•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Eu son Diego

150 150 CORALIA

Eu son Diego

«Un día fóra da política é un día co meu fillo, facendo cousas xuntos»

Entrevista Álex Regueiro
Fotografías Santiago Taboada

Celebrábase sesión plenaria no Parlamento, todo estaba en silencio, os corredores baleiros e unha tímida luz deixábase ver a través das cortinas, dando un aquel de misterio. Esa quietude quedou quebrada, cando un home de gran sorriso irrompía con enerxía para nos recibir. O neno de Sansadurniño que cociña a lume lento e non ten présa, amósase tal como é poñendo ao político nun segundo plano.

 

Cal é o primeiro recordo de Diego Calvo neno?
O meu primeiro recordo faime viaxar a San Sadurniño, á casa dos meus pais, concretamente á cociña que estaba na parte traseira da ferraxaría e alí era onde faciamos a vida.

Soñabas con?
Soñaba con chegar a facer unha multinacional coa ferraxaría (risas). Imaxina!

Se che digo París?
De Paris gardo moi bos recordos. París é maxestosa e unha marabilla de cidade coa que comparto grandes experiencias persoais.

E A Casa Rosada?
A Casa Rosada en Arxentina? (Diego cavila e pregunta en baixo a modo de reflexión. Como a pregunta tiña trampa, preguntámoslle pola casa rosada da Praza do Matadoiro en Compostela) Ah, si!  A casa da xuventude. Foi unha etapa moi bonita na que te dabas conta do que significaba estar en política e todo o que se podía facer desde ela.

Andaches por medio mundo, tes a Compostela?
Por suposto, por suposto. Ademais, a primeira vez que fixen o Camiño de Santiago foi unha experiencia tremenda. Penso que é algo que todo o mundo debería facer, polo menos, unha vez na vida. Fixen o Camiño desde León, etapas de máis de 30 quilómetros e baixando cara Ponferrada lesioneime e recomendáronme no centro de saúde da localidade, abandonar e non o fixen. Vendáronme o pé, enchinme a pílulas, pero levando unha hora de camiño non me podía mover. Foi unha peregrina francesa de 300 anos polo menos (risos) a que me axudou.  Colleu a miña mochila e eu iso non o esquezo. A partir de aí dei chegado a Compostela e a dor desapareceu.

E falando de camiños, cal foi o camiño que máis che custou percorrer?
(Sopra, con intensidade) Hai moitos momentos na vida que son momentos duros, non deixan de ir parellos a unhas circunstancias. O camiño que me máis me custa percorrer é o do día a día, tentando ser coherente e non fallarte a ti mesmo. Son unha persoa que lle dá moitas voltas a todo, tentando ver os pros e os contras de todo e ás veces custa identificar claramente as questións. Isto é o máis difícil porque é o máis repititivo no día a día.

Como se leva iso de ser atractivo?
Eu non me considero moi atractivo, a verdade. (A pregunta píllao por sorpresa). Iso, iso non dá para moito (ri), non, non sei, non creo ser ningunha referencia nese sentido. Non me importaría selo!

Sempre quixeches vestir algo imposible e non puideches, se non te vise ninguén, que peza ou pezas che gustaría poñer?
Nacín no 75 e collín os pantalóns pata de elefante, as camisas de flores, tiña unha universitaria (peza de roupa tipo cazadora) de varias cores, pero nunca tiven unhas botas de punteira afiada, porque nunca me atrevín a poñelas.

Como tomas o sol?
Antes tomábao con moita paciencia na praia, agora pescando co meu fillo.

Como é un día fóra da política de Diego Calvo?
Iso é complicado. Un día fóra da política é un día co meu fillo, facendo cousas xuntos. Está de número un na listaxe das miñas prioridades cando non teño que atender ningún asunto político.

É o teléfono o teu maior enimigo?
Probablemente, pola necesidade de estar localizado.

E nun día de traballo? O despacho é o mellor refuxo? Se tiveses unha porta máxica, a onde irías a desconectar?
A verdade é que no despacho non paso moitas horas, pero cando precisas preparar ou pensar algunhas cousas, penso que é o lugar. E se tivera unha porta para saír sempre volvería ás miñas orixes, que é San Sadurniño.

Como es quen es e non me podes recomendar un sitio para ir a xantar, vasme a convidar á túa casa; con que sorprendes nos fogóns?
(Contesta con seguranza) Podo sorprender con varias cousas. Primeiro cunha carne e cun peixe á grella feitos con lume de madeira e logo cunha tortilla.

Na mentras agardamos polo xantar, vemos a túa libraría; que les, Diego?
Por desgraza, case que todo o que leo ten que ver co traballo e non é algo do que me sinta orgulloso, pero este Nadal, cando tiven que pasar a COVID, aproveitei para ler o libro de Feijóo e comezar o de Mariano Rajoy. Agora estou lendo un libro, que me regalou un bo amigo, Carlos Negreira, Imagen política de Imelda Rodríguez. Xa ves que todo o que leo ten que ver co traballo. Hai moito tempo que non leo unha novela.

O neno de San Sadurniño, tendo a Frouxeira preto, caeu algunha vez dunha táboa de surf?
Teño que dicir a verdade, pois non! E algo do que me arrepinto, sempre quixen practicar surf e nunca fun quen de apuntarme, e aínda que vou cumprindo anos, algún día teño que probar.

Cal foi a peor caída que levaches?
(Pénsao) De pequeno, no colexio saltando dunha árbore a outra rompín un brazo.

Rir é un bálsamo?
Rir? Si, rir é un bálsamo, así como os amigos e un bo xantar.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido