•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

De Portas ao Gaiás

150 150 CORALIA

De Portas ao Gaiás

Unha viaxe eterna

Textos Elena Vázquez Cendón e Alberto Varela García
Fotografías Martín Lagoa
Dirección artística Álex Regueiro

Todos os seres vivos que habitamos este planeta temos inserida no noso ADN a imperiosa necesidade de manternos con vida a través de infinidade de mecanismos e procesos fisiolóxicos e sociais. Segundo a especie, atopamos métodos de supervivencia básica e sistemas extraordinariamente sorprendentes que foron evolucionando desde as primeiras bacterias que conseguiron vivir na Terra. Ademais da capacidade dos organismos por loitar pola súa vida individual, e de poder reproducirse para perpetuar a especie, moitos grupos de seres vivos tamén desenvolven sistemas de protección dos membros das súas mandas ou colonias. Todos estes medios de defensa teñen un único obxectivo: seguir con vida.

O ser humano dispón da capacidade de pensar e razoar, o que imprime un valor aínda maior ao instinto de supervivencia, pois os nosos actos non só nos axudan a nós e aos seres cos que habitamos. As nosas invencións transcenden de xeración en xeración e permiten que o desenvolvemento social e tecnolóxico da nosa especie emprenda unha viaxe infinita no tempo e no espazo para lograr sobrevivir no complexo e misterioso universo no que navegamos. Todo o que hoxe coñecemos é froito de miles de millóns de antepasados nosos, que foron forxando e mellorando teorías, instrumentos, técnicas e artefactos que nos axudan a comprender e habitar o mundo no que vivimos, e que nos permitenavanzar nun percorrido continuo na procura constante por descubrir o descoñecido. A traxectoria de cada individuo non é máis que unha etapa desta viaxe eterna. A repercusión dos nosos actos fará que o noso traxecto sexa máis ou menos frutífero para os nosos contemporáneos e para as futuras xeracións que seguirán o camiño.

De Portas ao Gaiás lévanos á viaxe emprendida por D. Domingo Fontán, que ten como punto inicial desta ruta unha variable temporal, ao parecer o 17 de abril de 1788, e unha variable espacial, sen dúbida Porta do Conde. O día é unha data reconstruída da queima das partidas bautismais da parroquia de Portas, onde nace o segundo dos cinco fillos de Rosendo e Sebastiana. Podería ter só unha dimensión familiar para os Fontán-Rodríguez, pero ese nacemento sinalaría unha data que o Concello de Portas transformou nunha celebración.

A ciencia desenvolta polo seu veciño é a protagonista, xunto coa activa participación que cada ano toda a vila lle brinda, amosando gratitude interxeracional desde a patria do autor do primeiro mapa elaborado en España con criterios científicos.

Monumento a Domingo Fontán no concello de Portas

A árbore da ciencia enraizou en Portas grazas á semente do talento que portaba o novo veciño. A formación inicial do pequeno Domingo, Mingos, correu a cargo dun «malísimo mestre», segundo as súas palabras (sesión das Cortes do 21 de xuño de 1838), ao que aprendeu a contar. O propio Fontán relata que non se lles exixía aos mestres de aldea acreditación científica e desculpábao dicindo que se limitaba a repetir o pouco que puidera aprender.

A súa elegancia non se limitaba ao lazo, co que o pintor Antonio María Esquivel o inmortalizou en 1852, pois non mencionou nunca o nome do seu primeiro mestre. A predisposición que tiña para o estudo foi percibida polo seu tío materno don Sebastián Rodríguez Blanco, que desde Noia actuou de titor e mecenas, o que, sumado ao feito de formar parte dunha familia cunha certa fortuna, deu paso a unha formación ampla e prolongada.

Hoxe a formación en Portas está en mans de profesionais e o CPI leva o nome do protagonista da nosa viaxe. Preguntada a cativada do centro Domingo Fontán cal é a característica que destacaría do seu veciño, responde cun gran sorriso: «O entusiasmo!». Tamén confesa o gusto por descansar debaixo do Mundo, o fragueiro que está a unha carreiriña de can da súa casa, como relata Marcos Calveiro na súa novela Fontán.

«Foi profesor universitario, director do Observatorio Astronómico de Madrid, político liberal das Cortes e empresario.»

O entusiasmo, tan ben identificado na mirada dos pequenos e das pequenas, é o mesmo que el confesou que lle transmitira pola ciencia o mestre D. José Rodríguez, o Matemático de Bermés. Pero para cambiar de mestre e cruzar a ponte da formación universitaria temos que viaxar a Santiago de Compostela e á universidade cando Domingo fixo os 12 anos. O itinerario formativo percorrido por Fontán podería levarnos a facer un catálogo completo de todas as titulacións do momento. En 1802 acadou o grao de bacharel e en 1811 obtivo o doutoramento en Teoloxía e estudou hebreo. En 1809 principiou os estudos de Ciencias Exactas e Naturais. Tamén acadou as licenciaturas de Filosofía e Artes (1813) e o doutoramento en Artes (1814). Exercendo xa como catedrático de Matemáticas Sublimes, acadou en 1828 o grao de bacharel en Leis.

 

Instrumentos de medición depositados no museo de Domingo Fontán no concello de Portas

Este abano formativo de todas as áreas de coñecemento preséntanos unha formación sólida e sen lindeiras para acadar moitos dos retos emprendidos por Fontán. Foi profesor universitario, director do Observatorio Astronómico de Madrid, político liberal das Cortes e empresario. A formación multidisciplinar acadada, tan necesaria nos desafíos de hoxe, faino saltar á actualidade, recoñecendo a xenialidade identificada polo seu tío materno. En todas as súas obras o rigor científico e o compromiso social da ciencia estaba presente, e todas as facianas de Fontán brillan especialmente na súa grande obra: a Carta xeométrica de Galicia. O obxectivo de facer un mapa de Galicia foi contribuír ao desenvolvemento de Galicia ao proporcionar unha ferramenta necesaria para levar a cabo un trazado óptimo de infraestruturas de transporte, organización territorial ou desenvolvemento en xeral. Foi elaborada cunha precisión sen precedentes e presentada a escala 1/100.000, que obrigou a dividila en 12 follas para a súa impresión. Aínda que a presentación oficial deste mapa se realizou en Madrid en decembro de 1834 ante a rexente do Reino de España Dna. María Cristina de Borbón, tivo que esperar a dispoñer dos fondos necesarios en 1839 para encargar que fose gravado por Bouffard e finalmente impreso por Lémércier en París en 1845. Os primeiros 500 exemplares non chegarían a Galicia ata xullo de 1847 a través do porto da Coruña, e en 1850 realizouse unha nova tirada similar. Houbo que esperar 175 anos desde a primeira impresión ata que en 2020 se imprima xa en Santiago de Compostela un facsímile deste mapa co mesmo tamaño, calidade e coidado que o orixinal, neste caso grazas a Edicións do Cerne, para que calquera poida gozar desta obra de arte e de ciencia mesturadas.

As complicadas peripecias da súa primeira publicación nun período cheo de cambios políticos e sociais mostran só unha parte do esforzo e dedicación empregados polo autor para a súa conclusión. Ademais do tesón e constancia demostrados percorrendo todos os recunchos da xeografía galega desde 1817 (ano no que comeza as súas medicións a partir da torre da Berenguela na catedral de Santiago) ata 1834, o mérito principal deste mapa radica, ademais de na súa construción e debuxo, na precisión dos cálculos. Como discípulo de D. José Rodríguez, catedrático de Matemáticas Sublimes da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo Fontán empregou novos métodos científicos, anotando e medindo con precisión a localización de elementos e lugares, co apoio da instrumentación máis avanzada da época e a axuda de estimables colaboradores e amigos (o seu propio irmán Andrés e técnicos como Domingo Lareo ou Alejo Andrada, entre outros). Ao igual que se estaba a facer noutros países europeos, Fontán construíu unha rede de triángulos xeodésicos coa que dar soporte e rigor ao resto de medicións, usando como base Formarís (para a parte occidental) e O Corgo (para a parte oriental). Exemplo da súa vocación para que este mapa servise de axuda a todas as persoas que o precisasen, as referencias de altitude que aparecen seguen en varas castellanas (unidades usadas nese tempo equivalentes a 0,835 m), pese a empregar o sistema métrico na elaboración da Carta xeométrica de Galicia, adiantándose en máis de trinta anos ao uso deste sistema de medida en España.

Casa natal de Domingo Fontán no concello de Portas

 

Este mapa permitiu expresar mediante cálculos matemáticos a forma de Galicia, e polo tanto comezar a coñecela, como dicía Lord Kelvin: «Cando podes medir aquilo do que falas e podes expresalo en números, entón podes pensar que sabes algo». No seu momento esta cartografía serviu como soporte para a planificación territorial e de novas infraestruturas en Galicia, como a primeira liña de ferrocarril entre Santiago e Carril, na que o mesmo Fontán participou tamén activamente. A importancia deste mapa e o coñecemento que trouxo sobre a nosa terra levou a propia Xeración Nós a consideralo como o símbolo de Galicia. Hoxe en día, a Carta xeométrica de Galicia continúa sendo obxecto de admiración e estudo para múltiples disciplinas, e o seu autor é considerado como un dos homes de ciencia máis importantes na historia do noso país, descansando os seus restos no Panteón de Galegos Ilustres no convento de Santo Domingo de Bonaval.

«Como discípulo de D. José Rodríguez, catedrático de Matemáticas Sublimes da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo Fontán empregou novos métodos científicos»

 

Do mesmo xeito que o mestre de Fontán, D. José Rodríguez, indicaba que «toda nación civilizada que desexe a prosperidade do seu país debe, indispensablemente, ter á vista un deseño exacto deste», cremos que toda sociedade avanzada debe respectar e poñer en valor aqueles traballos que nos axudan a coñecernos mellor para avanzar cara a un desenvolvemento conxunto. Por iso, coincidindo coa próxima inauguración do Edificio Fontán na Cidade da Cultura no monte Gaiás, estamos a traballar na proposta dun proxecto denominado FONTÁN 360o que pretende aglutinar diferentes iniciativas e actividades de carácter investigador e divulgativo vinculadas á análise e difusión da obra de D. Domingo Fontán como elemento de recoñecemento e de inspiración para as novas xeracións. Desde dar voz a aquelas persoas que aprenderon a través da obra de Fontán, crear metodoloxías didácticas e lúdicas para achegar a obra de Fontán aos máis (e aos menos) cativos, empregar novas tecnoloxías de información xeográfica para analizar a Carta xeométrica de Galicia, ata unha infinidade de iniciativas individuais ou colaborativas. Entre estas últimas destacamos o mapa participativo sobre a localización dos mapas de Fontán (https://emapic.es/mapasFontan) como xeito de poder visualizar o impacto xeográfico do traballo e o interese por esta obra, creada cunha innovadora tecnoloxía cartográfica desenvolta tamén en Galicia.

De Portas ao Gaiás é unha viaxe que ten moitos puntos de paso, de traballo e de reflexión (Noia, Bermés, Santiago de Compostela, Formarís, O Corgo, Madrid, París, A Coruña, Carril, Bonaval…). A súa chegada ao monte Gaiás só significa que remata unha etapa da fantástica ruta emprendida por D. Domingo Fontán, pero o seu legado indícanos que aínda temos moitas máis por descubrir.

Panteón dos Galegos Ilustres

Panteón dos Galegos Ilustres

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido