CINCO LEGUAS
PEQUENAS GRANDES RUTAS
Textos LAURA RAMOS CUBA & SARA SEARA
Fotografías ALFREDO IGLESIAS
Discrepaba Vicente Risco de quen afirmaba que Galicia era pequena. «Es ti, que xamais poderás concibir nada grande», argumentaba o xenial intelectual ourensán. A nós abóndannos 25 quilómetros para confirmar canta razón gardan as súas palabras. Paisaxe, gastronomía e historia converten apenas 5 leguas nun mundo difícil de abarcar. Pero nós imos tentalo. Estas son as nosas propostas estrela para 2021:
RUTA 540
Nunha palestra, o profesor Manuel Gago mostráballe ao público unha dolabra, arma empregada polos lexionarios romanos na invasión no noso territorio, no século I. «Tan só oitenta xeracións nos separan daquela xente», explica. Oitenta xeracións despois, as pegadas dos romanos seguen visibles no noso país para quen as queira ler. A ruta 540, entre Bande e Entrimo, percorre apenas 30 quilómetros nos que un marco natural incomparable garda séculos de historia.
A nosa viaxe comeza en Bande, no complexo arqueolóxico de Aquis Querquennis. Este campamento militar, que conta cunha mansión-viaria e unhas termas próximas, foi construído polos romanos co obxectivo de protexer a Vía Nova. A calzada unía noutro tempo Braga con Astorga e hoxe aínda vertebra o territorio a través dos numerosos miliarios que seguen marcando o seu trazado. Un deles pode ser visitado na igrexa de Santa María de Bande, mostra emblemática da arte visigoda galega, que garda este monólito reconvertido en pía bautismal.
A continuación avanzaremos con valentía para atravesar o río Limia, coñecido polos romanos como ‘o río do esquecemento’, para entrarmos en Muíños. Alí faremos unha parada para saborear as sopas de burro canso (pan con viño e azucre) e as especialidades de galo pica no chan e o becerro do Xurés. Unha vez recobrados os folgos poderemos embarcarnos nunha exploración ao propio Parque Natural da Baixa Limia, onde encontraremos diferentes necrópoles megalíticas, ou practicar diferentes actividades acuáticas no encoro das Conchas.
Por último, fecharemos a viaxe nun miradoiro privilexiado sobre Portugal. Entrimo, municipio raiano, ábrenos as súas portas para perdernos na mitoloxía que aínda vibra entre as súas paisaxes. A Cova da Moura ou o Penedo das Serpes son algúns dos enclaves prehistóricos que espertarán a imaxinación dos visitantes. Como broche final a esta incursión no Xurés, a oferta gastronómica convida a probar a empanada de forquellas ou a cachena da serra do Quinxo.
RUTA 0610
Conducir a carón do mar mariñao é todo un privilexio. Son apenas 25 quilómetros de estrada os que separan Foz de Ribadeo, que nos van obsequiar coa gama de verdes e azuis máis fermosos do Oriente galego. Pero esta costa única chea de espazos naturais de postal, tamén é xenerosa en arte e gastronomía.
O paseo Marítimo de Foz será o noso punto de partida. Paga a pena gozar da espectacular vista panorámica que nos ofrece da ría, que nos seus 15 quilómetros de areais (entre os que figuran os da Rapadoira, Llas ou Arealonga), serve de refuxio a aves e surfistas de todo o mundo. O antigo porto baleeiro de Foz atesoura un rico patrimonio histórico, con xoias como o castro de Fazouro ou a basílica de San Martiño de Mondoñedo (a máis antiga das conservadas no Estado), e unha gastronomía deliciosa, da que forman parte berberechos, callos e sardiñas.
Ao outro lado da ría, Barreiros é a nosa seguinte parada. Tomaremos, tan pronto como poidamos, a provincial 0610 xa que ofrece incribles vistas panorámicas do Cantábrico galego. É recomendable parar a cada pouco para comprobar a beleza dos seus areais (Altar, Coto, Lóngara, Arealonga etc.) e tamén para atopar os ‘bíteres’ que nos garantan fortuna ao longo do ano seguinte. O alto do Comado ou o de Cornería ofrécennos vistas impresionantes da costa e da comarca, máis tamén fermosas lendas por descubrir. Castaña, bígaro e tortilla teñen aquí a súa festa.
Abandonamos Barreiros para entrarmos en Ribadeo, que nos dá a benvida convidándonos a visitar a monumental praia das Catedrais. Para camiñala precisaremos permiso, pero sempre pagará a pena deterse para apreciar a súa maxestosidade e para sentir a enerxía do mar e o vento mariñán acariñándonos a pel. Apenas a 6 quilómetros sitúase Rinlo, encantadora localidade mariñeira recoñecida pola calidade das súas centolas, lumbrigantes e lagostas, e onde cada verán ten lugar a festa do percebe. Hai desde aquí 8 quilómetros á capital do concello, cuxo escudo lembra que foi nas augas da súa ría onde se atopou a chave de ouro que abre a porta de Galicia. O Ribadeo indiano, a casa do Patín, o pazo do Marqués de Sargadelos (que na actualidade é a Casa Consistorial) ou a Rúa da Muralla son algúns dos tesouros desta vila namorada do mar, da que nos despedimos tomando algunha instantánea no paseo Marítimo que conecta o porto de Mirasol coa illa Pancha.
RUTA 6902
Desde o nivel do mar ata as alturas naturais dos montes. Propomos un paseo de tan só 20 quilómetros que nos levará de Pontedeume ata o Parque Natural das Fragas do Eume. No camiño encontraremos unha paisaxe incomparable na que non faltarán gastronomía, natureza e historia.
Botaremos a andar no centro histórico de Pontedeume, onde poderemos apreciar unha arquitectura propia que mestura estilos medievais, modernistas e tradicionais. Soportais, balconadas de madeiras e galerías acristaladas saudarannos no noso paseo, que explorará a Torre e o Castelo dos Andrade, así como a propia Ponte de Pedra que lle dá nome á localidade.
Antes de continuarmos coa viaxe reporemos forzas cun típico menú eumés no que a sardiña é a raíña da mesa. Bistés da marola e parrochas de fume precederán unha carta de sobremesas con melindres, costrada –receita italiana importada polos monxes agostiños hai 300 anos–, torta de Pontedeume e prolla e manguito eumés.
Xa co estómago cheo internarémonos na selva atlántica do Eume polo portal de Caaveiro, remontando o río. A fraga costeira mellor conservada de Europa recíbenos cunha festa para os sentidos. Carballos, bidueiros e ameneiros agochan unha infinidade de aromas e os sons que marcarán o noso paso. A maior alfaia deste tesouro botánico son os fentos: 28 especies persisten na contorna desde hai 1,6 millóns de anos. Entre esta flora privilexiada pasea tranquila unha fauna dominada por lobos, aves de rapina e salamántigas.
Após atravesar os bosques de ribeira cruzaremos o río que baña o val para nos encontrar co mosteiro de Caaveiro, construído no século X. Este lugar máxico, outrora abandonado, abre agora as súas portas como museo e convídanos a nos perder polas súas amplas estancias. Fronte ao edificio encontraremos un bar-hostal onde sentar co resto de sendeiristas que, coma nós, saborean o seu merecido licor caseiro mentres admiran as impresionantes vistas do Eume.
RUTA 552
Galicia atesoura a maior lonxitude de costa de todo o Estado español. Chega a triplicar a de Andalucía, en segunda posición. Mar e monte son, pois, emblemas fundamentais da paisaxe galega. Entre Nigrán e Tui apenas distan 30 quilómetros, mais son un exemplo perfecto desta combinación natural de verdes e azuis nos que tamén encontramos espazo para o patrimonio e para a gastronomía.
Comezamos a nosa ruta en Nigrán, un paraíso costeiro que garda a entrada á ría de Vigo. Desde Monteferro ata a praia de Patos, onde surfistas e familias reciben o abrazo atlántico das ondas, podemos apreciar a maxestosa vista das illas Estelas e das Cíes. Xa na baía encontraremos areais máis calmos, como o ecosistema dunar de praia América e Panxón, onde pararemos a degustar os produtos que chegan da pesca de baixura. Robalizas, linguados e douradas colmarán a nosa mesa.
Continuamos a viaxe a través do patrimonio nigranés, impregnado de pazos, arte visigótica e románica. Un exemplo é a ponte da Ramallosa sobre o río Miñor, que nos abre a porta á seguinte etapa. Diante, Baiona espéranos luminosa e diáfana. O seu paseo marítimo permítenos unha panorámica inigualable deste porto que recibiu a carabela Pinta ao seu regreso de América e agora acolle a miúdo regatas de vela. A igrexa románica de Santa María ou os antigos cines son pequenos segredos que agocha o casco antigo, que compite con case catro quilómetros de praia e a fortaleza de Monterreal en atraer a atención do visitante. Xoubas e melindres completan esta experiencia para os sentidos.
Despedimos Baiona para dirixirnos a Tui, seguindo a liña da costa. O Monte Aloia, primeiro Parque Natural de Galicia, custodia a entrada a unha vila cun pasado medieval que aínda se pode ler nas antigas rúas empedradas da súa zona histórica. Despois de visitarmos a catedral de Santa María, datada no século XII, e vagarmos polo paseo fluvial do río Miño, unhas racións de polbo e vieiras acompañarán este feche de ruta.
RUTA 550
A AC-550 será a nosa vía preferente neste itinerario de 27 quilómetros pola costa dos xigantes, que conecta Muros e O Ézaro, en Dumbría.
Situada no extremo máis setentrional das rías Baixas, a Vila de Muros conserva intacta a súa personalidade mariñeira e a esencia do seu casco antigo, declarado en 1970 conxunto histórico-artístico. A casa consistorial, o mercado de abastos e o arco de don Diego reflicten a rica historia deste concello cheo de estacións rupestres e asentamentos castrexos. É esta unha vila coa que o Atlántico sempre foi xeneroso, e a que hoxe proporciona xurelo, polbo, xarda, maragota e gran variedade de peixes e mariscos que lle dan á súa gastronomía fama merecida. Area Maior, Ancoradoiro ou Abelleira son tres exemplos dos seus fermosísimos areais.
A natureza de Muros e a súa ría é fecunda, como volvemos comprobar ao asomarnos ao miradoiro do Monte Naraio, última parada antes de entrar en Carnota, onde nos agardan excelentes exemplos de megalitismo e da cultura castrexa, así como un magnífico catálogo de hórreos monumentais –entre os que sobresaen os de Lariño, Lira e Carnota. O municipio carnotán posúe unha gran riqueza ambiental, como confirmaremos ao percorrer o que está considerado como un dos mellores areais do mundo, o de Carnota, que forma coas marismas de Caldebarcos un espazo natural de gran beleza. Constitúe unha visita obrigada, como o é ascender o Monte Pindo, onde segundo conta a tradición descansan a raíña Lupa e o seu tesouro lendario. Esta mole granítica de máis de 600 metros de altura, considerada como o Olimpo da Galicia celta, é a gran vixía da ría de Corcubión.
É aos pés do Pindo, na pequena franxa costeira do concello de Dumbría, onde gozaremos dun dos maiores espectáculos naturais desta viaxe: a fervenza do Ézaro (ou Xallas), único caso de desembocadura fluvial no mar de toda Europa. Dumbría é, ademais, terra de lendas, o territorio do vákner, un misterioso monstro medieval que habita entre os hórreos de Albeiroa e coñece ata o último segredo da máxica carballeira de Berdeogas. En verdade, o concello dumbriés atesoura un rico pasado patrimonial, que inclúe bens de interese cultural como o dolmen Pedra da Arca e castros como o de Berdeogas e O Logoso, onde a lenda sitúa a morada dun xigante que adoitaba practicar sacrificios na Pedra de Brazal, un dos lugares máis fotografados de toda a comarca.
RUTA 212
Beade e Avión están separados por menos de 20 quilómetros. Nesa distancia, trenzada polas serras de Faro e do Suído, agóchase un dos núcleos do Ribeiro. Os altos montes altérnanse cos ríos para atesourar mosteiros, viñas e pequenas aldeas onde aínda se pode respirar un tempo antigo e tranquilo.
De entre toda a comarca do Ribeiro, o escritor Otero Pedrayo consideraba Beade un dos conxuntos arquitectónicos máis belos da contorna. Aínda nos nosos días podemos descubrir a riqueza que este territorio fértil lles brindou aos seus habitantes na Idade Media. Sede desde o século XV da Orde de San Xoán de Xerusalén, Beade fai gala do seu Palacio Prioral, construído para socorrer os peregrinos que circulaban polo Camiño dos Arrieiros. Porén, o prato principal da localidade é a igrexa de Santa María de Beade, construída no século XVI e que aínda hoxe conserva a súa maxestosidade.
Despois dun suculento xantar composto por costeleta e pementos, avanzaremos pola estrada ata divisar o perfil inconfundible de Pena Corneira, un monólito que se alza dez metros en vertical sobre o horizonte. Este marco separa Beade, Avión, Carballeda de Avia e Leiro. Cruzaremos estes dous últimos sen apuro, parando para gozar das instantáneas que nos permita a paisaxe, asolagada de árbores e viñas. En Carballeda de Avia poderemos visitar o roteiro circular dos Muíños e degustar os seus licores, mentres que Leiro ábrenos as portas do mosteiro de San Clodio, nun refuxio de paz lonxe do ruído urbano.
Por último, chegaremos a Avión a tempo para descansar na súa praia fluvial, bañada polo río Abo. Unha vez repostos, esta recóndita localidade sorprenderanos cos Chozos do Suído –construcións en pedra nas que facían noite os pastores– e a súa oferta gastronómica, que inclúe na súa axenda unha Festa Mexicana importada desde a diáspora. Tacos, fajitas e burritos conviven na nosa mesa con chourizos e viño do Ribeiro.
RUTA 548
Sen apuro e sen pausa, o río Ulla estírase ao longo de 130 quilómetros antes de dar en morrer na ría de Arousa. Preto de aí, unha brisa lixeira coma un día de festa érguese no val e percorre todos os recunchos da costa. En menos de 25 quilómetros, imos ribeira abaixo para deleitar a vista cun baño de mar e natureza na que non falta memoria, arqueoloxía e un festín de produtos propios.
A nosa traxectoria iníciase no límite entre A Coruña e Pontevedra, na ponte que lle dá nome a Pontecesures. Cruzaremos o viaduto, que pasou por numerosas modificacións desde o século I, a carón de centos de peregrinos que viaxan polo Camiño Portugués. Ante nós a vila ofrece un selecto catálogo de edificios históricos, como o alfolín de Carlos IV, e un nutrido abano de locais onde degustar a especialidade local: a lamprea.
Con Pontecesures ás nosas costas, encontramos Catoira custodiando a desembocadura do Ulla á ría de Arousa. Nela, a parroquia de Santa Baia de Oeste garda varios tesouros para os visitantes curiosos. O Monte das Mámoas levaranos ata o Neolítico e as impoñentes Torres do Oeste farannos viaxar ata o século X. Asediados polas invasións normandas, a arquidiocese de Compostela ergueu esta antiga fortificación que hoxe en día pode visitarse a través do paseo fluvial entre as marismas. Desde aí, o mar chega á mesa na forma de nécoras, centolas e polbo á feira.
Xa mergullados e enchoupados de ría, Vilagarcía abre o seu porto para nós. O peirao, punto estratéxico para o tráfico marítimo e comercial desde hai séculos, dá paso tamén a extensos areais de bandeira azul. Se o ánimo chama máis ao movemento que a deixar o corpo a remollo, a nosa última parada ofrécenos un longo paseo marítimo desde onde embarcar para un roteiro pola illa de Cortegada, parque natural. Ou, senón, fechar a travesía saboreando unhas ameixas de Carril ao son dunha copa de albariño.
RUTA 801
Os vales do Ribeiro esténdense desde Castrelo de Miño ata Cortegada nun escenario natural vasto e fértil que se descobre en cada curva. Ante a vista dos viaxeiros, os ríos Miño, Avia e Arnoia marcan as diferentes zonas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Un acervo tanxible e intanxible ábrese aos nosos sentidos nesta ruta de apenas 25 quilómetros.
O noso traxecto principia en Castrelo de Miño. O seu encoro, construído nos anos 70, é punto de encontro de visitantes e locais. Nos meses cálidos, o tempo convida a bañarse nos peiraos do parque náutico ou a saborear unha empanada de anguías nalgunha terraza. Durante todo o ano, familias, parellas e grupos de amizades gozan coa paisaxe e os servizos que ofrece o parque. Táboas de windsurf e embarcacións de remo e vela adornan o espello do río Miño no descanso do encoro.
Deixamos Castrelo ás nosas costas e mergullámonos no agradábel labirinto arbóreo que arrodea Ribadavia. A ribeira do Avia sorprende a nosa vista co castelo dos condes de Ribadavia, que domina o horizonte. A zona antiga da localidade agocha entre as súas rúas empedradas diferentes plans para o visitante como unha foliada no furancho tradicional do Papuxa, un café na Praza Maior ou unha visita guiada polo Barrio Xudeu. Para acompañar o noso paseo, a Tafona de Herminia abasteceranos de doces elaborados pola propia dona, que segue as normas da comida kosher.
Saímos de Ribadavia camiño a Cortegada cunha parada obrigatoria nas termas de Prexigueiro, cuxas pozas naturais brotan á beira do río para descanso e goce do visitante. Máis adiante, a propia localidade de Cortegada ofrécenos tamén as propiedades terapéuticas das súas augas. Alén das dúas fontes termais, poderemos usar as instalacións do propio balneario ou, simplemente, deleitarnos cun viño do ribeiro no edificio modernista da antiga casa de baños, mentres observamos a auga do Miño pasar.
RUTA 305
Visitar A Curota, as dunas de Corrubedo ou Sálvora son tres dos magníficos plans que nos ofrece o Barbanza, comarca integrada polos concellos costeiros de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Nesta xornada, a nosa vía prioritaria será a 305, unha comarcal que, entre curva e curva, nos agasallará con vistas panorámicas fantásticas do norte de Arousa.
Iniciamos este escapada de 28 quilómetros en Rianxo, fotografando o esteiro do Ulla, percorrendo os miradoiros do Castro Barbudo, Monte Pena e Pico Murallano, e visitando as casas natais de Castelao e Dieste. Situada no extremo máis oriental da comarca, a mariñeira vila de Rianxo ten un patrimonio amplísimo, que inclúe máis de 50 estacións rupestres e 188 hórreos. Pagará a pena visitar os restos do Castelo da Lúa e descubrir a súa fermosa lenda, ao igual que facer a ruta do mexillón.
En Boiro, é difícil renunciar a unha batuxada nas mansas augas da Retorta, Barraña-Saltiño, Carragueiros, Ladeira do Chazo, Mañóns ou Piñeirón, impresionantes areais que nos proporcionan unha perspectiva única da ría de Arousa, como logo confirmarán as instantáneas captadas desde os miradoiros da Magdalena e o do Couto da Filloa. Uns moluscos da ría, acompañados dos viños da Terra do Barbanza e Iria, e unha torta de San Ramón serán unha elección deliciosa antes de seguir bordeando a costa en dirección á Pobra do Caramiñal, considerada como unha das vilas mariñeiras máis bonitas de Galicia. As praias de Santo Antonio, a Lombiña-Cabío, ou a Barca figuran entre os grandes atractivos naturais da localidade, ao igual que as piscinas naturais do río Pedras. Tamén ten esta consideración o miradoiro da Curotiña, situado a 512 m sobre o nivel do mar, desde o que poderemos asistir aos solpores incribles dunha ría rica en peixes, moluscos e mariscos.
A estrada 305 levaranos finalmente ata Ribeira, que nos seus 25 quilómetros de costa garda verdadeiros tesouros como o parque natural do Complexo Dunar de Corrubedo e a lagoa de Carregal e Vixán. Quen ademais visita Sálvora, ten a posibilidade de atoparse coa serea da illa ou incluso coa Santa Compaña. O dolmen de Axeitos, o petróglifo da Pedra das Cabras ou o castro do Monte da Cidá son parte do importantísimo patrimonio ribeirán, como o son as historias de naufraxios e as lendas, que cobran todo o seu valor cando chega o solpor a carón do antigo faro de Corrubedo.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»