•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

ISABEL PÉREZ DOBARRO
«É importante facerlle a vida
máis feliz aos demais»

Isabel Pérez Dobarro

150 150 CORALIA

Capaz de desentrañar os segredos da partitura máis complexa cunha execución perfecta, a pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro vive o gran soño americano, sen que iso supoña renunciar a súa esencia galega.

Acadando aplausos e eloxios por todo o mundo, a presidenta de Beta Pi Chapter en Nova York xa é, con só 24 anos, un dos nomes máis destacados da elite musical mundial.

Pérez Dobarro enche auditorios de todo o mundo dándolle nova vida ás partituras dos nosos máis importantes compositores ao tempo que loita pola sustentabilidade e o futuro do planeta nas Nacións Unidas.

Isabel Dobarro

«Aos catro anos fixéronme un test que desvelou que tiña alta capacidade, cun coeficiente de 148»

SOCIEDADE

O número 148 ten algún significado para ti?
Aos catro anos fixéronme un test que desvelou que tiña alta capacidade, cun coeficiente de 148. Desde aquel momento tomei parte nalgunhas actividades especiais desenvolvidas pola Universidade de Santiago. O número 148 simplemente é iso, o resultado dun test. Desde entón non o repetín. Non vaia ser que saia outra cousa!

Eras moi nova cando deixaches Santiago para marchares estudar ao Conservatorio Superior de Música de Madrid. Foi alí onde o piano lle deu o xaque mate ao xadrez, ou a música sempre foi o teu destino?
En xadrez fun campioa galega feminina sub-10, sub-12 e sub-14. Ata que fun a Madrid, aos quince anos, combinei xadrez e piano dun xeito natural, pero ao incrementarse a actividade como concertista e ao xurdir a oportunidade de ir a Nova York, decanteime polo piano; aínda que sigo xogando de cando en vez. Alí fágoo no club Marshall, que é o máis importante da cidade. O xadrez é moi complicado, precisa moitas horas de adestramento e tes que tomar parte en moitas competicións! A xente ás veces non sabe todo o que hai detrás, pensa que é sentarse e xa está! Hai que estudar moitísimo; require moitísimas horas!

Con 24 anos atesouras un currículo impresionante, que inclúe as máis altas titulacións musicais, pero se botas a mirada atrás, que decisión é a máis importante de todas as que tomaches ata o de agora?
Nova York! Ir a Nova York cambiou a miña forma de vida. Con 17 anos, tiven a inmensa sorte de ir facer un curso a Estados Unidos, o Stony Brook International Piano Festival, organizado polo que logo sería o meu mestre, o doutor José Ramón Méndez, maila súa muller, a doutora Amy Gustafson. A resultas do festival, tiven a oportunidade de tocar no Steinway Hall de Nova York. Esta experiencia cambioume a vida xa que foi nese intre cando souben que Nova York era o lugar onde mellor podía desenvolver a miña carreira. Foi a decisión máis difícil de tomar, pero penso que non me trabuquei. Estou moi contenta alí.

«Os aplausos agradécense, pero, a nivel persoal, non son tan importantes; o importante é ver que o público está a gozar. Para min é importante facerlle a vida máis feliz aos demais»

«O éxito non é só cuestión de talento ou de estilo, precisa moitísimo traballo, que no meu caso me apaixona, e que polo tanto non vexo como un sacrificio, xa que estou a facer o que quero, e co que fago podo axudar a facer á xente máis feliz»

Onde radica a felicidade? Nos aplausos? Na execución dunha partitura de gran dificultade? No reencontro coa familia e as rutinas de sempre?
No reencontro coa familia e coas rutinas de sempre, por suposto! Os aplausos agradécense, pero, a nivel persoal, non son tan importantes; o importante é ver que o público está a gozar. Para min é importante facerlle a vida máis feliz aos demais. Na miña vida, a familia sempre xogou un papel fundamental e é fundamental facelos felices e que estean contentos co que fago!

O éxito supón renuncias importantes ou a recompensa borra todos os sacrificios?
O éxito non é só cuestión de talento ou de estilo, precisa moitísimo traballo, que no meu caso me apaixona, e que polo tanto non vexo como un sacrificio, xa que estou a facer o que quero, e co que fago podo axudar a facer á xente máis feliz. É verdade que tes que botar horas e horas e horas, e que ás veces as cousas non saen e te desesperas e te preguntas: que está a pasar aquí? O mestre Arthur Rubinstein, ao ser preguntado polos nervios previos a un concerto, expresouno así: é un pequeno prezo que teño que pagar por esta vida excepcional que vivo.

Despois de actuar no Carnegie Hall de Nova York e nunha longuísima listaxe de salas, entre as que figuran o Conservatorio Tchaikovsky de Moscova ou o Auditorio de Galicia, cal dirías que é o teu escenario favorito?
Tocar no Carnegie Hall foi algo moi especial; todo artista quere tocar alí e foi moi emocionante. Tocar no Auditorio de Galicia foi emotivo por estar na miña terra e coa miña xente. Tocar no Tchaikovsky, cando tiña apenas dez anos, foi unha experiencia fascinante, nun país que non coñecía. Cada escenario ten algo especial e cada público ten algo especial. É moi difícil elixir un.

Isabel Dobarro
Unha canción para compartir?
New York, New York, de Frank Sinatra, e Chove en Santiago, de Luar na Lubre.

Cunha axenda tan completa, probabelmente non haxa oco para a morriña, pero, de ser posíbel, como curarías a morriña compostelá en Nova York?
Volvendo cando podo, porque sempre que volvo reconecto coa miña esencia, coa miña terra, coa miña xente, e aquí síntome moi, moi cómoda. Encántame Nova York, encántame a enerxía, ir correndo dun lado para outro, ver á xente, as oportunidades… pero gústame volver á casa, onde fun tan feliz e onde son tan feliz. Para min, Compostela é sinónimo de felicidade, encántame a miña cidade, encántame a miña terra, todo! En Nova York teño sempre moi presente a nosa comida, a nosa música, a nosa cultura, e manteño unha estreita relación con artistas galegos afincados alí.

En Isabel, que pesa máis? As ganas de aprender ou as ganas de ensinar?
A combinación de ambas, xa que son dous camiños que están interconectados. Cando ensinas aprendes moitísimo, porque cada alumno require de ti unha explicación diferente. Cada vez que renovas o xeito de explicarte, enriquéceste. A min encántame aprender, encántame mellorar e evolucionar.

Isabel Dobarro
Unha meta?
Ser feliz.

É aquí onde encaixa o teu labor dentro de Kappa Delta Pi?
Kappa Delta Pi é unha prestixiosa organización internacional creada no ano 1911 que persegue a excelencia na educación primaria, secundaria e universitaria, e da que no seu día formaron parte Albert Einstein ou Eleanor Roosevelt. Eu presido Beta Pi Chapter, a súa división de Nova York, que ten a súa sede na New York University. En Beta Pi Chapter organizamos todo tipo de actividades e seminarios para mellorar a educación e a formación dos profesores. Tamén sacamos publicacións e organizamos eventos sociais de alto nivel.

Asemade, és responsábel de comunicación e xestora do programa Global Arts das Nacións Unidas. Que representan estas actividades paralelas, e que che aportan?
A Secretaría Xeral da ONU creou o SDSN (Sustainable Development Solutions Network) para poñer a andar os obxectivos do desenvolvemento sustentábel, 17 obxectivos que lograr de cara ao 2030. Eu son a representante para Nova York da sección Youth, que integran mozos e mozas de 15 a 24 anos, cos que coordinamos proxectos artísticos centrados no desenvolvemento sustentábel.

Como xurdiu a posibilidade de estrear Have you said ‘Spectral’? de Eduardo Soutullo, e cales son os teus autores galegos favoritos?
Xurdiu cando fun seleccionada para participar no Composers Now Festival, un dos festivais máis importantes da música contemporánea de Nova York. Falei con Soutullo e logo de ler Have you said ‘Spectral’? souben que era a peza ideal para a ocasión. Foi no contexto dese festival que estreei a obra en Estados Unidos. Á par del, sinto admiración por Octavio Vázquez e Fernando Buide, e polo betanceiro Arriola, un dos grandes compositores a nivel mundial de principios do século XX.

Se viaxásemos proximamente a Nova York, quen lle poría música a nosa estadía?
En novembro, Enrique Granados. Para conmemorar o centenario do seu pasamento, organizamos un festival no que terei a posibilidade de restrear o Concierto Patético no Steinway Hall, a partir dunha reconstrución do departamento de composición da New York University. Ademais, no transcurso deste evento, Eduardus Halim interpretará outras obras do repertorio de Granados.

E a ti, que melodía che fará viaxar este outono a Compostela?
Calquera obra que transmita tranquilidade, paz e felicidade me transporta á casa, porque son os sentimentos que me inspira Compostela de sempre.

«Cada vez que renovas o xeito de explicarte, enriquéceste. A min encántame aprender, encántame mellorar e evolucionar»

«Eu son a representante para Nova York da sección Youth, que integran mozos e mozas de 15 a 24 anos, cos que coordinamos proxectos artísticos centrados no desenvolvemento sustentábel»

«Calquera obra que transmita tranquilidade, paz e felicidade me transporta á casa, porque son os sentimentos que me inspira Compostela de sempre»

Entrevista extraída do número 4.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido