•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

FIOT

150 150 CORALIA

FIOT

O FIOT avanza no seu compromiso coa creación escénica galega coa coprodución de ‘Wombo Combo’, o novo espectáculo da compañía carballesa Galeatro

O Pazo da Cultura acollerá o domingo 2 de outubro, ás 18.00 horas, a estrea absoluta da peza, dirixida ao público infantil e que aborda o acoso escolar a través dunha dramaturxia asinada por Paula Carballeira

 

Carballo, 27 de setembro de 2022

O Pazo da Cultura acolleu esta mañá a presentación de ‘Wombo Combo’, un dos dous espectáculos que o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) coproduce este ano e cuxa estrea absoluta terá lugar no marco da 31ª edición do certame carballés. O FIOT, coa vontade de ir un paso máis alá da difusión e da dinamización teatral, manifesta un ano máis a súa inquedanza pola creación escénica a través da súa colaboración explícita coa xeración de propostas, a súa implicación na produción ou residencia, ou mesmo como marco para a presentación e estrea de novos espectáculos. Unha aposta que fai alén do seu compromiso pola visualización de propostas de artistas emerxentes que investigan tanto os formatos como os espazos de representación coa celebración do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado.

Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo 2022

Neste 2022, o Festival Internacional Outono de Teatro segue a tecer alianzas e fornecer a escena galega co acompañamento e implicación nas residencias artísticas, ademais da coprodución de dous espectáculos, ‘Wombo Combo’ e ‘Pirolíticos’. O primeiro deles, que se poderá ver esta mesma fin de semana, é a nova creación de Galeatro, a primeira compañía de teatro profesional carballesa, habitual na programación infantil do festival e que este ano tamén mantén o seu estreito vínculo co FIOT para ofrecer, en primicia, esta peza dirixida ao público familiar, logo de avanzar no seu desenvolvemento desde o mes de agosto cunha residencia Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez son protagonistas deste espectáculo, dirixido por Davide González e que se enmarca tamén na programación especial dirixida á cativada: Fiotiño. ‘Wombo Combo’ achéganos ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada a través da dramaturxia dunha autora que é todo un referente no teatro infantil e que posúe, ademais, o recoñecemento de Xograresa de Outono: Paula Carballeira.

‘Wombo Combo’ preséntanos a dobre vida de Sara, a protagonista. Unha delas, a “vida real”, é a que máis odia. Porén, a outra, a “virtual”, é a que goza, na que xoga en liña con ducias de persoas e é invencible nas súas loitas. En ‘Wombo Combo’, Galeatro pon sobre a mesa unha cuestión: “que pasa cando ese mundo virtual, atractivo e suxestivo, substitúe o real?”.

A estrea absoluta de ‘Wombo Combo’, enmarcada no Fiotiño (a programación especial para fomentar o amor polo teatro nos máis pequenos) terá lugar na tarde do domingo 2, a partir das 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. As entradas para o espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, están dispoñibles a través da plataforma web http://www.ataquilla.com. Antes, nas mañás dos días 28 e 29 de setembro, o alumnado de Educación Primaria da comarca de Bergantiños terá ocasión de gozar da preestrea da peza no propio recinto cultural carballés. En total, polo Pazo de Cultura de Carballo pasarán máis de 350 nenas e nenos de todos os centros escolares da vila.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido