Clics de luxo

150 150 CORALIA

Por NURIA MARCH

Comunicadora

odo está a cambiar rapidamente no mundo da comunicación. Así é desde hai vinte anos, cando eu empezaba a teclear no meu primeiro computador, unha ferramenta que supuxo que os que non eramos «nativos dixitais» tivésemos que facer másters e programas de dixitalización para entender todas as novidades que suporía a transformación dixital.


Antes mandabamos un e-mail e enseguida recibiamos contestación. Agora é moi difícil que un profesional chegue a contestar á cantidade de cuestións que chegan nun día ao seu computador. Ás veces, eu mesma me pregunto se recibín a información por mail, por Instagram (privado e stories) ou se a vin en Twitter ou en Facebook. Como estamos a encaixar esta transformación? Realmente entendemos o que está a pasar?


Eu traballei sempre no sector da comunicación do luxo, un sector no que hai tempo as grandes firmas se dirixían ao seu consumidor a través dos medios escritos, co que a comunicación era unidireccional, da marca ao consumidor. Agora, por mor da transformación dixital, o consumidor converteuse no gran comunicador da marca. Os internautas falan entre eles, recomendan o produto, a viaxe ou a experiencia. É aquí, pois, onde adquire relevancia a figura do influencer.


Grazas ás novas tecnoloxías, a relación consumidor-marca é moi estreita, polo que é a través de experiencias coas marcas como a xente se identifica con elas. O luxo xa é para todos, non algo inalcanzable.


Hoxe, as novas tecnoloxías, as chamadas «tecnoloxías disruptivas», poñen ao alcance dos posibles compradores experiencias que perseguen o gozo dos seus clientes potenciais. Mercar non é o máis importante, éo que o potencial cliente lembre a marca o día que decida mercar. E como aseguran as marcas esa comunicación co cliente? Valéndose de moitos métodos para lograr que o cliente deixe os seus datos na web, na tenda, en Instagram ou en calquera canle de difusión —por exemplo, facilitando o acceso a experiencias de realidade virtual ou realidade aumentada—. Conseguir que o seu futuro cliente facilite os seus datos é, pois, o obxectivo primordial, o que indica que o Big Data se atopa na orixe de todo este cambio.


Actualmente, o consumidor quere estar informado antes de mercar e divírtese experimentando nas webs, buscando nas redes sociais ou achegándose aos puntos de venda, onde a experiencia de compra é cada vez máis personalizada. Hoxe estase a producir un cambio de paradigma e hai que ter en conta que toda tendencia xera unha revolución.


As persoas que estean abertas ao cambio son as que van entender antes o impacto social que está a supoñer vivir coas novas tecnoloxías e as novas formas de relacionarnos. De feito, están a xurdir correntes filosóficas que estudan esta nova revolución industrial, na que a intelixencia artificial, a Internet das cousas, os novos dispositivos interconectados e a xeración masiva de datos son unha realidade que alcanza a nosa forma de traballar, de aprender e de comunicarnos.


No pasado, os cambios vivíanse ao longo de varias xeracións, pero agora é unha soa xeración a que está vivindo esta revolución e non queda outra que poñerse ao día rapidamente e cambiar a mentalidade. En pouco tempo saberase todo de nós. En realidade, xa se sabe, pero non nos damos conta. As temidas cookies en Internet apodéranse dos nosos gustos, dos nosos hábitos e de todo o que nos rodea, ata dos nosos amigos e dos nosos desprazamentos. Alexa escóitanos e, de súpeto, recibes no teu computador un anuncio de algo do que estiveches falando. Dá medo, non si?


Con todo, eu vivo o cambio con prudencia e entendendo cada paso que dou. Hai que evitar expoñerse demasiado. Hai que saber como controlar Internet e aproveitarse da tecnoloxía, porque aumentando os teus coñecementos podes controlar a tecnoloxía e evitar que aconteza ao contrario.


Para contrarrestar o impacto da tecnoloxía, acaba de xurdir unha nova corrente que propugna a volta ao natural, ao sostible, ao ecolóxico e ao artesanal. A verdade é que a diversidade de tendencias é unha cuestión moi normal e natural, e esta corrente en concreto nace da necesidade do ser humano de identificarse a si mesmo, de tomar conciencia da natureza e volver «ao de antes». A artesanía e a produción manual fan que o produto sexa único, exclusivo e diferente, o que o sitúa dentro do luxo, pois o luxo é experiencia, personalización e identificación dun mesmo; o luxo é unha forma de definirse persoalmente a través dos nosos obxectos e o noso estilo de vida.


Eu vivín toda esta transformación en apenas vinte anos, así que imaxinade o que nos agarda nos vindeiros vinte, todo o que imos ver. A verdade é que a min me fascina todo o que está a ocorrer e que o vexo como algo moi positivo para o futuro da nosa sociedade.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido