•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

José Sánchez Bugallo

150 150 CORALIA

José Sánchez Bugallo

«A política engancha»

Entrevista Amalia Enríquez
Fotografías Alfredo Iglesias

Cando se ten a fortuna de ver a vida coa imaxe da catedral de Santiago a través da xanela, iso ten que ser un bálsamo para o ánimo. É a fórmula «anti stress» para José Sánchez Bugallo, alcalde al capital de Galicia. Home de falar pausado, empático e cordial.
O meu obxectivo era descubrir á persoa que «se esconde» detrás do político. Espero logralo. Para empezar xa me recoñeceu que a súa virtude é a temperanza e o seu defecto «o ser obcecado, dimo moita xente. E seguro que teñen razón».

 

Non é fácil mover a un político da súa zona de confort. Propúxenmo…
Custa conseguilo porque a política é moi absorbente. Desde que te espertas pola mañá e  te pos a ler a prensa ou a escoitar un informativo, xa entras no teu mundo e nel estás as 24 horas do día . A sorte é que non son 48, porque tamén as completarías! Na política municipal ningún día é igual, constantemente pasan cousas inesperadas ás que tes que dar resposta inmediata. É unha relación moi estreita entre o que vives, o que fas e o que pasa. Iso fai moi difícil o desconectar, o saír desa zona de confort da que me falas. A política engancha.

Ti cando te dás conta que hai vida máis aló do despacho?
Hai tempo que me dei conta diso. Co paso dos anos, aprendín a valorar e a gozar das cousas máis pequenas, desas que che pasaban desapercibidas e que conforman os pequenos praceres cotiáns. Unha das cousas que me fai máis feliz é ver a miña axenda e comprobar, por exemplo, que non teño nada ata as 7 da tarde. Iso significa que me podo poñer os tenis e subir ao Pedroso ata as catro e media, baixar antes de que se faga de noite, ducharme e incorporarme ao despacho.

Como diría  Perales, a iso é ao que dedicas o tempo libre…
Exactamente, dedícome a andar. Fágoo duas ou tres veces á semana. O que me gusta é andar 15/20/25 quilómetros. Como iso require moito tempo, soamente podo facelo algunhas fins de semana. Cando chove moito, téñomo que pensar porque non podo permitirme chegar empapado e ter que estar de baixa como consecuencia dunha longa camiñada baixo a choiva (risas).

Imaxino, con todo, que eses momentos son os que che cargan de enerxía.
Sen ningunha dúbida e permítenme gozar moitísimo. Santiago é unha cidade preciosa, marabillosa, non só o centro urbano, senón tamén os seus arredores, os bosques e os ríos. Percorrelos, oír o son da auga, os paxaros cantando… Pode resultar ridículo o que che digo, pero que parece un agasallo poder facelo, ademais é gratis!, está ao alcance de todos e paréceme algo absolutamente extraordinario.

O neno de Teixeiro recoñeceríase no home que che convertiches?
Nunca me fixeron esa pregunta, nin o pensei. Gran cuestión… Eu creo que, en moitas cousas, si se identificaría. Por exemplo, a miña obsesión polos espazos abertos e polos bosques. Son o reflexo dun neno nado nun ámbito rural e afeito á natureza. Outra cousa que recoñecería é que, desde moi  noviño, eu sempre tiven unha gran vocación de servizo aos demais. Aos dez anos, a miña dúbida era se ía ser militar ou misioneiro, imaxínate! As dúas tiñan en común esa inquedanza por servir aos demais. A un neno desa idade non se lle podía pedir que fose medianamente coherente (risas). Eu pertenzo a unha familia moi relixiosa e estudei no colexio La Salle de Santiago, pero aos 14 anos decanteime definitivamente pola política.

Lémbras ser un neno feliz?
Eu non lembro ser infeliz nunca na miña vida. De pequeno, cos meus pais érao. Eles fóronse a Andalucía a vivir, nun momento determinado. Eu alí non me adaptaba e mandáronme de volta para Teixeiro coa miña avoa e as miñas tías, algo que para min foi marabilloso. Co tempo, os meus pais e irmáns regresaron. Obviamente, todos tivemos na vida momentos difíciles e delicados pero, no meu caso, os felices superáronos con fartura.

Es afortunado, sen ningunha dúbida…
Eu véxoo así. Creo que son unha persoa que tivo moita sorte na vida. Dedícome ao que me gusta, estando moito tempo niso, o que non sempre é fácil. Nas miñas relacións familiares, non todo saíu ben, pero os problemas resolvinos da mellor maneira posible. Así é a vida non? Por todo, considérome unha persoa moi afortunada e sería inxusto velo doutra forma. A miña actitude é sempre positiva e iso considéroo básico.

A actitude é definitoria na vida.
Cando tiven algún revés, que os houbo, sempre penso en dúas cousas: que aprendín disto e que ten de bo isto, porque todas as cousas malas/negativas teñen un pouso de aprendizaxe. Sempre hai unha parte boa.

Cando volves a vista cara atrás hai unha imaxe recorrente que supera a todas as demais?
Sen ningunha dúbida, o nacemento da miña filla. Non hai nada que iguale ese momento.

Alguén que camiña tanto como ti, dou por sentado que fixo o Camiño de Santiago!
Infinidade de veces! Todos os posibles, por todos os carreiros. O tramo de Santiago a Fisterra fágoo todas as semanas, porque vou comer a casa da miña nai e da miña irmá e sempre vou andando (risas).

Cantas «compostelas» tes entón?
Ningunha! (risas).

A iso hai que poñerlle remedio, alcalde. Que non se diga, estamos en Ano Santo. É o momento…
Prometido!

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido