Metamorfose
(A Alfredo Iglesias, in memoriam)
Por CARMEN POMAR TOJO
As larvas saen dos ovos que deixan as bolboretas femia nunha planta hóspede. Chámanse eirugas e nun momento dado protéxense dentro dun casulo. É precisamente alí onde se transforman en crisálides ata que saen a voar. Aínda así, a meirande parte das bolboretas son nocturnas e adoitan pasar inadvertidas. Teriamos que saír paseniño, en silencio, coas lanternas axeitadas para ollalas e gozar delas, do seu voo, e sermos, así, uns verdadeiros privilexiados.
Este proceso de transformación precisa dunhas condicións naturais concretas para desenvolverse na natureza, cal sorte de maxia; e sorpréndenos de cando en vez, cando somos quen de deixarnos levar polo ritmo que esta observación esixe e desprendérmonos da nosa vertixe cotiá.
Unha actitude de busca baseada na curiosidade incesante é a que caracteriza este número de Coralia que xa está nas nosas mans. Un non parar creativo que, lonxe de ser froito das faíscas do azar, descansa nun incansable ir e vir de ideas, de analoxías, de cruzamentos de camiños, que repousan nun excelente traballo ético e estético, coidado desde a primeira páxina ata a última.
O fío argumental dunha única historia cuxos capítulos teñen nomes propios, pero tamén comúns: os daqueles lugares en que a imaxinación dá paso á realidade, a paixón dá paso á creación e certa dose de tolería convértese en cordura. Eles, Alfredo e Alejandro, son visionarios dos visionarios, son chisqueiros de esperanzas, son portas abertas ás oportunidades, son, en fin, catalizadores de enerxías transformadas, que nunca destruídas.
Acender a luz do talento que está agochado non é unha tarefa fácil, mais co esforzo de todos e todas é posible, desde a formación máis inicial ata as contornas laborais. Estamos na obriga de darlle pulo ás futuras Exerias, aos futuros Fontáns, ás rapazas que queren ser oncólogas, aos nenos que queren ser cociñeiros, ás promesas da ilustración, da investigación, da tecnoloxía, das artes e do agro, da matemática e da lingua… Nunha sorte de feitizo no que somos quen de manter o noso, o xermolo que deixa pegada no noso ADN, mentres avanzamos, evolucionamos, innovamos e camiñamos cara a un novo modo de facer sen deixar de ser. Iso é Coralia, iso aporta Coralia aos seus lectores e lectoras, un agasallo de ida e volta que espalla talento e que recolle froitos nas colleitas diarias da nosa Galicia, que medra e que se reinventa nun tempo de incertezas, que esperta en nós as fortalezas daqueles que marcharon buscando un horizonte alén dos mares.
No intento de desfacer a tea que enmaraña esta realidade que nos toca vivir saímos á vida ou, pola contra, deixámonos hibernar nesa válvula de escape da que fala o protagonista da delicada e magnética historia narrada no filme A escafandra e a bolboreta. Tendemos a soños que nos protexen, cal crisálides, no baixo mar da conformidade, nun mundo que non é, pero que achega seguridade e minora o proceso creativo.
Grazas, Coralia, polo escintileo que nos mantén alerta, que nos move e nos inspira, que nos empurra e nos abanea.
Grazas, Alfredo Iglesias, polo exemplo de tanto con tan pouco alarde, polo bo quefacer con tan pouco ruído, polo benquerer con tan pouca esixencia… Grazas por existir aínda nos nosos corazóns. Penso en ti e resoa ese verso de Antía Otero, «nesa caída de pálpebras na que todo semella inxusto e fermoso á vez», e lembro a túa mirada.
Aquí tes máis contidos relevantes:
Mulleres Lilas, coirazas de cores
por MANUELA DOMÍNGUEZ
A liberdade de SER. Que liberdade?
Por CRISTINA PALACIOS
A pequena Compostela gusta da lectura
Por PILAR SAMPEDRO