•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Uncategorized

PREMIOS

150 150 CORALIA

PREMIOS

CORALIA

A revista Coralia convoca os primeiros Premios Coralia, co fin de dar recoñecemento a aquelas persoas, colectivos e fundacións que mediante o seu traballo poñen en valor Galicia desde distintas ópticas. É por iso que, as categorías nesta primeira edición, quedarán dispostas deste xeito:

  • Premio Coralia na música
  • Premio Coralia nas artes plásticas e fotografía
  • Premio Coralia na escrita
  • Premio Coralia na moda
  • Premio Coralia na gastronomía
  • Premio Coralia na ciencia
  • Premio Coralia na política
  • Premio Alfredo Iglesias, á traxectoria dunha vida

Poderán concorrer todas as persoas, colectivos e fundacións que teñan un marcado compromiso por Galicia, sen que implique residir na comunidade autónoma galega. Os premios non teñen dotación económica. O xurado estará formado por destacadas personalidades do mundo, das artes en xeral, da gastronomía, da ciencia e da política.

As candidaturas deberán ir acompañadas por un texto, de ata 1200 palabras, onde deberá figurar o título da candidatura, máis o nome da persoa, colectivo ou fundación. Tamén será posible adxuntar un arquivo. A información solicitada para participar deberá ser enviada ao mail premioscoralia@gmail.com. O prazo de presentación rematará o día 2 de xullo de 2021.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

Cabo Ortegal

150 150 CORALIA

Cabo Ortegal

Proxecto Xeoparque

Sección de Promoción e Desenvolvemento Turístico da Deputación da Coruña I Publirreportaxe
Xurxo Freyre & Asociación para a Xestión do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal I Fotografías

Atravesar a Serra da Capelada e tomar unha panorámica desde o miradoiro de Vixía Herbeira, a 615 metros do nivel do mar, ou ir en vida a Santo André de Teixido. Sentar no banco de Loiba, o que segundo din é o máis bonito do mundo, ou contemplar a inmensidade do océano Atlántico ao compás do faro de Punta Frouxeira escoitando o romper das ondas nos cantís. Isto non é máis que o prólogo á viaxe ao interior da terra que ofrece o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, ademais dunha oportunidade para coñecer en primeira persoa as peculiaridades dun territorio capaz de contar millóns de anos de historia a través dos seus solos, formacións rochosas e paisaxes mariñas.

 

É un proxecto polo que aposta a Deputación da Coruña dando o seu apoio económico, axudando os concellos integrantes e participando dun xeito activo na xestión e desenvolvemento que se está a levar a cabo para a consolidación do mesmo. A meta é conseguir que esta ‘marca de calidade’ sirva como instrumento para educar, divulgar e unir a sociedade local, situando no primeiro plano o valor científico do territorio, e xere unha experiencia turística de primeiro nivel que, finalmente, afiance o retorno sustentable dos seus beneficios, é dicir, a conservación do patrimonio e o desenvolvemento turístico.

Trátase dun territorio situado cara ao extremo setentrional da provincia coruñesa, nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, que custodia e exhibe un patrimonio xeolóxico tan singular que está en proceso de candidatura á prestixiosa figura de Xeoparque da UNESCO. Con este proceso quérese conseguir un recoñecemento dirixido á conservación e divulgación dos ámbitos territoriais que posúen unhas características xeolóxicas e unha riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural asociada a estes ‘xeo-sitios’. Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño son os integrantes do proxecto.

 

A oferta turística é moi variada en cada un dos concellos, dando oportunidade de descubrir e aproveitar a visita ao máximo. Partindo do turismo xeolóxico as posibilidades de realizar rutas para coñecer as peculiaridades do complexo que conforma o proxecto de Xeoparque son múltiples.

Cariño ofrécenos un bo xeito de coñecer esta parte da costa: asomármonos á Ría de Ortigueira e deixarnos levar polo vento que sopra na parte setentrional da península. Aquí é posible realizar diferentes rutas para observar a magnitude dun territorio conducido pola xeoloxía, nos miradoiros de Miranda ou no emblemático faro do Cabo Ortegal. A fauna tamén vai formar parte da experiencia xa que se trata dun contorno no que podemos avistar gran variedade de aves, ao igual que ocorre en Valdoviño.

No concello de Cedeira é posible descender aos pés dos cantís máis altos da Europa continental para coñecer de primeira man a única praia de area negra no mundo de orixe non volcánica; tamén é moi recomendable realizar percorridos pola parte alta dos cantís e o litoral, nunha viaxe ao interior da terra marcada en dúas das súas rutas polo granate e o cromo. Existe tamén unha empresa local que se dedica a realizar visitas en barco por este treito de costa que vai de Cedeira á Punta do Limo, desde onde se divisan os famosos aguillóns da Costa de Ortegal. Así mesmo é posible realizar rutas preto de Punta Frouxeira para coñecer os atractivos dese tramo de costa que non deixa indiferente a ninguén.

 

 

O territorio ofrece lugares únicos como Cerdido, por onde pasa o Camiño a Santo André de Teixido, o punto de peregrinación máis antigo de Galicia. Xunto á inesquecible experiencia de percorrer este camiño, poderemos gozar do atractivo único das Minas da Barqueira -testemuño da actividade humana na zona- ou das Fragas dos Casás, onde gozaremos dunha vexetación autóctona cada vez máis difícil de atopar.

En Moeche podemos visitar a mina de Piquito, seguindo unha xeorruta que nos permitirá descubrir as peculiaridades agochadas baixo a terra, nunha experiencia ao máis puro estilo mineiro. Por outra parte, para quen desexe viaxar no tempo, unha boa opción será visitar o castelo medieval, onde será doado revivir as revoltas Irmandiñas. Moi preto, en San Sadurniño, atopamos outro exemplo deste tipo de construcións, o castelo de Naraío, de orixe medieval e vinculado á familia dos Andrade. É, sen dúbida, un plan ideal para compaxinar cunha xornada de ruta pola Serra do Forgoselo, na xeorruta das Pías.

En Ortigueira será difícil resistirse a tirar unha fotografía do banco de Loiba, situado no alto dos cantís e que está considerado o máis fermoso do mundo, desde onde gozaremos dunha panorámica única da costa. Pode ser un excelente punto de descanso despois de aventurarse na xeorruta dos volcáns e gozar do Atlántico de xeito activo. Nesta zona temos a posibilidade de realizar tamén a ruta das Lavas e a dos Penidos, ideais para afondar nos misterios do noso planeta.

O turismo activo é un vector fundamental deste proxecto que ten a xeoloxía como fío condutor, que no caso do concello de Valdoviño ofrécenos a posibilidade de vivir intensamente a experiencia atlántica. O surf vai ser o referente na zona, por mor da ampla variedade de praias dispoñibles. Ademais, é posible facer xeorrutas pola faia da praia de Campelo, a través das rochas subvolcánicas na península do Portiño, ou a través dos vulcanismos na praia de Rodo en Pantín. As panorámicas que se divisan son únicas e desde os mellores puntos pódese apreciar as peculiaridades da costa, os cantís de Cedeira e a inmensidade do océano Atlántico.

Xunto a todo isto, o proxecto busca situar no primeiro plano a excelente gastronomía da zona, baseada en produtos próximos de máxima calidade como os peixes, os mariscos, as carnes, a horta, os lácteos, o mel etc. Todos os sentidos gozarán aquí dunha cociña de fusión que pon en valor a esencia da tradición galega, nunha experiencia slow food cociñada a lume lento, coidada na elaboración e comprometida co bo comer. Os berberechos de Cariño, os percebes ou o peixe sapo de Cedeira, a chanfaina de Cerdido, as carnes de Moeche, o polbo de Ortigueira, o requeixo e as carnes de San Sadurniño ou o bonito en rolo de Valdoviño son algúns dos pratos estrela do territorio, as súas esencias.

O norte da provincia da Coruña convídanos a unha viaxe ao interior da terra, que chega ao máis profundo do noso ser

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido