sentido no pracer da viaxe –a miúdo incómoda debido ás dificultades de acceso– nin no sacrificio que poida implicar a ofrenda ao Santo. A romaxe non é unha comenencia. É a sinceridade aberta do agradecemento, o recoñecemento honesto dunha persoa que recibiu favores divinos nunhas circunstancias adversas para si ou para os seus. Unha operación que saíu ben, unha doenza que sanda, un accidente sen feridos. En Galicia, a romaría galega por excelencia é desde hai séculos Santiago de Compostela. Un distante punto do continente que, a través dunha rede de vieiros que cruzan fragas, serras, ríos e mares… acabou por vertebrar Europa.

TEIXIDO OU AS PORTAS DO ALÉN

Tan célebre chegou a ser a sona da romaría deste apóstolo que Santo André, xa arribado na súa barca de pedra aos monumentais acantilados de Cedeira, mostrou a súa mágoa ante Deus polo descoñecemento e abandono que sufría. Os romeiros e as romeiras preferían visitar o templo de Santiago, máis grande e con máis fama. Conmovido pola súa coita, o Señor compensaría a aldraxe coa promesa de que «irá de morto, quen non foi de vivo», unha máxima que aínda a día de hoxe move milleiros de peregrinos. Neste lugar, é lei entre visitantes e locais non matar ou ferir ningún animal baixo a crenza de que pode ser a encarnación de alguén que non cumpriu en vida a sentenza divina.

Aínda na súa presenza corpórea, tres deses peregrinos foron os escritores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Sey, que en xullo de 1927 viaxaron a pé desde Ourense ata Teixido polo camiño de Cedeira. Esta vía convive co vieiro dos Romeiros ou Camiño Vello (que principia en Porto do Cabo) e o camiño de Valdoviño, indicado para romeiros da Coruña ou Ferrol. Otero Pedrayo deu conta no libro Pelerinaxes I das súas observacións durante a viaxe ata este modesto templo da parroquia de Santa María da Régoa.

Aínda que sexa posible encadrar a datación da ermida por volta do século XII, o certo é que o culto arredor de Santo André de Teixido parece orixinarse moito antes. Calquera persoa do século XXI que hoxe asome a vista aos 140 metros de precipicios graníticos que rompen o abrazo atlántico da Capelada poderá entender como os antigos castrexos acreditaban que alí se encontraban as portas do alén. Miles de anos despois, os rituais foron transformados e o simbolismo mudou, mais unha corrente subterránea de fe fura a través da historia.

O viaxeiro que chega a Santo André de Teixido ficará cativado pola inmensidade catedralicia dos que gardan a paisaxe, mais tamén pola solemnidade sinxela dos amilladoiros, pequenos túmulos de pedras amontoados por outros romeiros, testemuñas da súa travesía. Unha vez no templo, calquera visitante poderá ofrecerlle os seus respectos ao Santo, que garda no seu interior fotografías e exvotos doutros crentes, mais tamén poderá beber da Fonte de Tres Canos, adquirir un sanandresiño (símbolo do santuario elaborado con miga de pan) ou recoller o ramo de Santo André, elaborado con teixo, abeleira, herba de namorar ou xuncos do ben parir. Se ben, ao igual ca en Compostela, o romeiro pode asistir todo o ano ao lugar de culto, hai certas datas con especial significado, como é a fin de semana de Pentecostés, San Xoán, o 30 de novembro ou a terceira fin de semana de setembro.

O terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos.

O URBANO DIVINO NAZARENO

Na mesma data, o terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos. O Nazareno foi tamén un punto de inflexión na vida de Tino Martínez (Santiago, 1943), «ofrecido de por vida… á fotografía», matiza cun sorriso. O fotógrafo compostelán andaba na procura dun proxecto artístico persoal cando, en 1969, visitou a festividade cun amigo. «Encontreime con 40 ou 50 caixas desfilando pola procesión e impactoume porque a miña primeira vocación foi ser Xesuíta e iso quedoume dentro, como unha brasa que sempre dá calor», explica.

A celebración, declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, remonta as súas orixes ao século XVI, cando o rexedor Xoán de Liñares sería salvado da morte por intercesión do Santo Cristo e, en agradecemento, foi en procesión diante da súa propia caixa mortuoria. Séculos despois os ataúdes seguen saíndo da igrexa do Deán. No barrio da Covecha lánzanlle pétalos á figura desde os bloques de apartamentos e saúdana con bombas de palenque que, cun zunido, parten o ceo nun áxil marco de fume. Mentres, policías e gardas civís recollen bebés, carteiras e bolsos para rozar contra o seu manto, na procura da beizón.

«A partir do Nazareno comecei a investigar outras romarías que tivesen esa consistencia, ese algo diferente: exvotos, mortallas, ataúdes, grandes cadeas… nelas notas a forma en que a xente se entrega á santa e á fe porque é algo tanxible, podes tocala», comparte o fotógrafo. Con máis de medio século de asistencia e un arquivo con máis de 50.000 negativos de diferentes romaxes, «xa hai quen me di que son máis Nazareno que o propio Nazareno».

Ao pé do desfile e da música solemne a carballeira garda risos e polbeiras, familias a xantar sobre o mosaico de luz que cosen as follas na herba. Entre os contos e o viño esténdese unha atmosfera de ledicia que fai máis lixeiras as penas da vida diaria. Lonxe, na altura das montañas, foguetes de sete estalos coroan o día grande no almanaque das persoas ofrecidas. Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia. Un ofrecemento de por vida por unha filla cunha cardiopatía, outro por un neto que estivo á beira da morte cando bebé ou unha ferida fonda que lastra despois da morte dunha nai. «Un historiador, un xornalista ou outro fotógrafo non oe nin ve o que eu, porque eu fíxome na xente, non no impacto fácil», sentencia Martínez.

Outrora parte do arciprestado de Soutomaior e célebre polos seus canteiros, a parroquia de Xende recibe todos os anos a multitude proveniente de todo o país que vén participar na procesión. Centos de anos distan entre os nosos días e as primeiras referencias –do século XVIII– a esta romaxe que, sen ser a máis grande do país, si parece ficar inmutable ao desgaste dos anos. O fotógrafo Tino Martínez reflexiona sobre o mantemento destes rituais en Galicia. Noutras partes do globo tamén existen estas prácticas e, porén, ningún se pode comparar ao país das mil romarías. «Penso que aquí todo isto vén dado grazas ás mulleres, que son quen dirixen isto», recoñece.

Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia.

UN MAR DE ARDORA EN AMIL

Case 40 quilómetros ao norte de Xende encontramos o santuario da Virxe dos Milagres de Amil. Situado en Ruibal, na parroquia de Santo Amedio (Moraña), o lugar celebra cada 8 de setembro a súa romaría. Ducias de persoas realizan unha peregrinación nocturna ao lugar santo. No camiño, candeas e lanternas viaxan a través da noite nun mar de ardora que desemboca no santuario, no lugar da Chan.

A historia detrás deste culto remonta ao século XVIII, cando a Virxe dos Milagres tería feito brotar un manancial en Rozavella para o arrieiro Sebastián de Castro. En agradecemento o home construíu unha fonte e recadou esmolas para construír a ermida actual, nun terreo máis firme. O templo, arrodeado de fragas e camelias, presenta unha planta poligonal e un estilo neoclásico que cada mes de setembro é arrodeado por unha sinfonía de aromas, cores e sons.

Cada 8 de setembro, en Amil, nace un día para separarmos dos outros días. Brotan os postos de melindres, torres de rosquillas e pan de diferentes tipos e feituras. Panos de cores, obxectos de agasallo, gasosas e barquillos. Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido. Familias e turistas reúnense co repenicar das campás no adro do santuario, polo simple feito de estar xuntos, pola necesidade esencial de compartir a mesma vitalidade e a mesma euforia.

O CORPIÑO, ‘O LOURDES GALEGO’

Ao nivel da multitude que visita Amil encontramos tamén a romaría da Nosa Señora do Corpiño, no concello pontevedrés de Lalín, considerada por moitos ‘o Lourdes galego’. O santuario está situado xusto aos pés do monte Carrío e dentro da parroquia de Santa Baia de Lousón. Aínda que aberto todo o ano, o templo recibe o groso de romeiros no día de San Xoán e na véspera, días grandes da romaxe.

A Nosa Señora do Corpiño é recoñecida popularmente como intercesora contra o meigallo ou doenzas psíquicas e posesións. O seu párroco, José Criado, é o exorcista máis novo de toda a Igrexa católica, unha práctica que dista dos rituais realizados nos séculos pasados, en que introducían un hisopo mollado en aceite na boca da persoa posuída. Agora cómpre obedecer certos requirimentos para recibir un exorcismo e calquera pode ver a virxe a través da retransmisión en streaming do altar do santuario.

Porén, mesmo con estes avances, o culto ao Corpiño segue intacto desde a súa orixe no século VIII, cando nas inmediacións do monte Carrío vivía un ermitán devoto da Virxe. Hoxe, as santeiras véndenlles cruces e candeas aos confrades que, vestidos con túnicas verdes, arrodean a igrexa en procesión. Moitas persoas ofrecidas tamén pasan por penitencias adicionais como camiñar de xeonllos arredor do templo ou facer a peregrinación sen comer.

As persoas alleas á tradición poderían tachar esta imaxe como ‘excéntrica’. Por iso, Martínez critica o labor dos medios na difusión deste ritual. «O 98% dos fotógrafos fan fotografías ridiculizantes das romarías e non captan o sentimento», sinala. O xeito en que entregan as pregarias ou como as persoas ollan para o Santo, «como os seus ollos non poden evitar expresar cando estás pedíndolle algo moi importante á Santa, para ti ou para os teus» son algúns dos fragmentos de realidade que o fotógrafo capta na súa obra, dominada polos planos curtos, fechados.

 

Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido.

A ROMARÍA DAS MORTALLAS DE RIBARTEME

Da mesma sona do Corpiño como romaxe de ofrecidos tamén goza Santa Marta de Ribarteme, no concello das Neves. Segundo a Biblia, Santa Marta era a irmá de Lázaro, que intercedeu ante Xesús para que resucitase o seu irmán. Todos os anos, e despois de ser salvadas dunha doenza moi grave ou dun perigo mortal, as persoas maniféstanlle a súa fonda gratitude á Santa. Cada 29 de xullo, arredor de dez cadaleitos saen nunha longa procesión que se estende por un camiño de ata 6 quilómetros, acompañados de amortallados e outros ofrecidos. Dentro deles e baixo unha calor de xustiza, vemos asomar nos ataúdes os seus ocupantes portando abanos, botellas de auga ou panos para se cubriren do sol. Detrás deles, o coro canta: «Virxe de Santa Marta, estrela do norte, que lle deu a vida ó que estivo á morte». As campás da capela –reconstruída despois dun incendio na noite de San Xoán de 1939– tocan a morto cando a comitiva entra na igrexa e os ofrecidos érguense do sepulto, como Lázaro, para rezar.

A estampa, impoñente para os visitantes, valeulle o título de segunda festa máis singular do mundo, segundo o xornal británico The Guardian. Tino Martínez, que comezou a retratar a festa no ano 1980, ve nesta representación da morte un acto de liberación. Representar a morte é evitala, unha forma de catarse, do íntimo ao público. «Enérvame cando din que en Ribarteme hai un culto á morte. Como que culto á morte? É culto á vida! A persoa vai pedir por outro, e vai pedir saúde, vai pedir vida. De onde sacan iso do culto á morte ou da Galicia profunda?», reproba. Contra a ignorancia e o escurantismo da ollada allea, o artista abre a porta á luz e á comprensión. «Por que non vas un día e ves o que hai, as súas caras? Están na superficie, mostrándose diante de todo o mundo e están desexando abrirse e soltar o lastre que levan dentro… Choran e dincho», conta.

Pasan os séculos e as décadas e «o único que cambia é a vestimenta, os peiteados e que agora as persoas falan polo teléfono móbil a carón do ataúde, mais a mesma idea segue aí, as crianzas seguen aí», afirma Martínez. Todos os anos, milleiros de persoas asolagan camiños e estradas para unha festa distante. Aí están as familias que acordan verse nas romaxes, os emigrantes que levan convidados estranxeiros e os visitantes que acoden curiosos a unha cita cun espazo e cun tempo distinto, un tempo de gratitude, de fe, de comuñón. «A morte é un lugar comprensivo», escribe a poeta Lupe Gómez. «Un terremoto de flores. Un abrazo de profundo silencio».

 

 

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

CES

150 150 CORALIA

CES

GALICIA

                                                                                                                                                                                                  Alfonso VIII

O CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA E OS DEREITOS LINGÜÍSTICOS

O uso e presenza da lingua propia en todos os ámbitos da vida social, tamén a económica é unha característica común dos países desenvolvidos. É indicativo da confianza nas propias capacidades e da mellor posibilidade de transmitilo aos demais.

Dende o Consello Económico e Social de Galicia entendemos débese dar maior contido legal e formal ao dereito xa recoñecido dos galegos e galegas a usaren a lingua propia de Galicia nas relacións que manteñen entre e coas empresas como clientes e clientas, consumidores e consumidoras, e usuarios e usuarias, e para garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno dese dereito recibindo na mesma lingua todo tipo de información tanto na sinalización como na atención oral e escrita, consonte ao disposto na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001; ao sinalado no Título VI da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos asumida en 1996 e concretado no Protocolo de Donostia para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos; e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unanimemente en 2004 e desenvolvido no seu Sector 4 – Economía polo Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico do ano 2016.

A posibilidade de desenvolvermos unha vida plena en galego é condición esencial para a normalización lingüística. Os poderes públicos galegos teñen a obriga legal de garantir o dereito a usar o galego e, xa que logo, de combater a falsa naturalidade do tratamento do galego como lingua menor no seu propio territorio. Por iso, deberán promulgar medidas legais para a igualdade real e efectiva da nosa lingua. Ademais, contribuirase de xeito activo desde a administración pública e todo o sector público galego á eliminación de prexuízos mediante campañas de concienciación cidadá e educativas, mais sobre todo asegurando a presenza da nosa lingua e dando exemplo ao contratar con empresas que, á súa vez, garantan o exercicio do dereito elemental de empregar  a lingua propia no propio país.

A lingua ao estar regulada por un marco xurídico que recoñece a un tempo obrigas e ampara dereitos de uso, debe avanzar nunha mesma dirección. As organizacións presentes no CES consideran que a promoción, impulso e potenciación do galego, debe ser permanente, continua e decidida en todos os seus ámbitos de actuación, especialmente no apartado institucional.

A normativa vixente como a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, ou a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, recolle o dereito á atención oral e escrita en galego, mais esta regulación non ten un desenvolvemento concreto, co que inda en moitos ámbitos da vida cotiá de Galicia resulta dificil acceder aos diferentes servizos empregando a lingua propia. Esto leva a que o usuario, ou usuaria, deba cambiar a lingua que emprega, se non é comprendido. Esta circunstancia tamén dificulta a formalización das xestións en lingua galega pola falta de dispoñibilidade de modelos contractuais ou formularios na lingua propia.

Foro do bo burgo de Castro Caldelas, privilexio dado polo rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228.

Esta ausencia dun desenvolvemento que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais provoca situacións de vulnerabilidade e indefensión no uso do galego nas relacións comerciais, que afecta ao empresariado mais tamén a consumidoras e a consumidores. Vese así relegada a opción lingüística malia ser o galego a lingua propia e maioritaria de Galicia e gozar dun status formal de cooficialidade ao tempo que contribúe á deslocalización de servizos esenciais como os atendidos a través de centros de chamadas.

Os procesos de dixitalización no ámbito económico e social, así como o incremento do uso das novas tecnolxías e as novas formas de relacionarse, non deben significar unha perda de presenza do idioma galego como vehículo de relación, comunicación e sinal de identidade da nosa cultura, mais ben novas oportunidades nas que o conxunto de Galicia e a súa lingua non poden ficar atrás. A aceleración deses procesos, como consecuencia da irrupción da pandemia da COVID-19, precisa dun aumento significativo de acción e compromiso dos poderes públicos que debe sensibilizar as institucións e á sociedade en xeral na procura dun maior apoio ao uso do galego na totalidade dos ámbitos económicos, sociais e institucionais, para garantir a presenza da nosa lingua e o dereito real de uso por parte do conxunto da sociedade.

É imprescindible que as institucións públicas fomenten o uso da lingua galega en todos os ámbitos, pero tamén que as organizacións sociais teñan parte activa na mobilización das súas bases sociais,  facendo posible que esa franxa social que ten liberdade para exercer os dereitos lingüísticos non deserte da lingua galega e impulse o seu uso.

O Consello Económico e Social de Galicia apoia e apoiará todas as iniciativas conducentes a potenciar, promocionar e impulsar o emprego do galego no funcionamento cotiá da institución, así como nos ámbitos económicos e sociais.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido