DE MADRID
AO CEO
Texto LAURA RAMOS CUBA
Fotografías ÁNGEL DE ANTONIO
Abre o día en Madrid, inmenso, e unha maré de asfalto desprégase para deixar paso. Cruzan, a través dos montes e das mesetas, as viaxeiras. Chegan á feira co seu país ás costas: alfaias e tecidos, manxares e perfumes. Historias que fan soñar con outras latitudes.
Acólleas todas a Feira Internacional de Turismo, celebrada a pasada semana na capital do Estado. Alí acudiu tamén Galicia, tendendo unha longa e fértil ponte alén do telón de grelos e até o centro da Península. E aí, entre a catedral de Santiago e as pirámides de Exipto, entre as fragas do Courel e os moais da Illa de Pascua… Coralia.
Eses días FITUR foi o áxil cadro sen marco que inspirou sinerxias e aspiracións. Por iso, o pasado 19 de maio a Casa de Galicia de Madrid engalanou salas e corredores para presentar en sociedade a Guía de Viaxes de Galicia. Conduciu o evento o cordinador de Actividades Culturais, Delegación da Xunta en Madrid e Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen tamén contou coa intervención da vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e do propio editor da revista Coralia, Álex Regueiro.
A publicación, que foi feita ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21 e coa colaboración da Deputación da Coruña e dos concellos de Lalín, A Estrada, Carballo e Padrón, encandeou un escollido público asistente que se deixou cativar co luxo galego e o seu rural máis fascinante. Entre os rostros que se deixaron guiar polos cicerones galegos ecoan célebres nomes como S.A.R. Carla de Bulgaria, Donald Johnston, Nuria March mais tamén outras personalidades políticas como os parlamentarios Carmen Pomar, Ovidio Rodeiro e Borja Verea, alén de figuras do mundo da arte e da moda como Rudy de la Fuente, María Jesús Gutiérrez, Santy Kalo e Cristina Palomares.
Ourive de soños viaxeiros, Coralia construíu, coa colaboración de Galicia Calidade, un expositor para proxectar Galicia no escenario central madrileño. Os espectadores non foron alleos á calidade do proxecto, que colmaron de cumprimentos e agarimos. Diversa e hospitalaria, a revista enceta agora unha nova etapa con azos renovados.
Élle hora de medrar, como medran as crianzas, a unha iniciativa que reborda xa as súas propias marxes. Explora Coralia agora un novo territorio fóra das súas fronteiras, amplía o libro de familia, teima en estirar as liñas imaxinarias do país, do glamour, do luxo. Cara a fóra do país mais sempre desde el: Galicia como epicentro e fonte de todos os camiños.
Entrevista para a Revista Fin de Semana (TVG)
Os nosos convidados e convidadas agasalláronnos cunhas palabras que queremos compartir con vós.
«Temos por diante, un labor tan urxente como ilusionante: a de recuperar o noso proxecto colectivo, arrimando entre todos o ombreiro para volver dar sentido a esas aspiracións que nos levan a crer nun futuro mellor. Un futuro máis xusto, máis solidario, con mellores perspectivas e con máis oportunidades. Nos últimos meses o goberno de Galicia fixo un extraordinario traballo para adaptar os albergues e os roteiros ás condicións sanitarias esixidas pola pandemia; e porque os turistas van estar protexidos polo «seguro coronavirus» que a Xunta puxo en marcha, e que lles garante a cobertura en caso de contaxio ou corentena.
Coralia, desde as súas páxinas, esplendidamente escritas, leva a cabo un labor de excepción para axudar aos lectores para descubrir a inesgotable riqueza da cultura e das terras galegas. E, tras cinco anos como cronista de canto marca tendencia en Galicia, Coralia coroa ese labor coa publicación da súa nova Guía de Viaxes de Galicia. Unha valiosísima iniciativa que contou co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia e que regala aos lectores con 116 páxinas que, estou segura, encheremos de post its porque necesitaremos quedarnos con cada suxerencia, co itinerario de cada roteiro ,a das mil romarías, a dos faros ou a das cinco leguas, prometerémonos probar cada prato e extasiarnos diante cada unha das marabillas e as belezas desta terra única.
Non só me sinto obrigada a felicitar a Coralia polo cegador produto editorial que constitúe esta guía, senón que quixese, ademais, darlles as grazas polo importantísimo servizo que presta a Guía de Viaxes neste Xacobeo de dous anos. Unha celebración que representa o reencontro das persoas, a incombustible determinación do ser humano para seguir sempre adiante, a esperanza que nos sostivo, a solidariedade que nos congrega e nos irmá e a gratitude de quen segue aquí para contalo.»
Ana Pastor, Vicepresidenta Segunda do Congreso
______________________
«Noraboa a Álex Regueiro e Alfredo Iglesias pola laboura de crear Coralia Viaxes, a que sen dúbida se converterá na millor guía para descubrir Galicia. Ogallá tivese tempo para percorrer todos e cada un dos lugares que propón esta publicación.»
S.A.R. Carla de Bulgaria
______________________
«Querido Álex; non teño palabras para agradecerche, a ti e á nosa querida amiga Carla, a invitación para asistir á presentación do primeiro número de Coralia Viaxes. Tiven a sorte de coñecer bastante ben Galicia. De adolescente ía moito a Portosín, por sorte o meu círculo máis próximo de amigas sempre me levou a Galicia. Despois ía moito a Coruña porque unha das miñas mellores amigas traballaba para Inditex. Fun a Tira do Cordel, a comerme a mellor robaliza do Mundo. Fun ao festival Mozart da Coruña, ao festival Ikfem en Tui.
Con Ágatha tiven a sorte de facer a voda máis máxica do mundo no Mosteiro de San Xoán de Poio. Fun ao estadio de Riazor, ao teatro Colón. Comín e son fan total de Casa Marcelo, Luís Veira… morro por uns percebes! En fin, que cando cría que me merecía o título de Visitante Ilustre de Galicia, vas ti e sacas unha revista por culpa da cal me dou conta que non coñezo nada desta terra. Vémonos na Ribeira Sacra lucense.»
Cristina Palomares Quesada, man dereita de Agatha Ruiz de la Prada e o máis importante, a túa Amiga
______________________
«Ter que escoller unha reportaxe desta Coralia Viaxes non é unha tarefa fácil. Cada páxina, cada escrito, cada fotografía lévannos a paraxes recónditos do Norte e do Sur, da costa e do interior. Desde Bergantiños á Ribeira Sacra, desde a Mariña ata o Monte Aloia. Goce de sentidos, desexos que rebulen, soños por cumprir. Quero ver o Altlántico bicando o Cantábrico alá por Estaca de Bares, saboreando, ulindo, escoitando as ondas, pechando os ollos…, imaxinando, xa, a próxima aventura.»
Carmen Pomar Tojo, Deputada do Parlamento de Galicia
______________________
«Unha revista feita por expertos con cariño e saber facer de Álex Regueiro e Alfredo Iglesias, amantes de Galicia que coñecen todos os recunchos e un luxo poder gozar dunha publicación con tanta calidade e tanta xente comprometida cun mundo millor.»
Nuria March, experta en comunicación
______________________
«Se hai un lugar especial para min este é sen dúbida a Ribeira Sacra lucense, alí vivín case tres anos, traballando como Secretario-Interventor do concello do Saviñao, época da que gardo grandes recordos e onde teño bos amigos que visito a miúdo. Máis que un paraíso, un mundo enteiro.»
Borja Verea, deputado autonómico do PPdG
______________________
«Coralia Viaxes é máxica. É unha peneira que filtra e da luz a lugares de Galicia que agochan tesouros por descubrir. Ler sobre a ruta das fariñas provoca unha ansia e fame demoledoras. Recomendable para programar unha experiencia que seguro será inolvidable.»
Santy Kalo, artista
______________________
«Para min, como galego afincado en Madrid desde hai anos, supuxo un privilexio tomar parte na creación dun novo número de Coralia, faro da cultura e o sentir da nosa terra; unha sorte de volta ás orixes, descubrindo aspectos para min descoñecidos pero que á vez me resultan moi próximos.
Da Guía de Viaxes destacaría a reportaxe Cinco Leguas, que, cunhas impresionantes fotografías de Alfredo Iglesias, permítenos descubrir recunchos espectaculares e variados da xeografía galega. Parabéns a Álex Regueiro e Alfredo Iglesias por traballar e crear Coralia Viaxes, a que sen dúbida se vai a converter na mellor guía para descubrir Galicia. Oxalá tivese tempo para percorrer todos e cada un dos lugares que propón a publicación neste primeiro número.»
Rudy de la Fuente, deseñador gráfico
______________________
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»