Sempre disposta a reencarnarse noutro personaxe e a abordar novos proxectos sen rede, Marta Pazos vive un fermoso momento profesional, abalada polo aplauso do público, da profesión e dos programadores.
Tras dirixir a última produción do Centro Dramático Galego Martes de Carnaval, que está a recoller parabéns alí onde se representa, Pazos segue de xira con O conto de inverno (coproducido polo CDG e Teatro Oficina de Guimarães) e coas últimas producións de Voadora: Calypso e Soño dunha noite de verán, montaxe xa programada para o vindeiro ano polo Centro Dramático Nacional na sala Valle-Inclán.
Marta Pazos, directora da compañía Voadora, dona de tres María Casares, creadora dos máis fermosos universos artísticos, fainos un oco na súa apertada axenda para, da man dos fondos do Centro Dramático Galego e nun escenario tan fermoso como o da súa sede da rúa Nova, levar a Coralia ao teatro.
CULTURA
Cúmprense agora vinte anos do teu Macbeth con La Fura dels Baus. O camiño fíxose curto ou cada estrea pon o contaquilómetros a cero?
Penso que hai algo das dúas cousas. Estes vinte anos pasaron moi rápido. Foi todo moi trepidante. Eu sempre estou a reinventarme e neste tempo non repetín traballos, porque para min cada historia e cada proxecto son unha aventura; é por iso polo que estou enganchada a este traballo.
Directora de escena, actriz e escenógrafa, multipremiada dentro e fóra de Galicia. Onde se ve e se fai mellor teatro
Aquí faise moi bo teatro! E o mellor teatro faise onde hai máis apoios. En Francia, por exemplo, se os teatros públicos ven que estás tendo éxito, deseguido te apoian. En España é todo moito máis lento, con corenta anos aínda es unha nova promesa e, para min, as novas promesas son os directores e directoras que están agora comezando, os que teñen vinte anos. É nesta idade na que hai que apoiar, porque canto maior sexa o apoio á produción de cultura, mellor vai ser o traballo. Noutros países aos traballadores da cultura dáselles outro recoñecemento, porque hai outra conciencia da importancia que ten a cultura no crecemento do país.
O teatro de Voadora converte cada obra nunha festa dos sentidos. Logo de dez anos con compañía propia, cara onde vai o teu traballo?
Cara a reinvención, sen deixar de ser fieis á nosa liberdade creativa. A pregunta que rolda é sempre a mesma: que queres facer neste intre? Ao longo da túa traxectoria e da túa vida vas mudando, pero tes que manter a ilusión polo traballo e para estar ilusionado tes que sentir o que dis en cada intre. O noso traballo está vinculado en todo momento co noso momento persoal e co que está a acontecer socialmente.
E o teatro galego, cara a onde vai?
Que pregunta máis difícil! Cara a diante! En Galicia ocorre algo moi bo que é que hai grandes profesionais do teatro e moitas compañías vivindo un momento dourado. Aquí convive teatro de moi diversa índole, de estéticas e linguaxes diversas, capaz de chegar a diferentes públicos. Hai moitas compañías que están a exportar teatro galego e debería coidarse un pouco máis os profesionais que nos dedicamos a isto, revertendo nos espectáculos. A pesar de que neste intre todo é dixital, o público quere ver teatro, busca a calor e estase a reconciliar co teatro.

Marta Pazos Modelo
Centro Dramático Galego Vestimenta
Biqui Cabado Técnica de iluminación
Antonio Mayo Tremoia
María Negreira Xastra
Marisol Pérez Limpeza
Manuela Domínguez Secretaria de dirección do CDG
Ana Miragaya Ana Rosales Prensa AGADIC
César No Programa de prácticas do Curso de experto universitario en xestión cultural da USC
Fran Veiga Produción
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilismo
Fred Iglesias Fotografía
Salón Teatro Localización
«Eu son unha persoa creativamente moi calidoscópica e non me gusta poñerme límites con nada ou cunha linguaxe en particular».
O movemento, a irreverencia, a mestura de linguaxes son a esencia do teu traballo?
Si. Si. Eu son unha persoa creativamente moi calidoscópica e non me gusta poñerme límites con nada ou cunha linguaxe en particular. Á hora de traballar son moi amante do cinema, da música, da fotografía, da pintura, das artes plásticas…, e todo está aí á hora de compoñer. O meu é un teatro dos sentidos que busca chegar a cada espectador de diferentes xeitos. Gústame pór o público fronte a un cadro.
O teatro, sen risco, é mentira?
Si (ri). O teatro sen risco é mentira, pero tamén na mentira se pode traballar. A min hai algo que me gusta máis que facer teatro, que é ver teatro, e recoñezo moi ben cando no teatro hai verdade. O teatro é unha arte viva que non pode permanecer allea ao que acontece na sociedade. Aínda que non fagas teatro social, hai moitos xeitos de transformar e de ver. A min non me gustan as cousas asépticas, con celofán; gústame implicarme.
Como actriz, como describirías a Marta Pazos directora?
(Ri moito) Como actor e como actriz é un reto traballar comigo, porque son moi, moi, moi exixente. Os meus espectáculos achéganse bastante a xincanas para as actrices e para os actores, porque requiren unha preparación corporal moi forte. Fefa Noia, directora do CDG, di que para traballar comigo hai que ser atleta do corpo e atleta da palabra. Eu traballo moi ben con elencos de creadores, con xente que ten cousas que dicir. As direccións e as postas en escena son partituras, e todo ten que suceder na milésima de segundo, por iso todo ten que estar orquestrado. É a mesma exixencia con todo o equipo. De feito, en Voadora, onde me reservo os papeis máis pequenos, compoño todo antes de meterme eu.
Hai ou non hai diferenzas entre dirixir a Shakespeare e a Valle-Inclán?
Si. Hai diferenzas. Valle-Inclán éme moito máis próximo, no tempo e culturalmente. A min gústame moito traballar coa cultura popular e coa memoria.
Cales son as virtudes de Martes de carnaval, a actual montaxe do Centro Dramático Galego.
Escoitar Valle-Inclán en galego. E que soe ben. Eu tiña moi claro que quería facer esperpento. Busquei os puntos en común e atopei a irreverencia, o amor polo cinema, a fotografía… Había moitas cousas ao arredor que facían que esta encarga fose moi doada de artellar, como foi o feito de estar arroupada por un equipo fantástico.
«Eu traballo moi ben con elencos de creadores, con xente que ten cousas que dicir. As direccións e as postas en escena son partituras, e todo ten que suceder na milésima de segundo, por iso todo ten que estar orquestrado».

O paraugas dun organismo oficial dá máis liberdade creativa ou ocorre o contrario?
(Sopra) É a pescada que morde a cola. Trátase dun tema complexo. Eu traballo con moita liberdade nesta obra e dirixir sen ter que facer a produción é unha marabilla. Artisticamente é moi cómodo. O problema é que a industria marca o timing creativo e non debería ser así, e os compartimentos aquí son moi pequenos e curtos, e a burocracia non vai a par da evolución do espectador.
Que ten o teatro que non atopas no cinema?
A resposta directa ao teu traballo. No teatro cando rematas a función ves a reacción instantánea. No cinema o importante é o proceso, non o resultado como actuante, porque unha vez que remata a rodaxe do filme e sae aos festivais estás ou non estás, e se non estás non ves que sucede.
O teatro é a memoria dun tempo pasado ou o anticipo dun tempo por vir?
Depende de quen faga ese teatro. O teatro que a min me interesa é un espello do que está a acontecer. Como espectadora e como creadora interésame o teatro que latexa, o teatro que fai preguntas, porque me gusta saír do teatro sendo unha persoa diferente á que era cando entrei. Quero sentir o seu poder transformador.
A curiosidade, que territorios te levará a explorar proximamente?
En setembro estrearemos unha nova produción de Voadora que nos encargou un teatro francés titulada Garage. Trátase dun espectáculo artellado arredor do idilio entre persoas e máquinas, en particular o coche, ese vehículo de liberdade no que vas ao hospital parir, no que vas de vacacións, no que vas traballar, que é a túa primeira casa, o teu primeiro cuarto, o coche fúnebre… O convite é unha carta en branco. Preguntaron: que che apetece facer? En Europa as cousas funcionan doutra maneira, xa que ademais de poder facer o que queiras, adiántanche o diñeiro. E logo de abrir a tempada alí e facer un xira por Francia, agardamos poder presentar aquí o espectáculo.
Aquí tes máis contidos relevantes:
Amaya Arzuaga
SCQ-RGS
Artesana Gastrobar
A fórmula do éxito
Sheila Pazos
SCQ-ZRH con Marcelo Dobode
Susi Gesto
Xoias con memoria