•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Ela Diz

150 150 CORALIA

Ela Diz

Coralia entrevista a Ana Pontón 

Entrevista Adrián Vázquez Estévez
Fotografías Santiago Taboada

Ana Pontón recíbenos no seu despacho do Parlamento de Galicia. De camiño, polos corredores, gozamos das obras de pintores como Alfonso Sucasas ou Urbano Lugrís. Poucos cadros feitos por mulleres aínda nos corredores do Pazo do Hórreo. Ana Pontón (Sarria, 1977) é parlamentaria desde o ano 2004, e no ano 2016 foi escollida Portavoz Nacional do BNG. Nesta entrevista queremos coñecer o seu lado máis persoal, desde as súas orixes na parroquia de Chorente e o instituto de Sarria ata a súa vida actual en Compostela, onde reside desde os seus tempos universitarios.

No teu Twitter indicas que «sorrir é un acto revolucionario». Moitas veces os medios só amosan os momentos de crispación, pero coidas que é posible facer política desde a cordialidade?
Eu inténtoo, non sei se o consigo. E sobre todo entendendo que a política ten que ser un contraste de ideas. Moitas veces vexo que se quere caer na descualificación persoal, para fuxir do debate das ideas, e mesmo que nos últimos anos se produciu unha espectacularización da política, que é unha especie de programa televisivo do corazón. Coido que isto é un tremendo erro, que ademais está desposuíndo a cidadanía dun debate en maior profundidade. E que explica por que cada vez camiñamos cara a unha democracia de menor intensidade e máis baixa calidade. A nosa responsabilidade? Pois un pouco intentar sobrevoar todo isto, non sei se o conseguimos sempre, pero polo menos intentámolo.

En 2021 saíu publicado un libro teu de conversas con María Reimóndez. Un dos temas que comentabades é o papel da muller na política galega actual. Como o ves? Segue habendo trabas?
A política, igual que a sociedade, está moi enchoupada dos valores predominantes, e o machismo segue tendo moito peso. Ás veces temos a sensación de sermos intrusas, mesmo sufrimos a síndrome da impostora. Polo tipo de educación que recibimos parece que sempre nos estamos cuestionando a nós mesmas. Mais eu coido que as deputadas máis valiosas que hai neste Parlamento son mulleres, que están a facer un labor magnífico nesta cámara, e que tamén estamos contribuíndo cunha maneira diferente de entender a política. Eu estou cansa desa política tan testosterónica que levamos vivindo nos últimos anos. E creo que se necesita poñer en valor o que sempre se relacionou  co mundo feminino, que sempre se deostou pero que considero valores fundamentais, como é a capacidade de empatía, de diálogo, de poñerte no lugar do outro, de buscar solucións aos conflitos, de ter esa capacidade de darlle racionalidade ao debate político.

Antes de vires a Santiago de Compostela vivías en Chorente, a túa parroquia natal. A pesar de que para o gran público es Ana Pontón, na casa aínda te seguen a chamar Belén. Botas de menos o rural, o espazo da túa infancia?
En moitas cousas si, mais noutras non tanto. Porque é certo que se non vives dunha actividade vinculada co ámbito agrario, pois botas de menos o cine, botas de menos o teatro, ás veces tamén o bulicio dunha cidade, como pode ter Compostela. Pero ao mesmo tempo teño un vínculo emocional moi forte coa terra, coa natureza, cos espazos, que son elementos que me faltan. Hai xente que di que lle falta o mar, a min fáltame o verde. Cando espertas pola mañá e abres a ventá e ves todo verde, hai unha paz e unha tranquilidade que non che transmite a cidade. A día de hoxe teño o corazón partido, e é un eterno dilema.

Xa na túa mocidade comezaches a ter un certo activismo. Que lembranzas tes desa primeira época de militancia?
Lembro que no instituto, co profesor de galego, fixemos unha asociación cultural e puxemos en marcha unha revista, que se chamaba Espellos. A revista ía estar financiada pola dirección do instituto, pero un rapaz escribiu un artigo que trataba a homosexualidade, e desde a dirección do centro entendían que non podían financiar ese artigo. E antes de censuralo, o que ía contra o espírito do que nós defendiamos, buscamos financiamento por outras bandas, para poder sortear a censura, o que fala moito de cales eran os valores dominantes.

Cando decidiches estudar Ciencias Políticas? Foi un proceso paralelo ao da militancia política?
Eu nunca vin a ciencia política como algo que estivese relacionado co feito de militar, senón que tiña un interese por unha formación do pensamento, se cadra moito máis focalizado no que é a xestión pública. E estudar máis en profundidade diferentes correntes de pensamento foi un pouco o que me levou a decantarme, pero realmente tiña outras vocacións cruzadas, como o Dereito, ou ser xornalista… Todo iso estivo aí, foron moitos os elementos que finalmente me decantaron a estudar Ciencias Políticas, pero nunca o vinculei con nada que tivese relación coa miña militancia.

Normalmente pregúntase cales son os referentes a gran nivel (político, cultural…), pero cales son os teus referentes vitais?
Para min hai unha muller moi importante na miña vida, que foi a miña avoa materna. Nós eramos a típica familia, viviamos na casa dos meus avós, eramos oito persoas. E eu coa miña avoa sempre tiven un vínculo moi forte, non sei se é porque durmía con ela, e xeraba empatía, ou porque era unha muller moi especial. Era feminista, era unha muller moi traballadora, moi emprendedora, e con ela aprendían a respectar e valorar o traballo das mulleres, e esa é das achegas máis importantes que me marcaron.

Relacións familiares e persoais. Maternidade: a importancia, pois no teu perfil de Twitter o primeiro que mencionas é que es «Nai de Icía». Que estás a aprender coa maternidade?
Primeiro, que cando falamos de conciliación, iso é ciencia-ficción. Temos que mudar a nosa forma de ver o mundo, porque a maternidade é un ben social, mais tal e como están conformadas as relacións laborais, e mesmo diría que as relacións persoais e sociais, a maternidade é moi esixente e moi absorbente. Precisamos valorizala, e empezar a cambiar. Isto non pode penalizar o desenvolvemento persoal e profesional, e aí necesítanse non só máis servizos públicos, que é evidente, senón tamén un cambio de mentalidade, de horarios, e de a que lle damos valor como sociedade. Porque tamén agora estamos a vivir cada vez unhas relacións máis individualizadas, e ás veces botamos de menos a tribo. Eu nótoo máis porque nós non temos apoio familiar na mesma cidade en que vivimos, e iso complica moito, aínda que bueno, a miña familia sempre está aí cando se necesita.
E estame aprendendo que é un amor moi distinto, que medra cada día. Unha forma de amar que nunca experimentara, e tamén un amor que medra.

E máis alá dos referentes vitais, cales son as personalidades que admiras?
Ao longo da nosa vida hai moitos referentes que nos poden marcar, desde os máis próximos, ou figuras transcendentes do último século, como Castelao, pero tamén destaco Martin Luther King, Nelson Mandela, ou mulleres como Angela Davis, que non deixan de ser referentes claros aos que nos une un fío, que é loitar pola dignidade das persoas.

Coralia é unha revista de tendencias. Quería preguntarche por gastronomía, viaxes, lecturas.
É que son parte importantísima da nosa vida.

En relación coa gastronomía, no vídeo da conta de Twitter do BNG do Parlamento indicabas que para ti o Nadal era tempo de cociñar. Es de produtos de tempada? Con que pratos andas ultimamente?
Gústame moito o produto de tempada, produto de proximidade, pero tamén me encanta investigar e probar novos sabores. Son unha namorada da comida mexicana e a peruana, parécenme impresionantes, e mesmo fago algún prato, teño aí a cochinita pibil, prato estrela. 

E ademais de cociñar, gústache ir xantar ou cear por aí coas amizades?
Agora a nós xusto nos coincidiu a maternidade con dous anos de pandemia, en que é todo moi complicado. Estivemos pechados, e ás veces por precaución tamén limitamos os contactos sociais, que é unha parte moi importante da nosa vida. Pero nos dous últimos anos a maternidade e a portavocía coméronme todo o tempo.

Antes da XVII Asemblea Nacional do teu partido, que se celebrou en novembro, falouse sobre a túa continuidade como portavoz nacional, cargo que ocupas desde 2016. É fatigado o teu rol?
Non era cuestión de fatiga, senón unha forma de entender a vida. Eu creo que temos que cuestionarnos todo, e especialmente nun momento en que ademais o BNG cambiou o ciclo dunha forma moi clara. Hai cinco anos cando me elixiron como portavoz tiñamos un reto, que era levantar este proxecto, e cinco anos despois o que temos é o reto de conseguir liderar o país nas seguintes eleccións. Eu quería provocar unha reflexión. Primeiro coido que hai que cuestionarnos a nós mesmas, pero tamén provocar unha reflexión sobre eses retos e non dar nunca nada por sentado. Deixarse levar pola rutina é un moi mal consello.

En relación con viaxes, coido que pola túa posición es unha persoa que coñece o país, que o percorres para coñecer as problemáticas existentes, e tamén o estranxeiro, porque asistiches a diversos eventos. Podes recomendarnos dous lugares para evadirse, un deles na Galiza e outro fóra?
Fóra de Galiza, hai unha cidade que me impresiona, e que tamén nos une a historia, que é Roma. Recoméndoa moito. En Galiza… que difícil, porque hai tantos sitios magníficos… Paréceme un sitio excepcional o Xurés, que está aí na raia, un lugar que ten moitísima forza e que paga a pena coñecelo. Un lugar estupendo para desconectar do mundo e conectar con outra parte do mundo. 
É unha mágoa a situación do transporte público na Galiza, fóra do eixo A Coruña-Vigo, que é para xente que ten moito tempo, que non teña un horario. Debería potenciarse o transporte público de proximidade e con boas frecuencias para poder chegar a todos os recunchos.

Coralia é unha revista que quere normalizar o uso da lingua galega. En relación coa cultura, como ves a literatura, a música, o cinema do país?
Somos un pobo de artistas, somos unha potencia. Temos un nivel altísimo, pero cómpre sacar a cultura da precariedade. Valorala máis e saber que non só alimenta o espírito, senón tamén un sector económico que hai que apoiar máis. A industria cultural ten potencial pero moitas debilidades, pola falta de apoio público.

Queres recomendar un filme, un libro e un grupo de música galego?
Un filme, Ons, de Alfonso Zarauza, que me parece unha das súas mellores pelis, moi ben feita. Un libro, recomendaría o último de Antón Baamonde, Unha nova Olanda. E un grupo, Terbutalina, son dos imprescindibles.

Queriamos agradecerche a túa participación nesta entrevista persoal. Sabemos que non é sinxelo, pois noutras ocasións mulleres de diverso espectro político recibiron críticas gratuítas polo feito de prestarse a reportaxes como esta.
As mulleres sempre somos obxecto dunha crítica maior que detrás esconde un prexuízo e unha discriminación contra nós. Ás veces hai un nesgo, e interesa máis o que poidan dicir as mulleres no campo persoal ca no seu ámbito profesional, pero tamén creo que o feito de que se nos coñeza como persoas quizais axude a conectar moitos sectores. A cidadanía quere unha seguridade, saber a quen está a votar, quen a vai representar, e aínda que ás veces esa exposición pode resultar un pouco incómoda, a xente está na obriga de querer sabelo e cómpre asumir ese custe. 

En relación coa moda, quería falar do teu estilismo. Sei que tes un equipo de asesores e asesoras de comunicación, como Santiago Martínez Suárez ou Andoni Aldekoa. E parte da comunicación está, sabémolo, na imaxe. Como xestionas a túa imaxe?
A imaxe é unha parte do que nós queremos comunicar, e igual que coidamos o que dicimos, tamén debemos coidar como nos presentamos ante a sociedade. É a nosa carta de presentación ante as demais, e é unha parte que tamén importa, pois todo suma. Intento facelo sempre desde a transparencia, paréceme a mellor forma de facelo, tanto no persoal como na vida política.

Coralia é unha revista compostelá. Coñeces ben a cidade, desde os tempos de estudante.
Si. Son picheleira de adopción. Agora son veciña da Almáciga.

Viches unha evolución dos últimos anos? Como a ves?
Compostela é unha cidade que non ten nada que ver, para o bo e para o malo. Quizais a xente que vivimos aquí empezamos a botar de menos que a cidade se pense máis para os veciños e as veciñas, e non tanto para o turismo. Non porque sobre, senón porque a autenticidade é un valor para a xente que vén de fóra, e ás veces semella que hai espazos onde esa autenticidade se está a perder. Hai que traballar para equilibralo.

Como facemos para explicarlle ás turistas esa autenticidade? Para lograr vender o tradicional, o artesán?
Temos que explicarlles todo, non? Que temos unha lingua, que temos unha cultura, unha historia propia. Falar da nosa tradición con orgullo e poñer en valor os elementos da nosa historia.

Que botas en falta como capital, no día a día?
É interesante deseñar as cidades para os nenos e as nenas, que poidan xogar e vivir a rúa sen que os pais e as nais estean intranquilos, porque confían na seguridade dese espazo. Iso axuda a construír persoas con máis autonomía e capacidade, e aí temos un reto enorme. Un exemplo é Pontevedra, que abriu un camiño que hai que percorrer con toda intensidade.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido