CAMIÑO INTERIOR
De Estíbaliz Veiga
Fotografías FRED IGLESIAS
Neste ‘novo Renacemento’ no que estamos a entrar toca reflexionar máis, se cabe, sobre o lugar que ocupa o noso espírito no Universo e en nós mesmos. Moito se podería falar da cuestión da ‘consciencia’ en relación co planeta, os animais ou a Nai Natureza, mais considero que neste instante sería un atrevemento facelo sen buscar antes a paz interior que necesitamos para reconducir este ‘Big Bang’ metafórico da era moderna que estamos a vivir.
O budismo comezou animando os seus practicantes a involucrarse no smrti (sati) ou mindfulness, o que implica desenvolver unha análise plena sobre todo o que ten que ver cun mesmo e co mundo que nos rodea, xa sexa sentado nunha postura especial ou no transcurso da propia vida. Este é o tipo de meditación que o propio Buda practicou baixo a árbore da iluminación e se menciona no sétimo punto da oitava senda. Pero, por sorte, non hai que viaxar á India para poder meditar e recuperar o benestar nun contorno natural.
O noso plan de achegamento ao mundo da espiritualidade ben podería comezar cunha xornada raw retreats, un retiro de ioga, acompañado dun brunch na illa de San Simón, organizado polos vigueses Raw Yoga. O noso punto de encontro sería o peirao de Cesantes, para a continuación principiar o día cunha práctica de ioga tradicional ao aire libre. Inmediatamente despois será tempo de gozar un delicioso brunch vexetariano nun ambiente relaxado. É, pois, imprescindible deixar o móbil na casa e así aproveitar o día recuperando ese tesouro que xa nin sabemos onde o esquecemos: o noso propio tempo. Logo de descubrir a illa, a súa historia e a súa natureza, practicariamos a meditación respirando osíxeno puro. Cando ao solpor toque subir ao barco, farémolo, sen dúbida, con enerxías renovadas.
A forma máis básica da meditación faise atendendo á propia respiración. Téñoa feito nalgunha ocasión como complemento final dun taller de aromaterapia ou escoitando a melodía das cuncas tibetanas. Trátase de experiencias que, en calquera caso, buscan acadar a relaxación e o sosego da alma. Na meditación, a postura máis tradicional é a do loto (nun coxín con cada pé apoiado na coxa oposta) con variacións como o medio loto (cun pé na coxa oposta e o outro estirado diante do xeonllo contrario). Pero aínda que pareza complicado non o é, xa que, ademais de practicar a meditación sentados coas costas erguidas, pódese facer estando de pé, camiñando lentamente, deitándonos no chan ou incluso nunha butaca.
O caso é deixar a mente en branco (difícil, xa o sei), permitíndonos así entrar no chamado ‘espazo da nada’, que no mundo zen tamén se coñece como estado mushiryo, o que está máis alá do pensamento. Podes mirar simplemente ao ceo e ver como se desprazan as nubes. Mantendo a ‘escoita activa’, poñendo atención plena nos paxaros, no vento, nas follas das árbores. Tamén se te atopas nunha gran cidade podes facer este exercicio. Se nos concentramos no que oímos, os sons poden levarnos voando ata un espazo natural situado no noso imaxinario. Así faste cargo de que es parte da natureza, e podes celebrar o milagre dun novo día, porque o mero feito de estarmos vivos xa é motivo de ledicia. Recréate no aquí e o agora. Respira!
No caso de querer afondar máis no crecemento da túa intelixencia emocional, podes practicar o kundalini, participando en seminarios como os organizados polo Centro Casiopea de Palmeira. Ao longo dos anos, este centro foi ampliando a súa oferta como clínica de terapias psicolóxicas con especialidades complementarias do eido da ciencia e do de correntes máis alternativas como a meditación ou o traballo para sandar traumas herdados. Olalla Guimarei, a súa fundadora, bebe de diferentes autores e sabedorías antigas como o sufismo, o xamanismo de Perú e Chile, o budismo e a meditación de Asia, e o estudo da antropoloxía na historia da Humanidade. O retiro de Palmeira ten lugar nun contexto incrible, o da comarca do Barbanza, onde a procura da calma é máis fácil e fermosa para quen se anima a facer o seu traballo de fortalecemento e medra deste xeito. Para a artífice destas actividades, unha terapia é moito máis ca a eliminación dun síntoma, é un camiño de vida e de aprendizaxe.
O fundamento do kundalini é espertar e elevar a enerxía kundalini ou shakti kundalini, unha forza primordial que, segundo os expertos, está durmindo na base da columna vertebral (primeiro chakra) de todo ser humano. Este é o potencial creativo latente en cada persoa. Na cultura hindú represéntase como unha serpe enrolada na base do sacro onde está situado o soporte da raíz ou chakra demuladhara. Coa activación da elevación da columna vertebral principia a purificación a través dos chakras (ou núcleos de enerxía), e en paralelo un aumento progresivo do grao de conciencia e cumprimento persoal.
Tamén é posible que prefiras a soidade e que queiras probar a facer a meditación pola túa conta. Neste caso, a chamada Galicia Máxica ofrece infinitas posibilidades. O santuario de Santalla de Bóveda sería, por exemplo, unha excelente opción. A primeira característica rechamante deste templo romano erixido na fermosísima Santalla de Bóveda de Mera (Lugo) é que está descuberto e orientado de xeito oposto ao habitual nas igrexas medievais. A súa ‘piscina’ ten un nicho de case tres metros cadrados onde se cre que se facían rituais e ofrendas con animais (un dato este un tanto macabro para a miña forma de entender o mundo no século XXI). Eu tiven a oportunidade de facer nela unha magnífica sesión na que puiden sentir a súa enerxía revitalizante ao poñer as plantas dos pés en contacto directo coas rochas máxicas do centro da piscina ‘das ninfas’ e deixar a mente en branco. Gárdoo realmente como un momento inesquecible, nun lugar único que foi venerado porque nel confluían os poderes do mundo non terreal.
A miña forma de vivir xira arredor da convicción ecoloxista e a defensa de todo ser que habita neste planeta, por iso decidín ser vexetariana e me unín á defensa do dereito ao bo trato aos animaliños. Cada día medra o meu compromiso coa protección do mundo animal, o que unido á constancia na práctica do meu deporte diario, o bikram ioga, favorece a miña autoestima e o meu amor propio e polos demais. O bikram é unha modalidade de ioga tradicional que realizo na Coruña. Inclúe un conxunto específico de 26 posturas que deben realizarse nunha orde concreta e nunha sala climatizada arredor dos 40 graos centígrados, emulando as condicións climatolóxicas da India que favorecen a elasticidade.
O bikram ioga é unha receita natural e eficaz para combater, entre outros, os trastornos do sono, xa que calma o sistema nervioso ao que lle sobra adrenalina á hora de ir durmir. Canto menos cantidade desta hormona teña o corpo, mellor descansaremos. Por iso, a continuidade nas clases fai que o organismo estea tranquilo e a mente limpa e relaxada.
En Bikram Ioga A Coruña descubrín os beneficios da kombucha (que o meu profe Joaquín fai de xeito caseiro). É unha deliciosa bebida de aspecto xelatinoso e sabor ácido, obtida a base de té edulcorado fermentado, con infinidade de propiedades. Desde hai máis de 2000 anos, os chineses aprecian as bondades da kombucha pola capacidade que se lle outorga de equilibrar o chi (a enerxía vital) e mellorar a dixestión. Está deliciosa con xenxibre, con espirulina, con froitos vermellos ou con manga, e ademais pode beberse durante os 90 minutos da clase, para revitalizar os músculos e abrir os chakras. Fusionando ambos os dous hábitos o sistema linfático vese realmente fortalecido. É unha limpeza ‘corpo e alma’. Hai que ter moi presente que somos o que comemos e bebemos.
Pode parecer case unha utopía ser vegano en países cunha cultura culinaria tradicional baseada na proteína animal, mais non o é en Galicia onde imos atopar todo o necesario para animarnos a organizar unha viaxe veggie, practicar eco-turismo ou gozar do turismo deportivo na natureza, incluso para facer realidade todos eles a un tempo. Un exemplo marabilloso atopámolo na Ribeira Sacra, onde se fai realidade a fusión de deportes como o ioga, o trailrunning e o sendeirismo coa cociña vegana nun marco paisaxístico incrible. Aquí, o noso destino será o Casarío da Castiñeira, un lugar ideal para descansar e contemplar o espectáculo das postas de sol e as noites ateigadas de estrelas, onde gozaremos dunha estadía terapéutica e de desintoxicación, unha forma de turismo realmente saudable.
«Pode parecer case unha utopía ser vegano en países cunha cultura culinaria tradicional baseada na proteína animal, mais non o é en Galicia onde imos atopar todo o necesario para animarnos a organizar unha viaxe veggie, practicar eco-turismo ou gozar do turismo deportivo na natureza, incluso para facer realidade todos eles a un tempo»
Praia dos Castros
Estíbaliz Veiga con Humberto Zapata (centro) e Davor Freije (esquerda) monitores de ¡hola! Ola Surf Escola
Os seus creadores son responsables da única carreira de montaña vegana en España, o Castro Caldelas Vegan Trail, un dos trazados de carreira de monte máis bonitos de Galicia que ten cada vez máis afeccionados e no que se ofrece un delicioso avituallamento vegano, que inclúe torradas de pan de fariña da terra, cremas de cacao caseiras e callos veganos. Normalmente celébrase en novembro, unha data verdadeiramente idónea para visitar os canóns do Sil e aproveitar para facer unha limpeza détox despois da competición. Tiven o pracer de coñecer as instalacións, a cheminea no inverno ou o té con leite vexetal que fan eles mesmos, vivindo unha experiencia única que me encheu de forza e me fixo sentir rexuvenecida.
A Ribeira Sacra é unha das paisaxes con máis carácter de Galicia. A presenza dun patrimonio moi rico completa unha área natural na que a calidade é o denominador común, xa sexa aplicada aos viños, á arquitectura relixiosa ou á paisaxe mesma. É no mes de agosto cando, coincidindo co día Internacional da Relaxación, os psicólogos de EuForte Coaching (tres profesionais formados no campo da psicoloxía, a pedagoxía e a neurociencia) nos animan a que nos acheguemos ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, para recuperarmos o equilibrio. Desde a súa sede de Monforte de Lemos, EuForte tamén organiza fins de semana de desconexión na casa rural Benaxo de Currelos (Lugo).
Da relaxación tamén podemos gozar ao carón do Miño, achegándonos, por exemplo, ao contorno da encantadora localidade de Belesar, para dar un máxico paseo polas praias naturais que xorden nos meandros do río. Ou visitar Portomarín por onde pasa o Camiño de Santiago e sentir a espiritualidade da Ruta na nosa pel.
Actualmente, xa podemos atopar restaurantes veggies en moitos puntos do Camiño, posto que moitos dos peregrinos que nos visitan optan por este tipo de alimentación. Fixen en dúas ocasións o Camiño e presento un programa de televisión que xira arredor das diferentes peregrinacións e as súas etapas, polo que podería recomendar moitos lugares especiais. Entre todos, lembro con moito cariño O Refuxio de Merza, de Vila de Cruces, un restaurante que naceu a mediados do século pasado para lle dar servizo a todo o movemento social que xerou a explotación das minas de volframio de Fontao. Hoxe, dúas fillas da parella fundadora seguen co negocio dos seus pais. Aquí a cociña tradicional galega e a nova cociña comparten protagonismo, cunha carta que ofrece un saboroso e contundente menú apto para veganos, perfecto para facer un alto no camiño da ruta alternativa por Vila de Cruces da Vía da Prata e o Camiño de Inverno.
O que os vexetarianos non perdoamos é un bo pan e para iso hai que ter unha materia prima como a que nos dá a nosa terra. En San Martiño de Prado (en Lalín), atópase o Muíño de Cuíña, que nos transportará a 1918, ano no que Eladio Cuíña fundou este muíño. Despois, o seu fillo decidiu poñer tres pedras de moer, todas elas empurradas pola forza da auga do río, á maneira tradicional. Ramón, o bisneto de Eladio que actualmente o xestiona, dotou á infraestrutura de sete pedras. Isto supón unha produción máis alta pero igual de artesanal ca nos primeiros tempos. É unha fariña moi apreciada por cociñeiros, panadeiros e confeiteiros de prestixio que a empregan como base das súas receitas. E haina de todo tipo: de trigo callobre, de tremesino, de espelta, de centeo etc. Pero, ademais o muíño está situado nunha contorna máxica que nos convida a pasear pola beira do río e respirar paz.
Esa paz á a mesma paz dos discursos pronunciados por Mahatma Gandhi dentro da comunidade xainista á cal pertencía. Os xainistas poñen en práctica o amor ás plantas e aos animais, acatando o ahimsa ou ‘principio de non-violencia’, concepto que o premio Nobel incorporou como proposta de sistema. Para poñelo en práctica, nada mellor que tomar parte nalgún evento no que poidamos colaborar coa Nai Terra, como Equiocio, en Covas. A concienciación, a sustentabilidade, a natureza e o compromiso social son as claves desta iniciativa coa que a organización que dirixe Ana Lago quere seguir afondando na recuperación e posta en valor deste espazo de alto valor ambiental. Precisamente foi con Ana con quen acudín ao cabo Prior para descubrir como o son dos gongs chineses pode alcanzar a capa máis profunda do noso interior. Un gong é un gran disco metálico (xeralmente de bronce) con beiras curvadas cara a dentro, que se percute. As ondas producidas nel axudan a purificar o corpo e a mente da tensión e dos problemas cotiáns. Este ‘baño gong’ vai impregnar cada célula do organismo cos seus tons calmantes. Certamente anímote a participar del e a ’empaparte’.
Outro plan máxico é achegarse a miña adorada Mariña de Lugo para vivir un auténtico ‘bautismo de surf’. Para unha estrea absolutamente inesquecible, eu recomendo aloxarse no Hotel Mi Norte, que está situado na Devesa (Ribadeo), onde incluso é posible durmir nun cuarto dedicado a Big Wednesday, película de culto do mundo surfeiro. Un plan de cinema no que non poderá faltar un bo almorzo mirando o mar das Augas Santas, deleitando os sentidos cun iogur natural de elaboración caseira diaria, mesturado con coco, froitos vermellos, cereais e mel ecolóxica, e cos biscoitos caseiros de mapoula, laranxa, piña etc., libres de conservantes e azucre, e elaborados con formento. Xa coas baterías ben cargadas, dirixirémonos á praia dos Castros para vivir con táboa e neopreno as nosas particulares vinte mil leguas de viaxe submarina. E para levar adiante un memorable bautismo surfeiro non hai ninguén mellor ca David, o gurú líder de ¡hola! Ola Surf Escola. Da man deste grupo de apaixonados do mar, iniciaremos a nosa aprendizaxe nese xeito de vida singular que é o surf. Agardan por nós as ondas do Cantábrico no solpor do astro rei, unha vivencia única, envolta no inconfundible cheiro da parafina salgada, que nos conecta coa enerxía do mar ao bater, un mar que imos sucar en pé.
Somos os ‘inquilinos’ dun alugueiro gratuíto, dun planeta idílico no que as cores das árbores, a pureza das augas das fervenzas e o son das ondas do océano nos fan donos dos nosos cinco sentidos. Penso que deberiamos afastarnos das insensateces globais, que temos que amar e ser agradecidos coa nosa Nai Natureza. Pois, en Galicia, hai verdadeiramente moito amor para dar.
«Penso que deberiamos afastarnos das insensateces globais, que temos que amar e ser agradecidos coa nosa Nai Natureza. Pois, en Galicia, hai verdadeiramente moito amor para dar»
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»