INTERSECCIÓN
INTERSECCIÓN celebrará a súa quinta edición do 18 ao 23 de outubro na Coruña co Cine París como sede principal
A programación do festival céntrase en obras creadas por artistas no cruzamento da arte contemporáneo e o cinema de vangarda, sendo un dos poucos en Europa con estas características
A Coruña, 28 de setembro de 2022
INTERSECCIÓN – Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, que terá lugar na Coruña do 18 ao 23 de outubro, será o primeiro evento celebrado no icónico Cine París tras anos sen actividade. Este inmoble, histórico da cidade herculina, será a sede principal do festival converténdose nun punto de encontro entre artistas e profesionais internacionais co público local.
O Cine París acollerá gran parte das sesións de INTERSECCIÓN, unha zona con oferta gastronómica e, ademais, unha das novas seccións deste ano: unha instalación de Realidade Virtual (RV) coa que o público poderá mergullarse na obra dos artistas Sergey Prokofiev e Tina Wilke.
INTERSECCIÓN busca achegarse ao público da cidade, ampliando así as localizacións das súas sedes a outros dous edificios referentes na programación cultural coruñesa: o CGAI – Centro Galego de Artes da Imaxe e a Fundación Luís Seoane. O CGAI albergará proxeccións das seccións tanto competitivas como non competitivas, mentres que na Fundación Seoane o público gozará de dúas exposicións de vídeo-instalacións.
Na súa quinta edición, INTERSECCIÓN abarca desde un lente poético a crise ecolóxica á que nos estamos enfrontando. Coa sección “Unha caída, unha fractura, unha posibilidade” como eixo, o festival pregúntase: como vivimos coa incerteza?, que decidimos quedarnos e que descartamos?, como choramos o que perdemos sen permitir que o duelo nos paralice?, que novas perspectivas se nos revelan nesta caída ao descoñecido que experimentamos?, podemos sacar un novo sentido de liberdade de todo isto?
En “Unha caída, unha fractura, unha posibilidade” exploramos as conexións entre os humanos e o seu ecosistema na obra da artista e cineasta Pauline Julier, a quen INTERSECCIÓN dedica un dos seus focos este ano. Pero tamén exploramos a sensación de perda – de biodiversidade, de lugares seguros, de información ou de recordos – que estamos a experimentar e provocar como especie a través da obra de artistas como Ana Moure, César Fuentes, Mon Cano, Íñigo Barrón ou Edgar Díaz.
INTERSECCIÓN – V FESTIVAL DE ARTE AUDIOVISUAL CONTEMPORÁNEO
INTERSECCIÓN focaliza a súa programación en obras que se atopan no cruzamento da arte contemporáneo e o cinema de vangarda, abarcando unha gran variedade de formatos, técnicas e linguaxes.
Tras catro exitosas edicións, celebradas en 2018, 2019, 2020 e 2021, INTERSECCIÓN consolidouse como un punto de encontro para a comunidade artística. Asistiron artistas da talla de Antoni Muntadas, Doura García, Igor Grubić, Salomé Lamas ou Tatiana Macedo e nel exhibíronse obras de artistas internacionais como J.P. Sniadecki, Kevin Jerome Everson, Ernesto de Sousa, Rubén Santiago, Manuel Saiz ou Rodríguez-Méndez e galegas como Carla Andrade, Judit Adataberna, Ignacio Pardo, Lois Patiño, David Fidalgo, Carme Nogueira, Russinha, Akazie ou Alberte Pagán.
INTERSECCIÓN – Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo está financiado, entre outros, polo ICAA – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais; a Deputación da Coruña; Acción Cultural Española (AC/E) nas súas modalidades PICE – Visitantes e PICE Residencias; a Dirección Xeral de Industrias Culturais do Ministerio de Cultura; Cervezas 1906, Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»