Literatura
e campus
Por ARMANDO REQUEIXO
Crítico literario
curioso observar como nos últimos anos a literatura galega foi amosando un tipo de escrita que nos países anglosaxóns atesoura xa unha longa tradición. Estoume a referir á denominada “novela académica” ou “novela de campus”, un subxénero narrativo específico que ten o mundo do estudantado e o profesorado universitario e mais os espazos formativos nos que estes se moven como epicentros da acción ou trama novelesca.
Novelas de universidade ou “college novels” hainas desde comezos do século XIX. Velaí están os exemplos notorios de Fanshawe (1828) de Nathaniel Hawthorne ―drama romántico e triángulo amoroso nun ficticio Harley College― ou As torres de Barchester (1857) de Anthony Trollope ―novela vitoriana de amores fatais e personaxes que proveñen dun imaxinario Lazarus College de Oxford. Porén, estes títulos clásicos eran antes de nada novelas de formación (bildungsroman), escritas e vivenciadas por quen era alleo ao mundo universitario. Pola contra, as que hoxe chamamos “novelas de campus” son historias xeradas polo coñecemento directo que teñen desa realidade os propios autores, pois na meirande parte dos casos son textos escritos por docentes universitarios que, amais, inciden na centralidade da figura do profesor e a súa problemática relación coa institución como tema principal.
Moitos dos grandes da escena narrativa estadounidense e británica das pasadas décadas deron a luz obras referenciais neste eido. É o caso de Mary McCarthy e o seu Os bosques da academia (1952) ―sátira do exercicio profesoral universitario―; de Kingsley Amis e o seu Jim o afortunado (1954) ―outra crítica feroz ao pechado universo da institución académica e as súas categorizacións de castes profesorais―; Vladimir Nabokov e Pnin (1957) ―ácido retrato da vida dun profesor dunha pequena e arredada universidade―; Zadie Smith e Sobre a beleza (2005) ―crónica da crise persoal dun docente universitario de mediana idade―; ou de dúas novelas sobre o ocaso de decanos acusados de racismo como son O decembro do decano (1982) de Saul Bellow e A mancha humana (2000) de Philip Roth, amais doutro par de obras que recrean un xenuíno sex & drugs & rock and roll universitario e que non están exentas de fortes doses de crítica social como son As leis da atracción (1987) de Bret Easton Ellis e Eu son Charlotte Simmons (2004) de Tom Wolfe, aínda que o gran cultivador deste subxénero foi, sen dúbida, David Lodge, látego da hipócrita vida universitaria na súa “triloxía do campus”: Intercambios (1975), O mundo é un pano (1984) e Bo traballo (1988).
As que hoxe chamamos “novelas de campus” son historias xeradas polo coñecemento directo que teñen desa realidade os propios autores, pois na meirande parte dos casos son textos escritos por docentes universitarios que, amais, inciden na centralidade da figura do profesor e a súa problemática relación coa institución como tema principal.
A novela de campus entre nós non comeza a preconfigurarse cos trazos canónicos do xénero ata a aparición de Memoria do diaño (1980) de Fermín Bouza Álvarez e, sobre todo, tras a publicación de No ventre do silencio (1999) de Xosé Luís Méndez Ferrín.
A importación deste modelo á literatura hispánica deu obras como Todas as almas (1989) de Javier Marías ―historia dun hispanista profesor en Oxford―; A velocidade da luz (2005) de Javier Cercas ―novela testemuño sobre a estadía do autor como docente na Universidade de Illinois e as singulares amizades que alí fixo―; Natura quasi morta (2011) de Carme Riera ―intriga na UBA pola desaparición dun mozo en estrañas circunstancias―; O camiño de Ida (2013) de Ricardo Piglia ―outro thriller académico, desta volta coa Universidade de Nova Jersey como escenario― ou Un momento de descanso (2011) de Antonio Orejudo, novela con docente de universidade protagonista que ten tamén que axudar a desvelar un intricado misterio.
No caso da literatura galega hai xa antecedentes clásicos da presenza do mundo universitario na nosa novelística. Non cómpre máis que lembrar a terceira das entregas da triloxía Os camiños da vida (1928) de Ramón Otero Pedrayo, titulada O estudante, unha obra que retrata ese ambiente académico santiagués a través das vivencias que experimenta o discente Paio Soutelo, alumno de Medicina que mesmo soña cunha cátedra, pero que, finalmente, abandona os corredores da facultade e a “grande vila de pedra orcelada polas invernías” para ir exercer como doutor na contorna rural. Un Santiago universitario, por certo, non tan distante do que en 1915 retratou Alejandro Pérez Lugín na arquicoñecida A Casa da Troia, inesquecible estampa da vida dun estudante de Dereito e os seus compañeiros de pensión na Compostela de fins do XIX.
Agora ben, a novela de campus entre nós non comeza a preconfigurarse cos trazos canónicos do xénero ata a aparición de Memoria do diaño (1980) de Fermín Bouza Álvarez e, sobre todo, tras a publicación de No ventre do silencio (1999) de Xosé Luís Méndez Ferrín. Mercé á súa escrita a mocidade universitaria compostelá dos anos 50 e 60 do pasado século adquiriu relevo protagonista e as súas loitas liberadoras e antifranquistas convertéronse no argumento principal no que deambulaban uns estudantes por veces caracterizados como “troianos redivivos” que tentaban abrir unha fenda de luz no tempo escuro e na universidade cincenta que lles tocou vivir.
Ese interese por poñer no centro do relato o universo das aulas universitarias, do seu alumnado e profesorado e de toda a realidade que se xera arredor dese tempo formativo e deses centros nucleadores da vida das cidades está a cobrar máis forza que nunca na narrativa galega actual. Citarei dous exemplos que me semellan paradigmáticos e que confirman esta centralidade da tríade mocidade-universidade-profesorado.
O primeiro deles ten a Santiago de Compostela e a súa universidade como protagonistas. Trátase de Campus Morte (2018) de Lito Vila Baleato, unha historia de ambientación detectivesca na que un profesor compostelán que vive en Alemaña, tras recibir unha desacougante mensaxe telefónica dun amigo da infancia, descobre que este morre en estrañas circunstancias, o que o leva a regresar a Compostela para tentar descubrir que é o que lle pasou. No curso das súas investigacións saberá que o amigo morto pescudaba sobre unha enigmática morte dunha rapaza que ambos coñeceran no seu tempo de universitarios, un feito que acabará por cambialo todo.
O segundo dos exemplos é Infamia (2019), a última novela de Ledicia Costas, un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, profesora de dereito penal que chega á cidade de Merlo (transunto literario de Vigo) para impartir clases na súa universidade e acaba inmersa no desvelamento dun misterio: saber que aconteceu coas irmás Giraud, dúas nenas desaparecidas hai vinte e cinco anos en circunstancias sospeitosas. Na súa procura descubrirá que as xentes de Merlo agochan negros segredos e que tras da verdade hai todo un océano de témeras ocultacións.
Como se ve, a novela de campus, con fortes doses de intriga e investigación detectivesca e tamén inesperadas sorpresas que se tecen arredor da vida do profesorado e o alumnado universitarios, está de máxima actualidade entre nós. Oxalá siga sendo así e continúen a se publicar novelas académicas que nos fagan gozar a todos da súa lectura.
Aquí tes máis contidos relevantes:
Mulleres Lilas, coirazas de cores
por MANUELA DOMÍNGUEZ
A liberdade de SER. Que liberdade?
Por CRISTINA PALACIOS
A pequena Compostela gusta da lectura
Por PILAR SAMPEDRO