•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Carmen Pomar

«Boto man da psicoloxía todos os días»

Carmen Pomar

150 150 CORALIA

Sensible e coidadosa, creativa e perfeccionista, afectuosa e solidaria, comprometida e idealista, próxima e accesible, rápida e incansable. Así ven a conselleira Pomar os seus colaboradores máis próximos, e así foi como a sentimos durante a entrevista e a sesión fotográfica que nos levaron até o seu antigo instituto no corazón de Compostela. Percorrer xunto con ela as aulas e os laboratorios do IES Rosalía de Castro permitiunos entreabrir o caderno dun tempo moi feliz, cheo de apuntamentos precisos e anécdotas xenerosas.
Para Pomar, que considera que «a docencia e a política se unen tanxencialmente pola vocación de servizo», a educación é a materia prima coa que alcanzar as aspiracións máis profundas, e a diversidade, o valor que marca a diferenza entre o que somos e podemos chegar a ser. Defende asemade as bondades da innovación, da intelixencia emocional e da creatividade para achegarnos á felicidade, un estado que no seu caso vai aparellado ao tempo gozado cos seus «en especial, cando boto máis de media hora coa milla filla», preto do mar, nunha lectura rexeneradora ou cunha boa conversa.

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO & Fotografías de FRED IGLESIAS

Como eran os primeiros días de escola de Carmen Pomar nena?
Cheos de emoción e curiosidade. Eu vivía no barrio de Sar onde había unha pequena escola, A Milagrosa; lembro que tiña tantas, tantas ganas de ir á escola que, cando tiña dous anos e medio, Elena, a profesora —que era amiga dos meus pais— convidoume a ir, pero como non tiña sitio para me sentar levaba da casa unha pequena cadeira de vime.

Entre os seus profesores, houbo algún que marcara o seu rumbo de maneira máis significativa?
Fíxoo Elena na miña primeira infancia e despois marcáronme moito os profesores do Instituto Rosalía de Castro. Fíxoo Paco López, o profesor de matemáticas, que nos axudou a entendelas dunha maneira diferente, ao igual que o fixo Paz Padín, a profesora de lingua e literatura, poñendo en marcha un grupo de teatro —que era algo que sempre quixera facer—, que me permitiu encher catro anos de obras teatrais e escenarios. Pero quen máis me marcou, por ser quen me levou a estudar psicoloxía foi Teresa Pérez Mateos, a miña profesora de filosofía en terceiro de BUP e COU. Eu era unha adolescente diferente no tocante ás afeccións, que gozaba da ópera, do teatro e de ler filosofía, e lembro que dentro do temario había un apartado sobre psicoloxía, no que nos achegaba a esa parte dese mundo descoñecido do cerebro, do pensamento, que foi o que me levou a cursar psicoloxía.

De alumno a mestra, cal é o segredo para facerse cunha clase e deixar pegada nun estudante toda a vida?
Creo que é a paixón que sentes polo que fas. Se tes paixón e a transmites, os alumnos percíbeno e para eles iso representa unha motivación fundamental. Debemos deixar os problemas fóra da aula e vivir o momento como único. É moi importante esa empatía, esa capacidade de comunicación á hora de lles transmitir os contidos aos alumnos, pero non dunha forma global senón como individualidades.

«Boto man da psicoloxía todos os días. Axúdame a ser máis tolerante coa frustración, a entender a todos e a entender todas as posturas. A psicoloxía axúdame a ser empática e a relativizar»

Eusebio da Guarda, Santa Irene, Rosalía de Castro son centros de referencia. Cal o segredo do seu éxito?
Hai distintas variables. Unha delas é que estes centros son edificios históricos e, dalgunha maneira, as súas paredes, aulas, laboratorios transpiran historia. Creo que iso é importante. Son institutos nos que estudaron persoeiros coñecidos, que se dedicaron ás letras, ás ciencias, ás artes e iso tamén deixa pegada; nos alumnos destes institutos espértase un sentimento de pertenza, por dicilo dalgunha maneira, un orgullo que contribúe a esa motivación intrínseca que os estudantes deben ter. Outra variable importante é que a maior parte do profesorado destes centros leva moitos anos dando clases neles e esa estabilidade favorece que se incorporen cada ano novos proxectos de éxito. Está claro que os centros singulares polo seu carácter histórico son sempre especiais. Eu síntome orgullosa de ter estudado nun deles.

Podemos dicir que a docencia é a súa vocación; pero éo tamén a política?
A docencia e a política únense tanxencialmente pola vocación de servizo. Tanto os docentes como os políticos deben sempre servir os demais.

Como mudou a súa percepción da realidade da educación en Galicia desde que chegou ao cargo?
Eu xa dirixía proxectos educativos vinculados á Administración polo que xa estaba conectada coa realidade educativa, pero dun xeito máis pedagóxico que administrativo. Agora teño que lle transmitir esas ganas e esa motivación a un organismo que vai a outra velocidade por mor dos seus condicionantes burocráticos e orzamentarios. Esta cuestión fíxome poñer os pés na terra para ser máis realista e darme conta de que hai limitacións que non se poden borrar dun día para outro.

Nun posto tan exposto, ten que botar man a miúdo da súa experiencia profesional para relativizar críticas e eloxios? A psicoloxía é a mellor aliada da política?
Boto man da psicoloxía todos os días. Axúdame a ser máis tolerante coa frustración, a entender a todos e a entender todas as posturas. A psicoloxía axúdame a ser empática e a relativizar. Axúdame a achegarme á xente e comunicarme, e ser psicóloga infantil axúdame a conectar cos máis pequenos e pequenas cando visito unha aula.

Neste arranque das clases que obxectivos centrais marca a conselleira para o novo curso?
O primeiro obxectivo é reforzar a tarefa orientadora. Son unha firme defensora da orientación como un dos piares básicos do sistema educativo. Ademais de poñer en marcha un plan de orientación vocacional e profesional, é preciso reforzar e optimizar o ensino das linguas. Galicia ocupa un dos mellores postos no ranking do ensino de linguas, pero é moi importante mellorar a súa ensinanza na aula ordinaria. O terceiro obxectivo ten que ver co recoñecemento explícito da innovación educativa, cuestión que nos permitiu traballar na creación dun selo que identifique os centros nos que se fai innovación. E, xunto con isto, todo o que ten que ver coa atención á diversidade e coa inclusión —un dos meus ámbitos profesionais previos—, tendo en conta que a inclusión ten que facerse dunha maneira real nas aulas, atendéndolles cada vez máis e mellor ás necesidades dos alumnos.

Nas aulas galegas hai diversidade e inclusión real?
O primeiro que fixen nada máis chegar á consellaría foi crear un novo servizo na dirección xeral de ordenación educativa de orientación e inclusión, que está a contribuír ao reforzo da orientación e da inclusión. O sistema educativo galego é moi inclusivo, do 93% segundo as táboas internacionais, mais non só é importante que os nenos estean nas aulas ordinarias, tamén o é que se atendan as súas necesidades. O orientador ten un papel fundamental nos centros educativos, por iso debemos reforzar a súa tarefa, e para que os orientadores poidan mellorar esa atención á diversidade puxéronse en marcha cursos e protocolos de atención, e en breve activarase o protocolo de atención a alumnos de altas capacidades e o protocolo de atención a alumnos con dislexia e outras dificultades da aprendizaxe. A intención destes protocolos non é controlar se os profesores están a facelo mellor ou peor, o que queremos é que funcionen como guías e facilitadores da tarefa docente nas aulas.

«O primeiro que fixen nada máis chegar á consellaría foi crear un novo servizo na dirección xeral de ordenación educativa de orientación e inclusión, que está a contribuír ao reforzo da orientación e da inclusión. O sistema educativo galego é moi inclusivo, do 93% segundo as táboas internacionais, mais non só é importante que os nenos estean nas aulas ordinarias, tamén o é que se atendan as súas necesidades»

«Cando falo de creatividade pásame un pouco como cando falo de intelixencia emocional, que non creo nos programas ad hoc. A creatividade debería estar presente en todos os procesos da aprendizaxe e en todas as materias, evitando a tendencia a asociar a creatividade a aquelas materias máis referidas ás artes ou á plástica»

Son as aulas combinadas a mellor solución para satisfacer as súas esixencias?
Aquí temos que ser precisos tecnicamente, polo que en vez de aulas combinadas é mellor falar de escolarización combinada. En Galicia hai nenos con necesidades especiais que están en aulas ordinarias o 100% do seu tempo; hai alumnos que están en escolarización combinada, é dicir, que combinan a aula de educación ordinaria cun centro de educación especial; e logo hai outros alumnos que están en centros de educación especial. É importante pois que ese 93% de inclusión sexa real e para iso o neno debe sentirse integrado ao 100% na aula. A administración galega ao que tende é a aula ordinaria ou á escolarización combinada, pero sempre contando coa familia, que ten que estar informada e referendar esa decisión.

Hai oco para a creatividade nos plans de estudo?
Este é un tema que me apaixona e no que levo afondando moitos anos. A creatividade debería ser unha condición natural, debería formar parte dunha maneira espontánea dese proceso educativo. Cando falo de creatividade pásame un pouco como cando falo de intelixencia emocional, que non creo nos programas ad hoc. A creatividade debería estar presente en todos os procesos da aprendizaxe e en todas as materias, evitando a tendencia a asociar a creatividade a aquelas materias máis referidas ás artes ou á plástica. Creo que tamén é importante entender a importancia de estimular a creatividade nos mestres e nos profesores. Se un profesor é creativo é máis doado que os seus alumnos o sexan.

Falemos da formación profesional. Que retos urxentes ten de cara aos vindeiros dez anos?
Hai dous retos moi importantes. O primeiro ten que ver coa formación profesional dual, unha modalidade relativamente nova que permite a adaptación constante dos ciclos formativos ás demandas do tecido produtivo e do tecido empresarial do país. O segundo reto é mellorar a implicación das empresas na formación dos seus futuros empregados e empregadas, con currículos moi adaptados ao concreto. Xunto a isto, debemos incentivar a formación profesional básica, un recurso que hai que explotar máis e mellor para poder profesionalizar os alumnos e alumnas de 17 e 18 anos que quedan fóra do sistema. Está previsto, entre outros plans, poñer en marcha un programa experimental que levará a robótica á formación profesional básica, aproveitando que este tipo de alumnado acostuma ter gran capacidade para o traballo en robótica e con temas tecnolóxicos.

A aposta pola formación profesional ten o seu mellor exemplo no Centro Galego de Innovación de Ourense?
Somos unha referencia no Estado. A formación profesional galega está vivindo unha época moi doce. Temos alumnos e alumnas que compiten a nivel europeo e a nivel mundial en olimpíadas de FP e quedan nos mellores postos, e temos un profesorado marabilloso. O Centro Galego de Innovación de Ourense vai ser un centro de innovación, experimentación e investigación que lles vai dar servizo a todos os centros de FP de Galicia. Ourense é unha provincia que precisa dese pulo, pois xunto con Lugo ten un problema demográfico importante.

Como enfoca o futuro a universidade galega?
Á universidade cústalle máis traballo adaptarse, é unha institución na que a engrenaxe é moi complexa e as cousas van máis amodo. Aquí temos dúas metas: conseguir un modelo sólido de investigación galega e axustar o mapa das titulacións. No eido da investigación, temos dous referentes nos que mirarnos que son o País Vasco e Cataluña, cuxo modelo de educación está participado polo financiamento privado. Penso que neste curso deberiamos visibilizar máis o que se fai en investigación para chegarmos a un modelo propio. Por outra banda temos un mapa das titulacións que está en constante mutación, que nos impulsou a presentar os perfís profesionais do futuro, os perfís da próxima década, que evidencian que as titulacións universitarias teñen tamén que mudar en función do novo panorama que se abre diante de nós.

Poderiamos dicir que a longo prazo, o obxectivo máis ambicioso da conselleira Pomar sería estender o modelo de enriquecemento curricular (SEM) a todo o sistema educativo galego?
Si, sen dúbida. Non se trata de cargar máis as mochilas dos directores e docentes, o que hai que facer é organizar esa mochila. Fanse moitas cousas nos centros educativos, pero ás veces con certa dispersión e sen un fío condutor. Ordenar as accións dótaas de moito máis sentido. O noso obxectivo é chegar a 50 centros con SEM no vindeiro curso. Este novo formato que probablemente se chamará SEMGAL deberá espallar e horizontalizar o modelo SEM polos centros galegos.

«No noso primeiro plan de igualdade hai ata 87 medidas a prol da igualdade, medidas que pasan por cousas tan diferentes como visibilizar as mulleres científicas ou unha liña de formación de profesorado especificamente referida á igualdade»

Un 7% de prazas desertas na última convocatoria de oposicións é un síntoma de boa ou de mala saúde do sistema formativo ou éo de ausencia de vocacións suficientes?
Esta é unha pregunta moi complexa, na que hai que ter en conta moitas variables. Eu creo que sería importante darlle unha volta a todo o que ten que ver coa formación inicial do profesorado e tamén coa accesibilidade á profesión docente. Os temarios hai que actualizalos todos os anos ou a cada pouco porque a realidade das aulas muda constantemente. Hai alumnos con moi bos expedientes académicos, pero que non son aptitudinalmente os mellores. A empatía, a capacidade para transmitir, a comunicación, a intelixencia emocional e a creatividade teñen que vir do propio mestre é só acompañan aos mellores… Que non aprobe todo o mundo non é un mal síntoma.

Nun tempo no que as titulacións se multiplican e a formación se superespecializa, están os orientadores suficientemente capacitados para axudar os estudantes a tomar o camiño axeitado?
En Galicia temos unha rede de orientadores que é envexable. Temos orientadores en todos os centros educativos. Que falta? Formación específica e máis profunda para orientadores, e nos centros con moitísimo alumnado incorporar un segundo orientador. Tamén hai que traballar no plan de orientación profesional e vocacional para axudar os rapaces e rapazas a desenvolver competencias que teñan que ver con esa toma de decisións.

A formación continua do profesorado figura entre as prioridades da Consellaría de Educación, mais en que apartados se fai máis necesaria?
A rede de formación é algo que envexan desde outras comunidades. Temos unha oferta moi variada e adaptada ás necesidades. Neste curso imos traballar o eido da profesionalización das competencias docentes, procurando perfís diferentes en distintas áreas. Asemade temos que reforzar a formación docente no propio centro, para evitar que o profesorado teña que desprazarse fóra.

Pódese establecerse unha relación clara entre a formación continua e os resultados estatísticos dos últimos informes PISA?
Si, o informe McKinsey presenta como unha variable fundamental a formación docente. Contribúe a que o resultado dos alumnos sexa mellor. O equipo directivo ten que ter liderado pedagóxico, que é un punto de partida fabuloso para que todo funcione mellor.

Carmen Pomar en Coralia

Entrevista extraída do núm. 14

A da formación na igualdade é unha materia complexa, entre outras causas por ser un contido inexistente no temario que aprenderon no colexio moitos pais e mestres deste país. A igualdade real nas aulas e fóra delas é un obxectivo a moi longo prazo?
Uf, a min non me gustaría ser tan pesimista. Espero que non haxa que agardar tanto. Como a intelixencia emocional e a creatividade, a igualdade é un tema transversal que debería transpirarse por todos os poros. Están moi ben todas as iniciativas que se fan desde as administracións educativas para afondar neste tema, pero eu creo que é unha tarefa de todos, da sociedade, das familias, dos medios de comunicación, unha tarefa dos contidos que están en Internet. Eu considero que desde a educación formal se están dando pasos de xigante. No noso primeiro plan de igualdade hai ata 87 medidas a prol da igualdade, medidas que pasan por cousas tan diferentes como visibilizar as mulleres científicas ou unha liña de formación de profesorado especificamente referida á igualdade. Ademais temos unha materia optativa que ten que ver con todo o tema da igualdade de xénero e xa se graduou o primeiro ciclo de formación profesional de igualdade de xénero. Tamén creo que deberiamos ter máis conciencia do que facemos día a día, dígoo como psicóloga e como nai dunha nena.

Internet e a hiperconectividade están cada día máis presentes na nosa vida diaria, como imaxina Carmen Pomar que serán os centros educativos galegos en vinte ou trinta anos? Acabarán os campus por volverse enteiramente virtuais?
Espero que non. Cada vez é máis evidente a presencialidade dos recursos tecnolóxicos, pero confío en que sempre será mellor aprender mirándolle á cara a alguén que usa linguaxe verbal e non verbal. Como persoa que se dedica ás persoas e como psicóloga, loitarei por seguir sendo psicóloga de persoas e non de máquinas.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido