Os seus pasos dirixíanse cara á Nefroloxía ata que o seu mestre e mentor, o doutor Rafael Tojo, lle sinalou o seu verdadeiro destino: «Ti serás pediatra!».
Hoxe, María Rosaura Leis é profesora titular de Pediatría da Facultade de Medicina da USC, coordinadora de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS, e codirectora, entre outras moitas responsabilidades, do Grupo de Investigación do IDIS.
Defensora infatigábel da dieta atlántica, a doutora Leis prevennos nesta entrevista sobre as consecuencias da inactividade e o sedentarismo infantil, que levarán os nenos a padeceren enfermidades «de vello» como o alto colesterol ou a alta resistencia á insulina. Para poñerlle freo, María Rosaura Leis convídanos a apagar a televisión e a tableta, e a fomentar entre os nenos o brilé, as agachadas e o matado.
SOCIEDADE
Con dez anos xa sabías que querías estudar medicina. O máis difícil foi escoller especialidade?
Nunca crin que acabaría sendo pediatra. Os nenos gustábanme moito, pero non os quería ver enfermos. Lembro que, sendo alumna de último curso, o profesor Tojo díxome un día que tiña para min unha tese de licenciatura que podería desenvolver. Acaeceu cando viña de asinala co profesor Antonio del Río, para facela en Nefroloxía. «Ti serás pediatra!» asegurou Tojo, considerando que estaba errada. E, a pesar de facer a miña tese de licenciatura en Nefroloxía, cando rematei a carreira, decidín quedar como alumna interna en Pediatría, para facer a tese de doutoramento. Ao ano seguinte, obtiven unha bolsa do Ministerio de Educación en profesorado e persoal investigador, coa que deu comezo a miña formación en Pediatría.
Como era Santiago e a vida estudantil en 1980 cando chegaches ao colexio maior?
En liñas xerais, non era moi distinta á de agora. Eu viña de estudar toda a vida na Estrada, pero ao ser filla única, quería estar con outras nenas, quería vivir a universidade. Teño que recoñecer que no colexio e no instituto tiven grandes mestras, como Noni, que xa nos falaba da universidade en quinto de EXB, así que, cando cheguei a Santiago, fíxeno con toda a ilusión por aprender e poder compartir a aprendizaxe coas miñas compañeiras. Lembro que cheguei ao Colexio Maior Rodríguez Cadarso -que naquel intre se chamaba Generalísimo Franco-, o día da festa colexial. En canto nos sentamos no tresillo que había na entrada a agardar pola directora e escoitei: «Onde está o secador de pelo? Sube pintarme as uñas!», souben que aquel era o meu sitio! Desde o meu punto de vista é moi importante salientar o valor dos colexios maiores na vida da Universidade. Son un plus a maiores da formación que recibes na carreira. Marcou, sen ningunha dúbida, a miña vida e a miña decisión por seguir na Universidade.

En que mudou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, desde os anos 80 ata a actualidade?
Mudou moito. En Medicina, con Boloña e co grao, agora hai unha formación máis práctica. É certo que os alumnos precisan ter unha boa formación teórica, pero esta formación teórica, sen a práctica, sen estar ao pé da cama do paciente, sen ver unha historia clínica, sen entender como se sente un paciente, queda coxa. Non só se trata a enfermidade, trátase unha persoa e hai que saber chegar a ela, entender o que nos di e o que nos deixa de dicir. Penso que nunca houbo xeración mellor preparada ca a de agora. Hoxe os estudantes veñen con ganas e moi boa formación en idiomas e informática, esenciais para traballar con equipos doutros lugares. O que boto en falta é que non lle poidamos ofertar a estes alumnos, tan ben preparados, unha saída laboral.
Moitos dos seus mestres convertéronse co paso do tempo en compañeiros de claustro, pero cal son desde o teu punto de vista os grandes referentes da medicina compostelá?
A Escola Médica Compostelá ten unha antiga e prestixiosa historia, e un presente e futuro moi prometedores. Ao falarmos de referentes, dalgún xeito estamos a analizar a nosa historia. Do período da miña licenciatura debo sinalar o profesor Domínguez en Fisioloxía, o profesor Puente en Cirurxía, e o profesor Novo en Obstetricia e Xinecoloxía. E debo facer unha mención especial no campo da Pediatría, que é a miña especialidade, ao profesor Peña, mestre da Pediatría santiaguesa e española; ao seu sucesor e o meu mestre, o profesor Tojo, un referente na Pediatría e na Nutrición Pediátrica española e europea. E ademais gustaríame mencionar os profesores Fraga, Pombo, Castro Gago e Martinón, líderes en distintas especialidades pediátricas, que despois foron os meus compañeiros de Departamento.
Onde radica a orixe da altísima valoración da Medicina da USC dentro e fóra de Galicia?
A medicina compostelá sempre foi boa. Cando eu era pequena, xa se viña a Santiago visitar o doutor, porque a de Santiago xa era a Facultade de Medicina de Galicia. O éxito tamén reside na centralización de recursos e no traballo de todos os compañeiros, pero non só dos médicos, senón dos profesionais de Enfermaría, Odontoloxía e das outras facultades que serven de apoio a Medicina, como Química ou Farmacia. O profesor Carracedo de Xenética, o profesor Casanueva en Endocrinoloxía, o profesor Diéguez, director do Ciber de Obesidade, o profesor Castillo, director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago e do Servizo de Neuroloxía, son coordinadores de importantes grupos de investigación que están a situar a Medicina Compostelá no máis alto nivel.
Para a coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS, a que problemas se enfronta a área de Compostela?
En relación ás patoloxías, enfrontámonos a unha alta demanda asistencial, xa que son moitas as enfermidades que teñen relación co aparato dixestivo e coa nutrición. Precisamos máis persoal para atendermos a demanda e para introducir novas técnicas. Ademais, deberíamos dispor dunha unidade de obesidade pediátrica, xa que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece a obesidade como a gran pandemia do noso século, que require de unidades especializadas para poder coordinar a asistencia integral ao neno obeso. Hoxe xa sabemos que moitas enfermidades teñen a orixe no útero materno e están relacionadas coa alimentación da nai, da xestante e da que aleita, e que a marca metabólica asociada a eses balances desnutricionais vai ser decisiva á hora de saber de que imos enfermar e morrer. Hai que sinalar que, cando ao ano de vida o neno se incorpora á mesa familiar, pasa de comer verdura a comer patacas fritidas. Esquecémonos da verdura porque na casa non estamos a facer unha boa dieta. O neno e o adulto teñen que facer cinco comidas ao día, e cando se fai unha comida rápida, empeora a inxestión de toda a xornada e xa non somos quen de compensar esa comida. En realidade, non hai alimentos prohibidos, o que hai son malas dietas. E malia que un chourizo do país estea moi rico, non podemos tomalo todos os días. Temos que ser capaces de facer un dieta sa, variada e diversa.

«O neno e o adulto teñen que facer cinco comidas ao día, e cando se fai unha comida rápida, empeora a inxestión de toda a xornada e xa non somos quen de compensar esa comida. En realidade, non hai alimentos prohibidos, o que hai son malas dietas»
«O ambiente obesoxénico é o ambiente facilitador ou xerador de obesidade. O peso excesivo e a obesidade aumentaron dun xeito exponencial nos últimos anos e, Aínda que no último estudo Aladino do Ministerio parece frearse, en Galicia, triplicouse segundo o Galinut»
Que significa liderar o Grupo de Investigación de Nutrición Pediátrica do IDIS e cal é o obxectivo de CIBERobn?
Tras tomar o relevo do profesor Tojo, lidero o Grupo de Nutrición Pediátrica dentro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Desde o Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn), traballamos na prevención e no tratamento da obesidade infantil. Os nosos traballos de campo -entre os que hai que lembrar o estudo Galinut, que principiou o profesor Tojo en 1970 e ao que eu me sumei no 87- conclúen que a obesidade na comunidade autónoma se ten triplicado! Así, apareceron enfermidades asociadas á obesidade en idade pediátrica que eran impensábeis como o colesterol alto ou a resistencia á insulina. Cando o profesor Tojo comezou a investigar, o principal problema pediátrico era a desnutrición. Galicia era e é unha zona deficitaria en vitamina D, pola baixa irradiación e polo ángulo co que aquí inciden os raios ultravioletas na pel, que desfavorece a produción desta vitamina. Hai tempo, isto traducíase en raquitismo e deformacións óseas, pero hoxe vemos déficits de vitamina D que non derivan en raquitismo, que están ligados á obesidade, porque a graxa corporal atrapa a vitamina D e non deixa que o noso organismo a empregue. A Organización Mundial da Saúde xa fala da hipovitaminose D como unha nova pandemia.
Que é unha sociedade obesoxénica e que representa a curto e medio prazo?
O ambiente obesoxénico é o ambiente facilitador ou xerador de obesidade. O peso excesivo e a obesidade aumentaron dun xeito exponencial nos últimos anos e, Aínda que no último estudo Aladino do Ministerio parece frearse, en Galicia, triplicouse segundo o Galinut. E non é que haxa máis obesos, é que os obesos teñen máis adiposidade, moita máis graxa corpórea. Son máis gordos e polo tanto presentan máis risco de padecer enfermidades. O ambiente obesoxénico é produto da globalización da dieta e da falta de adherencia ás dietas tradicionais. No caso de Galicia, ademais de respectar a dieta atlántica, é necesario crear máis espazos para a práctica do deporte nos colexios e fomentar carrís para bicicletas.
Dun tempo a esta parte, estás a introducir o microbioma no noso vocabulario. Acaso hai un novo órgano dentro do noso organismo?
O microbiota é o conxunto de xermes que habitan no noso organismo, e chamámoslle microbioma á relación saprófita que se produce entre o home e os xermes. Hai millóns de xermes que habitan saprofitamente no noso organismo e hai moitos máis xermes que proceden desas células ca das células humanas, por iso se fala do microbioma. As alteracións nesa relación teñen como consecuencia a desbiose, unha invasión de xermes patóxenos e fungos que produce inflamación. Hoxe, a inflamación parece estar na base da maioría das enfermidades, desde o cancro á diabete, pasando polas enfermidades cardiovasculares. Hoxe tamén sabemos que os nenos que nacen por cesárea teñen máis risco de desbiose intestinal ca os que nacen por parto vaxinal; que os nenos prematuros que van a unidades neonatais sofren máis alteracións nas súas microbiotas ca os que nacen co peso normal; e que o uso de antibióticos nos primeiros anos aumenta o risco de desbiose. Xunto a todo isto, a baixa no aleitamento materno tamén está a ter consecuencias.
Nos últimos anos, a USC está a promover a dieta atlántica entre os universitarios. Para quen está en idade de estudar, cales serían os principais beneficios do menú atlántico?
En 2009 o profesor Tojo, Senén Barro, Xosé Pereira -que hoxe é o noso vicerreitor-, e mais eu consideramos promover menús atlánticos nos comedores universitarios dos colexios maiores e das facultades. Creáronse entón as pirámides atlánticas para que nos autoservizos dos comedores os alumnos puideran comprobar se ían consumir un menú atlántico ou non. Aos estudantes recomendaríalles que fixeran unha dieta saudábel porque, cando teñen 18, 19 ou 20 anos, adoitan pensar que a enfermidade está moi lonxe. Un estudante da USC ten que coñecer a súa dieta, que non é máis ca a dieta da súa casa, a dieta tradicional. E ten que tentar mantela! Hai que tomar tres pezas de froita ao día, dúas racións de verdura -unha cociñada e outra crúa-, peixe como mínimo tres veces á semana -preferentemente azul-, cereais integrais, pan -como o de Cea- e lácteos a diario -que poden ser desnatados. Hai que beber augas de mananciais e, no caso dos adultos, podemos acompañar a comida cun pouco de viño. E, logo, hai que incorporar algunha actividade física á vida diaria, como pode ser baixar e subir escaleiras. E, se vivo a media hora do traballo, o mellor sería deixar o coche no garaxe e ir camiñando.
O azucre está detrás da chamada morte branca. Contra a adicción ao azucre, que podemos facer?
En efecto, o incremento das enfermidades asociadas á obesidade está en clara relación coa inxestión de azucres simples. Os carbohidratos e os azucres complexos son a base da pirámide nutricional, ocupando un 55% da dieta; é dicir, temos que tomar os hidratos de carbono que achegan os cereais, a froita e as verduras, pero controlando a inxestión de azucre engadido, o chamado azucre de mesa, que non debe achegar máis do 10% desas calorías ao día. Na actualidade observamos un aumento no consumo de bebidas brandas, como os refrescos e os sucedáneos de froitas e zumes, que non son zumes e que teñen azucres engadidos. Porén, as bebidas fundamentais en idade pediátrica son a auga e o leite, que é clave para alcanzar o grao de mineralización ósea adecuado. A súa substitución por bebidas brandas pode poñernos, ademais, en risco de padecermos osteoporose. Polo tanto, moita vixilancia fronte ás bebidas azucradas e fronte aos azucres ocultos. E vixilancia tamén fronte a alimentos graxos como os bolos industriais que, xunto á achega de graxa saturada e graxa trans, levan azucre.

Hai anos que o tabaco deixou de anunciarse na televisión. Os alimentos nocivos para saúde deberían quedar fóra dos horarios infantís para lle facer fronte á obesidade?
A publicidade deste tipo de produtos en horario infantil tería que estar prohibida, como a do tabaco e o alcol. E o mesmo que pasa coa disposición destes produtos nos centros comerciais, que acostuman situarse nos andeis máis baixos, ao alcance da man dos rapaces. Pero, o certo é que a obesidade é responsabilidade de todos. É culpa dos cambios sociais. A realidade é que a incorporación da muller ao ámbito laboral fixo que empeoraran os hábitos alimentarios. Pero iso significa que a muller ten que quedar na casa facendo o guiso? Non! Significa que temos que compartir e analizar que facemos. Se estou traballando ata altas horas, ao mellor quero consumir un produto manufacturado, pero haberá manufacturados saudábeis, non si? É unha cuestión de concienciación. Todos temos que ser conscientes de que a infancia é o noso futuro, que a infancia é o noso ben máis prezado.
«A realidade é que a incorporación da muller ao ámbito laboral fixo que empeoraran os hábitos alimentarios. Pero iso significa que a muller ten que quedar na casa facendo o guiso? Non! Significa que temos que compartir e analizar que facemos»
A educación nutricional infantil é hoxe a gran materia pendente do noso sistema educativo?
Para min é un orgullo poder contar que agora mesmo hai arredor de 160 institutos galegos impartindo unha materia optativa que analiza os estilos de vida saudábeis. É unha materia implantada recentemente, en cuxa xestación participei coa Consellería de Educación, Galicia Saudable e a Fundación de Deporte Galego. Que este tipo de formación teña tanta demanda en primeiro da ESO é un grande avance, pero o certo é que a formación nutricional xa debería estar presente nas escolas. Estamos avanzando, pero debemos ir máis alá.
O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da USC está a desenvolver alimentos funcionais e alimentos nutritivos sen riscos de alerxias. Cara a onde dirías que vai, para rematar, a nutrición do futuro?
Vai cara á nutrición individualizada; é dicir, cara ao estudo das necesidades de nutrientes e dos compoñentes nutricionais de cada individuo, que nos permita acadar dietas diversificadas. Tamén vai cara á terapia nutricional, que permitirá tratar enfermidades a través da dieta, pero sen esquecer que nutrirse significa asemade alimentarse e gozar coa comida, e que a comida debe seguir sendo un acto social e un momento para compartir. A nutrición do futuro deberá, pois, promover e salvagardar as dietas tradicionais saudábeis, ensinar a comer e gozar da comida, e garantir achegas de nutrientes saudábeis xunto a dietas que nos axuden a combater enfermidades.
Sara Navarro
SCQ-MAD con Nieves Rodríguez
Desigual
SCQ-BCN con Diana Nogueira
Agatha Ruiz de la Prada
SCQ-NYC
Sheila Pazos
SCQ-ZRH con Marcelo Dobode