Entroidos Ourense
A xeografía da provincia de Ourense está composta por diferentes capas.
Na primeira, na tanxible, están as paisaxes, as vilas e a xente. Mais por baixo dela existen, aínda que non sexamos sempre conscientes, outras capas igual de importantes onde reside boa parte da esencia do territorio mesturándose coa tradición herdada, nese lugar en que realidade, mitoloxía e imaxinación van da man. Nesas capas, máis fondas e máis antigas, habita o Entroido, todos os Entroidos, o feito cultural que, se cadra, mellor define o carácter desta terra.
En Ourense non existe o Entroido, en singular. Ourense é o lugar onde moran os Entroidos, as mil e unha variacións arredor dun tema ancestral que ten sobrevivido ata os nosos días, un símbolo cultural e un sinal de identidade de raigame sólida, que é quen de recoller o xeito de ser dun pobo cando se libera e flúe, cando retoma o contacto directo co seu pasado dun xeito único.
Os Entroidos ourensáns son, sen dúbida algunha, un dos grandes patrimonios da cultura inmaterial europea, un legado inabarcable que sempre é quen de amosar unha variante máis, pode que un aceno, unha máscara, un ritual recuperado de ecos ancestrais. Os Entroidos son festa, folclore e atractivo turístico, mais son tamén, ao mesmo tempo, algo máis fondo, algo que vai ao cerne do que significa vivir nesta provincia, do que supón ser ourensán.
Vilariño de Conso, Xinzo, Trives, Verín, Manzaneda, Entrimo, Lobios, Maceda, O Bolo, Mugares. Son só algúns
dos puntos dese mapa no que pasado e presente van da man, no que o tanxible e o mítico se atopan e conviven, no que o festivo e o atávico son unha mesma cousa.
Porque os Entroidos, en Ourense, teñen moito de catarse, mais tamén de celebración da vida; son unha parodia do cotiá, un espello deformador en que mirarse e que devolve unha versión crúa, espida e profunda de nós. Os Entroidos igualan, fan que todos sexamos máscaras e vítimas das súas falcatrúas a un tempo. Son a máis democrática das celebracións. E son, sen dúbida, un espectáculo. Unha celebración na cal artesanía, folclore, tradición oral, paisaxe e gastronomía van da man por uns poucos días ao ano. Son, en esencia, o resumo dunha provincia rexoubeira, dun xeito de estar no mundo, dunha vontade de conectar o pasado e o presente.
O certo é que sen coñecer o Entroido é imposible coñecer Ourense. Porque o Ourense máis vivo, o máis fondo, ten forma de peliqueiro, de cigarrón, de felo; ten máscara de follateiro e corpo de chocalleiro, é rebuldeiro como unha pantalla e exuberante coma un boteiro. Corre coma un cigarrón, brúa como un vergalleiro, desconcerta como un labardeiro, fascina coma un farrampón.
Os Entroidos en Ourense son un percorrido interminable por lugares icónicos, son oleiros e corredoiros; son memorias, son raíces e son un calendario festivo. Domingos fareleiros, filloas, bicas, montonico, música, festa e estrondo; bombo, mesa, amigos e viño. Celebración da carne e da vida, da amizade e da hospitalidade, da pertenza a un legado irrepetible.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»