Xigante da interpretación, á que estivo a piques de devorar a televisiva Balbina, Mabel Rivera vive cada novo reto coa mesma ilusión e entrega da primeira vez, convencida de que a monotonía é a maior inimiga dunha actriz.
Rivera, fundadora xunto a Rosa Álvarez e Marisa Soto da primeira compañía teatral galega creada por mulleres, Teatro do Malbarate, é dona dunha riqueza interpretativa e versatilidade extraordinarias, a partir das que é capaz de moldear papeis inesquecíbeis como a señora Gundín de El bosque animado, a Pilar de El orfanato, a Mª Isabel Bilbatúa de Los fantasmas de Goya ou, entre outros moitos personaxes cinematográficos, a Rosa de Lobos de Arga.
Semella que a súa curiosidade e a súa capacidade para emocionarnos non ten límites. E, estreando os 65, rexeita recrearse en éxitos pasados, decidida a facer do paso do tempo e da experiencia acumulada o mellor dos comezos do futuro por vir.
Rivera, a Coralia de Voaxa e carmín, enfoca nesta entrevista os claroscuros da súa profesión, coa mesma independencia e verdade coa que vive a vida e analiza o que foi, é e será.

«Gústame moito interpretar mulleres cuxa actividade transcenda a nivel social, das que saibamos pouco ou por un aspecto concreto, e das que descoñezamos a maior parte da súa vida; gústame interpretar mulleres nosas. Temos moitas e teñen moito que contar»
Entrevista e fotografías de FRED IGLESIAS
Considerada pola profesión e o público como unha mestra da interpretación, cales son esas personaxes ás que máis gratitude lle tes?
Gústame moito interpretar mulleres cuxa actividade transcenda a nivel social, das que saibamos pouco ou por un aspecto concreto, e das que descoñezamos a maior parte da súa vida; gústame interpretar mulleres nosas. Temos moitas e teñen moito que contar. Hai uns anos, por exemplo, traballei nunha tvmovie para a FORTA sobre Concepción Arenal, unha muller adiantada ao seu tempo -que interpretaba Blanca Portillo-. O meu papel era o de Juana de Vega e, grazas a ese traballo, puiden afondar na vida e no traballo desa muller brillante; coñecer a súa vida, a súa intelixencia e o seu traballo na fundación, saber quen era en realidade esa señora que se llama como una calle. A min o que me gusta é interpretar as potentes historias das mulleres reais que teñen presenza activa na nosa sociedade. Paréceme interesantísimo e creo que debería ser un traballo de obrigado cumprimento por parte das televisións públicas e deixarse de parvadas!
Imaxinabas tantos éxitos nos anos de teatro afeccionado, mentres traballabas como tradutora en Astano e entrementres cursabas Filoloxía en Santiago? Os soños víronse satisfeitos?
O éxito significa traballar con certa continuidade, nunha actividade que che permita avanzar e eu iso bótoo de menos. Para min, polo tanto, o éxito non existe. E non me vou botar eu toda a culpa! Non é por unha eiva miña, senón máis ben polo propio funcionamento do sistema. Logo de preto de corenta anos, temos unha industria audiovisual en panos menores. E en canto ao teatro, o retroceso que levamos sufrido nos últimos anos paréceme sangrante; é un escándalo. Eu facía máis funcións cando era afeccionada que agora como profesional. Entón, cal é o éxito? O éxito é que o traballo se faga e repercuta, pero iso queda reducido a un, dous, tres títulos ao longo dunha carreira de case trinta anos; así que a min non me parece de tanto éxito.
A piques de marchar a Londres para continuar formándote, recibiches a chamada do CDG cando este principiaba a súa andaina. Como explicarías a evolución das artes escénicas en Galicia neste tempo?
Como unha involución. Naquel tempo as artes escénicas non existían, estaban por inventar. Foi un momento de grandes expectativas, no que se puxeron en contacto as realidades dispersas que había dentro da profesión teatral. Nacía o que todos pensabamos, ese buque insignia que nos levaría a algún lugar mellor; pero para min, o balance que se pode facer da traxectoria do CDG neste tempo é absolutamente desfavorábel ao que representou no seu principio; por iso penso que as expectativas non se cumpriron.
«En canto ao teatro, o retroceso que levamos sufrido nos últimos anos paréceme sangrante; é un escándalo. Eu facía máis funcións cando era afeccionada que agora como profesional»
«Logo de preto de corenta anos, temos unha industria audiovisual en panos menores. E en canto ao teatro, o retroceso que levamos sufrido nos últimos anos paréceme sangrante; é un escándalo. Eu facía máis funcións cando era afeccionada que agora como profesional»
«Logo de facer Voaxa e carmín cheguei a pensar en non volver facer teatro en Galicia. E mira que me alegrei cando nos ofreceron o das Marías! Había moito tempo que non facía teatro e Belén Constenla e mais eu chegamos a crear unha conexión moi potente, traballando desde a máscara á muller. Para nós era unha viaxe moi interesante, que tiña que ter viaxado»
Para ti cales son os aplausos máis fermosos? Os do cinema, os da televisión ou os do teatro?
O valor do directo non é comparábel con nada, porque supón unha comunicación directa, dun algo que se constrúe nun momento e nun espazo común entre as persoas que estamos no escenario e as persoas do público. É o mesmo que me pasa a min cando son público e vexo unha función que me saca de min, que realmente me conmove, que me leva cos actores. Para min o teatro establece unha relación única nun momento único, e iso é impagábel.
O teatro foi o teu primeiro amor. Segue a ser o teu grande amor?
Ai!, o teatro é o meu amor imposíbel. Para min, o teatro segue a ser unha materia pendente; ata o punto de considerar a miña última experiencia teatral como unha das máis frustrantes, e non polo resultado escénico, senón por carecer da difusión e da distribución que merecía. Logo de facer Voaxa e carmín cheguei a pensar en non volver facer teatro en Galicia. E mira que me alegrei cando nos ofreceron o das Marías! Había moito tempo que non facía teatro e Belén Constenla e mais eu chegamos a crear unha conexión moi potente, traballando desde a máscara á muller. Para nós era unha viaxe moi interesante, que tiña que ter viaxado. E eu teño a sensación de que esa viaxe aínda non arrincou, porque estreamos Voaxa e Carmín en Ribadavia en xullo de 2016 e ata o mes de febreiro de 2017 só fixemos tres funcións máis. Esta é a tónica habitual e paréceme escandaloso que sexa o espectáculo que máis funcións tivo, ao parecer, na rede galega de teatros e autores. Este espectáculo adquire en Compostela a súa coherencia absoluta, pero tiña que ter xirado por toda Galicia por seren mulleres moi coñecidas en todas as partes, e podo dicir que a estás alturas non fixemos máis de vinte funcións! As funcións fanse facéndoas; facéndoas diante do público, confrontándoas e facéndonos nós, creando esa relación! Como podes facer esa función retomándoa cada tres ou catro meses? Pois esta é a realidade do teatro neste país e eu, nesas condicións, non quero traballar.
Como é a Coralia de Mabel?
É coma unha nena que vive e explora desde a inocencia. Coralia tivo un curioso desenvolvemento no que creo que chegamos a facer o que a autora e o director tiñan en mente. Para logralo, Esther Carredeguas fíxonos uns poemas preciosos no que nos daba as pautas dos personaxes. A Coralia desta obra é a voaxa; é volátil, fráxil, lixeira, moi vulnerábel; é soñadora e é exploradora.
En televisión, fuches Balbina ao longo de 211 capítulos de Pratos combinados. Pero, a pesar do éxito ininterrompido, deixaches a serie para afrontar novos retos. Mar adentro chegou no momento perfecto?
Mar adentro foi a miña salvación. Aínda que eu era a de sempre, a persoa de sempre, a actriz de sempre, Mar adentro foi a que cambiou a percepción que se tiña sobre min.
Hai algo de Balbina (Pratos combinados) en Mabel?
As dúas somos algo mandaricas e algo protestonas, porque nos gusta que as cousas se fagan ben e achegar solucións razoábeis. E compartimos tamén o sentido do humor.
E con que sentimento miras a Manuela de Mar adentro?
Por Manuela sinto moito respecto. Ela é unha muller real e viva que, por mor das súas duras circunstancias, tivo que tomar decisións que lle causaron moito sufrimento. E, a pesar de que entre nós as dúas non había ningunha coincidencia nin ningún contacto previo, foi xenerosísima comigo. Prodúceme unha gran satisfacción saber que quedou contenta e satisfeita co resultado.


No cinema, debutaches en 1987 con Cuerda. Logo viñeron Amenábar, Forman, Bollaín ou Bayona. A confianza de directores de renome fixéronche considerar deixar Galicia?
Si, pero sen deixar de vivir en Galicia; iso non o faría nunca, non é necesario. Podes traballar no que sexa e onde sexa sen necesidade de saír do teu. A min salvoume que me empezaran a chamar para facer traballos fóra de Galicia, porque houbo unha época excesivamente longa na que nada máis se contaba comigo para facer un único personaxe, o de Pratos combinados. Durante eses case once anos non houbo absolutamente ninguén neste país que confiase en min para facer outro papel. Iso é a morte dunha actriz ou dun actor! Traballar un único personaxe é o peor que nos pode pasar. De feito, cando Alejandro (Amenábar) convocou probas para determinados personaxes galegos non me presentei. Eu xa estaba tomando a decisión de deixar a televisión. Non quería continuar con aquilo, non me quería seguir botando terra enriba, non quería seguir colaborando na miña autodestrución. Finalmente acudín a facer unha proba porque me convocou un director que me coñecía e á que fun por non lle dicir que non.
Que valor lles dás aos Mestre Mateo, ao Goya, ao Sant Jordi ou ao Cineuropa?
Os premios deberían representar continuidade no traballo, pero non son garantes de nada, porque chegan cando o traballo xa está rematado. Eu creo que tiran máis partido deles as produtoras. Desde logo, no meu devir, non supuxeron grandes diferenzas.
Falas galego, castelán, francés e inglés. Para ti, cada lingua ten un lugar e un tempo?
O ideal sería que ese tempo e lugar fosen compartidos. Veño de ter unha experiencia apaixonante con este tema das linguas, que é algo que me interesa moito desde que era unha cría. Trátase da curtametraxe Ato San Nen coproducida por España, Francia e Xapón. Dalgún xeito, a historia que conta ten que ver con iso, coa comunicación a través da lingua, e con esoutra comunicación que chega a establecerse entre persoas que non se viron en toda a súa vida e que non se entenden falando. Á fin e ao cabo é posíbel que sexa esa persoa chegada desde o outro extremo do mundo a que che comunique algo importante. Foron doce días de rodaxe divertidísimos e unha experiencia moi fermosa.
Podemos dicir que o lugar onde se leva a cabo a produción lle aporta unha identidade diferenciada?
Sen dúbida hai maneiras moi diferentes de traballar. Para min resultou revelador coñecer a xerarquización do sistema americano, no que hai un respecto maiúsculo ao director. É un sistema que lles dá grande importancia aos oficios, que defenden e fan respectar. Alí son moito máis formais, ao igual que os franceses, en tanto que aquí somos moi mediterráneos… No teatro inglés, por exemplo, trabállase co dramaturgo e alí reescriben todo o tempo. Parten dunha formación moi poderosa do equipo, porque para eles o equipo é importantísimo.
As túas personaxes sempre nos convidan a reflexionar sobre o mundo en que vivimos, pero cal foi esa primeira inxustiza que puxo en pé a Mabel Rivera?
Os Pactos da Moncloa! Foi na época na que gobernando o PSOE se chegou a un pacto para o desmantelamento de determinadas instalacións entre as que se atopaba Astano, que era onde eu traballaba. O pacto salvagardaba os estaleiros de Andalucía, alí onde o PSOE recollía os seus votos. Para min aquilo foi un auténtico revulsivo.
E hoxe, que valores estamos a perder? Por que paga a pena loitar?
Por aqueles mesmos valores. En moitas materias non avanzamos gran cousa e, por desgraza, noutras estamos retrocedendo, e moito. Eu acabo de cumprir 65 anos; acábome de xubilar, pero non sei se os compañeiros e compañeiras que veñen apenas dous ou tres anos por detrás van conseguir facelo. Temos un sistema laboral cada vez máis precario que se manifesta cada día de maneira máis brutal e descarada. Estamos perdendo o dereito á tranquilidade no noso porvir.
Galicia é o fío condutor da túa produción documental. É amor?
É, máis ben, compromiso. Eu son galega, e síntome moi galega, pero non o sinto como un valor superior. Para unha cidadá do mundo, hai outras cousas que están por riba da orixe, e creo que non hai que defender calquera cousa polo feito de que sexa galega, porque iso pode levarnos a defender mediocridades ou cousas realmente vulgares, sen ningunha graza, mal feitas e incluso ofensivas para o propio país. Eu a iso négome.
Mabel, para rematar, dos proxectos nos que estás inmersa, hai algún do que poidas falarnos?
Teño dous proxectos de película enriba da mesa, dos cales un sería cinema en galego. Paréceme moi apetecíbel, así que oxalá que vaia adiante!
Sara Navarro
SCQ-MAD con Nieves Rodríguez
María Solar
«O mellor está sempre por vir»
Alfonso Costa
«A arte é un enigma»
Manuel Rivas
O escritor activista