•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Cinco Leguas

150 150 CORALIA

Cinco Leguas

Pequenas grandes rutas

Reportaxe Rober Amado
Fotografías Martín Lagoa · Carlos Urban

«As cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan». Así remata o epitafio de Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) no cemiterio ourensán de San Francisco. E abofé que está no certo. Se algo ofrece Ourense son espazos para gozar da vida. Gastronomía, patrimonio, augas termais, Entroidos…

Tiña razón o polígrafo membro da xeración Nós, que en 1927 se botou a andar con Otero Pedrayo e Vicente Risco desde a capital das burgas ata Santo André de Teixido. E é que percorrer a provincia de Ourense e Galicia enteira é unha actividade que todos debemos facer nas nosas vidas.

Via Tricicum

No Carballiño hai un muíño no cal é posible xantar. O muíño das Lousas, que colle as augas do Arenteiro. Restaurado nos anos 80, é un dos chamados muíños do Anxo. Nel, ademais de probar pratos de tempada, pódense ver as fotografías que mostran o seu pasado. O paseo fluvial pasa preto da Pena dos Namorados e da antiga fábrica de papel de Lavandeira.


Máis ao sur, seguindo a estrada OU-504 ata Carballeda de Avia, existe unha ruta na Veronza onde se poden percorrer máis dunha ducia de muíños. A ruta dos muíños da Veronza conta con pezas espectaculares, como o muíño de Trigás que, por mor do seu teito de granito, se estima que conta con máis de 300 anos. Seguindo a ruta atópase Abelenda das Penas: tres muíños, hórreos, un xacemento castrexo e unha igrexa románica. Xusto antes de chegar ao final, descubriremos unha poza arranxada a xeito de piscina xunto o muíño de Vilar de Condes.


Sen entrar na cidade de Ourense, bordeándoa polo sur pola A-52 chégase a Allariz. Alí, aos pés do río Arnoia hai unha visita obrigada: o Museo Muíño do Burato. Ten visitas guiadas por un muiñeiro que ten a ben explicar como é o seu funcionamento. Percorrendo o río Arnoia chegaremos ata o muíño do Briñal, restaurado e reconvertido para uso hostaleiro.


Seguindo o Arnoia ata chegar a Maceda, torcendo á esquerda na OU-104 ata Esgos, espéranos unha ruta que comprende nove muíños, os de Ponte Pedriña, que collen auga do río Grañal. Continuando pola OU-536 ata Pereiro de Aguiar, ao son do río e cara ao norte chegaremos, ao atopar o río Loña, no comezo dunha ruta de cinco muíños que levan a Loñoá, onde o pasado e o presente se saúdan. E non debemos esquecer os muíños de Vilameá, no Xurés. Hai que ir ao sur, a Lobios. Atoparás pequenos e fermosos recunchos onde poder escapar do mundo.


 

Via Dulcis

Unha ruta do doce na provincia ourensá ten que comezar na Pobra de Trives. Probar a súa bica é como mergullar o padal nunha masa branda e esponxosa que sabe a ovo e azucre e se desfai coa primeira dentada. Falamos de Trives pola festa de exaltación da bica que se celebra no mes de xullo, pero esta bica é propia, tamén, de Castro Caldelas e Laza, que a reparte o Domingo de Estrea dos peliqueiros.


Moi coñecida no entroido é a torta do cigarrón de Verín, elaborada con castañas, améndoas, noces e mel, e decorada coa máscara típica dos cigarróns representada con azucre. A súa textura no padal está a medio camiño entre a bica e a torta de Celanova. Nesta vila faise unha sublime torta cuberta de améndoas laminadas que ten como catedral da súa elaboración a pastelería Maruxa. É un biscoito mol co contraste que lle proporciona a textura crocante da améndoa tostada.


A améndoa está, desde moi antigo, moi presente en Allariz. Os amendoados desta vila teñen un pasado xudeu -como moitos dos doces galegos- que tiñan boa relación coas monxas do convento de Santa Clara, que preparaban estes delicados doces coas améndoas que facían traer os xudeus das terras do Levante peninsular. De quedar con ganas de máis, é irresistible a Torta Real de Allariz, elaborada tamén con améndoas.


Xa cara ao norte da provincia ourensá elabóranse as arquicoñecidas canas do Carballiño. O templo destes doces, o lugar onde a perfección e a dedicación son gardadas con celo por cada xeración de pasteleiros, é a docería Cerviño, aínda que toda a vila ten man para conseguir ese contraste milagreiro entre a cana fritida e o suave recheo de crema.


Via Culina

Comezamos esta ruta na cidade de Ourense, na praza do Ferro. Desde aquí, en dirección sur, esténdense catro rúas e unha praciña -coma se fose o dedo furabolos dunha man- ateigadas de lugares incribles onde petiscar ata quedar ben cheo. Entre a praza do Ferro e a rúa Viriato están dous históricos da cidade. Un é o bar Orellas, famoso pola tapa de orella de porco que cociñan como poucos desde 1953. Non queda atrás a cachucha prensada. A porta que está á esquerda mirando de fronte é a do Eironciño, coñecido polas patacas con tres salsas e as luras. Este establecemento abriu as súas portas sete anos despois do Orellas. Pola rúa Viriato atópanse A Cantina do Pedro, onde probar os saborosos chourizos ao viño, e mais a Casita do Pulpo, onde facer o propio con este cefalópodo. De contar aínda cun oco no bandullo, poderemos dar boa conta dos afumados do Fuentefría ou das zamburiñas no Atarazana.


Na rúa dos Fornos, o primeiro é probar a carne ao caldeiro do bar Samuel, que leva máis de dúas décadas preparando este prato. No Frade, as tapas degústanse con música de fondo; no Arco da Vella a tortilla é espectacular; na Bodeguilla do Medio sono a brocheta de gambas e o espeto; no Dos Puertas, a orella, e no Souto as súas bombas. No Catador a empanada é un manxar, e no Alpendre, o raxo.


A paralela cara ao oeste é a rúa Lepanto. Son tantos os locais e están tan xuntiños que é preciso dicilos do tirón, como a táboa do cinco: os pinchos vascos do Barallete, os tacos da Saia da Carolina, as tostas do Comellón, o completo (tortilla, croqueta e touciño) do Rei do Xamón, as croquetas do Pote, a tortilla do Enxebre, o boliño de lacón asado do París, as arepas da Nosa Taberna, e os champiñóns no Cogumelo.


A seguinte vía é a rúa da Paz, onde destacamos o Xes, que é irmán do Orellas, e no cal son imprescindibles as empanadillas. Chegando de volta á praza do Ferro continuaremos pola rúa San Miguel. O marisco do Pingallo, o bacoriño do Asador de Roa, os ovos rotos de Casa Toñita, o pan bao de rabo de vaca do Gastrobar San Miguel, as tostas de pan de Cea da Brava, unha enchente de embutido e croquetas na Casa de María Andrea e o arroz caldoso de vieiras do restaurante Monterrey. Antes de chegar ao Monterrey, xirando á esquerda pola rúa Irmáns Vilar, está na praciña Eironciño dos Cabaleiros o Mesón do Queixo. Pois iso.


Via Locus

Na curva da Ferradura do río Sil, en plena Ribeira Sacra, temos o noso banco máis bonito do mundo. Está preto do miradoiro de Pena do Pobre, e vese todo o Sil, o embarcadoiro de Santo Estevo e dos Chancís, e só se pode acceder a el camiñando. Aínda que falar de recunchos na Ribeira Sacra non resulta doado, tendo en conta a cantidade de lugares fermosos que podemos atopar. Por poñer un exemplo, outro miradoiro, o da Capela, déixanos unha imaxe do infinito espectacular. Toda unha experiencia.


En Parada do Sil, pola contra, o ideal son os camiños para escapar do mundo. Un deles é a ruta da pasarela do río Mao, que deixa unhas vistas incribles da serra de San Mamede e do canón do Sil. Durante a ruta pódese ver a ponte medieval de Conceliñas e a necrópole de San Vítor de Barxacova, un conxunto medieval arqueolóxico de tumbas cavadas na propia pedra.


A praia fluvial dos Franceses, na Veiga, supón bañarse a 800 metros de altura sobre o nivel do mar, con vistas a Pena Trevinca, o ceo de Galicia. Chámanlle praia dos Franceses polos emigrantes que tornaban no verán para bañarse nas augas deste encoro construído en 1958 sobre Alberguería, a vila que está debaixo das súas augas.


En San Cibrao de Las ben paga a pena quedar un anaquiño máis a escoitar as pedras. É unha cidade castrexa de máis de dous mil anos. É unha das máis grandes e aínda ten moito por descubrir. Unha tarde enteira mergullándose nas pedras que viron por primeira vez persoeiros como Cuevillas e Risco, que quedaron tan impactados coa enorme presenza do xacemento que pediron permisos para traballar nel.


O barrio xudeu de Ribadavia é o último, pero non menos importante, deste pequeno grupo de recantos onde afastarse do mundo. É do século xii e as súas estreitas rúas empedradas lévannos a outra época. Entre as súas pedras está a rúa da xudería, e nela estivo noutro tempo a sinagoga da Alxama ou tamén chamada Torá. Non debemos esquecer a Tafona da Herminia, que elabora doces artesanais xudeus dende 1990.

 

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido