•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

FRANCIS MONTESINOS
SCQ-VLC

Francis Montesinos

150 150 CORALIA

Editora de moda Lucía Yanina Antonella Cabrera

Francis Montesinos, o visionario, o creativo, o artista máis transgresor e provocador do mundo da moda das últimas catro décadas é a nosa firma invitada. Neste número, o creador do Carme enche Compostela con toda a viveza das cores mediterráneas e coa primavera perpetua da súa bela cidade, Valencia. Aguja de Oro e Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes, proponnos vestir coa alegría e levidade da cidade da luz, que irradian as creacións da súa nova colección primavera verán A flor de piel. Para homenaxear a Maruxa e Coralia, Francis Montesinos vai converter as máxicas escaleiras de Bonaval nunha roseira moi, moi fermosa.

A Liberdade
Ese estado de plenitude desde o que podes tomar decisións que afectan á túa vida e á da dos demais. Esa capacidade de elixir que facer en cada momento. Esa ledicia coa que te amosas aos demais, sen medos. Non a tes sempre, pero sempre a estás a buscar, e deféndela como unha fera, como a loba defende as súas crías no refuxio.

A intelixencia
Esa disposición para a aprendizaxe, para o recoñecemento do outro, para a supervivencia nun contorno competitivo e para exercer o maxisterio, que é outro xeito de aprender e así perpetuarse nas xeracións por vir. Con disciplina férrea e conviccións sólidas, valores; o exemplo.

A beleza
Esa graza divina coa que se alcanza a felicidade, que non depende necesariamente de canons, de etiquetas ou prexuízos -aínda que si fóra-, que se manifesta como obxecto de desexo e que, como linguaxe de sedución, se materializa na elegancia. Esa «actitude» vital que se adiviña nun xesto, nun porte, na ousadía de rachar a liña tersa -aínda que aburrida, por previsíbel- que debuxa unha frecha entre o arco e a diana.

«Construír un referente en moda, obviamente, non é sinxelo. Require de todo isto e de máis, e niso estamos desde a década dos setenta do século pasado, reinventándonos permanentemente, rexuvenecendo cada tres meses, buscando sempre o centro do remuíño: das tendencias, da xuventude, da novidade, do clasicismo».

«O exemplo das 'Dúas Marías –ou Dúas en Punto'– reúne todos estes pasos nunha soa escaleira cara a inmortalidade: esa tenacidade por sobrevivir ás adversidades, seguras e pese a todo felices, novas, sempre, de espírito, coquetas e sedutoras –á súa maneira antiga– e necesitadas da vida que contaxia a mocidade, inmunes á maledicencia, á estupidez, á brutalidade dunha época felizmente superada».

O amor
…o amor.
O demais… o demais é oficio, agarimo, tenacidade, equipo. Un chisco de inspiración, un golpe de sorte, paciencia, horizonte, un destino e a súa ruta, o recendo do azar baixo as estrelas do Camp de Llíria, unha galla de romeu ben posta enriba dunha paella no seu punto, cantaruxar baixo un emparrado cos amigos a redor dunha cunca de café. O mar. Resistencia, gobernabilidade, resiliencia e esperanza, moita esperanza. Confianza inextinguíbel no ser humano, case que raiando na inxenuidade, nada de escepticismo, nada de cinismo. Abertura de miras, aceptación. Un pouquiño de anticipación e un “moitiño” de renuncia.

Des de la vora de la Mediterrània á costa do Atlántico
Construír un referente en moda, obviamente, non é sinxelo. Require de todo isto e de máis, e niso estamos desde a década dos setenta do século pasado, reinventándonos permanentemente, rexuvenecendo cada tres meses, buscando sempre o centro do remuíño: das tendencias, da xuventude, da novidade, do clasicismo.
Ser un, ser consecuente, coherente e consistente. Ser auténtico e valente. Ter moita convicción no que se é e no que se fai. Construír e evolucionar. Atopar os mellores tons e formas de transmitir as túas propostas e ser dúctil para adaptarse aos cambios.
Buscar, e achar, os teus piares fundamentais: no meu caso, o «made in Spain», como concepto co que lanzar ao mundo unha mensaxe positiva; o punto á man, esa homenaxe á tradición permanentemente renovada; e os estampados, cos que enriquezo a arquitectura dos meus deseños, conferíndolles ese «plus» de exclusividade que buscan as miñas amigas-musas-clientas, esas mulleres dunha peza, con conviccións sólidas e a modernidade por bandeira. Aprender a medrar e aprender a minguar, como filosofía de vida; atopar o sosego emocional e intelectual necesario para superar as dificultades. Adaptarse aos vaivéns da vida, que é moi longa, para, sen perder as orixes, os valores, o carisma, empezar de novo en cada nova etapa, máis sabios, máis fortes, máis ilusionados.
O exemplo das «Dúas Marías» –ou «Dúas en Punto»– reúne todos estes pasos nunha soa escaleira cara a inmortalidade: esa tenacidade por sobrevivir ás adversidades, seguras e pese a todo felices, novas, sempre, de espírito, coquetas e sedutoras –á súa maneira antiga– e necesitadas da vida que contaxia a mocidade, inmunes á maledicencia, á estupidez, á brutalidade dunha época felizmente superada. Sabias cunha sabedoría antiga, que é a da supervivencia, listas coma esquíos para atopar o seu lugar nun mundo que non as entendía e, ao final, icónicas como a nosa «Blanquita», personaxe moi similar que tivemos en Valencia nos anos setenta e oitenta, que, coma Maruxa e Coralia, sabía, desde o seu mundo, conectar coa alma basta, pero aínda candorosa da xente nova.

«Aprender a medrar e aprender a minguar, como filosofía de vida; atopar o sosego emocional e intelectual necesario para superar as dificultades. Adaptarse aos vaivéns da vida, que é moi longa, para, sen perder as orixes, os valores, o carisma, empezar de novo en cada nova etapa, máis sabios, máis fortes, máis ilusionados».

«A veces, a familia limítase a unha parella, a un irmán, a unha irmá. Para que máis? Maruxa tiña a Coralia e Coralia tiña a Maruxa. Xuntas pasaron o peor e, probabelmente, tamén o mellor. E xuntas compartiron a memoria e as conviccións que lles transmitiron os seus pais e os seus tíos».

Ana González & Aisha Modelos
Francis Montesinos Vestimenta
Garota Calzado
Katuxa Platero Pendentes
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilista
Fred Iglesias Fotógrafo
Museo do Pobo Galego Localización

Contido extraído do núm. 2.

E a familia
A familia non a elixes ti, venche dada. Os amigos, si. E se es listo/lista, saberás convertelos na túa «outra» familia, o teu apoio, o teu motor, o teu «Pepito Grilo», cando fai falla. A veces, a familia limítase a unha parella, a un irmán, a unha irmá. Para que máis? Maruxa tiña a Coralia e Coralia tiña a Maruxa. Xuntas pasaron o peor e, probabelmente, tamén o mellor. E xuntas compartiron a memoria e as conviccións que lles transmitiron os seus pais e os seus tíos.
Eu teño sorte: teño moita familia. A de sangue, agora un pouco minguada. A outra, a elixida, cada vez máis grande. Coma ti, que me les a case mil quilómetros de distancia e xa es, un pouco, a miña familia. Ou eu a túa.
Grazas.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido