•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

DESTINO

150 150 CORALIA

DESTINO

OURENSE

Texto NOELIA LAGE

©TheArtOfRuralLiving

 

 Reencontro coas orixes

Un novo día xorde no horizonte galego. Os paxaros apuran os seus cantos para celebrar os derradeiros días do que, sen embargo, hoxe asemella unha eterna primavera. O sol vaise derramando paseniño polos tellados da capital Galega, descubrindo así a beleza das súas rúas, dos seus edificios e, por suposto, da súa historia gravada en pedra. Pero hoxe Santiago non é o destino, senón máis ben o punto de partida. Unha viaxe que, mentres fai uns días levaba a Coralia á Feria Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, agora lévanos á ben coñecida como a capital termal de Galicia.

Tomamos o tren cara Ourense e, coa última edición da Guía de Viaxes de Coralia repousando no colo, deixamos que as exuberantes paisaxes que se coan por cada unha das fiestras do vagón nos inunden e nos enchan de calidez. Vamos desfrutando así coa beleza enxebre da nosa terra, esa que se atopa nas súas paisaxes, nas súas cidades e no seu rural, nos seus monumentos e tradicións e, en definitiva, en todo aquilo que vai conformando a identidade de cada un dos recunchos de Galicia. Recunchos que, número tras número, Coralia recolle con agarimo, e cunha excelente combinación de paixón aventureira e especialización xornalística.

Desta volta, Ourense convértese nunha das protagonista indiscutible da Guía de Viaxes de Galicia, que nos vai adiantando os tesouros que agocha esta provincia ao tempo que nos invita a descubrir unha experiencia turística que une luxo e tradición. Chegamos pois a Ourense, onde a revista Coralia se reencontra non só coa musa das súas páxinas senón con vestixios das súa propia orixe, ao ser precisamente esta cidade a que viu nacer a un dos seus creadores e Director de arte, Alfredo Iglesias.

©Alfredo Iglesias

No barrio da Ponte agárdanos Paco Gómez na súa polbeira A Feira, lugar elixido para a presentación da revista e digno representante da tradicional cociña galega. Paco Gómez pon á disposición dos asistentes á presentación da guía a súa ampla e recoñecida experiencia tras os fogóns, así como a herdanza dunha familia polbeira que leva xeracións dedicándose a este manxar tan noso.

Gastronomía e tradición uníronse así nunha sesión de petiscos perfecta para presentar a Guía de Viaxes de Galicia, que ofrece  ao lector un pequeno bocado desta provincia singular.  A revista amósanos a fermosura do rural galego, que se mestura coa historia e a tradición ourensás na comarca de Monterrei, onde a súa fortaleza medieval se ergue impoñente para dar a benvida aos visitantes. Asemade, achéganos á singularidade que ofrece o turismo nun entorno privilexiado como é a Ribeira Sacra e meso nos relata como a gastronomía e a música galega dan a benvida a unha nova tradición, O gaiteiro da catedral, que xa forma parte do corazón da cidade de Ourense.

©Deputación de Ourense

Na presentación da Guía de Viaxes, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, puxo o foco no potencial turístico da provincia e a súa importancia para a reactivación da economía ourensá. Así mesmo, o delegado da xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou as súas cualidades para constituírse como destino orixinal e sorprendente, e fixo referencia á labor de Coralia á hora de mostrar “unha terra sen complexos, nin vestimentas artificiais que sabe que pode ofrecer un destino singular e diferencial a quen desexe visitarnos”. 

A presentación contou ademais coa presencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, a presidenta da Confederación de empresarios de Ourense, Marisol Novoa, o senador por Ourense Miguel Ángel Viso, o parlamentario José Antonio Armada e do editor da revista Coralia, Alejandro Regueiro así como de representantes dalgunhas das firmas colaboradoras da Guía de Viaxes.

A publicación conta co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 e coa colaboración de Galicia Calidade, D.O. Monterrei, Adegas Peza do Rei, Airas Moniz e La Central Heladera; ambientados por Celia de Bicharela e inmortalizados polo obxectivo do fotógrafo e artista visual Carlos Urban.

©Deputación de Ourense

©Carlos Urban

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido