Muller feita a si mesma de longa traxectoria de éxitos, Couceiro non deixa de procurar novas experiencias ás que extraerlle o zume e saborear intensamente. Compostelá de nacemento e de sentimento, hai xa moito tempo que se converteu en cidadá do mundo, mundo que cruza constantemente á busca de novas emocións: «Fago diferentes cousas para gozar de experiencias distintas; éncheme moito e mantenme viva e nova». Apaixonada da vida e dos retos, Dolores quen fora coroada en 2002 Mrs. Globe é a persoa que probabelmente mellor coñece a gran historia da moda en Galicia na súa década dourada. Solicitada modelo, fotógrafa recoñecida e aclamada organizadora de eventos internacionais, Couceiro vainos descubrir nesta entrevista o seu segredo para ser feliz: «Sempre hai que seguir o teu corazón e entón todo sairá ben».
Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de DAVID GRAU, CARLOS VILLAREJO, DEREK PEDRÓS & AUDIE NORRIS
«Vivir tanto tempo fóra faiche valorar máis Compostela e Galicia en xeral, para min a terra máis bonita do mundo. Certamente, eu estou moi orgullosa de ser de Santiago de Compostela, onde sempre volvo»
Que foi primeiro, Dolores? a moda, a imaxe, o deporte?
Creo que o deporte. Sendo moi pequena fun Madriña do Obradoiro CAB e tamén fun Mini-raíña do Minibasket, nun torneo que se celebrou en Santiago. En canto á moda, lembro participar nun desfile de modelos infantís no Pop Pool, quizais con sete ou oito anos. A imaxe sempre me gustou, e a fotografía e a pintura eran as miñas afeccións. Ía a clases de pintura ao óleo coa coñecida pintora María Jesús Reboredo e da pintura evolucionei cara a fotografía.
Cambiar de lugar de residencia é unha constante na túa biografía. Converterte en cidadá do mundo, que perspectiva che deu da túa cidade?
Aos dous anos fun de Santiago a Cuenca, onde naceron os meus irmáns homes, e volvín aos seis para empezar Primeiro da EXB na Compañía de María. Volvín marchar aos 14 anos a Tenerife, onde estiven até os 19, para volvermos a Santiago, até os 22, que foi cando me instalei en Oviedo, de onde pasei a Vigo, onde vivín 14 anos; despois vivín en Madrid dous anos e de alí trasladeime a Barcelona, onde levo uns 14 ou 15 anos xa. Entre medias tiven longas estancias en Dubai, París e Nova York, e pasei grandes tempadas traballando en California. Actualmente paso moito tempo en China. Vivir tanto tempo fóra faiche valorar máis Compostela e Galicia en xeral, para min a terra máis bonita do mundo. Certamente, eu estou moi orgullosa de ser de Santiago de Compostela, onde sempre volvo. Teño unha casa nos arredores e, se algunha vez teño vacacións ―cousa rara―, pásoas alí. A pesar das limitacións dunha cidade pequena como Santiago de Compostela sempre valorei a súa historia, a súa beleza, as súas tradicións, a súa gastronomía. Os meus sitios preferidos? Casa Marcelo ―que para min é o número un mundial―, O Gato Negro ―onde podes comer marisco sen que te desplumen― ou O Galo de Ouro, o meu sitio de referencia en Santiago desde que tiña 13 anos. Conversar con Jorge, o seu dono, resúltame sempre interesantísimo. Na nosa cidade hai moitos outros sitios marabillosos.
A morriña é un sentimento difícil de aplacar. Cal é o teu segredo para esquivala?
Non son unha persoa moi morriñenta. Quizais o feito de viaxar tanto e vivir en tantos sitios fíxome desenvolver a capacidade de sentirme en calquera sitio como na casa. Galicia sempre tira e intento volver todo o que podo, pero fágoo moito menos do que me gustaría.
Cunha biografía como a túa, chea de momentos únicos, poderíase dicir que Dolores Couceiro é o perfecto exemplo das múltiples vidas que poden ter cabida nunha soa vida? De cal das Dolores estás máis orgullosa?
A vida é demasiado curta. No meu caso, carezo de tempo suficiente para facer todas as cousas que me gustan. Son unha apaixonada da vida, teño moitas afeccións e creo que non me sentiría a gusto facendo sempre o mesmo, por iso son autónoma, traballo para min mesma e xero o meu propio traballo. Organizo eventos de moda ou de deporte, calquera cousa que se me expoña póñoa en marcha, son decidida e con moitos recursos, non hai nada imposíbel. Aínda que din que «Aprendiz de todo, mestre de nada», a min quédanme moitas cousas das que quero ser aprendiz. Non pretendo ser mestra de nada, simplemente aprendo por puro pracer, por saber. Fago diferentes cousas para gozar de experiencias distintas; éncheme moito e mantenme viva e nova. Orgullo especial por algunha faceta concreta? Non. Todas as desenvolvín con agarimo e estou orgullosa de todas.
A túa traxectoria está chea de éxitos diante e detrás das cámaras, pero cales dirías que son os momentos transcendentais das dúas Dolores Couceiro até agora?
Como modelo traballei moito, pero en realidade non houbo grandes contratos, non fun unha top model. Quizais os traballos máis destacábeis sexan unha campaña de Rebaixas de Zara, na época na que non contrataban modelos para a súa publicidade; unhas fotos para Caramelo con roupa de home, cando aínda non fabricaban roupa para muller; os dez anos consecutivos nos que fun a modelo imaxe de New Balance e Umbro a nivel internacional, e ser elixida imaxe dunha firma de cosméticos americana, Shock Cosmetics, cando tiña xa máis de 40 anos. Na fotografía gústame lembrar os meus dous anos como fotógrafa oficial do equipo Honda para a Fórmula 1 e as máis de 20 tempadas como fotógrafa oficial da Pasarela Cibeles e L’ Oreal nas que tiven a sorte de poder fotografar as mellores modelos do mundo.
«Organizo eventos de moda ou de deporte, calquera cousa que se me expoña póñoa en marcha, son decidida e con moitos recursos, non hai nada imposíbel. Aínda que din que 'Aprendiz de todo, mestre de nada', a min quédanme moitas cousas das que quero ser aprendiz. Non pretendo ser mestra de nada, simplemente aprendo por puro pracer, por saber»
María Castro, Diana Nogueira, María Mera, David Amor, Ana Múgica… Ter bo ollo é un don ou é unha tarefa que se adestra e modela cada día?
Hai que ter bo ollo. A xente que traballamos na moda vemos inmediatamente se unha persoa pode valer ou non, non fan falta máis de tres segundos para darse conta; temos deformación profesional e imos pola rúa mirando como camiña a xente ou que estrutura de corpo ten. Para destacar na moda hai que ter algo especial e esta xente tiña algo moi especial desde o principio que despois souberon utilizar, desenvolver e destacar nos seus traballos. Son grandísimos profesionais dos que me sinto moi orgullosa. Encántame ver como alguén que pasou pola miña axencia ten éxito, e non só no mundo da moda, cinema ou televisión, senón tamén noutras profesións como a música ―como é o caso de Jorge Casal ou Santy Kalo―, ou a medicina con varios dos meus ex modelos destacando a gran nivel ―como sucede co neurólogo Hugo Gómez e a cirurxiá Cristina Varela―.
O momento máis brillante da moda en Galicia está ligado a ti e a túa axencia. Como foi posíbel aquel esplendor e que tería que pasar para que Galicia puidese ser novamente referencia nas pasarelas?
A época dos 90 foi marabillosa en moitos aspectos. O mundo da moda tiña daquela moito apoio institucional. Había moitas empresas, que estaban moi motivadas e con ganas de facer promoción. Cando eu montei a miña axencia puxen moita ilusión e todo o meu empeño en saír adiante asumindo o risco de facerme empresaria. Traballei 24 horas durante 7 días á semana, e nun ano abrín cinco axencias e escolas en cinco cidades de Galicia. Aquel ano nomeáronme Mellor Empresaria. Tiña moitísimo traballo, xa que se necesitaban moitas modelos e eu buscábaas mesmo debaixo das pedras: ía ás portas dos colexios, á saída dos adestramentos de baloncesto ou voleibol, ás portas das tendas onde compraban as adolescentes, organizaba concursos de modelos para descubrir caras novas… Convertín a Galicia nunha potencia de onde saían moitísimas mozas cara Madrid e Barcelona. Foi unha época de ouro, na que cada mes recibía a visita das grandes axencias para ver que nenas tiña novas. Logo veu a crise para todos e a moda resultou moi afectada. Necesitábanse menos modelos, as empresas pechaban ou non destinaban diñeiro a promoción con modelos, co que o negocio veuse abaixo. É moi difícil recuperar aquel momento, de feito non creo que volva ser como antes porque o mundo da moda evolucionou. Seguirá existindo, pero non a aquel nivel. Aquela tolemia quedou atrás. Agora represento a modelos máis individualmente que se van a Madrid, a Barcelona ou ao estranxeiro, que é realmente onde conseguen bos traballos, grandes contratos moi ben pagados e recoñecidos.
Témosche oído dicir que a moda das modelos nos ósos está a durar de máis. Cara onde vai o ideal de beleza?
Seguen estando moi delgadas, pero avanzouse moito no tema; agora vemos modelos de todas as tallas. Está a ter moito éxito o apartado de Tallas Grandes e hai modelos guapísimas con tallas da 42 en diante traballando a un nivel moi bo. O ideal de beleza é tan subxectivo que teremos xente de todo tipo lucindo as marcas máis recoñecidas. O movemento trans está a ter un gran peso e están a verse modelos de todas as razas nas grandes marcas, polo que no que á beleza se refire vaticino un futuro variado en grao sumo.
«Cando eu montei a miña axencia puxen moita ilusión e todo o meu empeño en saír adiante asumindo o risco de facerme empresaria. Traballei 24 horas durante 7 días á semana, e nun ano abrín cinco axencias e escolas en cinco cidades de Galicia. Aquel ano nomeáronme Mellor Empresaria»
Newport Beach, 2002. Confirmación ou inflexión?
A verdade é que nunca me presentei ao concurso de Mrs. Globe con intención de gañalo. Nesa época era directora de máis de cen concursos de beleza internacionais, e enviaba as representantes españolas a moitísimos concursos por todo o mundo. En Bolivia, a directora dun destes certames animoume a presentarme a un concurso de señoras do que eu nunca oíra falar. Pareceume unha boa idea ir e ver como era para poder organizar algo parecido en España. E, desde logo, o resultado foi moi gratificante: convertinme en Mrs. Globe 2002 e pasei a formar parte dunha familia marabillosa á que vexo dúas veces ao ano. Aquel feito anecdótico converteuse nun motivo de orgullo e despois de tantos anos sigo vinculada á organización de Mrs. Globe e a WIN Foundation de axuda a mulleres maltratadas. Tamén son a fotógrafa oficial do certame e parte do xurado. Ao longo da miña vida téñome presentado a moitos concursos de beleza ―o que non quere dicir que me considerase máis guapa que as demais―. Foi parte do meu traballo como modelo e como empresaria, e permitiume coñecer xente en todo o mundo, viaxar e desenvolver o meu traballo. Vía todos os detalles, como organizaban cada evento, as luces, o protocolo, as fotos, as actividades… Todo iso serviume de moito para traballos posteriores. Teño, ademais, a sorte de poder dicir que en case todos os países do mundo teño amigas.
Dentro da túa axenda hai oco incluso para seres voceira internacional da WIN Foundation. Sempre hai tempo para dedicarlle aos demais e para loitar contra os estereotipos?
Por suposto. Sempre hai que axudar no que se poida, colaborar dando voz a persoas que non a teñen. O tema dos malos tratos á muller é internacional e por iso levamos a cabo accións en moitos países para concienciar do problema e axudar as mulleres que necesitan axuda, apoio ou información.
Es unha muller verdadeiramente emponderada, mais hai algún eido profesional no que teñas dado algunha puñada na mesa para que te escoitasen mirándote aos ollos?
A miña voz sempre foi forte, directa e potente. Sempre souben facerme escoitar. Realmente nunca tiven problemas profesionais motivados por falta de respecto ou confianza. Os pequenos detalles que puideron xurdir sempre foron motivados por envexa dalgunha muller. Dáme pena que sexa así, pero desgraciadamente é bastante común. Os homes sempre me respectaron moito profesionalmente.
O baloncesto e ti tedes unha longa relación? O ADN ten algo que ver nese romance?
Totalmente. O meu pai foi un dos fundadores do Obradoiro CAB e na miña casa vivimos o baloncesto desde pequenos. Podería dicir que o club se fundou na miña casa do Doutor Teijeiro. Todos xogamos durante un tempo e seguimos moi unidos a este deporte. Durante 15 anos estiven casada cun xogador profesional e desde hai 6 anos estou unida a un ex-xogador da NBA moi coñecido en Europa, Audie Norris, co que ademais formo parella profesional organizando eventos deportivos, campus de baloncesto por todo o mundo, clinics, charlas e co que traballo na formación dunha gran academia.
Por amor renuncias incluso a vivir preto da familia. Está a chama do amor detrás dos teus máis recentes proxectos profesionais?
En realidade, agora non estou lonxe dos meus xa que dos 5 irmáns que somos só un vive en Madrid; o resto estamos en Barcelona e vémonos a miúdo. O meu pai si que vive en Santiago, pero como está xubilado viaxa moito e pasa tempadas connosco. É importante estar á beira dos teus, xa que o tempo pasa moi rápido e agora que temos sobriños pequeniños notámolo máis. Sempre hai que seguir o teu corazón e entón todo sairá ben.
De representar a mozas e mozos modelos pasaches a ser axente FIBA de xogadores de baloncesto. É, no teu caso, unha evolución natural?
En realidade sempre axudei á xente a atopar traballo en diferentes campos. Cando representaba modelos tamén lles ensinaba, e agora o que fago é organizar campus e academias de baloncesto para formar a xogadores e logo representalos. De todos os xeitos, gústame máis o proceso de formación que o de representación, é moito máis gratificante.
Es a coordinadora do Audie Norris Basketball Camp. Cal é, desde a túa perspectiva, a saúde do baloncesto masculino e feminino en España?
O deporte masculino lidera as audiencias e as vendas, se ben é certo que o deporte feminino está cada vez máis presente, e que tal vez chegará un día en que estea a un nivel similar. Cada vez hai máis xogadoras federadas e máis equipos, así que imos ben, pero non podemos esquecer que o deporte masculino leva moitos anos de vantaxe. Para min, o importante é que a xente faga deporte e goce con iso, practicándoo ou como espectador.
E, por si todo isto fora pouco, es coordinadora internacional do JUMP10 de Shangay, un dos torneos de baloncesto máis espectaculares do planeta. Despois de acadar unha audiencia de 500 millóns, quédache algún reto por cumprir?
Sempre hai retos, sempre hai obxectivos novos, metas máis altas. O JUMP10 é un bombazo, unha tolemia que aquí aínda non se coñece moito, pero que está a ser seguido por moitísima xente en todo o mundo, por iso estamos a traballar na súa expansión, promoción e desenvolvemento internacional. É un traballo moi gratificante que che permite estar en contacto con deportistas de alto nivel de todo o mundo, vivir en China parte do ano, aprender chinés ou tentalo… Retos sempre hai, moitas cousas novas, que nada teñen que ver co que estou a facer, que sairán aos poucos máis adiante. Estou a traballar en varios proxectos que espero que se convertan en realidade algún día, porque hai que manter viva a ilusión, continuar aprendendo sempre, facer cursos de cousas novas, lanzarse a facer algo que nunca fixeches, ir aprendendo sobre a marcha, non ter medo a nada, manterse viva e ilusionada, ir cumprindo anos e que se che pasen voando porque estiveches ocupada en moitas cousas que che gustan e que fan que o tempo pase a toda velocidade.
«O tema dos malos tratos á muller é internacional e por iso levamos a cabo accións en moitos países para concienciar do problema e axudar as mulleres que necesitan axuda, apoio ou información»
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Tareixa Navaza
«Para ser bo xornalista tes que ser boa persoa»
Francis Montesinos
SCQ-VLC
Ghaleb Jaber Martínez
«A cultura é o mellor antídoto contra a intolerancia»