Hedra
A factoría Dios Ke Te Crew continúa a súa produción creativa. Despois do último traballo da banda, este mesmo ano chega o novo de MØU, produtor e MC do colectivo creado en Ordes. Hedra é a súa terceira referencia en solitario, un EP composto de 6 tracks nos que se destila a esencia e o eclecticismo dos discos de produtor de hip hop de finais dos 90, cargado dunha marcada atmosfera intimista que simboliza a adaptación ao medio, a capacidade de mimetismo en harmonía coa contorna, o espazo e o tempo.
En Hedra a música instrumental cobra protagonismo, á vez que se fusiona en perfecta simbiose coas colaboracións vocais. Neste inesperado traballo podemos atopar as importantes achegas dalgunhas das artistas máis en forma do panorama urbano galego, como High Paw («Fume»), Saibran Yi Yi de Boyanka Kostova («O sonho»), ou Sokram («Saudando a saudade») e Jamas de Dios Ke Te Crew («A calma»). O EP abre, ademais, coa delicada colaboración do saxofonista Miguel González (Susana Seivane, Qando Vand…) e a do mítico Dj Murdock nos pratos.
No apartado visual, Hedra conta coas fotos de Pixi Cas e co referente internacional do GIF art A. L. Crego, encargado de animar a portada do traballo e convertela no perfecto e hipnótico pano de fondo desta cinematográfica viaxe sonora.
Javier Mourón, MØU, comezou a súa andaina musical a principios dos 90, fortemente atraído polas novas músicas urbanas que chegaban dende o underground do outro lado do Atlántico, sobre todo o hip hop e a electrónica. No ano 95 pasa a integrar o grupo pioneiro de hip hop en galego 5 Talegos onde, á parte de escribir as súas primeiras letras, empeza a introducirse no mundo do beatmaking e da produción electrónica xirando pola escena galega ata 2002.
No 2003 funda en Ordes, xunto con antigos compañeiros de 5 Talegos e compoñentes do grupo Ghamberros, o colectivo Dios Ke Te Crew, no que continúa hoxe en día. Dentro del funciona como figura multidisciplinar. Ademais de MC, encárgase principalmente da produción musical, realizando a gravación e a mestura dos traballos discográficos, pero tamén aportando o seu coñecemento e formación na parte da imaxe gráfica da banda.
No 2006 publica xunto a Dios Ke Te Crew o traballo Xénese considerado a «pedra angular do hip hop feito en lingua galega», do que Møu é artífice da produción musical, do beatmaking e da gravación e mestura da obra. Este traballo levaraos a xirar por escenarios de toda a xeografía estatal, onde continúan a subir logo de publicar varios Maxi-Singles, LP e EP.
É gañador, con DKTC, do premio á mellor banda de Hip Hop e Músicas Urbanas da Música Galega no 2016, e xunto a Sokram no 2018.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»