•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Cecilia Pereira

«O Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai»

Cecilia Pereira

150 150 CORALIA

Citámonos con Cecilia Pereira, a comisaria do Xacobeo, un venres pola tarde no CGAC. Chega cansa e algo revolucionada. Móvese con rapidez. Quedan aínda dous anos para o Xacobeo, pero Cecilia non para. Fainos un aceno para que agardemos por ela e saúda cariñosamente aos traballadores do Museo, moitos deles excolegas seus. Tras doce anos fóra de Santiago, Cecilia retornou en 2018 para afrontar o maior reto da súa carreira: liderar a organización do Xacobeo que máis se demorou (once anos) desde que no 93 comezaran os Xacobeos modernos. É unha empresa titánica, pero Cecilia afróntaa con seguridade. A mesma coa que nos expón as súas ideas sobre o Ano Santo, o Camiño, Santiago, o turismo ou o comercio. A conversa prolóngase tanto que nos acaban botando da cafetaría do CGAC porque, sen decatarnos, superamos amplamente a hora de peche.

Entrevista de JAVIER PEÑA LÓPEZ
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Como foi a chamada na que se che ofreceu ser comisaria do Xacobeo?
Non foi algo inmediato. A primeira chamada produciuse moitos meses antes do nomeamento. Polo que eu sei, había outros dous candidatos, pero nunca cheguei saber os nomes. Houbo varias entrevistas, pedíronme un proxecto, un programa… O contacto inicial foi a finais de xullo de 2017 e a chamada do presidente Feijóo para dicirme que fora elixida recibina regresando de México. Nunca o esquecerei. Volvía de pasar fin de ano en Oaxaca. Así que foi un proceso de varios meses.

E que foi o primeiro que pensaches ao ser elixida: vaia oportunidade ou vaia papeleta?
O primeiro que pensei foi que era a única oportunidade pola que eu volvería a Galicia, porque estaba moi contenta cos proxectos que estaba facendo en Madrid.

Que era o que facías?
Eu marchei de Santiago en 2006 para ser directora de actividades da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais, que se ocupaba de definir, crear e xestionar os pavillóns de España nas grandes Exposicións internacionais e universais. Ocupámonos de varias, entre elas a de Zaragoza en 2008. Fun directora do pavillón de España na Expo Universal de Shanghai en 2010 e foi unha experiencia alucinante [remarca cada unha das sílabas]. En 2012 vivín en Corea e fun comisaria xeral de España na Expo de Yeosu.

«O que queremos é que este sexa o xacobeo de toda galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade»

Es consciente, polo tanto, de que hai moitas expectativas postas neste Xacobeo despois de once anos de espera?
Si que o son. O que queremos é que sexa o Xacobeo de toda Galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade. Queremos desestacionalización, descentralización…

Ese é un camiño que xa se abriu en 2010.
Iso teño entendido. Eu non o vivín porque entón non residía aquí. Desexamos impulsar aínda máis ese camiño, e que cada unha das persoas que viven en Galicia sinta o Xacobeo como algo propio.

É o Xacobeo 2010 un espello no que se mirar?
Eu iría aínda máis atrás. Lembro a ilusión do Xacobeo 93. Que me gustaría? Recuperar esa ilusión, esa maxia, ese descubrimento.

Que lembras daquel primeiro Xacobeo moderno?
Era unha época na que todos viaxabamos infinitamente menos. Recordo ver no Obradoiro aos Derviches Xiróvagos [bailaríns da danza sufí que executan unha das cerimonias máis coñecidas de Turquía]. Como me fascinaron! Foi tamén a primeira vez que vin teatro xaponés. Que marabilla! Pero é certo que traer agora aos Derviches cando case todo o mundo estivo en Istambul… non abraiaría igual. Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco. Eu son da última xeración que non puido gozar do Erasmus e dáme unha rabia infinita. E logo penso: pero se o Erasmus estivo sempre no Camiño… Ese intercambio, esa contaminación positiva, iso é o que me gustaría conseguir.

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo

«Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco»

Os grandes concertos en ocasións chegan a devorar toda a celebración…
É certo que un concerto ten unha capacidade de convocatoria brutal, pero só nun momento concreto, nun día. Outros eventos teñen unha capacidade de convocatoria máis sostida no tempo. É algo que aínda necesitamos debater nós internamente, pero en xeral hai unha tendencia que pon en cuestión eses grandes eventos e busca outros máis pequenos e sostibles.

Dáche pena que todo un Xacobeo permaneza na memoria coma aquel no que veu Dylan ou aqueloutro no que viñeron os Rolling?
Haberá para quen este será o Xacobeo no que coñeceu ao seu mozo ou no que mercou un piso… Ao final todo vai moi rápido e precisas dúas ou tres imaxes. E cales son? As dos concertos, as das visitas máis impactantes. Estou convencida de que se conseguiramos traer a Obama sería o Xacobeo de Obama. Ao final, cada quen vivirá a súa propia experiencia.

É posible conciliar a presenza das grandes figuras co fomento da cultura propia?
Iso é precisamente o que che dicía antes, que a min o que me gusta é o intercambio, a contaminación. A mín gústame ir cear a Lume de Lucía Freitas e tomarme un xiao long bao pero recheo de porco celta. Hai algo moi positivo na capacidade de contaminarnos, de integrarnos. Non todo ten que ser cocido, nin todo ten que ser pizza.

«Gustaríame facer un xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o xacobeo fora só o elemento de sutura. hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima»

Para 2020 están previstas as eleccións autonómicas. Podería ser que chegue o Xacobeo que preparaches durante tres anos e xa non sexas a Comisaria. Como se traballa con ese horizonte?
É algo do que son consciente desde o principio. A un noméano e césano, e non hai problema. Teño iniciado un montón de proxectos que ao cabo dos anos me desmotivaron ou se terminaron e son unha riqueza para min. De feito, estou encantada de ter regresado a Santiago e traballar neste proxecto, pero manteño o meu piso en Madrid, porque me encantaría volver alí.

Pero sería como unha directora de cine á que apartan da película antes da estrea…
Sabes o que me pasa a min? Eu son como os artistas, a min encántame o proceso. Son como ese cociñeiro que cando cociña xa está gozando, non ten necesidade nin sequera de comer o prato.

Unha das frases que máis repetía Roberto Varela, o conselleiro de Cultura no Xacobeo 2010, era a do medo «a morrer de éxito». Tes tamén ese medo?
Si, si que o teño. Antes de vir, como non traballara no núcleo do Xacobeo, tiña outro concepto distinto do que era o Camiño. Todos estes meses servíronme para ver as posturas que hai: os que critican que o promocionamos demasiado, os peregrinos máis esenciais, os que din que é unha riqueza para todos… Eu reúnome con alcaldes de pequenos concellos que me din: Cecilia, sen o Camiño teríamos desaparecido, sen el non existiriamos.

Mais o Camiño mudou. Esa espiritualidade orixinal xa case non existe.
Haina! Claro que si! Ao mellor non se ve tanto porque porcentualmente é menor. En inverno veñen os peregrinos esenciais, veñen todos os asiáticos, que pasan frío por paisaxes nevadas, en soidade. Os australianos que veñen gastando unha pasta para chegar ata España e empregan 32 días da súa vida en albergues públicos pasando penalidades. E cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas.

«Cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas»

«Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse»

Por que cres que segue a ter ese poder?
Hoxe en día o contacto coas outras persoas é moito máis virtual, a través de aplicacións e chats. A xente o que demanda é ver. Ver como te comportas, ver que che pasa, ver como es.

O que non se pode negar é que o Camiño está a cambiar radicalmente a morfoloxía de Santiago…
O Camiño e tamén as aeroliñas low cost

Non sentes un pouco a falta do Santiago de antes?
Un pouco, non, estráñoo moito. Cando acabei a carreira, vivía en Porta da Pena, para min era algo máxico. Cando vou agora en inverno, percorro San Martiño Pinario, a Casa Gótica, o Museo das Peregrinacións, as Cinco Calles… É algo fascinante. Logo fágoo no verán e non o recoñezo. O cambio é brutal. Pero é lei de vida.

Lei de vida ou non, a améndoa estase despoboando e moitos comercios históricos teñen que pechar.
É certo que a marcha da poboación de Santiago do centro histórico é un problema. Eu quixen vivir na parte vella e conseguino. Vivo na Virxe da Cerca porque teño unha amiga que me alugou un apartamento. Pero non foi nada fácil, eh? Pasei meses buscando. E non atopei porque está carísimo e a xente prefire destinalo aos turistas e Airbnb. Dáme moita pena, claro.

Cal pode ser a solución para os comerciantes?
Hai negocios que están enfocados á xente que vive na proximidade. Unha ferraxaría, por exemplo. Ningún turista vai vir e comprar un martelo. Penso que cada vez máis os visitantes buscan lugares, locais singulares que ofrezan produtos propios. Hai comercios que supoñen un excelente exemplo. O primeiro que se me ocorre é Catrineta. É unha tenda extraordinaria para marchar cargado de latas. Coñezo xente que, como non as pode levar no bolso de man, pide que llas envíen por correo. Ao lado está Boles, unha marabilla; vaia unha selección de produtos artesanais! Todas as pequenas tendas que se abriron na Praza de Abastos…

«É que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar... É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…»

Cecilia Pereira

Ou sexa que apostas pola renovación do comercio.
É que o comercio tamén cambiou e hai que ter un criterio, hai que ter un gusto, hai que fomentar unha atención ao cliente. Se é que o pequeno comercio é unha marabilla! Mira que sentín que pecharan a Papelería Compostela, aquel pracer de ir alí comprar as etiquetas Kraft, que chas envolveran, que chas puxeran cun cordel. Ten un encanto que non ten unha cadea onde vas comprar bolígrafos Pilot, claro. Está sendo duro, pero Santiago segue a ter moito comercio con encanto.

Pensas que o Xacobeo pode axudar a reavivar o comercio histórico no casco vello compostelán?
Pois espero que si, traballarei para que sexa así.

Tes algunha idea para facelo?
Pois non, pero agora que mo preguntas haberá que pensar algunha. Tamén espero que os comerciantes teñan iniciativas para nós. Estar no Xacobeo é como estar nun minarete ao que un montón de xente se achega a presentarche proxectos, a posibilidade de crear sinerxías é case infinita. Gustaríame facer un Xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o Xacobeo fora só o elemento de sutura. Hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima.

Deixámoslle entón aquí esa invitación aos comerciantes a que che presenten propostas…
Pois claro que si! Se é que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar… É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…

Se non os quixeran non proliferarían esas tendas, non cres?
Pois eu creo que se lles poden ofrecer outras cousas aos turistas. Eu admiro á xente nova que está traballando noutro tipo de merchandising e de recordos, que traballa con ilustradores, que está a crear outro imaxinario de Compostela. Son unha gran compradora e consumidora dese tipo de produtos. Eu augúrolles moito futuro, o outro é flor dun día. Se conseguimos que o turismo cambie e cada vez teña un nivel cultural maior, tamén irá demandando iso.

O turismo masivo e a cultura viaxeira, polo momento, non demostran ir unidos…
Tes razón, a xente viaxa porque é o que mandan os tempos. Agora xa non importa ter un coche tan bo. Do que presumes é de experiencias, do número de países que viches.

A cuestión é que ese turismo está a mudar as cidades e cando pase de moda xa non haberá volta atrás na súa transformación.
En realidade son moitos procesos os que están en marcha. Volvendo ao comercio, tamén creo que hai unha xeración que xa non se quere facer cargo dos negocios dos seus pais. Hai moitos que pechan por xubilación. Temos outro concepto do lecer, do traballo, unha mentalidade moi de funcionarios. Queremos traballar menos horas e dispoñer de máis tempo libre. O comercio é moi escravo. A ver cantos mozos queren estar con xornadas de doce horas abertos de luns a sábado.

«Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra»

E despois está o comercio online que é un fero competidor.
Tamén é un recurso para que moitos comercios sobrevivan e sexan coñecidos. Eses comercios de Santiago que me encantan e dos que che falei antes nos meses máis frouxos de turismo ao mellor viven grazas a que teñen comercio online. Hai que renovarse. E hai iniciativas moi interesantes.

Por exemplo?
Un bo exemplo é o dos percorridos polo comercio tradicional de Santiago que te levan por zonas deliciosas, como a rúa de San Pedro. Mira como conseguiu ser unha rúa con personalidade! É unha rúa con carácter polos negocios e pola gastronomía. Uns chaman aos outros. Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse.

Para Santiago este Xacobeo vai significar un antes e un despois?
Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra.

Tes vivido ese papel do Camiño como embaixador de Galicia nas túas estancias no estranxeiro?
Moitísimo. Lembro ir á misa nunha pequena cidade de Corea do Sur porque a daban en castelán. Os que falabamos castelán tentabamos ir alí co Padre José, un sacerdote mexicano maior que facía un esforzo considerable para ir os domingos a oficiar esa misa. Só na miña última semana alí me decatei de que as fotos do calendario de parede me soaban. Estaba todo en coreano, pero era un calendario do Camiño de Santiago! Quedei perplexa. Iso é o Camiño.

Contido extraído do núm. 12

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido