•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Emma González

150 150 CORALIA

Emma González

A bela Auria

Entrevista de Noelia Lage

Emma González naceu en Ourense pero, como tantos mozos e mozas galegas, mudouse a Santiago para realizar os seus estudos universitarios. Non obstante, e a pesar de posuír unha alma viaxeira á que lle gusta coñecer mundo, sempre tivo claro que Ourense era esa terra á que volver. E foi nesta cidade onde desenvolveu a súa carreira profesional no ámbito da comunicación corporativa. Agora, despois de case 15 anos en Expourense e cunha importante bagaxe de experiencia e contactos, comeza unha nova etapa como xerente do Inorde. Hoxe, non obstante, imos coñecer un chisco máis a Emma que está detrás desa impresionante carreira profesional.

Poderías describirnos a infancia de Emma?
A miña infancia foi aquí, na cidade de Ourense. Transcorreu entre o Xardín do Posío, que era a contorna onde eu me movía e onde ía ao colexio, e as vacacións nos dous espazos do rural da miña familia, A Merca e A Gudiña. Despois tamén faciamos pequenas escapadas á costa.

En que cambiou o Ourense de agora con respecto ao daquel entón?
Todo cambiou moito, pero probablemente o máis notable é a transformación dixital. Iso e as conexións, claro. Hoxe en día ir por estrada é moito máis áxil. Antes, cando iamos á Gudiña e non había a autovía, e ademais en agosto había moito tráfico na nacional, era unha viaxe moi longa. Agora sabes que sempre vas chegar nunha hora.

Que querías ser de pequena?
Eu sempre tiven unha vocación xornalística importante, e de feito estudei xornalismo, aínda que despois me especialicei na parte de comunicación empresarial corporativa e, máis adiante, empecei coa miña experiencia en xestión.

Se non te dedicases ao sector público e a xestión, cara a onde che gustaría enfocar a túa carreira?
A miña ilusión era ser reporteira e viaxar por todo o mundo.

Dicíasnos que estudaches xornalismo, se non teño entendido mal foi en Santiago. Como recordas esa época da túa vida?
Foi unha etapa moi agradable. Eu creo que todo estudante que poida ter esa experiencia residindo nunha localidade universitaria, como era Santiago de Compostela, vive momentos moi especiais xunto con ese grupo de amigos que se forma. Mais sempre tiven moita vinculación con Ourense, entón regresaba á casa case todas as fins de semana, porque como dicía, sempre me gustou viaxar e estar polo resto do mundo, pero tamén volver a Ourense. Outra parte importante desa etapa foron os traballos eventuais en congresos ou promoción, xa que, á parte de darme unha liberdade económica e unha certa independencia, ao acabar a carreira xa tiña unha visión de como se movía o mercado e de como funcionaban as distintas empresas.

Falabas de volver; que cres que che ofrece Ourense para querer volver sempre?
Ourense é unha cidade moi cómoda para vivir, moi confortable, xa que estás nunha contorna urbana que che dá todo o que necesitas e, ao mesmo tempo, as distancias son moi curtas. Ademais ofrece unha calidade de vida moi agradable, unha gastronomía fantástica e unhas oportunidades de ocio moi boas. A provincia de Ourense conserva aínda esa autenticidade de Galicia, onde perduran tradicións que parece imposible atopar hoxe en día nun sitio como España.

En canto á túa profesión, que proxecto da túa carreira recordas con máis cariño ao botar unha ollada atrás?
O primeiro ano que fixemos Termatalia nun país estranxeiro. Non sei se diría que o recordo con cariño, aínda que co tempo si que o ves así. No momento foi un dos momentos máis duros; pero, ao mesmo tempo, o que marcou un antes e un despois na miña carreira para poder dicir que xa estou preparada para calquera cousa. Foi no ano 2012, cando traballaba en Expourense, e demos o salto facendo TTermatalia no Perú. No Perú de 2012, que non é o de agora. Por aquel entón non había recinto feiral e todo era moi complexo.

Que ensinanzas che deu a túa experiencia previa que agora podes aplicar como xerente do Inorde?
Esa multidisciplinariedade que tiñamos en Expourense onde, como eu sempre dicía, cubriamos o ciclo completo da vida xa que tiñamos desde a feira do sector gastronómico e a do viño ata a do sector funerario.

«A miña ilusión era ser reporteira e viaxar por todo o mundo»

E en canto ao Inorde, cales dirías que son as liñas de actuación nas que se basea esta nova etapa contigo ao fronte da xerencia?
Inorde é moi transversal e afecta a calquera sector de Ourense. Pero, por entendelos como sectores prioritarios que nos poden axudar a converter a provincia nese espazo de desenvolvemento socioeconómico que estamos buscando, destaca o impulso do sector turístico e do primario. E transversalmente, apostamos por dous elementos chave como son a dixitalización e a sostibilidade.

Falas do sector turístico en Ourense; cales son os puntos fortes da provincia dentro deste ámbito que estades a fomentar desde o Inorde?
Na provincia de Ourense contamos con dous parques naturais, ademais doutros moitos espazos protexidos con patrimonio, moito do cal aínda está por explotar. Ademais, temos catro das cinco denominacións de orixe en viños que fan do enoturismo un elemento potencial moi importante. E todo isto fusionado co factor termal, así como coa importancia do Camiño de Santiago como elemento vertebrador. Nese sentido a Vía da Prata, por exemplo, atravesa un terzo dos municipios ourensáns.

E se antes nos falabas das liñas do Inorde, poderíasnos comentar cal sería a túa meta persoal nesta nova etapa?
Todo o mundo me acolleu moi ben, polo menos esa é a impresión que eu teño. A miña meta persoal é non defraudalos, xa que depositaron en min unha confianza e espero que sintan que o meu traballo está sendo útil para os municipios, a maioría rurais, e para o ámbito empresarial.

Sen deixar o tema do turismo, como describes a Emma turista?
Nos últimos anos, desde que teño dous pequenos, é máis complicado e as viaxes longas están aprazadas. Agora buscamos eses lugares cómodos onde ir cos nenos e onde eles desfruten de forma segura. Castrelo de Miño por exemplo é fantástico para estar con eles ao aire libre.

Cal sería o primeiro lugar ao que che gustaría ir cando eles sexan algo máis maiores?
Hai algo que precisamente creo que a vida me debe. Nese ano 2012 como che comentaba, fun varias veces ao Perú co proxecto Termatalia. Pero como traballaba de sol a sol non puiden ir a Machu Picchu, a pesar de estar en Lima e de ter invitación. É como unha tarefa pendente.

E para desconectar do traballo, que che gusta facer no tempo libre?
Sen dúbida desfrutar das augas termais, dos tratamentos e masaxes. Para min iso é a desconexión total.

Estamos vendo como Emma pisa forte tanto no persoal como no profesional. Cal dirías que é o segredo do éxito?
Sobre todo traballar moi duro, pero facelo sen que sexa un sacrificio. Para min non é un esforzo grande dedicarlle moitas horas ao traballo. Por outra banda, probablemente tamén me axudou a miña capacidade de empatizar, de entender cales son as necesidades dos demais e aliñalas coas estratexias que xestiono.

«Sen dúbida desfrutar das augas termais, dos tratamentos e masaxes. Para min iso é a desconexión total»


De toda a provincia de Ourense, con que recuncho quedarías?
Desfrutar dunha copa de viño en calquera das paisaxes das nosas denominacións de orixe.

E se tiveses que elixir unha festa ourensá?
A festa do polbo do Carballiño, emblema gastronómico da provincia de Ourense.

Con que prato estrela sorprendes os teus invitados?
Non son nada cociñeira así que sorprendería levando a comer fóra.

Que libro nos recomendarías?
Milena o el fémur más bello del mundo de Jorge Zepeda.

Es máis de cine ou teatro?
Son máis de ver películas na casa, se estamos falando de saír desfrutar dun deles prefiro o teatro.

Un cantante ou grupo musical?
Aí non teño dúbidas, Bon Jovi.

Como te describirías en 3 palabras?
Persistente, optimista e empática.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido