•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Colle Aire

1750 1168 CORALIA

Colle Aire

O Xurés, o Invernadoiro e a Serra da Enciña de Lastra

Reportaxe Laura Ramos Cuba
Fotografías Martín Lagoa · Alfredo Iglesias

Agochado a simple vista, entre fragas e antigos carreiros, un Ourense xenuíno e enxebre perpetúase ao longo destes longos vales e elevados cumes.
Declarados espazo protexido desde hai décadas, os tres espazos naturais acubillan ducias de especies autóctonas vexetais e animais. Quen calce as súas botas e se interne polas rutas destes parques encontrará unha vida secreta agardando a ser descuberta. Carballos, bidueiros, urces e regatos deseñan un mapa orgánico, un ecosistema en que perder os nosos pasos no máis verde de todos os Ourenses.

A fronteira do Xurés

Defende Xosé Luís Méndez Ferrín que a raia entre Galicia e Portugal é «a máis antiga de Europa», unha fronteira que atravesa aldeas, «pobos promiscuos» onde habita a xente transgresora que dá vida aos seus relatos Arraianos. Nas súas historias, a natureza do Xurés cobra vida propia como marco de incomparábel magnetismo para o realismo máxico do autor galego. A néboa dos vales, os altares prehistóricos e os densos montes serviran de agocho para contrabandistas, fuxitivos e exércitos; unha multitude que transitou o mesmo territorio que agora ocupa a Reserva da Biosfera Fronteiriza Gerês-Xurés, única en Europa. Poderá o visitante penetrar nunha difusa Galiza interior en que os bosques non entenden de fronteiras e onde a historia ten peso propio sobre os milenarios camiños empedrado.

Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Foi declarado como tal en 1993, e en 2009 pasou a formar parte da Reserva da Biosfera Transfronteiriza co veciño parque luso. Cobre por volta de 30 000 hectáreas ao longo dos concellos ourensáns de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira e Muíños, cunha altitude media por enriba dos 1000 metros. É, con estes datos na man, o parque natural galego máis amplo, o máis agreste e o de maior altitude.


Así, a persoa que visite o Xurés encontrará un rostro máis do calidoscópico país galego: unha Galicia de vexetación salvaxe, abrigos prehistóricos e inmensidades graníticas. «Un ten a impresión de que nestas cidades pétreas e salvaxes do alto dos montes, nestas cidades xeolóxicas, se gardan cousas inesperadas á espera de que se dea o cruce de casualidades que as fagan aflorar», escribe o profesor Manuel Gago sobre o lugar.


O río Limia escavou, no centro do territorio, un corredor natural ao que van converxer numerosos afluentes. Nesta maraña fluvial, bosques caducifolios, turbeiras e monte baixo foron testemuña da ocupación humana desde tempos prehistóricos, cuxa pegada podemos atopar agora nos monumentos megalíticos, nos restos de camiños romanos ou nas humildes construcións populares como alvarizas, cabanas, muíños, fornos ou hórreos que falan dunha ancestral convivencia entre as persoas e o medio. As altas serras e a Portela do Home (punto fronteirizo) dan a benvida aos visitantes, que poderán encontrar guía e consello no Centro de Interpretación do Parque Natural, situado en Lobios. Con boas estradas e unha nutrida oferta de recursos turísticos ben coidados, este xardín bravo da Serra do Xurés recibe turistas en calquera momento do ano, pois en cada mes amosa unha gama diferente de cores e texturas, nun continuo devalar das estacións.


Deste modo, para facilitar a experiencia, o parque habilita once itinerarios para descubrir a Serra de Xurés, de diferentes distancias e dificultades. A realización de dúas destas rutas –a da Cela-Pitões e a de Torrente-Salgueiro– debe ser comunicada á autoridade competente por atravesaren unha zona de acceso regulado, a antiga aldea de Salgueiro. Estes dous roteiros lineais cobren 28 e 22 quilómetros respectivamente, e atravesan áreas de gran valor natural e histórico, con vistas a grandes cantís de pedra e á reitoral de San Pedro.

Amais do sendeirismo, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ofrece unha rica oferta de lecer onde hai espazo para rutas en automóbil ou ecuestres, deportes de aventura, excursións botánicas e observacións de aves. Revélase o Xurés como un espazo de transición política, mais tamén natural, posto que a súa flora camiña entre a paisaxe eurosiberiana e a mediterránea, con extensas ladeiras de monte baixo e carballeiras. Viven nesta rexión abondosas especies animais, de entre as cales salientamos a poboación estable de lobos, corzos e cabalos salvaxes, que xa hai 2000 anos atravesaban o territorio.


A dilatada pegada humana no territorio amplía o extenso escaparate turístico do parque con, por exemplo, excursións a escavacións arqueolóxicas: o concello de Bande garda no seu interior o xacemento romano de Aquis Querquennis, un antigo campamento e mansión viaria situados á beira da antiga Vía Nova. Ao pé do sitio encóntrase o Centro de Interpretación, e nas proximidades á Portela do Home encontrará o visitante abundantes miliarios vinculados a esta Vía Nova. De feito, esta zona sería, segundo fontes locais, unha das áreas do antigo Imperio romano con maior número de miliarios.


Conxuga o Xurés este pasado milenario cunha historia máis recente, que cobra corpo nas terras do Couto Mixto, territorio arraiano que non pertenceu nin a España nin a Portugal durante séculos, operando cun estatuto de privilexios independente a ambos os dous estados. Nesta sorte de microestado, os habitantes escollían a súa nacionalidade no día da súa voda e o seu carácter independente serviulle para ser refuxio de numerosos escapados políticos de ambos os dous lados da fronteira. Aínda hoxe, o paseante nesas antigas rúas de pedra poderá escoitar o ecoar da historia entre os muros.


Xa no final da estadía, pode o visitante descansar e completar a súa viaxe ao Xurés cunha degustación da gastronomía local e mesmo cunha experiencia de relax nas augas termais de Lobios ou Bande. No primeiro caso, a carne da cachena (especie con Denominación de Orixe Protexida, é considerada a vaca máis pequena de Europa), as cabras ou os porcos bísaros e celtas poden ser o centro dunha mesa complementada cos mellores queixos e embutidos caseiros, coroando así unha aventura única pola liña natural invisible que une Galicia con Portugal.

 

Un pase VIP ao Invernadeiro

Se despois de deixar a fronteira con Portugal ás costas mergulla o visitante aínda máis en Ourense, poderá dar de fronte co Parque Natural do Invernadeiro, paisaxe do Macizo Central que cobre nas súas 6000 hectáreas boa parte do concello de Vilariño de Conso. Aínda que de menor extensión ca o seu irmán da Serra do Xurés, este espazo natural distínguese dos outros parques naturais da provincia pola máxima protección da que goza. Declarado como Parque Natural en 1997, o Invernadeiro pasou de ser un refuxio de caza en 1989 a unha zona de especial conservación en 2014, o que o converte no único espazo protexido para o que se debe solicitar entrada caso querer realizar unha visita nas súas inmediacións, que deben ser sempre a pé e respectando escrupulosamente os sete roteiros marcados para coñecer o lugar.

Desta forma, o visitante que entre nestas selectas terras de ondulantes montes e esgrevias paisaxes atopará un extenso espazo natural sen asentamentos humanos que perturben o ecosistema. A historia do Invernadeiro remóntase até a Idade Media, cando xa encontramos a orixe da longa tradición de pastoreo e caza destes montes, ligados á nobreza da Casa da Mezquita no século xv. Deste patrimonio pastoril aínda hoxe fican restos, como testemuña o laureado documental Entre pastores e lobos, do biólogo Pedro Alonso, no cal fala dun Invernadeiro onde a fauna salvaxe convive desde longa data coa gandería e os solitarios pastores.

Após as repoboacións forestais de mediados do século xix, dedicadas á produción de madeira e papel, unha forte vaga de incendios en 1979 arrasou boa parte do territorio, obrigando a reformular a política de coidado do medio e iniciando unha longa traxectoria burocrática até alcanzar o título de parque natural e espazo protexido. Os vales da Ribeira Grande e da Ribeira Pequena encadran un territorio de encanto agreste, con montañas de até 1500 metros de altura e volumes dondos. O Alto do Cernadiño, o Invernadeiro, o Cabezo do Cernado, As Pozas, O Meixón

dos Abroso ou a Cabeza de Berganciños son algúns dos cumes que poderemos albiscar se nos internamos nestes fondos e segredos lugares do Macizo Ourensán, entre regos menores, fervenzas e corgos.

Como punto de entrada ao Parque Natural será referencia a Aula da Natureza da Ribeira Grande, con información e asesoramento sobre a ampla oferta do medio ao longo de todo o ano. Nas catro estacións, o Invernadeiro amosa un fachendoso e cambiante manto, desde a branca neve do inverno até o malva das xestas en primavera, pasando sempre polo omnipresente verde dos montes ourensáns.

Lobos, xabarís, armiños, martas e corzos camiñan os mesmos sendeiros que as sete rutas marcadas para o público que acceda ao Invernadeiro. Os circos glaciares, os sagrados bosques de teixos, a fervenza de Arcos, os bidueirais ou o canón do río Bibei son algunhas das estampas que percorrerán os camiñantes, gozando dunha temperatura suave e dunha diversa fauna autóctona, con máis de trinta especies de coleópteros e todo un abano de aves: aguias reais, bufos, gatafornelas, papoazuis, voitres brancos, arceas, picas dos prados, azores…

Toda esta riqueza natural do Invernadeiro conxuga co seu pasado prehistórico (evidente nos monumentos megalíticos ou no antigo campamento romano) e medieval, nos restos de refuxios para pastores e os rastros da agricultura secular. Velaí a viaxeira verá, perante a súa vista, unha Galicia aínda posible: un territorio recuperado á explotación forestal intensiva, aos incendios, e ao delongado deterioro do medio ambiente. Poboan o Invernadeiro especies reintroducidas, vexetacións frondosas e unha natureza recobrada á historia pola forza do común.

Os recantos da serra de Enciña de Lastra

Chega por fin o máis pequeno, mais non por iso menos importante, parque natural de Ourense. Declarado como tal no ano 2002, o espazo protexido da serra de Enciña de Lastra, o máis novo de toda Galicia, conta cunha extensión de máis de 3000 hectáreas e unha altitude media de 684 metros. Situado na serra oriental, no concello de Rubiá, constitúe un bo fragmento da comarca de Valdeorras, limítrofe co Bierzo e, en consecuencia, espazo de transición entre Galicia e o resto da Península Ibérica.

Os vales calcarios, os altos cantís e os cumios de até máis de 1500 metros (como O Piornal) ornamentan este anaco de Ourense que ofrece a única mostra de vexetación mediterránea galega, co clima máis seco de todo o país. A medio camiño entre ser unha rexión eurosiberiana ou mediterránea, a fauna que habita o lugar presenta especies comúns ao resto de Ourense, como aves rapaces (voitres brancos, aguias reais, falcóns peregrinos, coros, grallas, choias, papuxas…), lobos, lontras ou teixugos, amais doutros exemplares de carácter extraordinario dentro de Galicia, como as visitas ocasionais do oso pardo, ou a extensa e rica presenza de diferentes tipos de morcegos nas covas do parque.

Estas cavernas, tamén chamadas «palas», son outro dos aspectos que fai destacar a serra de Enciña de Lastra por riba dos outros espazos naturais ourensáns. A singular xeoloxía calcaria do territorio produciu altos cantís de máis de 200 metros de altura (como o Estreito de Covas, os Penedos de Oulego ou a Pena Falcoeira), mais tamén unha nutrida presenza de covas que converten o parque nun destino por excelencia para afeccionados á espeleoloxía. As grutas ourensás agochan, alén dun expositor natural de estalactitas e estalagmitas, un sorprendente refuxio ornitolóxico e un hábitat ideal para quirópteros. A Cova da Zorra (de 600 metros) e as pala de Xilbete, Pombo ou Trasmonte son algúns dos exemplos de cavernas que se poden visitar.

Por último, gozará o viaxeiro que pise a serra de Enciña de Lastra do natural abrigo da vexetación. Viven no parque múltiples especies de flora (sesenta e dúas delas, únicas en Galicia) como as orquídeas e as roseiras bravas, a lavanda, o tomiño silvestre ou o érbedo, mais tamén rexos bosques de aciñeiras, sobreiras, cerdeiras, castiñeiros ou salgueiros. Árbores senlleiras saudarán ao pasar o visitante, que se interna desta volta no oriente natural de Galicia, un verxel que atravesa fronteiras, vales e ríos, nunha viaxe cara ao corazón de Ourense e dun mesmo.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido