Manxar oriental
Reportaxe Jorge Guitián
Fotografías Martín Lagoa
Queixo de cabra con castaña, Posada
De alimento humilde a xoia gastronómica, a castaña vai da man da historia galega desde hai milleiros de anos. Ourense, a única das catro provincias que ten amparado todo o seu territorio pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, é un dos grandes redutos europeos deste produto único que, lonxe de ser un alimento máis, é hoxe un motor económico, un atractivo turístico e, sobre todo, un sinal de identidade.
Turrón de chocolate, Posada
«Vinde a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver fumega-los lumes dos magostos. Porque na nosa terra, astra a morte ten engado. E se non o credes, vinde ver a Galicia no mes de San Martiño»
Florentino López Cuevillas
Amarelante, Garrida, Puga, Longal, Negral… Non son nomes de localidades nin son apelidos. Son os nomes dalgunhas das moitas variedades autóctonas de castaña que existen en Galicia, un tesouro da biodiversidade do que non sempre somos conscientes.
Galicia é seguramente o maior reservorio de castiñeiro europeo, o lugar con soutos máis extensos e máis variedade destas árbores. Unha riqueza inmensa que, probablemente por cotiá, damos por suposta sen prestarlle a atención que merece.
E, dentro desa gran mancha de bosque autóctono, Ourense eríxese como a gran produtora da Europa atlántica, a provincia que ten todo o seu territorio amparado pola IXP Castaña de Galicia, a única marca de calidade para este froito dentro do ámbito estatal.
Por iso, o castiñeiro segue a ser aquí, máis ca unha árbore, un feito cultural. E son moitas as comarcas da provincia de Ourense nas que este fenómeno pode darse dun xeito particularmente vívido. Non hai máis que asomarse ao val de Monterrei. Ou transitar as estradas da Ribeira Sacra, de Luíntra a Parada de Sil, de Cristosende, polo fondo do val, a Ruxil.
Marron glacé, Posada
Non ten un máis que ir á procura de castiñeiros como o de Pumbariños (Manzaneda), o de Penin Vello (Xinzo) ou o de Cerdedelo (Laza) -14 dos 16 catalogados como árbores senlleiras de Galicia están nesta provincia- e procurar os sequeiros en Pena Folenche, nas terras de Trives, para comprender a fonda pegada desta árbore no noso imaxinario.
Non é estraño. Levan con nós toda a vida. Milleiros de anos, segundo as análises polínicas, estendéndose da man dos romanos, das ordes relixiosas medievais; sendo un alimento de subsistencia ao longo de séculos, relacionándose coa cultura da vide, outra das iconas ancestrais da ourensanía.
E así chegan a ser o que son hoxe, un símbolo da nosa historia e un motor de desenvolvemento ao mesmo tempo. A castaña é a materialización da tradición gastronómica e, en paralelo, é unha icona da internacionalización dunha provincia. Bicas, marmeladas, cremas, licores, xaropes, fariñas, empanadas, marron glacé, castañas secas e ultraconxeladas abren hoxe mercados inéditos en todo o mundo, substrato perfecto para que agromen iniciativas, ideas que reactiven o rural, proxectos que dinamicen a economía da provincia.
E, con eles, paisaxes que ven garantida a súa pervivencia nunha dinámica circular que desenvolve, á súa vez, posibilidades para o turismo na natureza, para os aloxamentos rurais, para a reivindicación das cociñas comarcais e para a reformulación en clave auriense da gastronomía máis creativa.
O castiñeiro, a árbore do pan en definición do italo-ourensán Flavio Morganti, é esencial para entender de onde vimos. Os últimos anos poñen de manifesto como tamén está chamado a ser esencial para comprender cara onde imos. Porque o futuro, en Ourense, ten moitas facianas. E unha delas é a da castaña.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»