Rodeado de libros e xornais, e cos agarimos da súa gran familia, o doutor Albor vive cada día en plenitude, manifestando en cada xesto e con cada palabra o seu fondo amor por Galicia, o seu compromiso político e as súas enormes ganas de vivir.
A súa prodixiosa memoria é capaz de revivir con todo luxo de detalles calquera momento da historia do último século, sen caer na nostalxia ou na compracencia co que foi, é ou será.
O primeiro presidente da Xunta de Galicia, o presidente da Fundación La Rosaleda, o presidente de honra do Partido Popular de Galicia e o presidente da Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento Europeo -entre outros moitos cargos-, Gerardo Fernández Albor repasa nesta entrevista o traballo realizado, analiza a esencia do noso pobo e comparte con Coralia inquedanzas e anhelos.

«Se boto a ollada atrás, teño que dicir que quen máis me influenciou foi Ramón Piñeiro, porque foi quen me fixo entrar na política».

«O meu amor verdadeiro foi e segue sendo Galicia; foi e é a xente da nosa terra. As persoas como a miña avoa e a miña nai son o meu amor verdadeiro. O máis fermoso que ten Galicia é a súa marabillosa xente; persoas ás que hai que protexer, ás que hai que dar traballo, ás que hai que defender»
«Entre os galeguistas de esquerdas hai moitos que queren a independencia de Galicia, aínda que non o digan; o que non sei é porque é máis difícil de defender un galeguismo que ame a España e que ame a Europa e que teña unha mentalidade democrática e de concordia entre todos»
SOCIEDADE
Vimos de oírlle dicir, a raíz da homenaxe máis recente do Parlamento de Galicia, que «o camiño percorrido pagou a pena». Coa perspectiva que dan os anos, cal é a súa valoración da transición de rexión a Comunidade Autónoma de Galicia?
Eu penso que hoxe vivimos moi ben e que, cando se ten a idade que eu teño e sabendo como vivía Galicia, non podes facer outra valoración. Lembro que cando Franco viña á Coruña pintaban moitas casas na estrada para que parecese que estaban ben, porque antes non se vían casas como as que se ven agora. Hoxe eu saio e vexo autoestradas, pistas asfaltadas, casas bonitas. Lembro que a primeira vez que vin flores plantadas diante dunha casa dixen: «Galicia comeza a rexurdir!». Agora ves flores por todas as partes. A diferenza é enorme, pero os rapaces novos só ven as dificultades que refiren os xornais. A xente nova ten un parecer distinto ao meu, porque non sabe como era Galicia. Pero, xa se sabe, en Galicia todo «depende» e hai que prescindir do «si» e do «non».
Foron Piñeiro e Sixto quen converteron o doutor Fernández Albor ao galeguismo, ou a forza do seu común amor por Galicia foi o que os xuntou?
Eu creo que nacín galeguista, porque sendo moi novo xa lía os poetas galegos, aos que me gustaba recitar, pese a que na miña casa, no hotel Estrella do Hórreo, e no colexio o que se falaba era o castelán. Se boto a ollada atrás, teño que dicir que quen máis me influenciou foi Ramón Piñeiro, porque foi quen me fixo entrar na política. Moitos antes animáranme a facelo, pero sempre o rexeitara, porque o meu sitio estaba na Rosaleda dándolles de comer aos meus fillos. Só o conseguiu Piñeiro que me convenceu para entrar en política e levar o galeguismo demócrata cristián ao Parlamento. Daquela, os galeguistas querían ir ao Parlamento, pero non como partido político, ao considerar que o galeguismo oficial era o do exilio de Bos Aires e ao supoñer que recollerían malos resultados por mor da forza da UCD e do Partido Socialista. Lembro que cando llo dixen á miña muller, ela respondeume que cría que era o meu deber, pero cando lle aclarei que querían que fose candidato á presidencia da Xunta mostrouse contrariada: «iso si que non!» Só se tranquilizou cando lle expliquei que era a UCD a que ía ganar e que eu me presentaría por Alianza Popular. Logo resultou que ganamos nós por dous escanos e que o resto nos deixaron gobernar. Eu creo que nos deixaron gobernar pensando que estariamos esgotados aos seis meses, pero foron pasando os anos e puidemos poñer en práctica a política na que eu cría.
O seu nome figura asociado desde a súa fundación a institucións fundamentais da nosa terra como a Fundación Rosalía de Castro, o Instituto da Lingua Galega ou o Museo do Pobo Galego. Parécese moito ou pouco a Galicia de hoxe en día á que imaxinaron os intelectuais e galeguistas a mediados do século XX?
Daquela non podiamos chegar a imaxinar a Galicia de hoxe en día! O resultado depende. Depende se es de esquerdas ou de dereitas, porque a Galicia que ve un home de dereitas, non a cre un home de esquerdas e ao contrario.
A saúde de Compostela do último medio século está moi unida a La Rosaleda. Que supuxo para vostede e para a cidade a fundación do Policlínico?
Por aquel entón cada médico e cirurxián tiña un sanatorio, pero eu non quería un sanatorio, quería un policlínico, un hospital no que houbese de todo. Era unha idea que puiden facer realidade de maneira privada a través da Rosaleda e que despois tamén puxemos en marcha na Esperanza. Agora esa idea vimos de venderlla a HM, unha institución que xa conta con moitos hospitais en Galicia e por toda España. HM ten a mesma filosofía que tiñamos nós no tocante á colaboración co Estado, o que posibilita o aforro de moito diñeiro ás arcas estatais. De feito, na Rosaleda sempre tivemos moita demanda e recibimos un gran número de enfermos procedentes da medicina pública.
Témoslle escoitado dicir que a medicina é política a grande escala. A medicina foi o seu amor verdadeiro?
O meu amor verdadeiro foi e segue sendo Galicia; foi e é a xente da nosa terra. As persoas como a miña avoa e a miña nai son o meu amor verdadeiro. O máis fermoso que ten Galicia é a súa marabillosa xente; persoas ás que hai que protexer, ás que hai que dar traballo, ás que hai que defender. Para min ese é o amor máis grande. Nin a medicina nin a política, o meu amor son as nosas xentes! E hoxe fan falla políticos que defendan as persoas, que son o mellor de Galicia, sobre todo as mulleres, as nais, as que fixeron este país e lle deron ese carácter de cordialidade e de amor.
A lei da galeguidade ou a de normalización lingüística son consecuencia do seu compromiso co galeguismo. Cal é o significado do galeguismo no mundo actual?
Entre os galeguistas de esquerdas hai moitos que queren a independencia de Galicia, aínda que non o digan; o que non sei é porque é máis difícil de defender un galeguismo que ame a España e que ame a Europa e que teña unha mentalidade democrática e de concordia entre todos.
O estatuto de capitalidade, aprobado no ano 82, que representou e que representa para a cidade onde naceu Gerardo Fernández Albor?
Representa vantaxes. A pesar de que non conseguín que a presidencia da Xunta estivese no Obradoiro, está aquí, en Santiago. Santiago é a capital de Galicia porque aquí tiñamos o Apóstolo Santiago e porque somos o pobo que fixo Europa coas peregrinacións, un feito recoñecido por todo o mundo, desde Goethe a Dante, pasando polos papas; un feito que curiosamente non recoñecen os galegos!
Queda algo da Compostela de 1917 na que naceu Fernández Albor?
Si, queda todo o marabilloso! Queda a catedral, quedan todos os monumentos e todos os recunchos sensacionais. Queda unha cidade sensacional que ten o Pórtico da Gloria, unha obra única no mundo! Queda a cidade, nada dunha catedral e dun sepulcro, que fixo realidade Europa. Porque foron os peregrinos de Santiago os que fixeron Europa; eles foron os primeiros en poñerse de acordo en algo e ese algo foi Santiago Apóstolo.
De todas as cuestións de actualidade na capital galega, cal é a que produce máis interese ou perplexidade?
Esta tempada fálase moito de Rosalía de Castro como denominación para o aeroporto. É unha cuestión que a min me divirte, cando aquí temos un nome como o de Santiago. Houbo momentos nos que incluso se falou da posibilidade de que levase o meu nome, que é algo que eu nunca pedín, en cambio, o que sempre pedín para Santiago é que se ampliara a pista para convertelo nun aeroporto internacional que competira con Porto, pero aquí somos tan «zorros» que sempre dicimos que todo vai mellor, que Vigo vai mellor, que A Coruña vai mellor, que Santiago vai mellor, pero a realidade é que é Porto o que ten un aeroporto internacional de verdade. O curioso é que nunca conseguín que ninguén en Santiago me apoiase na cuestión da ampliación. Eu querería que o noso aeroporto levase o nome de Santiago e que a cidade loitase pola ampliación da pista. A ver se consigo que alguén en Santiago me apoie nisto, que é algo que levo pedindo hai xa moitos anos.

A súa biografía sitúa nunha conversa con Ramón Otero Pedrayo o xerme dos nosos medios públicos de comunicación. Galicia sen a súa lingua, como sería?
Sen a lingua? Non sería Galicia! Porque Galicia é a nosa lingua. Galicia é a nosa terra, e a nosa lingua é a nai do portugués e do brasileiro! Eu falo en castelán porque me da vergoña falar mal o galego, pero encantaríame coñecelo mellor, por iso loitei pola televisión en galego, para que a xente que quixera aprender galego puidera facelo a través da televisión. Quería unha BBC, como en Inglaterra! O galego é moi belido e é unha lingua marabillosa, pero a lingua galega ten que ser unha loita despolitizada. Acaso non podemos falar todos galego e amar ao tempo a España?
Don Gerardo, que foi antes Europa ou o Camiño de Santiago?
O Camiño de Santiago, por suposto.
Cando vostede chegou ao parlamento Europeo, foi elixido por unanimidade para dirixir a Comisión para a reunificación de Alemaña. O seu europeísmo é proporcional ao seu galeguismo?
É igual. Non concibo Galicia sen Europa nin Europa sen Galicia. Galicia precisa de Europa, porque sen Europa non seriamos nada.
No tocante ás condecoracións e premios, é seguidor da técnica Churchill. O pudor debe formar parte da elegancia?
Recibir unha condecoración é unha honra fantástica, pero despois non te podes dedicar a pregoar que a tes. A pesar de que teño todas as condecoracións alemás, non publiquei en ningún sitio o retrato que de min gardan no Bundestag, co que o presidente do parlamento quixo amosarme a gratitude de Alemaña polo meu traballo en prol da reunificación. Eu non presumo de nada, porque o que eu quero é vivir en paz estes anos que me quedan e pedirlle ao que manda que me acolla cando toque.
O Brexit e as políticas proteccionistas poden separar a Europa, ou a europeización de Galicia e España xa non ten volta atrás?
Galicia e Europa teñen que ir da man. O verdadeiro atranco está en facer política do odio, cando o máis beneficioso é a concordia. Sendo eu rapaz, esforzábame en ler, por exemplo, a James Joyce porque xa naquel tempo todos os galeguistas eran europeístas, pero agora hai moitos rapaces que non len a Joyce porque non é galeguista ou porque non é galego. Nin España debe desaparecer nin Europa debe separarse nin os galegos deben quedar sós.
Logo dunha vida de servizo aos demais, de recoñecementos de máximo nivel e de grandes vitorias, que lle pide o presidente Fernández Albor a cada novo día?
Pídolle que me dea vida porque a min encántame vivir, vivir un día de sol, vivir un día de choiva, vivir! E pídolle a Deus que coide a Galicia e que coide a nosa xente.
E, para terminar, cal é a receita do doutor Fernández Albor para chegar a vivir cen anos?
O meu segredo é non odiar a ninguén e non querer mal para ninguén, e tamén en pedirlle a Deus por todos, pola miña familia e por min mesmo.
«Galicia e Europa teñen que ir da man. O verdadeiro atranco está en facer política do odio, cando o máis beneficioso é a concordia. Sendo eu rapaz, esforzábame en ler, por exemplo, a James Joyce porque xa naquel tempo todos os galeguistas eran europeístas, pero agora hai moitos rapaces que non len a Joyce porque non é galeguista ou porque non é galego. Nin España debe desaparecer nin Europa debe separarse nin os galegos deben quedar sós»
Amaya Arzuaga
SCQ-RGS
Desigual
SCQ-BCN con Diana Nogueira
Falúa
Música de preto
Mabel Rivera
«O teatro é o meu amor imposíbel»