Eran a modernidade
Por VÍCTOR F. FREIXANES
Alguén pode pensar que o título deste ensaio é un chisco esaxerado. Pero eran así. Eran modernidade. Un grupo de escritores, pensadores, artistas, intelectuais que, en tempos ben distantes (e distintos), nos primeiros anos do pasado século, soñaron un horizonte diferente para o país: un horizonte ambicioso, sen complexos, aberto ao mundo, afirmado na propia identidade (a consciencia do que somos) e ao mesmo tempo comprometido cos valores universais da liberdade, a democracia, o coñecemento. «Galicia está a seiscentos quilómetros de Madrid», dicía Vicente Risco, «e a cinco mil quilómetros de Nova York. Cómpre urxentemente reducir esta segunda distancia». A frase, que pode semellar boutade ou arroutada, non pretendía máis que salientar a necesidade de abrir a cultura galega, o noso pensamento, o discurso da nosa creatividade a horizontes e experiencias anovadoras sen necesidade de pasar pola capital de España, que era onde todos se miraban, sen dependencias, sen fielatos que pagar. Nota para os lectores novos: os fielatos eran oficinas, casetos de alfándega ou aduanas que ata ben entrada a década dos anos 50 do pasado século se instalaban na entrada das cidades para cobrar impostos de acceso ás persoas que querían introducir mercadorías coas que comerciar no interior das vilas. O que quería dicir Vicente Risco coa frase é que a súa xeración, reivindicando un novo xeito de entender a cultura galega (a produción cultural de noso), non aceptaban nin aduanas nin intermediacións.
Non eran moitos. No núcleo fundacional da revista que lle deu nome ao grupo (a revista Nós) figuraban Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alfonso R. Castelao e se acaso Antón Losada Diéguez, que foi mestre e animador de todos eles, aínda que finou moi cedo en Pontevedra, no ano 1929, e mais Arturo Noguerol, ourensán, que se encargaba dos números e da administración. Ourense era o centro de operacións, onde naceu a idea da revista. Alí estaba o núcleo fundacional, capitaneado por Risco. A outra cidade de referencia foi Pontevedra, onde residía Castelao, que asumiu o deseño gráfico da publicación. O 20 de outubro dese ano 1920 saía do prelo o primeiro número.
Compromiso, ambición e universalidade
Non se trata de enunciar aquí as características artísticas e intelectuais do grupo. A súa significación está en todas as historias da literatura galega. O que nos interesa é a idea de modernidade, que se fundamentaba en tres puntos esenciais: o compromiso co país e coa súa lingua, por riba de complexos, alén das eivas que viñan de atrás, prexuízos que situaban o idioma e a nosa produción cultural en ámbitos moi concretos, reducionistas, acoutados aos espazos do folclore, o rexistro local e certo lirismo costumista. Follas Novas (1880) de Rosalía de Castro foi desde o primeiro momento unha excepción, mesmo que non fose ben comprendida polos seus contemporáneos.
O segundo punto que hai que salientar é o diálogo coas culturas todas do seu tempo, conscientes de que só abordando en pé de igualdade a relación entre elas, poderemos alimentar a nosa, enriquecela, dotándoa dos recursos necesarios para establecer, chegado o momento, unha relación libre que nos poña no mundo. Ensaiar novas formas, novos xéneros, novos asuntos que tratar, novos discursos, mesmo novas xeografías significaba apostar por unha nova dimensión. Plácido Castro viaxa a Irlanda, Otero Pedrayo traduce capítulos do Ulysses de James Joyce directamente ao galego, cando aínda non se intentara noutras linguas do Estado, Castelao visita os grandes centros artísticos de Europa (1921), igual ca Risco (Mitteleuropa, 1934) e o propio Otero. París e Berlín eran daquela os grandes centros culturais que atraían poderosamente os nosos autores. En Arredor de si, a novela que Otero Pedrayo publica en 1930, o protagonista (Adrián Solovio) percorre as principais cidades europeas de cultura procurando a identidade propia, que descubrirá despois diante da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, de regreso na casa. Diálogo enriquecedor (porque non estamos sós no mundo) e, asemade, desmitificador (porque o que pinta mundo non sempre ten o interese que se lle dá, e sempre faltará algo se non estamos nós).
A terceira achega esencial e a vocación de universalidade. Universalidade que pasa por unha inequívoca vocación europea e europeísta. En 1948 Castelao escribe un premonitorio e entusiasta artigo: «Perante a Unión Europea», publicado no exilio, nas páxinas de A Nosa Terra, no que sitúa o discurso do galeguismo na construción do gran proxecto que despois da Segunda Guerra Mundial algúns anunciaban e que o autor de Rianxo enxerga xa entón con lucidez. Cando o Partido Galeguista formulaba a súa visión de «Galicia, célula de universalidade», reivindicaba a existencia de Galicia non como algo subalterno, senón como centro ou capital do mundo, sen complexos, formulación que procedía do discurso do grupo Nós.
A semente que prende e dá froito
Non eran moitos, repito, pero eran a modernidade. O pequeno núcleo ourensán, paseniñamente, foise ampliando ata conformar unha nómina sobranceira de magníficos colaboradores, novos e menos novos, desde Ramón Cabanillas a Ricardo Carballo Calero, Xosé María Álvarez Blázquez, Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, e mesmo de fóra de Galicia, principalmente de Portugal: o primeiro número abre cun poema de Teixeira de Pascoães.
Se lemos, número a número, a relación de colaboradores que aparecen na mancheta observaremos a pluralidade e a variedade dos mesmos, así como a diversidade de temas que se abordan: literatura, etnografía, historia, folclore, cuestión sociais e laborais, música, sociedade, tecnoloxías da comunicación (a radio), mesmo notas deportivas (asinadas por Handicap). Algo semellante sucedera anos antes co movemento das Irmandades da Fala (1916), que nace na cidade da Coruña a partir dun artigo de xornal de Antón Villar Ponte e axiña se espalla por toda Galicia. Defensa da lingua e, coa lingua, defensa da dignidade dos galegos e galegas (porque tamén había galegas nas bancadas). Ollada a súa pegada coa perspectiva do tempo (cen anos) decatámonos do moito que lles debemos, da significación do seu discurso, mesmo da súa ousadía (afouteza) cara ás xeracións que viñeron despois, incluso para comprender a forza que axudou a resistir o trebón terrible da guerra civil, o exilio, o ostracismo de tantos anos de silencio. A sementeira da intelixencia e de coñecemento, que podemos encarnar asemade en institucións como o Seminario de Estudos Galegos (1923) ou no propio Partido Galeguista e no Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, a sementeira de intelixencia e compromiso, digo, constitúe sen dúbida a grande achega desta xeración, da que dunha maneira ou doutra todos somos herdeiros.
Cada xeración ten o seu futuro
E cada tempo a súa sazón, dicían os vellos. Que lección poden tirar as novas xeracións daquel grupo aparentemente pequeno, media ducia de persoas no pulo primeiro, e non obstante tan significativo? Os tempos mudaron moito, certamente, mais a vontade de ser, a ambición de non abaixarse, o entusiasmo están vixentes, seguen tendo sentido. Volvemos ao título deste ensaio: «eran a modernidade». Cada xeración, cada momento histórico ten a súa oportunidade, que é tamén un desafío. Oportunidade e desafío de seren elas mesmas, sen dependencias nin intermediacións, ollando de cara ao mundo que nos toca vivir, sen complexos. Reproduzo un parágrafo das Primeiras Verbas que serven de adro no numero 1 da publicación, o 30 de outubro de 1921. Coa ortografía da época:
«Oxe chegou á vida na Nosa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen para sempre a cultura galega». ¿Ambición? Abofé que si. E mais engaden algúns parágrafos mais adiante: «Nós (a revista) ha ser a repersentación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fóra da Terra».
Deitade unha rápida ollada ao que está a producir hoxe o noso pais no ámbito do cinema, as artes escénicas, a literatura, a música, as artes plásticas, mesmo na investigación e no universo das novas tecnoloxías, no deseño industrial, na pesca, na agroindustria, na gastronomía, no turismo, na produción cara a mercados interiores e exteriores. Ollade o que somos na universidade, na empresa, no i+D*i… Ollade o que somos e, sobre todo, o que podemos ser a pouco que organicemos as nosas estratexias de proxección exterior e de crecemento. Tal é o espírito de Nós que arestora cumpre cen anos: a modernidade. Cada tempo histórico (cada xeración) ten a súa, herdeira en parte de todo o que se fixo antes. Outra cousa é que saibamos aproveitalo. Eles non tiñan nada, comparado cos recursos que hoxe temos nós. Brión, decembro de 2019
Aquí tes máis contidos relevantes:
«A miña patria é a miña infancia»
Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES
Mulleres Lilas, coirazas de cores
por MANUELA DOMÍNGUEZ
Compostela: Sinfonía de notas
Por ENCARNA OTERO CEPEDA