Reportaxe Rober Amado
Ilustración Olalla Dieguéz Boó
Boborás é verde e azul, é pedra e é historia. É descubrir o sendeirismo a través das lendas e das árbores. É sentir, é notar o escintilar das rochas das minas de ouro de Brués, dos sartegos pétreos de San Xoán de Laxas, do antigo cárcere de pedra de Distriz, é encher a lingua cos matices dos viños das adegas medievais de Tombelo. Pazos, igrexas e pontes. Lembranzas do que fomos que marcan unha senda do que seremos. E todo isto está en Boborás.
Boborás é un municipio ourensán que conta con dous amigos fieis: os ríos Arenteiro e Avia. Camiños de auga que lle outorgan tantas cores como ten a luz. Encerra tantas historias como grans de area ten unha praia. O convento da Orde de Malta, a igrexa románica de San Salvador, a de San Xulián de Astureses, a igrexa de Cameixa… Hai augas termais en Brués, descoñecidas e afastadas, que invitan a soñar coa entrada nas instalacións dun club tan privado que podería ser exclusivo para cada visitante.
San Miguel de Alvarellos e a súa espadana barroca, o santuario da Saleta e a súa multitudinaria romaría, o espectacular e enxebre muíño de Moldes, a lendaria vila histórica de Pazos de Arenteiro, a imposible cova da Gafa, as pías de auga bendita de Santa María de Xuvencos, as pontes de Castro Cavadoso das Poldras, esta última construída cos restos do antigo castelo de Orcellón.
Boborás é gozar da vida con todo o que ten pero sen precisar de nada máis que de silencio. De viños de terras ourensás, de produtos que dá a terra e doces que elaboran mans sabias. É bailar na danza de Xuvencos e sentir que cada paso conta. E cantar e brindar na romaría, coma se Boborás fose a casa de sempre para todo forasteiro que se achegue. Coma sempre, coma nunca.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»