•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

MARÍA SOLAR
«O mellor está sempre por vir»

María Solar

150 150 CORALIA

O seu mundo está cheo de fiestras de cores ás que asomarnos para facer propias as súas historias, emocións e paisaxes. A Solar xornalista e a Solar escritora son dúas caras dunha mesma muller protagonista do seu tempo. Unha compostelá que goza da vida e do día a día ata o punto de non deterse a pensar que contarán dela as xeracións vindeiras os libros de literatura. A Solar (Santiago, 1970), é, por méritos propios, unha referencia imprescindíbel da comunicación e a literatura do noso tempo.

A súa última criatura Os nenos da varíola, que vén de lanzarse simultaneamente en tres idiomas (galego, castelán e catalán), xa é número un en vendas; uns datos que por si sós poñen de manifesto o valor do seu nome para as nosas letras.

Traballadora, testalana, imaxinativa e capaz de ilusionarse sen medida é como se presenta a protagonista da nosa entrevista central, a escritora e xornalista da Radio Televisión de Galicia, María Solar.

CULTURA

Es a encargada de botar a andar a fin de semana na televisión pasándolle revista á actualidade. Como a observadora privilexiada do noso tempo que es, dirías que calquera tempo pasado foi mellor?
Eu estou sempre en construción e creo que o fermoso é ter ilusións, ter metas e erguerte cada mañá para conseguilas, sen melancolía do que xa quedou atrás. Para min o mellor sempre está por vir. O programa dános unha visión do que está a pasar no mundo e achéganos a moita xente que fai cousas importantes. Na Revista falamos moito con persoas que están a traballar en proxectos de toda índole, e dámoslles voz aos discapacitados, ás asociacións culturais, a toda esa xente que está pelexando por conseguir metas difíciles. Eu síntome moi identificada con ese tipo de persoas.

Cando a comunicación, da realidade ou da ficción, vai acompañada de tanto éxito, o público vai contigo a todas as partes e en todo momento Son as redes sociais unha obriga ou unha fiestra á que asomarse para entrar en contacto coa xente que te segue?
Eu cheguei ás redes sociais pola televisión, cando facía o Zigzag. Ao pouco de ter páxina persoal, atopeime con que cada día tiña ata 75 peticións de amizade, moitas máis solicitudes das que tiña a páxina do programa. Decateime entón de que esa páxina non pertencía a unha persoa privada senón a unha persoa pública, á cara dun programa. Eu considero as redes sociais como un auténtico medio de comunicación e agora, cando vai saír un novo libro, sexa no idioma que sexa, pídolles ás editoriais que engadan o meu Twitter e o meu Facebook, para poder comunicarme cos lectores. De feito, a día de hoxe, cada vez que me achego a algún sitio, hai alguén que chegou alí grazas ás redes. As redes permítenche dar a túa visión da vida e dar conta dos teus proxectos, proporcionándoche moitísimo feedback.

«Eu estou sempre en construción e creo que o fermoso é ter ilusións, ter metas e erguerte cada mañá para conseguilas, sen melancolía do que xa quedou atrás. Para min o mellor sempre está por vir»

«A día de hoxe, cada vez que me achego a algún sitio, hai alguén que chegou alí grazas ás redes. As redes permítenche dar a túa visión da vida e dar conta dos teus proxectos, proporcionándoche moitísimo feedback»

«É un exercicio fermosísimo volver abrir os libros da infancia e ver como medraches e canto podes seguir aprendendo deles»

En que se parecen e en que se diferencian a María que fai televisión ou radio da María que escribe?
No fondo es a mesma persoa. A diferenza está en que na televisión fas entrevistas de interese público e os libros son máis íntimos, escribes sobre o que queres, como queres e contas a historia que che dá a gana. É unha extensión, aínda que sexa ficción, da túa persoa máis íntima.

E da María nai?
A María nai está en todas as partes. Penso que durante a vida vaste conformando de moitas pezas, de todo o que estudaches, viviches, pasaches ben, etc. Toda a túa vida está en ti e é un pouso para medrar. Todo iso lévalo dentro e ser nai é parte de min e está aí en cada cousa que fago, sen dúbida!

Desde os primeiros libros, empeñácheste en converter a ciencia e o coñecemento en fantasía e en maxia. O público máis novo é o máis agradecido ou é o máis esixente?
Ata agora coñecía o público novo, non o adulto, un público que tamén está recibindo con moitísimo agarimo a miña obra. Eu son un todo e a ciencia tamén forma parte de min, por iso, desde que estudei Bioloxía, loito contra o afastamento de letras e ciencia. As letras tamén están na ciencia e a ciencia nas letras. Sinto a necesidade de transmitir iso, ao igual que sinto a necesidade de transmitir valores sobre a muller e sobre outras conviccións que levo dentro. Cando dás sinceridade, cando falas desde dentro de verdade e con propia convicción nas túas vitorias, cando lle das renda solta á imaxinación e es auténtica, aí a xente, independentemente da súa idade, responde positivamente. Os rapaces o que si son, son moi sinceros e, como nos lles gustes, vas amolado!

Defendes a literatura infantil e xuvenil como literatura para todas as idades. Os maiores deberiamos volver abrir os libros que nos ensinaron a ler e soñar?
Cando pasado o tempo volves ler O principiño descobres un libro totalmente distinto e coma este título calquera outro. Os libros infantís que están ben feitos teñen diferentes niveis de lectura e, mentres que un rapaz queda no máis superficial, nunha persoa de máis idade e coas outras vivencias persoais afloran outros sentimentos e outro tipo de reflexións. É un exercicio fermosísimo volver abrir os libros da infancia e ver como medraches e canto podes seguir aprendendo deles.

A palabra máis bonita do galego?
Arrolo.
O consello máis sabio da túa nai?
A miña nai tenme dado moitos consellos sabios; un deles foi que tivera un fillo e os meus cartos. Para ela significa que alguén te coide e que sexas independente na vida.
Unha loucura por amor?
Moitas! Hai que facer loucuras por amor todos os días, porque o amor ten que estar moi vivo.
A forma máis sincera de solidariedade?
Compartir de verdade o que tes para que os demais poidan ter algo. É dar aos demais o que queres para ti.

Cada ano es recoñecida con novos galardóns. Poderíase dicir que O meu pesadelo favorito marca un antes e un despois na túa produción literaria? E, entre tantos recoñecementos, hai algún máis especial ca o resto?
O meu pesadelo favorito é o meu libro máis premiado. É un libro moi especial, que non ten idade e que len por igual nenos e adultos; adultos que choran alí onde os nenos non choran, porque fan outro tipo de lectura. É un libro que me deu moito, coma outros que non teñen premios, de grande importancia na miña traxectoria. É un libro que vai saír en italiano, que me levou incluso ao Palacio Real, convidada ao xantar do Premio Cervantes. Mais, o máis importante deste libro, e dígoo de corazón, dámo a xente que está namorada de personaxes como a repartidora de bicos, o vendedor de olores de recordos e de recordos e olores. Para min os premios verdadeiramente importantes son os reais.

Es licenciada en Bioloxía e en Xornalismo, amais de diplomada en Maxisterio. Entre tantos docentes, houbo alguén que influíra en ti especialmente á hora de atopar o teu camiño?
Sendo eu moi noviña, Helena Villar Janeiro fíxome ver algo transcendental e do que eu non era consciente: na miña casa os meus pais falaban entre eles galego, pero comigo comunicábanse en castelán. Para min esa reflexión resultou extremadamente brutal e foi determinante para tomar conciencia do valor que para min tiñan o idioma, o país e a terra. Helena foi fundamental no meu camiño e hoxe teño a sorte impagábel de contar coa súa amizade. Anos despois, cando estudei Maxisterio, deume clase de bioloxía Joaquín María Díaz de Bustamante. Era tan bo profesor que cando finalicei Maxisterio decidín estudar Bioloxía! Aínda que no momento non o sabes, hai xente que che cambia a vida e cando es consciente os anos xa pasaron e perdícheslle a pista. É unha mágoa.

Podémoste ler en galego e lerte traducida ao castelán, catalán, portugués, italiano e incluso ao polaco. En galego, hai máis obstáculos para chegar lonxe?
Escribir en galego é unha opción vital, pero comporta atrancos. Cando ti presentas un texto en galego o primeiro que ten que facer un editor, por exemplo dunha editorial en castelán, é mandarllo a un lector de galego para que emita un informe, polo que xa lle estás custando cartos. E logo, se deciden sacar o libro, tamén teñen que traducilo, o que significa máis obstáculos. Por fortuna, cando vas facendo nome, as cousas tórnanse máis doadas e paga moito a pena. Eu elixín facelo así porque o galego é a miña lingua. Debo facelo así, aínda que sexa máis complicado, que o é!

Teño uns pés perfectos é un libro para ler descalzo. Pero para poñerse a escribir, que necesita María Solar?
As condicións ideais danse cando estou soa na casa, cousa que pasa moi poucas veces, e tamén me gusta escribir descalza. É unha manía que teño; gústame mover moito as dedas e ter os pés libres! Despois, a vida fai que sexas nai traballadora e que andes de arriba para abaixo todo o día e que acabes escribindo en calquera sitio. Hai moitos escritores que din que escriben mirando as ondas do mar, mais eu escribo agardando en karate polo neno, nun bar e alí onde poida, porque cando estás absolutamente metida nunha historia, tes que aproveitar calquera momento para sacala fóra.

A literatura infantil e xuvenil mantente conectada coa María cativa e permíteche abrir unha fiestra máxica para escapar da realidade. En que se parecen os nenos de hoxe en día aos que viviron no tempo de As horas roubadas?
A realidade é que se parecen en máis cousas das que eu desexaría. Cando vou aos institutos con As horas roubadas descubro que os rapaces, que hoxe o teñen todo, seguen a ter os complexos que eu tiña de adolescente, que eran moitos. Pese a ter moita información, están volvendo moi atrás perigosamente no tema dos malos tratos, no deixarse controlar, vivindo amores que pensan que teñen que ser de cor rosa… É algo que me arrepía! As profesoras e as nais dinme que agradecen a charla porque a xente nova escoita máis a alguén de fóra, a alguén que chega a través dun libro, ca aos mestres ou á familia. É lamentábel que, a pesar da facilidade de acceso á información, os rapaces de 2017 presenten eivas semellantes ás que nós tiñamos.

As horas roubadas é en palabras de Manuel Rivas «unha historia de amor que incendia todos os misterios». Cando a literatura se fai adulta, os obxectivos tamén medran?
Como escritora, nunca sentín unha necesidade especial de facer un libro «de adultos»; de feito, se tivese quedado na literatura infantil e xuvenil seguiría sendo feliz, porque a min non me parece literatura menor. Este libro fíxome medrar como persoa e como escritora, e fíxome ver que podía chegar a outros públicos. Os circuítos de adultos son outros, circuítos literarios, circuítos de prensa e promoción nos que me sinto moi cómoda, tan cómoda como me sentín transmitíndolles esta historia aos adultos, así que penso que volverei escribir para públicos adultos.

Se o amor é o motor que nos move a todas as idades, cal é o segredo da felicidade na idade adulta?
O amor é fundamental! Para ser xeneroso, para querer a xente, para abrirse aos demais, o amor é clave. Falo de amizade, falo de amor de parella, falo de sexualidade. Do amor nace a capacidade de ser feliz no sexo, de ser feliz coa túa parella, de ser feliz ti só. Para sermos felices cos fillos, coa familia, cos amigos, o amor é indispensábel, porque o traballo é unha etapa da vida, pero ao final, o que marca a nosa vida é o amor.

Vés de presentar a túa última criatura, Os nenos da varíola, que ten a súa historia para tocar os teus adentros e para que decidises convertela en novela?
É unha historia que levaba seguíndome e perseguíndome desde que estudei Bioloxía e á que lle puiden dar forma cando descubrín, a través do estudo duns compañeiros xornalistas, o nome dos nenos que interviñeron na fazaña médica de levar a vacina da varíola ao novo mundo. Eses rapaces que portaron no seu corpo a vacina escribiron unha páxina moi importante na historia do mundo e foron determinantes para erradicar a varíola do mundo, unha enfermidade terríbel! Iso pasou en Galicia onde, a pesar da súa importancia, case que non hai memoria do que se fixo. Era unha historia que eu tiña que escribir porque me espertaba moitísimos sentimentos e que quixen escribir de xeito cru para respectar a súa autenticidade. Quixen devolverlle a toda esa xente algo do que nos deron e restituílos ao lugar que debería corresponderlles na nosa memoria.

Os nenos da varíola lanzouse simultaneamente en galego, castelán e catalán. Como asimilas o feito de estar facendo historia na literatura?
Eu non sei se estou facendo historia; facer historia na literatura é unha frase moi grande! Creo que temos que loitar pola normalidade e a normalidade é que eu escriba na miña lingua, que é o galego, e que ese libro se traduza ao castelán, ao catalán, ao italiano ou ao turco. A normalidade é que escribas na túa lingua e que te poidan ler en todas as partes, porque as historias son universais.

Témosche oído dicir que as cousas grandes nacen do entusiasmo. Compartirías, para pechar a entrevista, os ingredientes da túa receita do entusiasmo?
(Ri moito) O meu entusiasmo nace dunha filosofía de vida, da miña ilusión por vivir, por medrar, por coñecer, das gañas de facer cousas novas e alcanzar novas metas. Non teño outra receita máis ca a de ilusionarse con cada cousa que se fai e facela como se fora realmente importante. E traballar, eh! traballar moito!

«Os circuítos de adultos son outros, circuítos literarios, circuítos de prensa e promoción nos que me sinto moi cómoda, tan cómoda como me sentín transmitíndolles esta historia aos adultos, así que penso que volverei escribir para públicos adultos»

«O meu entusiasmo nace dunha filosofía de vida, da miña ilusión por vivir, por medrar, por coñecer, das gañas de facer cousas novas e alcanzar novas metas»

Entrevista extraída do número 5.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido